María Inés Falconi
Ruído nunha noite de verán Versión libre de Soño dunha noite de verán de William Shakespeare
A Damián, por sempre Puck MARÍA INÉS
A presente adaptación para 19 personaxes pode ser posta en escena con 9 actores, cada un dos cales cobre dous roles, segundo se detalla a continuación: Hipólita / fada 1 Teseo / Puck Exeo / Esfamón / fada 2 Hermia / Catrollos Demetrio / Berbequí Lisandro / Lanzadeira Helena / Lulú Titania / Frauta Oberón / Cartabón
ESPAZO ESCÉNICO A posta en escena orixinal traballouse sobre un espazo único con desniveis, diferenciando con efectos de luz os espazos reais dos feéricos.
MÚSICA E COREOGRAFÍAS A música incidental pode axudar tanto á separación das escenas entre si como a destacar os efectos especiais necesarios. Para o baile das fadas e o número musical de Lanzadeira suxírese utilizar pezas musicais populares, recoñe-
9
cibles para o público. Tanto a presentación como o epílogo que Shakeaspeare pon en boca dos personaxes feéricos están adaptados como cancións que poden ser interpretadas por todos ou parte dos personaxes. A letra adecúase ao ritmo de rap, pero a elección do ritmo que se utilice queda a criterio do director.
10
PRESENTACIÓN Un rap cantado polos actores sitúa sobre o lugar os personaxes e o contido da obra. Prepáranse os festexos para as vodas de Teseo. Un grupo de actores contrataron, pero, señor, son uns retrasados! Pouco antes da cea empezaron os problemas. Vén Exeo reclamar porque a filla non quere casar. Todo nunha noite, todo no verán, todos no bosque, ai, que pasará! Hermia, a filla, escapa con Lisandro e foxen ao bosque, desesperados. Demetrio ségueos, e Helena a Demetrio. Os catro xuntos xa é outro conto. Porque o bosque é reino de fadas, e aí tamén están ás patadas. A reina Titania e o grande Oberón acúsanse de traizón. Todo nunha noite, todo no verán, todos no bosque, ai, que pasará! Así están as cousas, todos mesturados, fadas e animais, trasnos con humanos, ármase unha lea sen igual, onde ninguén o pasa tan mal. 11
Todo nunha noite…? Todo no verán? Onde queda o bosque…? Imos alá! Saen todos.
12
ESCENA 1 Salóns do palacio de Teseo. Entran Teseo e Hipólita facéndose carantoñas. TESEO: Estás contenta, Hipólita…? HIPÓLITA: Moi contenta… Falta tan pouco… TESEO: Tes razón, a hora da nosa voda achégase… Catro días traerán a lúa nova. HIPÓLITA: (Corrixíndoo.) Catro días traerán catro noites, e cada noite, a súa lúa, e tamén as súas estrelas, non hai que esquecer iso. Sempre e cando non estea anubrado, porque en tal caso, haberá catro noites, pero non catro lúas, talvez dúas, talvez tres… TESEO: Ben, ben… pero na cuarta noite… HIPÓLITA: A da lúa nova… TESEO: Esa… Na cuarta noite casaremos. HIPÓLITA: Contas catro noites de lúa, ou catro noites simplemente aínda que estea anubrado? Teseo abre a boca para contestar, pero Hipólita interrómpeo. HIPÓLITA: E outra cousiña… Cabe a posibilidade de que a noite de lúa nova, na que supostamente casaremos, estea anubrado… ou haxa tormenta. En tal caso, será esta lúa nova ou a próxima lúa nova? É dicir, consideramos lúa nova a que podemos ver, ou a que
13
sabemos que está, aínda que non a vexamos? Aínda que se non a vemos, quen podería asegurarnos que está? TESEO: Filóstrato! Queres traerme un calendario, por favor? Hipólita dille algo no oído. TESEO: (A Filóstrato.) E chama ao servizo meteorolóxico, de paso! Resolto por fin o problema meteorolóxico, Teseo intenta bicar a Hipólita, pero a entrada intempestiva de Exeo interrómpeo. Teseo moléstase, pero despois de todo é un duque e sabe como poñerlle ao mal tempo boa cara. En fin, que todo segue sendo un problema meteorolóxico. EXEO: Ai, duque! Sorte que o encontro! (A Hipólita.) Como andan os preparativos? Que nervios, eh?! (Non lle dá tempo a contestar e tampouco lle interesa demasiado a resposta.) Mire, duque, sei que anda ocupado con este asunto do casamento, pero teño que pedirlle un favorciño. TESEO: Vostede dirá, Exeo. EXEO: Sei que non é o momento adecuado, hai tantas cousas que preparar, pero as desgrazas veñen soas e no momento menos oportuno, vostede xa sabe… TESEO: Non se preocupe, Exeo. Que problema ten? EXEO: Que vai ser? A miña filla, coma sempre… Nena, ven, que o duque quere verte. Entra Hermia. Está claro que o seu pai a trouxo á forza, pero como é educadiña, saúda igual. 14
