Page 1

1 Non máis de cen metros separaban a pasaxe Baehler, onde vivía Zaki Bei el Dessouki, do seu despacho no edificio Yacoubian, pero cada mañá tardaba unha hora en cruzala, xa que tiña que saudar os amigos pola rúa: os donos dos comercios de roupa e de calzado, os dependentes de ambos os sexos, os camareiros, os empregados do cine, os clientes habituais do café Brasil, incluso os porteiros, os limpabotas, os mendigos e os gardas de tráfico, Zaki Bei coñecía a cada un polo seu nome e intercambiaba con eles saúdos e novidades. Zaki Bei era un dos habitantes máis antigos da rúa Suleimán Pashá, onde chegara a finais dos anos corenta, despois de rematar os estudos en Francia, e de onde nunca marchara. Para os veciños era un personaxe folclórico moi querido por todos. Fose inverno ou verán, sempre vestía o enorme traxe que disimulaba o corpo miúdo, da chaqueta colgáballe un pano da mesma cor que a gravata, ao que se lle pasara o ferro coidadosamente; ía co seu famoso puro, que nos mellores tempos era un excelente habano pero que agora se convertera nun cigarro de fabricación nacional, mal feito e de cheiro insoportable; tiña un rostro engurrado pola vellez, lentes de grosos vidros, brillantes dentes postizos, cabelo escaso tinxido de negro, repartido de esquerda a dereita para disimular a gran calva… Resumindo, Zaki Bei constituía en certa medida unha lenda pola súa presenza divertida e irreal. Semellaba que fose desaparecer en calquera momento, ou que se tratase dun actor desempeñando o seu papel e que ao rematar a función quitaría o disfrace para vestir a súa indumentaria auténtica. Se a todo isto engadimos o seu espírito alegre, os seus chistes verdes e a súa capacidade para conversar con calquera persoa coa que se atopase na rúa,

7


coma se fose un vello amigo, comprenderemos o segredo da alegría con que recibía a calquera con quen se atopaba. A dicir verdade, en canto aparecía Zaki Bei pola rúa, sobre as dez da mañá, comezaban a saudalo de todas as partes, e a miúdo acercábanse algúns mozos, empregados das tendas, para preguntarlle sobre certos temas relacionados co sexo. Entón, Zaki Bei recorría aos seus coñecementos e experiencias sexuais e gozaba explicando (con voz doce e alta, para ser escoitado por todo o mundo) os segredos máis sutís e profundos da carne. Ás veces incluso pedía lapis e papel (que lle entregaban nun chiscar de ollos) para debuxar con claridade algunhas posturas curiosas que el mesmo experimentara na mocidade. ••• Faltan aínda algúns datos importantes sobre Zaki el Dessouki: era o fillo menor de Abd el Aal Pashá el Dessouki, coñecido dirixente do Wafd*, que foi ministro en varias ocasións e antes da Revolución era dos homes máis ricos. El e a súa familia posuían máis de cinco mil feddans** das mellores leiras agrícolas. Zaki Bei estudou enxeñería na Universidade de París, e como era de esperar, estaba destinado a desempeñar un importante papel político en Exipto, debido á influencia e á riqueza do pai, mais a Revolución adiantouse e cambiou toda a situación. Abd el Aal Pashá foi arrestado e levado ante o tribunal revolucionario, e aínda que non se puideron demostrar as acusacións de corrupción política, estivo entre reixas un tempo e despoxárono da maioría das súas propiedades, para

* É un dos partidos políticos exipcios máis antigos. Toma o seu nome (‘delegación’) da delegación enviada a Europa para obter a independencia de Exipto. (Todas as notas son da tradutora.) ** Un feddan equivale a algo menos de media hectárea.

