O pote do ouro (mostra)

Page 1

Calros Solla

O pote do ouro

Novas de tesouros na Galiza


LIMIAR Foi Álvaro Cunqueiro (1911-1981) quen mellor conspirou para que os tesouros, receosos e escorregadizos, se manifestasen e mesmo se volvesen xente de proveito. Así llo recoñeceu Rof Carballo no prólogo ao libro Tesouros novos e vellos (1964).1 Recomendaba o prologuista que, aínda que o mellor xeito de atopar un tesouro é buscalo, cómprelle ao bo “cacheador” investir tempo e actuar ao despiste, é dicir, andar ao cazafello mais con disimulo, refreando con desinterese e desprendemento as reais intencións. A humana cobiza axota os haberes, encóvaos aínda máis nos profundos da terra. De darmos co paradoiro da riqueza, co seu niño reservado, tamén nos fará falla saber dirixirnos aos seus custodios (os encantos) cos requilorios, acenos e cerimonias axeitados. Xaora, non semella tarefa doada. O noso Cunqueiro é, de seu, un quiñón do tesouro público, do tesouro de todos. Só o resplandecente maxín do fénix mindoniense foi quen de falarlles de igual a igual a estas míticas criaturas que, denantes, con discreta e humildosa devoción, estudara ao asexo. Porque, os tesouros son, sen lugar a dúbidas, os seres máis extraordinarios e sublimes da mitoloxía galega. Calquera outro nume –feérico, seráfico ou diábolico– foi concibido polo estro popular para servilos de avatar, espantallo, Un ano antes, Cunqueiro empregárao como discurso co gallo do seu ingreso na Real Academia Galega (Mondoñedo, 21 de abril de 1963). 1

7


séquito ou paladín. Arredor dos máxicos tesouros, enfrascados na súa salvagarda, rebolen mouras, mouros, fadas, serpes, lagartos, demos, trasnos, xigantes ananos...; e a preservación da súa transcendental integridade é leitmotiv nos contos da tradición oral. Cunqueiro intúe: Eu teño pra min que os gardadores de tesouros non son máis que gardadores e non son donos de tesouros, nin foron eles quenes o esconderon e inventaron o encanto, e desfeito iste i entregado o tesouro, quedan probes e vagantes.

O verdadeiro valor do tesouro cunqueirán reside na singular e prodixiosa capacidade do autor para transformar a escoita humilde e paciente nun crisol literario de folclore e erudición. O tesouro da galeguidade, en por xunto ou ao retallo, garda incólume o celme da nosa idiosincrasia. O tesouro encantado, alleo ao líquido a percibir e aínda non alleado, é o cadal anímico e o herdo moral co que sufragarmos a revolución

8


pendente; representa o noso potencial inmaculado, a folla de ruta dun país que, buscándose ás apalpadelas, aínda non deu co potiño na ucheira do contrasol. A procura afouta, incesante e esperanzada da nosa identidade graálica, é metáfora de redención. O tesouro, ora feito incontrovertíbel ora aluada sospeita, simboliza o tarro das esencias do noso pobo-nación, apenas destapado na mitoloxía. Galicia é un país de tesouros escusados nos castros, asolagados nas lagoas, enterrados aquí ou acolá... Escribiu Cunqueiro, e non o fixo a fume de pallas, xa que, verbigracia, foi nunha leira de Caldas de Reis, alá no 1940, onde se achou o depósito de ouro máis importante da Europa prehistórica. Por se non for abondo, velaquí, a maior abastanza: o carneiro alado e o diadema de Ribadeo, o casco de Leiro, os aneis de Santo Estevo de Ribas de Sil, a moeda de Adro Vello, a arracada de Vilar de Santos e a de Baroña, os brazaletes de Lamela, a gargantilla de Agolada, as espirais de Antas de Ulla, o machado de Viladonga e o do areal da Basteira, os torques de Foxado, de Xanceda, da Recadieira, de Burela... E, nun pingar de séculos, as riquezas sepultadas nos pecios de Rande, o meirande tesouro de todos os tempos. O pote do ouro. Novas de tesouros na Galiza é un pequeno catálogo do noso patrimonio material e inmaterial; contante, soante e rutilante, emporiso, oculto, encantado, desbaldido ou extraviado. O contido deste libro, alén do limiar, organízase en catro capítulos:

