Issuu on Google+

FAUSTINO REY ROMERO (1921-1971)


BREVE BIOGRAFÍA EXIMIO POETA, HETERODOXO PRESBÍTERO O pasado 27 de outubro cumpríronse noventa anos do nacemento de Faustino Rey Romero en Rianxo, unha vila na que tamén viñeron ao mundo Rafael Dieste, Manuel Antonio e Castelao “tres dos máis finos temperamentos artísticos da Galicia contemporánea”, ao dicir do noso biografiado 1. Estuda no colexio franciscano de Herbón e despois de pasar polos seminarios de Madrid e Ourense recala no de Tui onde remata a súa carreira sacerdotal, ampliando os seus estudos teolóxicos na Universidade Pontifica de Salamanca. Exerceu o seu ministerio en distintas freguesías da diocese: na década dos cincuenta é coadxuctor na Guía (Randufe) e cos maristas, párroco de Amorín e Currás, con posterioridade será director da casa diocesana de exercicios espirituais de Tui. Correspondente da Academia Galega é tamén socio numerario da Academia Mariana Internacional de Artes e Letras. No Tui daqueles anos resultaba un cura peculiar, de ideoloxía progresista, ánimo hedonista e vida bohemia. Querido polo pobo, o seu modus vivendi causoulle problemas con algúns compañeiros e coa propia xerarquía eclesiástica. Ao final acabará atravesando o Atlántico para instalarse na quinta provincia, en Bos Aires, onde seguirá exercendo o seu ministerio sacerdotal e manterá unha intensa relación con distintos colectivos da emigración galega. Tampouco alí vive libre de dificultades. O 20 de decembro de 1971 en circunstancias non aclaradas (aciago accidente, asasinato político, axuste de contas?) morre cando acababa de cumprir o medio século de vida.

1

REY ROMERO, Faustino, “Castelao de Rianxo” in El Correo Gallego, 15/01/1950, última páxina.


Mais a nós o que nos interesa é a súa obra. A súa contribución á literatura galega é grande, destacando na poesía mística onde conxuga lírica e teoloxía. Da súa obra en galego destacamos: Doas de vidro (1951), Catro sonetos ó destino dunha rosa (1952), Ëscolanía de melros (1959), A Agoa (1962) ou Poema das materias sagras (Pedrón de Ouro 1963). En lingua castelá compuxo: Florilegio poético (1949), El ángel diescielado (1961), La angustia ensanchada (1964) e Teoría general de la existencia (1968) así como os ensaios Una fiesta brillante de las letras gallegas: los juegos florales de Tui en 1891 e El trasmundo en la poesía de Noriega Varela. Escribíu tamén en xornais como El Correo Gallego, Faro de Vigo ou o bonaerense La Nación. A súa poesía ten un arrecendo franciscano. Rey Romero é un dos máis consumados sonetistas na nosa lingua. O actual presidente da Academia Galega di que Poema das materias sagras : “semella próximo á poesía católica de Paul Claudel 2 e presenta unha excelente tersura formal e unha ousadía, por veces grande, na creación de imaxes e relacións culturais". Deixemos que sexan os seus versos os que nos falen, unhas veces tocando a lira epigramática e festiva, outras censurando comportamentos e condutas, volvéndose transcendente, interesados polos pequenos seres da natureza ou expresando estados do, as veces, magoado ánimo do poeta.

2

Poeta francés (1868-1955), as súas composicións, de fonda inquietude relixiosa, combinan ortodoxia e modernismo.


ESCOLMA POÉTICA


DOAS DE VIDRO (1951)

CANTIGA DO AMOR TRISTE ¡Ai, dor! ¡Ai, dor! ¡Ai, amor, que me pos triste, Déixame, amor! ¡Ai, dor! ¡Ai,dor! ¡Ai que, sen ti, estou máis triste, vólvete, amor.