HERMIA: Boas tardes, duque. TESEO: Como estás, querida? Desculpádesme un segundiño? EXEO: Atenda, atenda. TESEO: (Cara a dentro.) Filóstrato! Acórdate de chamar os cómicos que van animar a festa! (A Exeo.) Desculpe, Exeo, pero gústame estar en todos os detalles. Dicía…? EXEO: Non o molestaría se non fose un caso de forza maior, pero esta non fai máis que traerme problemas. Resulta que eu arranxo todo para que poida casar con Demetrio, acórdase que eu lle contara… Demetrio, fillo… pasa, querido… Entra Demetrio, encantado de estar alí. Ten o aspecto do bo rapaz que calquera pai elixiría para a súa filla. DEMETRIO: Salve, duque. TESEO: (A Demetrio.) Como estás? (Volvendo a Exeo. Parece que o asunto vai para longo e a súa paciencia ducal estase esgotando.) Ben, cal é o problema? EXEO: Que esta mocosa agora sáeme con que non quere. TESEO: E iso por que? HERMIA: Porque non o amo. EXEO: Mentira! O que pasa é que o desvergonzado ese de Lisandro… Vamos, ven aquí. Non fagas a mosca morta. Entra Lisandro e saúda coa cabeza. A simple vista podemos darnos conta de por que Exeo non o quere.
15
EXEO: Este desvergonzado encheulle a cabeza, e agora, a nena sáeme con que non quere casar, como lle digo. LISANDRO: Se me permiten, e en vista de que o meu bo nome está sendo difamado por este señor… EXEO: Difamado! Vasme dicir que non compuxeches versos para ela? LISANDRO: É pecado ser poeta, acaso? EXEO: E o porquiño? Quen lle regalou o porquiño de corda? LISANDRO: É só un xoguete… EXEO: Por non falar das cancións á luz da lúa! Unha banda enteira, duque! Unha banda de foraxidos que non deixaba durmir a ninguén, e el cantando con esa voz finxida iso de… LISANDRO: (Canta.) “Antes nunca estiven así de namorado…” Hipólita únese e Hermia cantaruxa contenta. Teseo non pode crer o que está vendo. TESEO: Suficiente! Deixan de cantar e tratan de acomodarse á seriedade que as circunstancias esixen. EXEO: Dáse conta? Podreceulle o pouco cerebro que ten. E que conseguiu? Que a mocosa se me poña en contra. Enténdeme? TESEO: Vou comprendendo. EXEO: Por iso quero que vostede me autorice. Sei que estou no meu dereito, pero quero que ela o oia dos 16
seus propios labios: ou casa con Demetrio ou mátoa, como di a lei. TESEO: Ben… en realidade é unha situación na que non sei se debo intervir… EXEO: Interveña. Interveña sen cargo de conciencia; coma se fose o seu pai. TESEO: Agradézolle a confianza, Exeo, pero… (Como Exeo insiste, Teseo leva á parte a Hermia, disposto a terminar con este asunto canto antes.) A ver, querida, que dis ti? Non cres que sería mellor pensalo un pouco? Tes que facerlle caso ao teu pai, el faino polo teu ben. Despois de todo, este rapaz, Demetrio, é un bo partido. HERMIA: Lisandro tamén. TESEO: Pode ser, pode ser. Non digo que non. Pero a papá Lisandro non lle gusta. HERMIA: O meu pai non ten por que meterse. Son eu a que casa, non el. TESEO: Pero el ten máis experiencia. Non o faría se non pensase que é o mellor para ti. HERMIA: Que meta a experiencia no… EXEO: Nena! HERMIA: Descúlpeme, duque… non sei o que me pon así. EXEO: (Mirando a Lisandro.) Non é moi difícil darse conta. HERMIA: Rógolle que me diga que é o peor que me pode pasar se me nego a casar con Demetrio.
