Page 1

Karen M. McManus

Un de nós mente

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno ☐ merco no ☐ atopou

bro


Para Jack, que sempre me fai rir


PRIMEIRA PARTE

SIMON DI


Capítulo 1

Bronwyn Luns, 24 de setembro, 14:55 Un vídeo porno caseiro. Unha alerta por embarazo. Dous que lles puxeron os cornos ás súas parellas. E iso só son as novidades da semana. Se o único que coñeceses do Instituto Bayview fose a app de lercheo de Simon Kelleher, estaríaste preguntando como atopaba tempo a xente para ir a clase. –Iso xa é vello, Bronwyn –dime unha voz por riba do ombreiro–. Agarda a ver o post de mañá. Merda. Rebéntame que me pillen lendo Oíches isto, sobre todo se é o seu creador quen o fai. Baixo o móbil e pecho dun golpe o meu armario. –A quen lle vas foder a vida esta vez, Simon? Simon aperta o paso para alcanzarme mentres eu avanzo entre a enxurrada de alumnos que se dirixe cara á saída. –É un servizo público –di, facendo un aceno coa man para quitarlle importancia–. Ti dáslle clases de apoio a Reggie Crawley, verdade? Non che gustaría saber que ten unha cámara no cuarto? Nin lle contesto. A idea de que poida acercarme ó dormitorio de Reggie Crawley, que está permanentemente fumado, é tan inverosímil como que a Simon lle naza unha conciencia. –Ademais, estano buscando. Se a xente non se dedicase a mentir e poñer os cornos, eu tería que pechar o negocio. –Os fríos ollos azuis de Simon advirten que as miñas alancadas son cada vez máis longas–. Onde vas con tanta présa? A cubrirte de gloria extracurricular? Quen me dera. Como para burlarse de min, aparece unha alerta no meu móbil: “Adestramento olimpíada matemática, 15:00, café Epoch”. Despois chega unha mensaxe dunha compañeira de equipo: “Veu Evan”. 11


Claro. O guapo atleta matemático –poderíase pensar que é un oxímoro, pero non– parece que só se presenta cando eu non podo ir. –Non exactamente –digo. Como regra xeral, e sobre todo ultimamente, intento darlle a Simon a menor información posible. Empuxamos as portas metálicas verdes da escaleira traseira, unha liña divisoria entre a roña do edificio orixinal do Instituto Bayview e a súa á nova, luminosa e espazosa. Cada ano hai máis familias ricas que foxen da carísima San Diego e se mudan a Bayview, a vinte e cinco quilómetros ó leste, coa esperanza de que co que aforren en impostos poidan pagar unha experiencia educativa mellor que unhas aulas con teitos de gotelé e chans de linóleo rabuñado. Cando chego ó laboratorio do profesor Avery, no terceiro andar, Simon segue pisándome os calcaños, así que dou media volta cos brazos cruzados. –Non tes ningún sitio ó que ir? –Si. Á sala de castigo –di Simon, e agarda a que eu continúe a andar. Como en vez diso agarro o pomo da porta, ponse a rir–. Estás de broma. Ti tamén? Que fixeches? –Acusáronme inxustamente –murmuro, e abro a porta de vez. Hai outros tres alumnos xa sentados, e párome a observalos. Non son o grupo que agardaría. Cunha excepción. Nate Macauley bota lixeiramente a cadeira para atrás e diríxeme un sorrisiño. –Perdícheste? Esta é a sala de castigo, non o consello de estudantes. Sabe do que fala. Nate está constantemente en problemas dende quinto, que debe de ser a última vez que falei con el. Rumoréase que está en liberdade vixiada por… algo. Quizais por conducir borracho. Quizais por traficar con drogas. Todo o mundo sabe que vende, pero os meus coñecementos son puramente teóricos. –Aforra o comentario. O profesor Avery comproba algo nun cartafol e pecha a porta detrás de Simon. As altas fiestras arqueadas, aliñadas na parede posterior, proxectan triángulos de luz do sol da tarde que se derraman sobre o chan, e o leve murmurio do adestramento de fútbol americano elévase dende o campo situado detrás do aparcadoiro que temos debaixo. 12


Tomo asento cando Cooper Clay, que formou unha pelota de béisbol cun folio, murmura: –Atenta, Addy –e lánzaa cara á rapaza que ten xusto en fronte. Addy Prentiss pestanexa, dedícalle un sorriso inseguro e deixa que a pelota caia ó chan. O reloxo da aula avanza cara ás tres, e eu sigo o seu progreso cunha impotente sensación de inxustiza. Non debería estar aquí. Debería estar no café Epoch, flirteando torpemente con Evan Neiman mentres facemos ecuacións diferenciais. O profesor Avery é dos que primeiro castigan e despois non preguntan nada, pero quizá aínda estea a tempo de facelo cambiar de idea. Aclaro a garganta e empezo a levantar a man ata que vexo que o sorriso retranqueiro de Nate se ensancha. –Señor Avery, o teléfono que atopou non é o meu. Non sei como chegou á miña mochila. O meu é este –digo, amosándolle o meu iPhone na súa funda con debuxos de sandías. A verdade é que fai falta ser idiota para levar o móbil ó laboratorio do profesor Avery. Ten unha estrita política antimóbiles, e pasa os primeiros dez minutos de cada clase rexistrando as mochilas coma se fose o xefe de seguridade dunha aeroliña e todos nós estivésemos na lista de sospeitosos. O meu teléfono estaba no meu armariño, coma sempre. –A ti tamén che pasou? –Addy vírase cara a min a tal velocidade que a súa loura melena recendente a xampú ondea sobre os seus ombreiros. Deberon de separala cirurxicamente do seu mozo para que puidese presentarse soa–. No meu caso tampouco era o meu móbil. –Pois xa somos tres –intervén Cooper, co seu acento do sur. Addy e el intercambian unha mirada de sorpresa, e eu pregúntome como é posible que non o soubesen se forman parte do mesmo grupo de amigos. Se cadra a xente superpopular ten cousas mellores que facer que falar sobre castigos inxustos. –Alguén nos fixo unha xogada! –Simon bótase para diante cos cóbados apoiados no pupitre. Parece que lle acaban de dar corda e está preparado para abalanzarse sobre os lercheos frescos. Escrútanos rapidamente ós catro, amoreados no centro da aula, polo demais baleira, antes de deterse en Nate–. Pero por que ía querer alguén tenderlle unha trampa a un puñado 13


