Revista do Craega 44

Page 12

FORMACIÓN >

Curso sobre

comercialización eco tamén en Lugo

O

s días 8 e 11 de novembro tivo lugar outra xornada sobre comercialización de produtos eco, esta vez no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Varios representantes da Consellería do Medio Rural e do Craega foron os encargados de inaugurar esta actividade, que continuou coas intervencións de Pedro Vidal (Caponcito SR), José Luís Vaz (Verín Biocoop), David Corral (Mieles Anta) e Guillermo Martínez (Casa Grande de Xanceda), os cales ofreceron información sobre a comercialización de carne de avicultura e de vacún, mel e lácteos. Ao igual que na xornada de Monforte, o día 11 o grupo participante desprazouse a Madrid para asistir a BioCultura. O alumnado estivo acompañado do persoal do Craega e da Oficina Agraria Comarcal de Lugo.

Produtores eco reciben formación na especialidade de horta en Guísamo

O

s días 24 e 25 de outubro o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña) acolleu unha nova actividade formativa especializada en horta ecolóxica, á que asistiron produtores chegados de varios puntos de Galicia.

O primeiro día o profesor portugués Júlio Mendes repasou polo miúdo as técnicas de produción ecolóxica. A continuación, María Canle (Cultiagro) ofreceu un relatorio no que abordou as novas tecnoloxías dispoñibles para loitar contra as pragas mediante fungos e outros organismos beneficiosos. Pola tarde o alumnado recibiu dous talleres, un de sementeira e outro dedicado ao mantemento de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, dirixidos polo profesor Mendes e por Javier Tubío, respectivamente. Ao día seguinte, Mendes continuou coa exposición teórica sobre as técnicas de compostaxe e insistiu na importancia das asociacións de cultivo en produción ecolóxica. Pola súa banda, Ramón Lamelo (Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria da Xunta de Galicia) informou o alumnado sobre a directiva de uso sostible, fixo fincapé na necesidade de mellorar os cadernos de explotación e deu conta das axudas existentes en materia ecolóxica da UE. A continuación, J. R. Ramón Gallego, representante de BASF, ofreceu unha charla dende a perspectiva das grandes multinacionais químicas ao respecto da produción ecolóxica. Finalmente, Lolo Andrade (apicultor en ecolóxico) presentou algúns produtos dispoñibles para acelerar o proceso de recuperación e de enriquecemento en nutrientes dos solos. Clausurou esta nova acción formativa o presidente do Craega, Francisco López, quen lle contou ao público a súa propia experiencia na extensificación da produción hortícola e no mercado ecolóxico.

Hortos eco:

horta e froiteiras

E

ste foi o tema do obradoiro que se desenvolveu no salón de actos da Oficina Agraria Comarcal de Celanova os días 16, 17 e 20 de novembro. O encargado de inaugurar esta actividade de transferencia tecnolóxica foi o Craega, cunha charla sobre a situación actual do sector, da man de Antonio Eduardo Pérez, responsable de Calidade. A primeira xornada contou, ademais, coa presenza de varios profesionais do sector, como Manuel García (Cooperativa Daiquí), Sabino Muíño (Koopert) e Isabel Otero, técnica do Medio Rural. Na segunda xornada participaron Santiago Pereira (EPS Lugo), Cándido Martínez (Coop. Árbore), Eva González (Carabuñas) e Anabel Dacosta (bióloga e produtora), os cales abordaron diferentes temas relacionados co horto ecolóxico, tales como o tipo de castes autóctonas, as técnicas de conservación ou o manexo e a planificación. O taller completouse cunha visita a diversas explotacións ecolóxicas e a varias industrias do sector situadas na zona de Chantada e Monterroso.

12

<

CRAEGA


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.