9


–Capítulo 1: Nova tradución cotexada e iluminada d‟Os tesouros da Galiza, listaxe contida no celebérrimo, apócrifo e polimorfo Libro de san Cibrán ou Ciprianillo: 174 referencias. –Capítulo 2: Escolma de cinco contos de tesouros, narrados por Aurelio Ramos Ogando (93 anos), veciño da Alén (Xirargha-Beariz). E mais razón dos tesouros murmurados ou soñados do antigo concello de Cerdedo e, en especial, da parroquia de San Xoán: os meus tesouros de ao pé da porta: 9 referencias, 21 andrómenas, 17 acubillos e 5 contos. –Capítulo 3: Relación ordenada das noticias que, sobre tesouros certos e incertos, numerarios ou encriptados, foron aparecendo na tona da prensa galega ao longo de case cento vinte anos (1843-1962): 93 referencias. (Total: 319). –Capítulo 4: Sílabo de torques galegos e outras ourivarías. Neste terceiro volume da colección Solea Scripsit, a rareza inefábel do Ciprianillo, a humildosa recolla persoal e a recorrida prensa histórica adoptaron a fasquía dun mapa do tesouro (diría mellor, dos tesouros). Quen se fixer con este libro obterá, polo mesmo prezo, constancia da moita riqueza esparexida pola face do país e, asemade, noticia fiábel do seu aproximado paradoiro. Mais, vaiamos amodo, e seguindo ao pé da letra o consello dos sabios e sabedores que nos precederon na angueira, fagamos das primeiras páxinas deste catálogo o excurso necesario para que o aludido obxecto de desexo non sospeite que devecemos por botalo axiña á taleiga.

10


DE TESOUROS Dicionario RAG: Conxunto de cousas preciosas, como xoias, diñeiro ou obxectos de valor, gardado ou agochado nalgunha parte. Artigo 352 do Código Civil: Enténdese por tesouro, para os efectos da lei, o depósito oculto e ignorado de diñeiro, alfaias ou otros obxectos preciosos, cuxa lexítima pertenza non conste. Tesouros de noso. En setembro de 1896, a revista cubana La Tierra Gallega –que tiña a Curros por director literario– reproducía nos seus números 138-41 o capítulo II de Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia (1895), opúsculo da autoría de Xesús Rodríguez López (1859-1917), publicado en Lugo ese mesmo ano. O médico e escritor lugués, trabucando a mítica mourindade coa sarracenía, afirma: La creencia en los tesoros ocultos, y guardados o no por duendes y encantos, es también originaria del tiempo de los godos, y hoy todavía, para nuestros aldeanos, no hay “castro”, convento derruido o ruinas de cualquier monumento antiguo que no conserve tesoros escondidos; pero se atribuyen abandonados por los moros en su fuga. No ano 1925, Vicente Risco (1884-1963) escribe o conto A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, baseado na crenza popular dos mouros gardadores de tesouros e que lle dará título a unha colección de relatos publicada na editorial Lar: Estámosche preto do Couto de Lourido. Noutro tempo habíache alí un tesouro moi grandísimo, e unha moura encantada, que saía pola mañá moi cedo a peitear os cabelos

11


cun peite de ouro... Había alí unha trabe de ouro e outra de alquitrán. O que non collese o peite de ouro da moura cando lle caese, porque ela o deixaba caer adrede para engaiolar aos homes, e lle dese outro de corno, chegaba a conquerir a trabe de ouro... Dende o berce, os galegos somos aleitados coa disxuntiva do ouro e do chapapote, saíndo malparados as máis das veces por non ben asimilar o costro matrucio.

Mediado o século XX, Risco publica na Revista de Dialectología y Tradiciones Populares (xaneiro de 1950) o artigo “Los tesoros legendarios de Galicia”. No encabezamento, o escritor ourensán deslindaba a xeografía do prodixio: La tradición popular gallega nos presenta el subsuelo del país sembrado de innumerables depósitos de oro, plata y otras materias preciosas. Estos depósitos reciben los nombres de “tesouros”, “haberes”, y menos frecuentemente “gardas” y “acobillos”. Se encuentran de preferencia en los monumentos antiguos: castros, “mámoas” o túmulos, dólmenes, monasterios, castillos feudales, iglesias, pero también muy frecuentemente en las fuentes, en las ruinas antiguas o modernas

12


perdidas en montes o despoblados, o en accidentes naturales del terreno, como las cuevas y “furnas”, “penedos” o peñascos de figura más o menos caprichosa, o que ofrezcan señales o insculturas prehistóricas o marcas de deslindes, e igualmente en las lagunas y estanques y en ciertos lugares de los ríos, especialmente donde las aguas forman remolinos... Ao ano seguinte, Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego), tras a publicación da separata, escribe no vespertino compostelán La Noche (20-2-1951) unha reseña laudatoria do devandito traballo, titulada “Leyendas de tesoros”.

