Page 1

A. Abal Lemos

Muchita Bon

BARBANTESA


Galicia, finais da derradeira década do século XX, nalgunha vila das Rías Baixas…


Un Boca abaixo, as pernas abertas, dobradas cara arriba, os brazos estendidos, as mans tratando de suxeitarse, de aferrarse a algo que non fose aquel húmido e frío aire que lle esmagaba o ventre e o peito, dicíndose que aquilo só podía ser un soño, un pesadelo, e que quería saír del, caía vertixinosamente Muchita no interior dun buraco negro e sen fin, cando un súpeto e forte ruído a espertou. Preguntouse quen demo sería o animal que dera semellante portada, porque aquilo, sen dúbida, fora unha porta ó ser pechada de moi mal xeito, abriu os ollos e ó decatarse de que xa non soñaba, de que se atopaba na súa cama, na recoñecible escuridade do seu dormitorio, sorriu aliviada, dedicoulle un agradecido cumprido ó autor do feito e pensou que había moito tempo que non espertaba sen ter que oír o electrónico e arrepiante zunido do maldito espertador. Logo, remexéndose no medio das tépedas sabas, o corpo subitamente asolagado por unha sensual preguiza, achegouse á outra banda do leito. –Porriño? –murmurou estrañada ó atopalo baleiro–. Pero este tío onde se me meteu? –engadiu incorporándose sobre un cóbado. Un tenue e cantareiro soar de louza percorreu o corredor, traspasou a feble madeira contrachapada da porta e chegou ó interior do cuarto. –Vaia… anda pola cociña, debe ter fame… –díxose, deixando caer a cabeza na almofada. Bocexou, pechou os ollos e, loitando contra o desexo de seguir durmindo, abriunos ó lembrar que ás doce, sen falta, tiña que estar na pizzería. Cun suspiro, estendeu o brazo dereito e sacándoo fóra das sabas prendeu a luz. Os brancos e crus relustros da lámpada fluorescente do teito fixérona pestanexar mentres ollaba cara ó radiorreloxo de plástico vermello, made in China, comprado un par de meses atrás no mercado dos venres a un simpático senegalés.

7


–Merda, se son as tres e vinte! –berrou sentando decontado no leito–. Pero como demo non oín o condenado espertador? Apartou as sabas e enteiramente espida chimpouse no chan. Pensou que a cabeza lle estoupaba. –Deus…! Que dor…! Paréceme que onte me pasei cos cubatas…! –xemeu botando as mans á fronte. Respirando amodiño polo nariz, co propósito de conter a dor que ameazaba con escachifarlle o cerebro, estarrecendo ó sentir nos pés a friaxe do parqué de caobiña importada, buscou as zapatillas ata dar con elas debaixo da mesa de noite. Tras calzalas, abriu o armario e, dun seco tirón, sacou del unha luída bata azul. Vestiuna e sentíndose feble, esmacelada, pensando que tiña que inventar unha boa excusa para Fonso, refregando as sens coas xemas dos dedos, arrastrando as zapatillas, saíu ó corredor e meteuse no cuarto de baño. Da caixa das urxencias colleu un par de aspirinas efervescentes, botounas no vaso do dentífrico, encheuno de auga e mentres agardaba que se disolvesen, abriu a billa da auga quente da bañeira. Un involuntario laio escapoulle da gorxa ó ir recoller o vaso da repisa do lavabo e dar co seu rostro no espello. “Deus, vaia careto! Teño que coidarme…”, matinou examinando compunxida a esmorecida face, as acentuadas olleiras, as inchadas pálpebras. “O desta noite foi moito. Moito, moito… Os anos pasan e claro, nótanse. En canto poida, a primeiros de mes, vou pola de Carme e que me faga unha boa limpeza de cute. Claro que tamén podía deixarme caer alí esta tardiña e… Non, non podo, os cartos son de Petronila… Pero támen podía dicirlle que esquecín a carteira na pizzería e que xa pasarei outro día a pagarlle… Non, a Carme é moi capaz de pedirmos por adiantado. Mellor, logo, paso pola farmacia, compro unha crema rexuvenecedora que non sexa moi cara e de momento vou tirando…” Arredouse do espello, bebeu o contido do vaso dun só grolo e achegándose á bañeira meteu a man baixo o chorro da auga. Fusca-