17
TESEO: Segundo as leis de Atenas, deberás perder a vida ou renunciar para sempre á sociedade dos homes. HERMIA: E iso que quere dicir? TESEO: O templo… as vestais… O que nun futuro se chamará “meterte a monxa”. Pénsao ben, querida. Non paga a pena que sacrifiques así a túa vida por este babeco. Unha rapaza tan linda, tan intelixente, tan… Ben, xa me entendes. É un desperdicio que termines nun templo. As que non teñen outro remedio, vale, pero ti… HERMIA: Xa o pensei. Estou decidida a morrer se é necesario, antes que sacrificar a miña virxindade a un home cuxo xugo non podería aceptar. EXEO: Ve o caprichosa que é? TESEO: Insisto en que o penses. Douche de prazo ata a próxima lúa nova. (Rapidamente, a Hipólita, non vaia ser que empece outra vez coas dúbidas meteorolóxicas.) A próxima, aínda que estea anubrado. (A Hermia.) Daquela darasme a túa última palabra: ou casas con Demetrio ou entregas a túa vida ao altar de Diana. HIPÓLITA: Non o pensaría dúas veces. DEMETRIO: Vamos, Hermia, que che custa? E ti, Lisandro… por que non deixas de molestarnos? Está claro que non tes ningunha posibilidade. Con renunciar a Hermia, asunto arranxado. LISANDRO: Renunciar, eu? Para ti sería moito máis sinxelo. Se renuncias a Hermia, podes quedar co seu pai, que che quere tanto.
18
EXEO: Insolente! Maleducado! Claro que o quero, quéroo tanto, que lle entrego a miña propia filla. LISANDRO: Acaso non son tan digno dela como o é Demetrio? Teño igual ou máis fortuna ca el; son bastante máis aposto; polo visto, sei namorala mellor; e coma se todo fose pouco, ela elíxeme a min. Por que non vou pelexar polo que me pertence? DEMETRIO: Porque non che queda outra… LISANDRO: Ben se nota que os favores que che concede este nobre señor fixeron que te namorases de repente da súa filla. DEMETRIO: Que queres dicir? LISANDRO: Que ata onte confesabas estar perdidamente namorado de Helena, creo recordar; cortexábala e facíaslle mil promesas. Vaia tipo elixiu para a súa filla, eh?! De confianza. TESEO: Abonda, Lisandro! É certo que ese rumor chegara aos meus oídos, e xustamente pensaba falarche diso, Demetrio. Farémolo. Farémolo cando teñamos un tempiño. Ben, señores, creo que xa está todo dito. Conforme, Exeo? EXEO: Si, señor duque. Non sabe canto llo agradezo. A ver se dunha vez por todas entra en razón. TESEO: Estiven ben, Hipólita? HIPÓLITA: Con Hermia ou con Exeo? Porque con Exeo coido que si, agora con Hermia eu tería as miñas dúbidas, tendo en conta…
19
TESEO: Está ben, está ben. Déixao así. Vamos, señores, quero pedirlles algúns consellos sobre a festa, por aquí, por favor. Saen Exeo, Teseo, Hipólita e Demetrio conversando animadamente.
20