O pelengriño que foi de cu

Page 1

Lois Barcia

O pelengriño que foi de cu



Á miña nai, Sita, a muller do máis doce sorriso.



Prólogo Hai lecturas que deixan terra baixo as unllas e maxia dabondo como para crer que outros mundos son posibles neste. Relatos que reconstrúen un tempo e un espazo ás veces indefinidos pero sempre recoñecibles polo que teñen de esenciais na idiosincrasia cultural galega. Así é o conxunto da obra de Lois Barcia, que arrastra o noso espírito ata as raíces que nos unen á codia e permite que nos elevemos a través de contos de vida, amor e morte para por fin liberar o noso enxeño no bordo que existe entre o ceo e as nosas cabezas. O traballo deste autor parece batuxarnos dende a beira dun río, obrigándonos a prestar máis atención a unha prosa que bebe do pasado, intencionadamente allea á normativa actual*, e que recrea as particularidades gramaticais e léxicas da literatura galega das décadas dos 50 e 60, aínda que os textos foron escritos entre 1980 e o ano 2000. Recorda así a autores como Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Blanco Amor, a través dunha enerxía antropocéntrica e telúrica que se materializa na mestura do conto popular e a narrativa máis culta en temáticas diversas onde non falta a picaresca, o humor, a violencia ou a crítica social. Tanto a mestura dos referentes literarios universais co particular orbe galego, coma a presenza reiterada da senlleira vida na “raia” –ese espazo compartido e fluído entre Galicia e Portugal–, teñen sentido cando nos achegamos á biografía de Lois Barcia (Vigo, 1946). O autor criouse entre Pereiró e Tui, e pasaba os veráns cun tío crego e confesor de monxas portu*

A norma de uso oficial do galego estableceuse en 1982.

9


guesas que lle ensinaba lendas lusas que quedaron, en retallos, plasmadas nos relatos que compoñen esta obra. A influencia familiar resulta así mesmo evidente nas diversas ocasións en que, de xeito central ou tanxencial, aborda o eido relixioso nos seus contos. Entre as lecturas de Lois estaban, segundo el mesmo confesa, as novelas de Emilio Salgari, Giovannino Guareschi, Álvaro Cunqueiro, Juan Rulfo, Jorge Luis Borges e os clásicos europeos aos que admiraba na mocidade. A lectura da súa obra pon de relevo sen dúbida as notas de humor de Guareschi, o tratamento da violencia e a natureza humana de Rulfo e, por suposto, parte do estilo xeral e do costumismo máxico que desprenden, por exemplo, os relatos da Escola de menciñeiros de Cunqueiro (Galaxia, 1960). A formación académica de Lois Barcia (ademais do influxo de Cunqueiro ou Castelao) tamén axuda a comprender a presenza de personaxes recorrentes coma os boticarios, pois o autor é perito químico con dedicación profesional a este sector, e alquimista das palabras. Ademais, esa universalidade que xa foi mencionada responde en parte ao seu propio papel de habitante en varias terras, pois cando era novo emigrou a Madrid, onde pasou trinta e cinco anos e un día, ata que regresou por fin á súa Galicia natal. Na actualidade, ademais de escribir contos coma os que tedes nas mans, afirma o noso autor que tamén pinta monas e escaralla pianos. Na ortografía, gramática e léxico da prosa de Lois poden observarse fenómenos lingüísticos habituais na etapa prenormativa da lingua, onde eses usos tiñan tamén unha función galeguizadora e nutritiva no proceso de construción dunha identidade popular propia. Destacan principalmente os fenómenos de adición e supresión de fonemas en distintas posicións das palabras. Exemplos de adicións son os casos de epéntese, que teñen lugar no interior das formas, como en ademirar no canto de admirar, ou ademitir en lugar de admitir (tamén padescer, merescer…). Entre as supresións podemos