CANTA PAXARIÑO, CANTA Canta, paxariño, canta Canta, que a aurora xa veu Teño un amor que me encanta Que é noviño este amor meu. Pía, paxariño,pía, pía, que xa morre o día. A min morreume un amor. Só ti, no aleiro pousado, o meu corazón magoado acompañas no seu dor.

MADRIGAL PEQUENO Querías que eu che dixera un madrigal tan pequeno, que, de escribilo, coupera a palma da man dun neno. Pero eu, xentil rapariga, temo que me saia mal. será mellor que che diga un espello o madrigal.


O VAGALUME Brilante que lle dá a noite as silveiras de regalo pra que non boten de menos as pingotiñas do orballo.

O SAPO Ollaino polos camiños, á anoitecida, cantando. ¿Qué sapa será a raiña do meu sapiño romántico?

O GRILO Dentro da adega da noite, espetando o seu gri-gri, fura o barril do silenzo coma cun birbiriquí.

ELEXÍA POR UN PAXARIÑO MORTO Esa gorxa está sin vida que orquestou moitos menceres. Choran as ponlas dos albres lembrando peso tan leve. Fáltalle un músico á banda do serán e do abrente. Deus sabe pór cousas grandes en naturezas moi debles. ¡Que tristura un paxariño antre a mortalla da neve!


ESCOLANÍA DE MELROS (1959)

O MELRO Prestidigitador de melodías, que, sin canon saber nin seguir pauta, cantando a reo, nunca te extravías no ar do ritmo, voadora frauta. Di, ¿Qué aramio sotil é ese que que enfías coma adoas de ouro a nota esauta? ¿De que mestre aprendeche a que asubías, melodía lanzal, música intauta? ¿Foches anxo de Deus? ¡Puido ser iso! ¿Ou paxaro cantor no Paradiso, onde a dita perfecta El Señor forxa? Anxo foras, se, en vez de negra pruma, azas brancas tiveras como a escuma, pois é de anxo canora a túa gorxa.

O MERLO NOVO Tanta paixón e tanta melodía tiñas nas túas veas apreixada, que unha paixón a outra paixón,sumada, no breve corpo teu xa non cabía. Polos teus osos doce lume ardía coma unha coxegante labara, que, en espacio tan curto atafagada, para o ar polo bico che fuxia. Coma o gromiño que xentil rebenta cando o raio do sol o beixa e quenta o asomar garimoso polo oriente, así tu, feitizado pola aurora, o sentir que chega a túa hora, empezache a cantar sinxelamente.


MERLO LARPEIRO Máis que merlo cantor, eres larpeiro. (Se che ofendo, disculpa, o que che digo.) Nomearche a cereixa, a uva, o figo… auga debe facerche no peteiro. Esa sona que tes de lambisqueiro xa non é nova, que che vén de antigo, porque dunha figueira es máis amigo que da póla lustrosa dun loureiro. É o teu gozo meirande andar de esmorga, pois sabes que ó que ten baldeira a andorga elle imposible ter o ánimo ergueito. Anque o teu proceder eu non comparto, cando vexo que tes o buche farto, que che faga, desexo, bon proveito.

CHILRO ¡Qué pleamar de música a que escoa polo canle souril do teu peteiro! ¡Qué Sonora marea empuxa e zoa contra o meu corazón, seco areeiro! Tu, debullando notas, doa a doa, enchendo vas meu corazón baldeiro de non sei que me aleda e me magoa, e feliz son a medias e senlleiro. Qué eu ben sei que o teu canto algo esconxura. ¿Será, cicais, esa fadal negrura en que o vivir humán está envolveito? Con saber a resposta, ¿qué se adianta? Sexa o que sexa, canta, melro, canta, non te coides de min e canta a eito.


POEMAS DE CIRCUNSTANCIAS A UN TRIBUNAL COMPOSTO POR TRES PROFESORES Burrísima trinidá -como vos diría Curros¿seica non sode tres burros e unha soia nulidá? ¿Eu examinarme? ¡Ca! Cando nas miñas me poño son máis forte ca un Carballo; quizais que non saiba un coño, pero vosoutros, supoño, non sabedes un carallo.