8


repartilas entre os campesiños. Tras estes acontecementos, o pashá non tardou en falecer e a desgraza do pai tamén caeu sobre o fillo, xa que o estudio de enxeñería que abrira no edificio Yacoubian non tardou en ir a pique e pouco a pouco converteuse nun lugar onde Zaki Bei pasaba o seu tempo libre lendo a prensa, tomando café e reuníndose cos amigos, coas amantes ou observando dende a terraza a xente e os coches que pasaban pola rúa Suleimán Pashá. Porén, o fracaso profesional do enxeñeiro Zaki el Dessouki non foi só culpa da Revolución, senón que o motivo principal era a súa falta de vontade e a súa grande afección aos praceres. A dicir verdade, a súa vida, que xa superaba os sesenta e cinco anos, con todos os seus acontecementos, felices e tristes por igual, xiraba (en gran parte) ao redor dunha soa idea: as mulleres. Era daqueles que sucumben por completo aos encantos femininos, a muller non era para el un simple desexo que se acende e unha vez satisfeito desaparece, senón un mundo de praceres e paixóns que se repetían nunha sucesión de imaxes sen fin: peitos prominentes e rexos, con mamilas firmes coma suculentas uvas; traseiros gorentosos e ondulantes que tremen agardando un ataque sorpresa polas costas; labios carnosos que sorben os bicos e suspiran de pracer; o cabelo en todas as súas manifestacións: longo, solto e liso, ou salvaxe con trenzas enmarañadas, ou media melena, ao clásico estilo familiar, ou eses cortes à la garçonne, que lle inspiraban estrañas fantasías sexuais; os ollos, ah!, esas miradas sinceras ou traizoeiras, descaradas ou tímidas, incluso as de reproche, enfado e rexeitamento! Ata ese punto ou máis amaba Zaki Bei as mulleres, e coñeceu de todo tipo, comezando pola nabila Kamla, filla do tío materno do antigo rei, coa que aprendeu as artes amatorias da familia real e os seus rituais: candeas acendidas toda a noite, copas de viño francés que acorda o desexo e disipa os medos, e un baño quente antes do encontro, no que untaba o

9


corpo con cremas e perfumes. Coa nabila Kamla, paixón incontrolable, aprendeu como comezar, cando parar e como pedir os máis lascivos xogos sexuais con refinadas palabras francesas. Pero Zaki Bei deitárase con mulleres de todas as clases: bailarinas orientais, estranxeiras, damas da aristocracia, esposas de homes ilustres, estudantes da universidade e do instituto, incluso con mulleres decadentes, labregas e amas de casa. Cada unha tiña o seu sabor. Moitas veces lembrábase daquela mendiga que levou, unha noite que estaba borracho, no seu Buick ao seu apartamento da pasaxe Baehler. Cando a guiou ao baño para lavala, descubriu que era tan pobre que fixera a roupa interior con sacos de cemento. Lembraba, cunha mestura de cariño e mágoa, a turbación da muller mentres quitaba a braga na que estaba escrito con grandes letras “Cementos Portland Tura”. Pero era unha das máis fermosas que coñecera, e unha das máis ardentes no amor. Todas estas variadas e gratificantes experiencias fixeron de Zaki el Dessouki un verdadeiro experto en mulleres, e tiña teorías estrañas e curiosas respecto á “ciencia das mulleres”, como el lle chamaba, coas que se podía estar de acordo ou non, pero que sen dúbida merecían unha reflexión. Así, por exemplo, dicía que as mulleres máis fermosas adoitan ser frías amantes na cama, mentres que as de mediana beleza ou mesmo algo feas son sempre ardentes, porque necesitan amor de verdade e fan todo o que poden por satisfacer o seu amante. Zaki Bei opinaba que o modo en que unha muller pronuncia a letra “s” –esa en concreto– permite saber se é boa na cama e en que medida. Daquela, se unha moza pronuncia a palabra “Susu” ou “Basbusa” dunha forma excitante, enténdese que é experta, e o contrario tamén. Cría que toda muller sobre a face da Terra xera ao seu redor certo campo de atracción que emite continuamente vibracións invisibles e inaudibles pero perceptibles dalgún xeito misterioso. Pero quen aprende a ler estas vibracións pode decatarse das necesidades

10


sexuais da muller. Por moi recatada ou seria que fose unha muller, Zaki Bei era quen de saber como de necesitada estaba: polo tremor da súa voz, por exemplo, ou pola súa risa esaxeradamente nerviosa, ou pola temperatura da súa man cando a saudaba. Logo están as mulleres posuídas por un desexo diabólico (as femmes fatales, como lles chamaba Zaki Bei en francés), aquelas que soamente senten a súa verdadeira existencia na cama e que non atopan outro pracer na vida que non sexa o sexo. Estas criaturas conducidas polo desexo e polo pracer teñen un destino terrible e infeliz. Este tipo de mulleres, aseguraba Zaki Bei, son todas idénticas, aínda que teñan o rostro diferente, e convidaba a quen o dubidase a observar as fotografías que os xornais publicaban de mulleres condenadas a morte por asasinar os seus maridos en complicidade cos seus amantes. Cun pouco de atención descubrirían que teñen a mesma fisionomía: os labios a miúdo carnosos, inchados, nada apertados, os trazos cheos, apetitosos, e as miradas brillantes, baleiras coma a dun animal esfameado. ••• Era domingo, os comercios da rúa Suleimán Pashá pecharon as portas e os bares e os cines enchéronse de xente. A rúa escura, baleira polas tendas pechadas e cos antigos edificios de estilo europeo, parecía formar parte dunha película romántica occidental. Dende a primeira hora da mañá, Shazli, o vello porteiro, trasladara a súa cadeira dende o ascensor ata a beirarrúa, en fronte do edificio Yacoubian, para observar os que entraban e saían no día festivo. Zaki el Dessouki chegou ao seu despacho antes do mediodía. Dende o primeiro momento, o seu criado Abaskharon decatouse do que pasaba. Tras vinte anos ao servizo de Zaki Bei, coñecía o estado de ánimo do seu xefe só con miralo. Sabía que significaba que o seu señor chegase ao despacho