10


observar a aférese ao comezo de formas como nimigo en lugar de inimigo; e a síncope, ou supresión de fonemas dentro das palabras, en formas como esprito en lugar de espírito. Xunto cos fenómenos de adición e supresión obsérvanse outros de cambio como a disimilación en exemplos coma solprendido en lugar de sorprendido ou álbitro en lugar de árbitro; e casos de asimilación como o uso de sobnormal en lugar de subnormal ou condanado por condenado. Tamén a preferencia polo uso de preposicións nas formas arcaicas coma sobor en lugar de sobre; e conxuncións normativas, pero con reminiscencias do pasado, como emporiso. En ocasións, o autor tamén emprega locucións cun uso que non corresponde á normativa actual, co que eran utilizadas popularmente, é o caso de encol de co significado de acerca de, cando en realidade remite a nun lugar superior. Aínda que son moitos os fenómenos lingüísticos de interese que presenta o libro, polo que teñen de lembranza da prosa de hai máis de medio século, o ideal é que a persoa que lea o traballo de Lois Barcia vaia entrando paseniño polos mundos pretéritos, pero con mensaxe ben vixente, que construíu para nós. A lectura deste conxunto de contos vainos achegar a seres traxicómicos, viaxes invertidas de antiheroes, descricións sinestésicas dunha natureza que podemos sentir, lugares e persoas que semellan atravesar intensamente o papel. Os personaxes amosan as debilidades e antagonismos clásicos, con creba da tensión narrativa a partir do recurso humorístico e da alusión a referentes populares humanos cos que se xera empatía a partir das súas luces e sombras. Lois alza así coa súa alquimia creadora un mundo propio co que nos agasalla para facernos sentir na compaña dun contacontos ao redor da lareira. Vigo, outubro de 2021 Susana R. Barcia

11



O Pelengriño que foi de cu Dionís Saraiba, fillo de capador e sobriño do bispo de Braga, acadara o emprego de Boticario Maior só mercé ó encarecemento do seu mitrado parente. Disto hai xa tempo, de cando o supositorio estaba aínda por acharse e mesmo a chuchadela de sanguixugas era terapia vangardista. Quen daquela fora coñecedor dos milagres que a xanzá rende nun delorido bandullo, e que ademais lle dera xeito á leria de estoupar furunchos, levaba moito camiño andado para se licenciar de boticario, non como agora acontece, que á parte de sabuñar nas referidas artes é imprescindible saber arreo dos andacios, bacterias e outros pezoñosos enxendros. Pois o tal don Dionís, amestrado non só na xanzá, que tampouco era leigo no ruibarbo, herba do demo ou a merisana, tendo abranguido ceibar ó seu esgrevio tío dunha restra de furunchos afincada nos reverendos glúteos, foi ben compensado, porque o irmán do castrador rematou por enchufalo de sandador na lusitana corte. Pero, unha vez endalí, amais de esbouzar abcesos e de receitar cocementos, Saraiba deu en entreterse no seu lecer enchendo o ollo e axexando nas privacidades das máis fermosas damas que daban lustre e pracer á ranza nobreza de Portugal. E como nunha daquelas empostas non se contentou o mozo co sinxelo visionado de carnes gorenteiras, senón que quixo tamén darlle un tento ás texturas, cachado en tal antollo polo dono da condesiña, apañou un arrepiante zorregazo de candeeiro na súa sabente seseira. Salvou a vida, iso si, pero desde aquela xa nunca o seu cerebro volveu rexer coa clarividencia de antano.

13


O señor da dama, quizabes insatisfeito coa desfeita infrixida no sandador, supricoulle ó rei para que dispuxese a forca ou que, cando menos, degretase o desvalemento da masculinidade do boticario, cirurxía esta que a piques andou de sufrir o mozo se o señor bispo, seu xirifeiro e padriño, non avogase para trocarlle tal escarmento por outra estiva menos escarnizadeira. Asesorado pola Súa Eminencia, dispuxo o monarca que Dionís pelegriñase a Compostela. Pero co gallo de que o punimento andase a xogo co crime do que era reo, resolveu o rei: “O tal Saraiba vai ter que facer o camiño sempre ó revesgo, cal se de un caranguexo se tratase, sen que para iso poida o enculpado se valer da axuda de persoa ningunha”. O vezado mozo fixo xura solermiña de acatar canto se axustaba no real degreto, e prometeu cumprir a pedenza. Outra non tiña, porque “faltar á real orde envurullaba a automática excomuñón; e iso como simple limiar da subseguinte capadura a pé do cadafalso”, que tal se lía no edicto do soberán. Don Dionís non somentes acatou, que inda agradeceu terrecido a rexia xenerosidade do monarca por concederlle licenza para ser acompañado na viaxe polo seu fel corvo Brito, paxaro do máis faladeiro, bo conversador e estraño depositario dunha amplísima cultura para aquela época. O corvo, ademais de domear o portugués e o gaélico, era unha autoridade en literatura poética inglesa e paxaro moi versado en Shakespeare, non desdeñando tampouco no seu repertorio as máis ensonadas obras de Lope e Garcilaso. Ás avesas, como ninguén é perfecto, padescía imprevisibles arrabechos de receio, era resentido a sobexo, e o seu alente fedía a vinho verde, eiva esta desculpable se temos en conta que case toda a formación intelectual da ave se desenvolvera entre as zumegantes tinallas dunha tasca de Matosinhos. Xa que o inverno se botaba enriba e a lama ía facer aínda máis enrevesgado o andar de carrelos polas congostras, don