AS MOZAS DA VACARIZA3 As mozas da Vacariza pregáronlle a San Antonio que as sacase de alí que estaban no Purgatorio. San Antonio respondeulle: -Meniñas, tende paciencia que a aldea da Vacariza deuna Deus de penitencia.

EU AQUÍ TAMÉN ESTIVEN… Padrón 1959 Eu aquí tamén estiven, fique o nome antre os secretos por non ser coma os paletos que nas paredes escriben. 3

Aldea ao lado de Isorna-Rianxo.


CATRO SONETOS Ó DESTINO DUNHA ROSA (1952)

A ROSA NO PEITO DUNHA RAPARIGA Eu non sei se estará ben elexido ese púcaro human para amosarte, pois, por ser en beleza tan cumprido sei que algunha mirada ha de furtarte. É, tal vez, para ti desconocido o gran segredo do femíneo arte: se é que para aspirar o teu ulido alguns beizos se inclinan a beixarte, coidarás que é por ti, i eu máis ben creo que po beixar o femenino seo, máis que as rosas prós beizos tentador. I é por esta razón, rosa rosada, que se pretendes ser ademirada, ese en que estás n’é o púcaro mellor.

EL ANGEL DESCIELADO (1961) TRISTEZA Si el cuerpo nos manchara como ennegrece el alma la tristeza, de la planta del pie a la cabeza no tendría mi cuerpo zona clara. Todo un diluvio de agua no bastara al menester de una total limpieza que de roña mondara mi corteza y la albura perdida restaurara. Sombra yo mismo soy, sombra proyecto, y de sombras poblado está el trayecto que me conduce a ti como calvario; Mas tanta oscuridad ya no me importa, que esta idea me alimenta y me conforta: ha de acabar en luz mi itinerario.


NOTA SOBRE FONTES E AGRADECEMENTOS: Javier Rodríguez Vázquez atesoura informacións e materiais sobre a figura de Faustino Rey Romero, parte delas poden consultarse no seu blog Ferruxadas, nas entradas citadas de seguido: http://ferruxo.blogspot.com/2009/02/dfaustino-rey-romero.html http://ferruxo.blogspot.com/2010/10/tenrura-franciscana-na-obra-poetica-de.html http://ferruxo.blogspot.com/2011/01/2011-reivindicar-d-faustino-rey-romero.html Outros enderezos web con referencias á figura do noso poeta son: http://www.galegos.info/faustino-rey-romero http://www.galiciadigital.com/pcd/Biblioteca/poesia/seculo_xx/longa_noite_de_pedra/escrito res/invernia/faustino-rey-romero.html http://gl.wikipedia.org/wiki/Faustino_Rey_Romero Para a súa biografía resulta interesante mais difícil de atopar a seguinte publicación: PIÑEIRO ARES, José, Semblanza biográfica de Faustino Rey Romero, Gráficas Pontevedra, Pontevedra, 1986, 63 pp. A biblioteca do CEP “Brea Segade” de Taragoña (Rianxo) realizou un vídeo sobre a vida do poeta con recitación, por parte dos alumnos, dalgúns dos seus poemas: http://youtu.be/TW8TiIYMTu8 e unha escolma na que atoparedes varias composicións que non están recollidas na presente antoloxía: http://www.youblisher.com/files/publications/22/126384/pdf.pdf http://www.youblisher.com/p/126384-Escolma-poetica-Faustino-Rey-Romero/ A todas e todos grazas por divulgar o coñecemento da vida e obra de Faustino Rey. Grazas tamén ao colectivo tudense Levada Libre, alma mater do homenaxe que en lembranza da figura do poeta crego celebraremos en Tui o último venres de novembro. A partir desa data un sinxelo monumento será o encargado de manter viva a memoria do poeta ao que esperamos ver pronto recoñecido cun Día das Letras.


BIBLIOTECA IES “SAN PAIO” - CLUB DE LECTURA “PEDRA DO ACORDO” (TUI)


Faustino Rey Romero