Unha case eternidade (mostra)

Page 1

Antonella Moscati

Unha case eternidade Morbus ipsa senectus

BARBANTESA



Les femmes meurent deux fois HÉLÈNE NANCY Tick tock… A life is passing. My life… SYLVIA PLATH



Un Pola rúa os homes deixaran de mirala. Non é que fose guapa, pero certa calidade da súa carne, unha materia firme e algo excesiva que non era fácil encerrar na roupa, atraera a miúdo miradas e comentarios. Non sucedera de súpeto, senón progresivamente: en primeiro lugar desapareceron as miradas nas cidades do centro e do norte, despois remataron as das grandes áreas metropolitanas, e agora xa non a miraban nin sequera no sur. De rapaza sentírase incómoda e molesta, algunha vez ata sentira medo por aquelas miradas: aínda se lembraba dun individuo que nunha rúa do Vomero fixera o aceno de morderlle nun peito. Como moitas outras mulleres, tamén ela consideraba que a liberdade comezaba coa independencia daquelas pequenas violencias cotiás, encordios sen dema-

7


siada importancia e que se converteran en habituais, que requirían non obstante comportamentos inusuais: poñerse de xeonllos e nunca inclinarse cando se leva unha saia curta, evitar cruzar as pernas no tren, levar suxeitador tamén no verán, etc. Mais agora, a escaseza daquelas manifestacións de desexo descarado aumentara, en vez de diminuír, a súa dependencia do desexo dos homes. Coma se á mirada que xa non recibía se lle dese a volta e apuntase agora cara ao interior, disposta a destacar coa mesma precisión con que noutrora seguira as curvas da carne, as engurras e os pregamentos, os músculos fofos, as veíñas nas pernas e nas coxas, a aparición de cada pelo e de cada cana. Non se envellece gradualmente –dixéralle o seu pai–, senón que, de cando en vez teñen lugar as caídas, os famosos baixóns. Inesperados e irreversibles. As transformacións dos órganos e das hormonas parecían concentrarse nalgúns puntos da vida, alternando aceleracións puntuais e milagrosos estancamentos. Pero cada unha destas aceleracións era un punto de non retorno. Decatárase disto por primeira vez o ano que fixo os 41, coma se o seu corpo, tenso por completo no esforzo de chegar aos corenta anos con poucos cambios, caese abatido o ano seguinte, vencido por un

8


poder ao que xa non podía opoñerse. Para ela, ademais, isto coincidira coa certeza de que xa non podía ter os fillos que nunca tivera. Se tivese que darlles un consello ás outras mulleres suxeriríalles cruzar o termo dos corenta anos embarazadas ou cun neno pequeno, para alongar algúns anos máis ese limiar. O segundo baixón, en cambio, tivera lugar aos 45 anos: esta vez un baixón completamente físico, cuxos maiores efectos foran unha autonomía –a do seu corpo, que comezara a actuar pola súa conta– e unha estraña incongruencia entre ela e si mesma –entre o que aínda pensaba que era e o que xa era–. Durante a mocidade, a diferenza entre os homes e as mulleres parecéralle un lugar común, e tan repetido que se fixo irreal, como todos os rumores, unha desas afirmacións que, igual que as frases feitas, se paraban na superficie. Porén, chegado un certo punto, este lugar común comezara a sorprendela pola violencia da súa verdade. A diferenza entre homes e mulleres. Non era dende logo entre machos e femias, porque, como aprendera no seu longo trato cos gatos, para os animais probablemente non era así. Lera en algures que as mulleres e as elefantas era os únicos mamíferos que tiñan a menopausa. A diferenza sexual parecí-

9


alle agora como unha diferenza de tempo e as mulleres envellecían antes cós homes, polo menos no corpo. Xa ao facer o amor se decatara de que as cuestións cruciais entre homes e mulleres estaban relacionadas co tempo, porque sempre a abraiara ata que punto estaba empapado de tempo o pracer masculino: comezaba, crecía, algunhas veces interrompíase ou mesmo retrocedía por amabilidade, pero despois recomezaba para ir directo ao seu final. Seguindo unha liña precisa, do punto A ao punto B. Como pode un –preguntárase moitas veces– seguir sentindo pracer sabendo que irremediablemente vai rematar? Como se pode ir buscar o final, coma se o final fose o mellor? Para ela nunca estivera claro cando e onde comezaba o pracer. Non comezaba, senón que de súpeto estaba aí, e máis que rematar interrompíase cada vez, coma se en vez de esgotar a súa forza a aumentase. Se algunha vez a esgotaba, esgotábaa só momentaneamente, interrompéndoa para permitirlle continuar crecendo. Sempre foran os homes os que se esgotaran, non ela. O final dunha relación sexual sempre lle parecera unha imposición, e canto máis lle gustaba, menos lle parecía que puidese rematar. Por iso sempre lle quedara a dúbida

10


de se, no caso de que o outro quixese volver comezar, de que lle insistise volver comezar, mesmo cando estaba tan cansa que só podía deixarse absorber totalmente por aquel cansazo, o seu corpo sería capaz de seguir adiante, inventando unha nova forza para ir esgotarse aínda máis. Ás veces pensaba que era debido a esta diferente relación co tempo, é dicir, por esta especie de eternidade contida no seu pracer, polo que os corpos das mulleres se adaptaban tan mal ao paso do tempo. Coma se, comprometidos na procura da eternidade, os sorprendese sen medios adecuados aquela linearidade inexorable.