11


esaxeradamente ben vestido, cheirando ao perfume caro que reservaba para as ocasións especiais, que se mostrase nervioso e tenso, levantándose, sentando, camiñando axitado dun lado para outro, sen deterse nunca, disimulando a súa ansia con mal humor e enfado. Isto sempre significaba que esperaba unha nova amante. Por iso Abaskharon non se ofendeu cando Zaki Bei o amoestou sen motivo ningún, senón que acenou coa cabeza coma quen entende a situación, rematou rapidamente de varrer a sala, colleu as muletas de madeira, golpeando as baldosas do longo corredor con forza e rapidez ata chegar á gran sala onde Zaki Bei estaba, e díxolle cunha voz que os anos de experiencia fixeran totalmente neutra: –Ten reunión, Excelencia? Preparo as cousas, Excelencia? Zaki Bei mirou cara a el, observouno un instante, coma se estivese decidindo o ton axeitado para responderlle. Observou a súa xilaba de flanela a raias, esgazada en varios sitios, as súas muletas, a súa perna amputada, o rostro vello coa barba cana, os ollos estreitos e astutos e aquel sorriso suplicante e asustado que nunca o abandonaba. –Prepara as cousas para a reunión, rápido! –contestou Zaki Bei secamente mentres saía á terraza. Segundo o dicionario compartido por ambos, unha “reunión” significaba que o bei ía estar a soas cunha muller no despacho, e as “cousas” eran certos rituais que Abaskharon organizaba para o seu patrón antes do encontro amoroso: comezaba pola inxección de reconstituínte Tri-B, importado, que lle poñía na nádega, e que sempre lle causaba unha dor insoportable, polo que gritaba e descargaba as súas maldicións no “burro” de Abaskharon e as súas mans torpes e lentas. A continuación, unha cunca de café sen azucre, feito con grans aromatizados con noz moscada, que o bei succionaba devagar mentres desfacía debaixo da lingua un pequeno anaco de opio. O ritual terminaba cun gran prato de ensalada no centro da mesa, xunto a unha botella de whisky Black Label, dous

12


vasos baleiros e un caldeiro metálico de champaña cheo de xeo ata arriba. Abaskharon púxose a preparalo todo mentres Zaki Bei sentaba na terraza que daba á rúa Suleimán Pashá, prendía un cigarro e observaba os viandantes. Os seus sentimentos oscilaban entre a excitación polo encontro e a angustiosa preocupación porque a súa amante Rabab non aparecese e estragase así o esforzo de todo un mes dedicado a perseguila. Era escravo do seu amor dende a primeira vez que a viu no bar Cairo da praza Tawfikiya, onde ela traballaba. Cativouno por completo e ía ao bar día tras día para vela. Describíralla así a un vello amigo seu: “Ela representa a beleza popular, con toda a súa vulgaridade e sensualidade. Coma se saíse dun cadro de Mahmoud Said”. E Zaki Bei espraiárase para que o seu amigo entendese exactamente o que quería dicir: “Lémbraste daquela criada da vosa casa que adoitaba ocupar os teus soños de adolescente? De como devecías por pegarte ao seu traseiro suave e agarrarlle coas mans os seos de pel donda mentres lavaba a louza no vertedoiro? De como se inclinaba de xeito que te levaba a achegarte máis contra ela, que murmuraba nunha negación provocadora antes de entregarse: ‘Señor… isto non está ben.’ Pois en Rabab atopei un tesouro semellante”. Mais atopar un tesouro non significa que se posúa, e Zaki Bei viuse obrigado a superar moitas dificultades: a pasar noites enteiras nun sitio sucio, estreito, mal iluminado e pouco ventilado como o bar Cairo. Houbo de afogar pola aglomeración e o espeso fume do tabaco, e case queda xordo co abouxador volume do equipo de música, que non paraba de reproducir cancións horribles e ordinarias. Por non falar das discusións e pelexas que chegaban sempre ás mans, entre os seareiros –unha mestura de obreiros, xente de mala catadura e forasteiros–, nin desas copas de repugnante brandy que lle queimaba no estómago e se vía obrigado a tragar cada noite, nin dos descarados e exorbitantes erros nas contas das consu-