8


mente, ó atopala xeada, pechou a billa e saíndo ó corredor dirixiuse á cociña. –Apagaches ti o quentador? –preguntou nada máis entrar nela e ver a Patri, a súa filla, comendo sentada á mesa. A rapaza, uns quince anos, longa cabeleira loura, ollos grandes e azuis, corpiño fraco, vestida cuns vaqueiros rompidos por un xeonllo e unha camiseta moura co anagrama da Universidade de Compostela, baixo a cal comezaban a sobresaír uns peitiños de adolescente, respondeu en voz baixa e sen molestarse en erguer os ollos do prato. –Non hai butano, acabouse a bombona… –Pois onte foi xoves e supoño que pasaría o camión… Por que demo non colliches unha? –dixo Muchita, medio encabuxada. –Non me deixaches cartos –respondeu nun súpeto berro Patri. Trala dura resposta pouco lle faltou a Muchita para retrucar de mala maneira. Mais, facendo un esforzo, contívose e agardou a que a rapaza destapase un bote de plástico amarelo e vertese uns chorriños de mostaza por riba das salchichas que tiña no prato. –E o teu irmán? –preguntou ó cabo. –Marchou… –respondeu nun murmurio Patri. –Onde? Ó instituto? Patri encolleu os ombros. –Supoño… Muchita cravou os ollos na rapaza. –E ti? –Só os luns teño clase pola tarde… –Comeu teu irmán? –Non… –E por que non comeu? –Non quixo salchichas… –E non puideches facerlle unha tortilla? –dixo Muchita, cada vez máis amuada polo ton da rapaza.

9


–Non hai ovos nin patacas… –respondeu Patri, remexendo con nugalla un anaco de salchicha na mostaza. –Vaia…! E non sabes ir á tenda e traer? –Non me deixaches cartos… –E iso que importa! –case barballou Muchita–. Non podes dicirlle a Petronila que cho apunte? –Pagácheslle? –preguntou Patri. A dureza, impropia dos seus anos, con que os ollos da rapaza a miraban, fixo que Muchita tardase uns segundos en responder. –Non, non tiven tempo, pero… –Pois eu alí non vou máis ata que lle pagues… –engadiu Patri. –Ti es parva ou que? –berrou Muchita, sen poder xa reprimir o seu enfado–. Que che pasa? Que demo tes hoxe? Patri baixou os ollos e reafirmouse. –Eu á de Petronila non vou máis. –Pero que vergoñenta me estás saíndo, miña filla! Que che pasa? Díxoche algo Petronila? A rapaza meteu un anaco de salchicha na boca e púxose a mastigalo. –Contesta cando se che pregunta! –berrou Muchita, alporizada. –Si! –berrou tamén Patri, erguendo a cabeza. Durante uns longos instantes nai e filla olláronse tensas, desafiantes. Logo, Muchita, acovardada polos mudos reproches que amosaban os ollos da súa filla, desviou os seus, deu media volta, abriu a neveira, colleu unha botella de Coca-cola, tamaño familiar, e bebeu o escaso líquido que quedaba nela. –Está ben, non te preocupes… –falou procurando que a voz lle soase o máis conciliadora posible–. Onte pedinlle un anticipo a Fonso e hoxe, sen falta, vou pasar pola de Petronila e págolle. Mellor dito, vou ir agora mesmo, en canto me vista… E ti, entrementres me dou unha ducha, podías facer unha lista do que fai falta, dígolle que o prepare e logo pasas a recollelo…

10


Patri deixou de peniscar no prato e preguntou: –Hoxe non traballas? –Si, claro que traballo –respondeu axiña Muchita, eludindo de novo os inquisidores ollos da filla–. O que pasa é que Fonso me deu a mañá libre… –Ah! –limitouse a dicir Patri, cortando co garfo outro anaco de salchicha. Muchita pechou a neveira. –E… e Porriño? –preguntou tras un lixeiro gargarexo–. Hai moito que marchou? –Non teño nin idea –respondeu, seca, a rapaza. –Pero que é iso de que non tes nin idea? –soltou Muchita–. Quen bateu a porta hai un pouco? Patri encolleu os ombros. –Sería el… –Pois se foi el é que acaba de saír, non? –Non teño nin idea –repetiu Patri, nun ton aínda máis seco. Muchita non puido conterse. –E dálle con que non tes nin idea! –berrou, perdido o control–. Ou sexa: estás aquí de pasmona! Xa poden vir ladróns e levar todo o que hai na casa que ti non te das conta de nada! –Doume conta de moito! –espetou a rapaza, cravando con forza o garfo nunha salchicha. –Non me contestes dese xeito que son a túa nai! –espetou tamén Muchita, encarándose coa súa filla, a man dereita ameazadoramente aberta no aire. Patri, sen afastar os ollos do prato, ergueu o garfo coa salchicha cravada nel e, dicindo algo polo baixo, dirixiuna cara á boca. –Que fungas, maleducada? –ruxiu Muchita, aferrándolle a man polo pulso de tal xeito que os dentes de Patri se pecharon cun trisco no aire.