14


Dionís decidiu arranxarse para a marcha. O boticario atempou a data de partida en canto que o seu maltreito cranio deu razoables mostras de consentirlle un aceptable terter, e, tras de acadar de Brito promesa formal de darlle a máxima axuda como lazariño seu, non deixou de reconvilo para que a ave o esclarecese sen esmaio de calquera atranco para facerlle máis levadío o descamiñar. Era ben sinxelo cando ademitiu que sen auxilio seu non podería zafarse das árbores, fochancas, gabias, regatos e barranqueiras que, sen dúbida, os axexaban cruorentos. Era case outubro cando ámbolos dous se despediron do bispo no pazo da Ribeira, xusto a rentes da torre da homenaxe. E, debruzada na fiestra gótica, a donosiña abondosa que fora orixe e remate dos amores furtivos de Saraiba, ollábao, namentres a súa melena loura, tinguindo o aire de dourados matices, se esgremía con desgairo polo efecto do vento outonal. Romántica e tristeira alborada, ouh, si. –Adeus, adeus! –entoou o pelengriño–. De carrelos voume, miña señora, non somentes polo mandado do rei noso señor, senón tamén por no perder de ollo a vosa leda imaxe. Deste xeito decramou Saraiba. E pois se lle adiviñaba a tención de proseguir co esmorecido discurso, Brito, que era paxaro do máis pragmático, interrompeuno, falándolle en verso tal como a ave adoitaba facer: –Fagámonos ó camiño e déixese de baballadas, non sexa que veña o conde a enchernos de labazadas. Coidou o amo que aquel ripio, con ser groseiro, desmandado e corriqueiro, non andaba moi eisento de bo xuízo. Emporiso botou man ó bordón, chuzou a fondo o chapeu e, asentando con procuro as vieiras da súa escravina, deu o primeiro paso atrás.

15


• Ata que a parexa encalzou a fronteira do Miño, o descamiñar púidose considerar un éxito dentro dos lóxicos trascos por causa da dificultade que entrañaba o feito de avantar daquel xeito tan peculiar. É inútile negar que Saraiba sufriu liñazos, tomballadas e burquillóns sen conta. Padeceron atracadas, sentiron o acurramento dos cans, viviron experiencias criminais e apandaron coa inxustiza da Lei. Pero era tan grande a teima de Brito na samaritana tarefa, e tan absoluta a adicación do paxaro, que don Dionís nunca deixaba de gradescerlle o seu bo traballo. O piloto, sempre espelido desde a súa atalaia no lombo do sandador, remanecía vixiante e apercibía o amo con enxemplar afeizón. E cando por culpa da torpedade do camiñante lles sobreviña algún inevitable esvaramento na verea, desculpábanse con melindreira teimosía, coma se a responsabilidade do traspé os canxase a ámbolos dous. Era a deles unha coida esgrevia, imposible, digna de ademiración, e eles eran ben sabedores do inorme grandor da súa aventura. Endalí que o medianeiro resultado, lonxe de amorriñalos, lles dabas novos folgos, de xeito que ás veces mesmo chegaron a se folgar da tresleada pelerinaxe. Non podían atinguir aqueles pallastráns que as verdadeiras enfentas ían chegarlles por enxurradas namais traspoñeren a raia do seu país. As desfeitas comezaron ó apexaren o río. No medio dunha desasurada ceaboga pola neglixencia do barqueiro, o inoportuno bamboleo fixo que tódolos fornecementos de boca se lles perdesen no fondo do quello. Aínda que acadaron escudir do naufraxio un farraquiño de boiantes cacagüetes, ese único humildoso manxar non ía abondarlles cando a fame alucase arreo. Daquela, ó pisaren a beira de Galicia e sentiren como as tripas lles resoaban de agoramento, Brito fixo a primeira arredra encol do lerio. O ave, pouco afeita ós réximes vexetais, rematou enfrontándose ó seu dono con ríspido falar.

16


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.