Limia

Page 40

un viaxe pola limia Xosé Benito Reza. Por moi galego que un sexa, e aínda máis se non o é e non coñece esta terra, sentirá no paso elevado das Estivadas cara a Ourense un sobresalto, unha serena e sutil euforia ao contemplar o mundo contrastado que abre aos seus pés, unha terra en nada semellante ó harmónico devalar do terruño galego, a ese tópico xeográfico que presenta Galicia morriñosa cortada nun milleiro de vales somnolentos, de vez invisibles, mesmo luctuosos e desafiantes, onde a penas chega a luz do mediodía no san Xoán. Non é o caso. Porque agora o que se dexerga dende aquelas estribacións que incardinan o Larouco co san Mamede é un mundo escorrentado de luces e sombras, divagando ceibes por unha chaira inmensa inesperada, onde o vento viaxa dacabalo de horizontes prístinos e luminosos, sempre distantes naquela inusual horizontalidade. Páramo ou estepa, terra mesetaria de arxilas e areas incrustadas no corazón pétreo e cristalino da vella Gallaecia. Foi nun tempo berce da lagoa máis extraordinaria da península, aquela enorme cunca. Ben diferente a visión que espalla agora da que reside na memoria anterior. Fagamos un itinerario polas terras lamacentas e pataqueiras da chaira limiá, bordeando de cando en vez os pregues cristalinos de cotos e montes que se achegan dende as altas serras. Para principiar, o mellor e coller dende Vilar de Barrio no norte, e tirar logo todo cara a baixo, cara ao sudoeste, deica a bocana final da Feira da Ponte ou Ponte Liñares. Por aquela banda setentrional, no medio e medio da chaira extensión, arrexúntanse a meirande parte dos concellos limiaos: Xinzo, Sandiás, Xunqueira de Ambia, Vilar de Barrio e Sarreaus. E é xusto no 40

punto de encontro dos tres últimos onde se instala, fachendoso e altivo, aquel fito da nosa máis remota antigüidade: A Pedra Alta da Limia, ao pé da vella verea que de Cortegada de Sarreaus levaba dende tempos inmemoriais asomando das augas da lagoa ata Xunqueira de Ambia. É ela unha das tres pedras fitas que en Galicia se teñen oficialmente por “menhires”, xunto coa Lapa de Gargantáns en terras pontevedresas de Moaña e a da Penagache de Verea nas terras próximas da Baixa Limia. Dende a Pedra Alta, a de maior envergadura das tres citadas, descubrimos coma en ningún outro lugar da Limia a sobriedade e serena quietude que impera nas paisaxes espidas, dominio dos ventos fríos que chegan do norte. Non é difícil imaxinar, dende aquela privilexiada e centrada posición, cómo era a maior lagoa da península ata mediados do século pasado. Un espello de prata xigantesco relando a luz difusa da invernías, 1.350 hectáreas lacustres que se lle calculan dentro do triángulo formado polas localidades de Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio, ateigadas con preto de duascentas especies diferentes de aves, un abouxar continuo de estridente vida no corazón máis húmido de Galicia. A gran lagoa de Antela ocupaba o lóbulo setentrional da chaira limiá, esgazado do lóbulo oriental ou veiga de Trasmiras por unha estreita cordal de outeiros onde despuntan o afamado mosteiro de Trandeiras e a torre de Pena, os dous alí pretiño, a un tiro de pedra pola banda do leste. É esa cordal prolongación orográfica das terras bravas do San Mamede que a xeito de punta de lanza tronza a chaira para morrer xunto ao pé da vila de Xinzo, capital admin-


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.