11


Por un intre, un silencio, mesto, agoniante, apoderouse da atmosfera da cociña. Logo, a rapaza xirou o rostro, renxeu os dentes e, mirando con ollos feros á súa nai, dixo: –Sóltame, puta! A man esquerda de Muchita, cruzou o aire e estoupou na arrubiada faciana da súa filla. –Puta, puta, puta! –berrou Patri, poñéndose en pé, ceibando a man dun nervioso tirón que varreu a mesa e guindou garfo, prato e salchichas no chan. –Pe… pe… pero que dis… –tatexou Muchita, a cara branca coma un papel, mentres a súa filla, as bágoas anegándolle os ollos, saía da cociña, atravesaba o corredor, abría a porta do piso e fuxía escaleira abaixo deixando o son dunha estrondosa portada no aire. –Puta, chamoume puta! Deus… a miña propia filla chamoume puta! –xemeu perplexa Muchita, ó cabo duns segundos–. Maleducada, mormosa! –engadiu carraxenta, coma se a rapaza aínda estivese alí oíndoa–. Deus, Deus…! Pero quen demo pensa ela que é? Pero quen é ela para chamarme cousa semellante? É que mo contan e non o creo! Deus…! E eu aquí matándome, consumíndome por ela e polo seu irmán, manténdoos a base de moito sacrificio, traballando coma unha escrava nesa maldita pizzería, aturando o que non hai, e mira ti como mo agradece…! Puta, chamándome puta! Deus, Deus… se ela soubese, se ela soubese…! Calou e por uns segundos pechou os ollos, incapaz de atopar palabras coas cales expresar a mestura de indignación e desacougo que sentía. Logo, deixando escapar do peito un amargo laio, sacudiu a cabeza e sen máis achegouse ó vertedoiro. Abriu a porta de debaixo, sacou a bombona de butano, desconectouna e despois de comprobar dándolle uns abaneos que parecía ter gas dabondo para unha ducha, turrou dela ata o pequeno patio exterior e alí trocouna pola do quentador da auga. Despois de acen-

12


delo, correu ó cuarto de baño. Abriu a billa da ducha e en canto notou a auga morna, sacou a bata e meteuse na bañeira. “Esta miña filla cada día está máis parva…”, pensou mentres vertía un pouco de xampú por riba do cabelo. “Mira que chamarme puta… Estache boa… A min chámame puta e ó puteiro do seu pai é que o adora. E iso que o moi cabrón nin se preocupa nin se preocupou nunca por ela e moito menos polo seu irmán. Con darlles catro duros cando chega do mar xa os ten no papo. En fin, vou ter que facer algo. Falar con ela, supoño… porque sei moi ben o que lle pasa. O meu con Porriño non acaba de entrarlle. Tampouco me estraña, a verdade. Esta noite vou ter unha conversa con ela, voulle falar clariño. Despois de todo xa non é unha rapaciña. O ano que vén fai dezaseis anos e ten que decatarse de que… que… pois de que unha muller coma min, aínda moza, ten unhas necesidades, non? Esta noite falo clariño con ela e dígolle que… explícolle que…” –Merda, quedei sen butano! –berrou ó sentir de súpeto a auga fría no seu corpo. Ás présas, tremelicando baixo o xélido chorro, rematou coa ducha. Saíu da bañeira e, afogando unha maldición ó ver que non tiña toalla, recolleu do chan a bata e secouse con ela. –Que horror, estou engordando! –exclamou ó percibir uns nacentes michelíns na cintura–. Pois non me explico como. Debe ser a bebida… Polo menos as tetas non as teño nada mal… –engadiu, apalpando as grosas e rosadas mamilas. Envolta na bata entrou no dormitorio e buscou nos caixóns do armario unha braga limpa. Ó non atopala, resignada, vestiu a mesma que usara o día anterior. –Ben… E que poño hoxe? –preguntouse ó abrochar o suxeitador diante do espello do armario–. Xa sei, a minisaia de coiro e combínoa cun xersei… Non se gustou nin unha chisca cando, despois de remexer no interior do armario e dar con ela, a vestiu e se mirou no espello. A mini-