13


micións, que Zaki Bei finxía non advertir, e mesmo deixaba unha boa propina para o local e outra aínda mellor no escote de Rabab. Cando os seus dedos rozaban o peito robusto e voluptuoso dela, sentía como o sangue lle fervía nas veas, e o desexo cobraba tal forza e intensidade que case lle doía. Zaki Bei aturara todo isto por Rabab. Convidouna unha e outra vez a quedar con el fóra do local. Ela negárase sempre, pero non perdeu a esperanza e seguiu convidándoa, ata que a véspera aceptara visitalo no despacho. Tanta foi a súa alegría que lle meteu no escote cincuenta libras sen o menor signo de arrepentimento. Ela acercouse a el ata rozarlle o rostro co alento, mordeu o seu labio inferior e murmuroulle cunha voz provocativa que derrubou calquera compostura que puidese quedarlle: –Querido, mañá compensareite por todo o que fixeches por min. Zaki Bei soportou a dolorosa inxección de Tri-B, zugou o opio, comezou a tomar con calma a primeira copa de whisky, á que lle seguiu unha segunda e unha terceira. Non parou ata que se liberou da preocupación e o invadiu o bo humor e uns pensamentos agradables coma encantadoras melodías. A cita con Rabab era á unha. Cando o reloxo da parede deu dúas badaladas Zaki Bei estaba a piques de perder a esperanza, pero de repente sentiu repenicar nas baldosas as muletas de Abaskharon e a continuación o rostro do seu asistente asomou pola porta do cuarto, e dixo axitado, coma se a noticia o alegrase de verdade: –Madame Rabab chegou, Excelencia. ••• No ano 1934, Hagop Yacoubian, millonario e daquela líder da comunidade armenia en Exipto, tivo a idea de construír un edificio de apartamentos que levase o seu nome. Escolleu o mellor

14


soar da rúa Suleimán Pashá e contratou para edificalo unha coñecida oficina de arquitectos italiana que presentou unha fermosa maqueta: dez amplos andares de estilo clásico europeo, os balcóns decorados con rostros gregos tallados na pedra, as columnas, escaleiras e corredores de mármore natural e un ascensor Schindler último modelo. A construción prolongouse dous anos e o resultado foi unha obra arquitectónica que superou todas as expectativas, ata tal punto que o propietario lle pediu ao arquitecto italiano que inscribise o seu nome, Yacoubian, encima da porta de entrada en grandes caracteres latinos, iluminados pola noite con neon, para inmortalizar o seu nome e proclamar a propiedade de tan asombrosa construción. No edificio Yacoubian viviu a flor e a nata da sociedade daquela época: ministros, grandes terratenentes, industriais estranxeiros e dous millonarios xudeus (un deles da coñecida familia Mosseri). A planta baixa do edificio dividiuse equitativamente entre un amplo garaxe con varias portas que daban á parte traseira, onde os residentes gardaban os seus coches (a maioría de luxosas marcas, como Rolls Royce, Buick ou Chevrolet), e unha gran tenda na parte dianteira que ocupaba tres esquinas. Yacoubian utilizábaa para expoñer as pezas de prata que producía na súa fábrica. Este comercio funcionou con éxito ao longo de catro décadas. Entón foi decaendo pouco a pouco, ata que recentemente o adquiriu o hajj * Mohamed Azzam, que abriu nel unha tenda de roupa. Na inmensa azotea do edificio destináronse dous cuartos con auga e luz como residencia do porteiro e da súa familia. No resto da azotea construíronse cincuenta cuartiños, un por cada vivenda do inmoble, cuxa superficie non superaba os dous metros cadrados, con paredes e portas de ferro macizo e pechados con cadeados cuxas chaves se entregaban aos donos dos pisos.

* Título de respecto que se lle outorga a un home que peregrinou á Meca.

15

Profile for Rinoceronte Editora

Rinoceronte_O edificio Yacoubian_mostra  

Primeiras páxinas da novela 'O edificio Yacoubian', de Alaa Al Aswany, publicado en Rinoceronte Editora. http://www.rinoceronte.es/index.php...

Rinoceronte_O edificio Yacoubian_mostra  

Primeiras páxinas da novela 'O edificio Yacoubian', de Alaa Al Aswany, publicado en Rinoceronte Editora. http://www.rinoceronte.es/index.php...

Advertisement