Page 1

Alessandro Baricco

Seda


1

Aínda que seu pai imaxinara para el un brillante futuro no exército, Hervé Joncour acabara gañando a vida cun oficio insólito, ao que non era allea, por ironías da vida, certa característica amable ata o punto de acusar unha vaga entoación feminina. Para gañar a vida, Hervé Joncour compraba e vendía vermes da seda. Corría o ano 1861. Flaubert estaba a escribir Salambó, a luz eléctrica era aínda unha hipótese e Abraham Lincoln, no outro lado do océano, estaba a loitar nunha guerra da que nunca vería o final. Hervé Joncour tiña trinta e dous anos. Compraba e vendía. Vermes da seda.

7


2

Para ser exactos, Hervé Joncour compraba e vendía os vermes da seda cando a súa existencia de vermes consistía en seren minúsculos ovos, de cor amarela ou gris, inmóbiles e en aparencia mortos. Na palma dunha man cabían milleiros. “O que se di ter unha fortuna na palma da man.” A principios de maio os ovos rompían, liberando unha larva que, despois de trinta días de febril alimentación a base de follas de moreira, procedía a se fechar de novo nun casulo, do que sairía de modo definitivo dúas semanas máis tarde deixando tras de si un patrimonio que en seda facía uns mil metros de fío en bruto, e en cartos unha bonita suma de francos franceses: sempre e cando todo acontecese segundo as normas e, como no caso de Hervé Joncour, nalgunha rexión da Francia meridional. Lavilledieu era o nome da vila onde vivía Hervé Joncour. Hélène o da súa muller. Non tiñan fillos.

8


3

Para evitar os danos das epidemias que, cada vez con máis frecuencia, afectaban aos criadeiros europeos, Hervé Joncour aventurábase alén do Mediterráneo, en Siria e en Exipto, para adquirir os ovos dos vermes da seda. Nisto radicaba o aspecto máis deliciosamente aventureiro do seu traballo. Cada ano, a principios de xaneiro, partía. Cruzaba mil seiscentas millas de mar e oitocentos quilómetros de terra. Escollía os ovos, negociaba o prezo, adquiríaos. Despois daba a volta, cruzaba oitocentos quilómetros de terra e mil seiscentas millas de mar e regresaba a Lavilledieu, normalmente o primeiro domingo de abril, normalmente a tempo para a Misa Maior. Traballaba outras dúas semanas para preparar os ovos e vendelos. Durante o resto do ano, descansaba.

9


4

–Como é África? –preguntábanlle. –Esgotadora. Tiña unha casa enorme xusto na saída da vila, e un pequeno laboratorio no centro, en fronte mesmo da casa abandonada de Jean Berbeck. Jean Berbeck decidira un día non volver falar nunca máis. Mantivo a promesa. A muller e mais as dúas fillas abandonárono. El morreu. A súa casa non a quixo ninguén, así que agora era unha casa abandonada. Comprando e vendendo vermes da seda, Hervé Joncour gañaba cada ano unha suma grande dabondo para lles asegurar a el e mais á muller esas comodidades que en provincias adoitan considerarse luxos. Gozaba discretamente dos seus bens, e a perspectiva, verosímil, de facerse realmente rico resultáballe por completo indiferente. Era ademais un deses homes aos que lles gusta asistir á propia vida e consideran fóra de lugar calquera ambición de vivila. Notaríase que estes homes contemplan o seu destino do mesmo xeito en que a maioría adoita contemplar un día de choiva.

10


5

Se llo preguntasen, Hervé Joncour respondería que a súa vida había de seguir así para sempre. Mais a comezos dos anos sesenta a epidemia de pebrina que xa estragara os ovos dos criadeiros europeos espallouse alén do mar, chegando a África e, segundo algúns, mesmo á India. Hervé Joncour regresou da súa habitual viaxe, en 1861, cunha partida de ovos que se revelou, dous meses despois, case completamente infectada. Para Lavilledieu, así como para tantas outras cidades que baseaban a súa riqueza na produción da seda, aquel ano pareceu representar o comezo da fin. A ciencia mostrábase incapaz de comprender a orixe das epidemias. E todo o mundo, ata as rexións máis afastadas, parecía prisioneiro daquel sortilexio sen explicación. –Case todo o mundo –dixo Baldabiou en voz baixa–. Case –e botou dous dedos de auga no seu Pernod.