13


saia oprimíalle a cintura e os michelíns resaltaban dun xeito escandaloso. Desilusionada, buscou de novo e ó dar cun longo xersei vermello de colo de cisne, acordou poñelo cunhas mallas de lycra negras. “Que ben, este xersei é unha chulada. E pensar que é de Toñita e que á moi boba nunca lle gustou… Coa zamarra gris de Porriño estarei total”, cavilou satisfeita diante do espello en canto o vestiu. Despois de poñer uns carpíns de la vermellos, a xogo co xersei, volveu ó cuarto de baño, colleu un cepillo, enchufou o secador e comezou a peitearse. –Vaia, a tintura está indo ó carallo –díxose ó notar que as canas se estaban facendo donas das raíces do seu cabelo vermello–. Esta tarde, sen falta, tamén vou mercar un frasco e pola noitiña aplícoo. Non ben rematou co peiteado, cubriu as olleiras cun fondo de maquillaxe Elizabeth Arden, pillado grazas á oportuna distracción dunha dependenta do Corte Inglés. Logo aplicou colorete nos pómulos, alongou as pestanas con rímmel, perfilou os ollos cunha grosa e negra raia e rematou pintando os beizos dunha relucente cor vermella. De volta no dormitorio, examinouse de novo no espello do armario. “A máis de un váiselle poñer gorda en canto me mire”, pensou sorrindo toda fachendosa da súa figura, mentres repasaba cos dedos o cabelo ata darlle o que ela chamaba un lixeiro e artístico despeiteado. –Ben, agora un chisco de perfume e lista –dixo en voz alta, botando unha ollada polo dormitorio na procura do seu bolso de man–. Vaia! Onde demo o deixei? –engadiu estrañada ó non localizalo por ningures. Buscouno e non tardou moito en dar con el. O bolso, arremedo en plástico negro de pel de crocodilo, estaba no chan, medio agachado debaixo da cama. Recolleuno e del tirou un pequeno frasco de perfume. Ledamente subiu o xersei ata o colo, esparexeu uns chorri-

14


ños polos peitos, ventre, sobacos e logo dun último toque tralas orellas, devolveuno ó bolso. Un súpeto calafrío percorreulle o corpo ó reparar na cremalleira do peto secreto e vela descorrida. –Merda, o Porriño xa me volveu dar o pau! –berrou fóra de si, nada máis rexistralo e descubrir que faltaban os catro billetes de cinco mil pesetas que Fonso, despois de moitos rogos e outras tantas promesas, lle anticipara a noite anterior–. Cabrón, que eses cartos son para Petronila! –engadiu enrabuxada, mentres, coa tola esperanza de que os billetes estivesen no bolso, baleiraba o seu contido enriba da cama. No medio da maraña formada por chaves, acendedor, lapis de beizos, un pequeno rolo de papel hixiénico, unha axenda do Banco de Santander, o perfume, un Tampax engurrado, o carnet de identidade, lentes de sol, unha tarxeta da caixa de aforros, un cepillo do pelo, un estoxo, un paquete de Winston e un tubo de crema para as mans, os únicos cartos que atopou foron unhas moedas, as vinte mil pesetas esvaéceranse, voaran. Dominando o furioso tremor que lle percorría o corpo, contounas: unha moeda de cen pesetas, tres de vinte e cinco e once pesos soltos. –Deus, duascentas trinta pesetas –xemeu desalentada–. E agora que fago eu con isto? Como me presento na de Petronila? Como lle pido que me siga a fiar? Cos dentes apertados, o queixo ríxido, pechou os puños con forza. –Teño que atopalo! Teño que dar con el antes de que mos gaste! –dixo ó cabo duns segundos, collendo cun alporizado movemento o acendedor e o paquete de Winston–. Merda, quedei sen tabaco! –engadiu ó abrilo e ver que non tiña nin un cigarro. Furiosa, chimpouno na mesa de noite e, axiña, apañou todo o que tiña espallado na cama e devolveuno ó bolso.

15


Con el nas mans abandonou o dormitorio. –Cabrón! –berrou ó chegar ó final do corredor e tomar do colgadoiro unha ampla e cincenta zamarra vaqueira. Tras vestila, abriu enerxicamente a porta e saíu do piso pechando cun golpe. –Deus! –exclamou abraiada ó ir baixar a escaleira e caer na conta de que inda levaba nos pés as zapatillas. Quitou do bolso as chaves, abriu a porta, correu ó dormitorio, calzou unhas botiñas negras de media cana e, con toda a présa do mundo, volveu saír do piso.

16

Muchita Bon (mostra)  

Primeiras páxinas do libro de Abal Lemos publicado por Barbantesa.

Muchita Bon (mostra)  

Primeiras páxinas do libro de Abal Lemos publicado por Barbantesa.

Advertisement