No Dicionario dos seres míticos galegos (1999), que é libro e asemade tesouro, lemos: O tesouro case sempre é de ouro, algunha vez de prata e case nunca de mirra. Pode ter forma de obxecto, animal, mineral, vexetal ou persoa (páx. 235). Salientan os autores deste leredesler que a galiña dos pitos de ouro é o súmmum dos tesouros autóctonos, xa que, de a riolada arregalarnos os ollos, de seu

13


representaría o propio tesouro, o mostreiro do niño, o encanto valedor ou as tres cousas a un tempo. “Toma a miña pobreza e dáme a túa riqueza” é fórmula sabida para estimular a prodigalidade dos haberes revelados ou para persuadir o encanto que os protexe. Tesouros de aquén e de alén mar. En La Noche (20-12-1951), o xornalista Ángel G. Penelas remitía dende Bos Aires a crónica “El mito de América. Todavía nuestra emigración corre en pos de él”. Afirmaba Penelas que, en 1749, o misioneiro xesuíta Florian Paucke, evanxelizador dos indios mocovís, conversara na cidade arxentina de Córdoba cun galego engañado miserablemente por las referencias oídas en su región que, con tanta plata en esta tierra de Indias, hasta los caballos llevaban herraduras de tan noble metal. O xornalista apostila que fueron verdaderas masas de gentes crédulas que vivieron innumerables leyendas que no se desvanecieron aún hasta el siglo XIX, todavía se creía en innumerables tesoros ocultos, y esta alucinación acompañaba a nuestros emigrantes. Meu pai, Manuel Solla, da casa do Gheiteiro de Abelaíndo, emigrou a Venezuela no ano 1957 e, idas e vindas, botou unha década en terras caribeñas. Dicía mi padre que fixera a maleta “pra ser coma todos” e porque os que tornaban non daban contado da fartura das Américas: “os bolívares andan ciscados pola rúa coma ferrán”. Asemade meu pai desembarcou na terminal de pasaxeiros de La Guaira, atopou no chan unha rutilante moeda de prata. Acreditou pois de vez no soño americano, no entanto, o tal bolívar, cuñado en 1954, foi a

14


primeira e a última peza extraviada que o vello achou naquela terra de zamuros e cambures. No entanto, a estadía de Manolo do Gheiteiro en Venezuela foi proveitosa para a familia. Meu pai furou o bolívar de prata e, amuleto de emigrante, levouno ao pescozo pendurado dunha cadeíña. Mesmo así, dous anos despois da marcha de meu pai, La Noche (30-5-1959) dedicáballe a contraportada a unha reportaxe de J. Anrosi (anagrama do frade José Isorna) titulada: “Un franciscano en las selvas americanas. El R. P. Camilo Agrasar halló un tesoro de plata y con ello sufragó la construcción de la catedral de Santa Cruz”. Camilo Agrasar (1860-1960)2 foi un freire da orde fransciscana, natural da Escravitude (Padrón). Exerceu de misioneiro en Marrocos e Bolivia, país este no que residiu durante máis de cinco décadas (1895-1950). Segundo o seu testemuño, o achado dun tesouro na selva boliviana propiciou a construción da catedral de Santa Cruz de la Sierra, concluída en 1915. Agrasar foi visitador apostólico da diocese de Santa Cruz del Beni, territorio no que os colonizadores crían que se podía localizar El Dorado: En 21 meses que duró mi travesía a lo largo de las selvas, recorriendo a pie 124 leguas y comiendo de lo que cazaba en los bosques, durmiendo al aire libre entre serpientes y fieras dañinas, ninguna me molestó jamás. Bauticé y confirmé miles de indios que oían con sumo Adoito, nas publicacións americanas, aparece grafado Agrazar. Camilo Agrasar faleceu o 7 de xaneiro de 1960, a piques de facer os 100 anos de idade.

2

15


respeto y devoción mi predicación. Me daban dones y dineros y jamás acepté nada. Un día el Señor me puso en posesión de un tesoro de plata, escondido bajo tierra, y con eso pude terminar de levantar la catedral de Santa Cruz.

O padre Agrasar pasou os seus últimos días recluído no convento compostelán de San Francisco e no mosteiro asturiano de Valdediós, onde o entrevistou o padre Isorna. Tesouros do cine. O compostelán El Correo Gallego (16-3-1949) anunciaba a estrea en Ferrol do filme O tesouro de Sierra Madre (John Huston, 1948). O xornal empregaba o seguinte reclamo: Aviso a los aventureros. Hay un tesoro fabuloso en polvo de oro para los audaces que se atrevan a correr toda clase de peligros. A película proxectaríase na desaparecida sala Cinema.

16


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.