11


Dous A idea da morte obsesionáraa dende sempre. De nena, antes de adormecer, sucedíalle a miúdo que comparaba a súa vida cun daqueles calendarios que se vían ás veces nas películas americanas dos anos 50, bloques cunha páxina que mostra o día en grande, e arriba e abaixo o mes e o ano: hoxe arrincouse outra folla e a espesa masa de papeis ten un menos. Pero nos últimos tempos aquela idea fixérase máis plausible e a morte parecíalle máis unha meta que un acontecemento: non é que a desexase, mais dalgún xeito entrara na orde das cousas, espíndose de paradoxos. Mesmo era de agardar que nun futuro se convertese nun hábito. Namentres, comezara a tocarlles aos seus amigos: agás en casos raros, que por outra parte aumentaban de ano en ano, tratábase aínda de amigos máis

12


vellos pero, non obstante, era pouquísimos os seus coetáneos que aínda tiñan vivos os dous proxenitores. Unha noite, a un amigo seu xa ancián que estaba moi enfermo dixéronlle que quizais podería aguantar un pouco máis se as súas células sanguíneas se puxesen a funcionar de novo, e que o día seguinte lle farían unhas análises para asegurarse. Aquela idea parecéralle estraña: as miríades de células do seu amigo xa decidiran por el, pero a súa decisión aínda non lles fora comunicada nin a el nin aos demais. Daquela, era preciso ir buscar, entre os planos do seu corpo, análises, medidas e resultados que informasen daquela decisión que tomaran, quen sabe cando e quen sabe como, pero con certeza ás súas costas, todas aquelas células. Nun mundo que se fixo incapaz de ofrecer explicacións, a morte parecíalle unha decisión orixinaria da vida, análoga a aquela, para ela igualmente misteriosa e infundada, que conduce un espermatozoide e un óvulo a unírense ou un embrión a pegarse a unha parede uterina. A proliferación e a prolongación dos estados comatosos que producira a medicina do século XX, así como a multiplicación dos nacementos por fecundación asistida, tiveran o efecto de reducir a fraccións infinitesimais e cualitativamente indiferentes os

13


momentos en que acontecía aquel cambio absoluto que son un nacemento e unha morte: o paso da nada ao todo e do todo á nada. Porén, deste xeito, eses momentos fixéranse aínda máis inapelables porque escapaban a toda lóxica e deseño anticipables. Se moitas veces a vida comezaba e remataba por unha diferenza microscópica, na semellanza completa, na case identidade entre o vivo sumido no coma e o cadáver aínda quente, permanecía intacto todo o incomensurable entre o que existe e o que non existe, entre esperanza e desesperación, entre a aparencia da continuidade e a confirmación –sempre inesperada e sempre incrible– da impotencia dos homes e dos animais. O final da partida. O mesmo podía dicirse do nacemento: onde comezaba a vida? No espermatozoide exaculado ou no óvulo madurado no folículo?, no espermatozoide metido na xiringa ou no óvulo extraído?, no embrión conxelado no frigorífico ou no inxectado no útero?, no que está libre na trompa ou no que arraigou? Non obstante, só co primeiro pranto do recén nacido se ten auténtica certeza da súa vida. Non cría, porén, que o nacemento e a morte fosen nocións especulares. Porque, se a vida no seu conxunto non tiña un inicio concreto, en cam-

14


bio si remataba. A vida era coma unha enorme reserva rematada, unha cantidade desmesurada e inmensurable, que non obstante remataba. Estas eran as razóns da entropía. A vida, en efecto, non nacía, ou mellor nacera dunha vez por todas: o que nacían eran os individuos, é dicir, novas concrecións, novas figuras de vida, pero dunha vida que xa había. Coa morte, en cambio, non remataba soamente o individuo, remataba tamén un anaco de vida. A morte remataba cos individuos e esgotaba a vida. A actitude que lle resultaba máis familiar fronte á morte, sobre todo fronte á propia morte, consistía en ampliar aquela estraña franxa que separaba o crer do non crer, e ata agora sempre considerara a morte certa e absurda ao mesmo tempo, necesaria e imposible. O seu pai lograra morrer como vivira, dilatando aquela zona indeterminada e estendendo esa actitude a todo. Ese costume inveterado de preocuparse por cada enfermidade e por cada desgraza, de evocar en cada ocasión a proximidade da morte, fixera que, mesmo sendo un enfermo terminal sen sabelo, o seu mundo e a súa forma de ser non cambiasen. Dese xeito, ata o final, é dicir, ata o coma, ninguén dera entendido se aquel nomear decontino a che-

15


gada da morte, que xa todos crían verosímil, tiña máis crédito e máis sentido que calquera outra alusión anterior. Unha predilección hereditaria pola catástrofe poñíaa sempre fronte á fin, pero como todo catastrofismo, tamén aquela predilección lle cedía axiña o seu posto a unha grande esperanza. Esaxerar o perigo e facer proliferar a dor servía, de feito, para facelos inverosímiles. O tempo, non obstante, continuaba o seu curso e acababa por ter a última palabra en todo canto se fixara naquel espazo de incredulidade: o tempo fixéraa envellecer, quitáralle a posibilidade de ter fillos, fixera morrer as células do seu amigo, fixéralle esquecer a morte do seu pai.

16