11


6

Baldabiou era o home que vinte anos atrás chegara á vila, se encamiñara directamente ao despacho do alcalde, entra­­ra sen se facer anunciar, lle puxera enriba do escritorio unha bufanda de seda da cor do solpor e lle preguntara: –Sabe o que é isto? –Cousas de muller. –Trabúcase. Cousas de homes: cartos. O alcalde mandou que o botasen fóra. El construíu un fiadeiro onda o río, un pavillón para a cría de vermes da seda a carón do bosque e unha capela dedicada a santa Inés no cruzamento da estrada a Vivier. Contratou unha trintena de traballadores, fixo traer dende Italia unha misteriosa máquina de madeira, toda ela rodas e engrenaxes, e non dixo máis nada durante sete meses. Despois volveu onda o alcalde, e púxolle enriba do escritorio, ben ordenadiños, trinta mil francos en billetes grandes. –Sabe o que é isto? –Cartos. –Trabúcase. É a proba de que vostede é un imbécil. A continuación recolleunos, meteunos na bulsa e fixo ademán de marchar. O alcalde detívoo. –Que diaños teño que facer? –Nada, e será o alcalde dunha vila rica. 12


Cinco anos máis tarde Lavilledieu tiña sete fiadeiros e convertérase nun dos principais centros europeos de sericultura e fiadura da seda. Non todo era propiedade de Baldabiou. Outros notables e terratenentes da zona seguírano naquela curiosa aventura empresarial. A cada un deles Baldabiou desveláralle, sen reparo ningún, os segredos do oficio. Isto divertíao moito máis que facer cartos a esgalla. Ensinar. E ter segredos que contar. Así era Baldabiou.

13


7

Baldabiou era, tamén, o home que oito anos atrás lle cambiara a vida a Hervé Joncour. Corrían os tempos nos que as primeiras epidemias comezaran a atacar a produción europea de ovos de vermes da seda. Sen se alterar, Baldabiou estudara a situación e chegara á conclusión de que non había que resolver o problema, senón esquivalo. Tiña unha idea, e faltáballe o home axeitado. Decatouse de que o atopara cando viu a Hervé Joncour pasar por diante do café de Verdun, elegante no seu uniforme de alférez de infantería e orgulloso no seu paseo de militar de permiso. Daquela tiña vinte e catro anos. Baldabiou convidouno á casa, plantoulle diante un atlas ateigado de nomes exóticos e díxolle: –Parabéns. Por fin atopaches un traballo serio, rapaz. Hervé Joncour escoitou toda unha historia que falaba de vermes da seda, ovos, pirámides e viaxes en barco. Despois dixo: –Non podo. –Por que? –Dentro de dous días acábaseme o permiso, debo regresar a París. –Carreira militar? –Si. É o que quere meu pai. –Iso non é un problema. Colleu a Hervé Joncour e levouno onda o pai. 14


–Sabe quen é este? –preguntoulle despois de entrar no seu estudio sen se facer anunciar. –Meu fillo. –Mire ben. O alcalde recostouse contra o respaldo da súa butaca de pel, comezando a suar. –Meu fillo Hervé, que dentro de dous días regresará a París, onde o agarda unha brillante carreira no noso exército, Deus e santa Inés mediante. –Exacto. O que pasa é que Deus está ocupado noutra cousa e santa Inés detesta os militares. Un mes máis tarde Hervé Joncour partiu cara a Exipto. Viaxou nun barco que se chamaba Adel. O cheiro das cociñas chegaba aos camarotes, había un inglés que contaba que combatera en Waterloo, a noite do terceiro día viron uns golfiños brillar no horizonte coma ondas bébedas, na ruleta saía sempre o dezaseis. Regresou dous meses máis tarde –o primeiro domingo de abril, a tempo para a Misa Maior– con milleiros de ovos protexidos entre algodóns en dúas grandes caixas de madeira. Tiña unha morea de cousas que contar. Pero o que lle dixo Baldabiou, cando ficaron a soas, foi: –Fálame dos golfiños. –Dos golfiños? –De cando os viches. Así era Baldabiou. Ninguén sabía cantos anos tiña.

15

Profile for Rinoceronte Editora

Seda (mostra)  

Primeiras páxinas de 'Seda', de Alessandro Baricco, traducida ao galego por María Cristina González Piñeiro e publicada na Colección Nova de...

Seda (mostra)  

Primeiras páxinas de 'Seda', de Alessandro Baricco, traducida ao galego por María Cristina González Piñeiro e publicada na Colección Nova de...

Advertisement