de alumnos cun expediente de castigos inmaculado? Parece, non sei, a típica cousa que faría para divertirse alguén que pasa aquí toda a vida. Miro a Nate, pero non me cadra. Preparar unha trampa supón traballo, e en Nate todo ­–dende o revolto pelo moreno á gastada chupa de coiro– di a berros: “Dáme igual todo”. Ou, máis ben, bocéxao. As nosas miradas crúzanse, pero non di nada, limítase a inclinar a cadeira un pouco máis. Un milímetro máis e caerá de costas. Cooper enderéitase na cadeira e fórmaselle unha engurra na súa fronte de Capitán América. –Un momento. Pensaba que todo isto era un malentendido, pero se nos pasou o mesmo a todos, é que a algún imbécil se lle ocorreu esta broma. E estou perdendo o adestramento de béisbol por isto –di, coma se fose un cirurxián cardiovascular ó que lle impediran realizar unha operación para salvar unha vida. O profesor Avery pon os ollos en branco. –Gardade as teorías de conspiración para outro profesor. Eu non o trago. Todos coñecedes a norma que impide traer móbiles á clase, e violástela. –Diríxelle unha mirada especialmente severa a Simon. Os profesores coñecen a existencia de Oíches isto, aínda que non poden facer moito para poñerlle fin. Simon só se refire á xente coas súas iniciais, e nunca menciona abertamente o instituto–. Agora, escoitade. Ides estar aquí ata as catro. Quero que todos fagades unha redacción de cincocentas palabras sobre como a tecnoloxía está botando a perder os institutos estadounidenses. Quen non se axuste a isto, gaña outro castigo para mañá. –Con que o escribimos? –pregunta Addy–. Aquí non hai ordenadores. Na maioría das clases hai Chromebooks, pero o señor Avery, que ten toda a pinta de que debera xubilarse hai dez anos, é irredutible. O señor Avery cruza a aula ata o pupitre de Addy e golpea co dedo a esquina dun caderno amarelo de papel pautado. Todos temos un. –Explore a maxia da escritura á man. É unha arte perdida. O bonito rostro de Addy, que ten forma de corazón, é a imaxe do desconcerto. –Pero como sabemos cando chegamos ás cincocentas palabras? –Contando –responde o señor Avery. Os seus ollos póusanse no teléfono que aínda sosteño na man–. E entrégueme iso, señorita Rojas. 14


–O feito de que me estea confiscando o teléfono por segunda vez non lle dá que pensar? Quen ten dous teléfonos? –pregunto. Nate sorrí, tan brevemente que case non o vexo–. En serio, señor Avery, alguén nos fixo unha broma. O bigote cano do señor Avery menéase, amolado, e estende a man facendo un xesto insistente. –O móbil, señorita Rojas. A menos que queira repetir castigo. –Doullo cun suspiro mentres el lles dedica ós demais unha mirada de desaprobación–. Os teléfonos que lles requisei antes están na miña mesa. Devolveréillelos despois do castigo. Addy e Cooper intercambian unha mirada divertida, probablemente porque os seus verdadeiros teléfonos están a salvo nas súas mochilas. O profesor Avery mete o meu móbil nun caixón, senta na súa mesa, abre un libro e disponse a ignorarnos durante a seguinte hora. Eu saco un bolígrafo, dou uns golpiños con el sobre o meu caderno amarelo e póñome a pensar na redacción. De verdade o señor Avery pensa que a tecnoloxía está botando a perder os institutos? Parece unha afirmación bastante extrema, tendo en conta que falamos duns cantos móbiles metidos de contrabando. Se cadra é unha trampa e o que quere é que o contradigamos, en vez de darlle a razón. Miro a Nate, que está inclinado sobre o seu caderno e escribe: “Os ordenadores son unha merda”, unha e outra vez en maiúsculas. Igual lle estou dando demasiadas voltas.

Cooper Luns, 24 de setembro, 15:05 A man empeza a doerme en cuestión de minutos. Supoño que é patético, pero non lembro a última vez que escribín algo á man. Ademais, estou usando a dereita, cousa que segue sen resultarme natural malia os anos que levo facéndoo. O meu pai insistiu en que aprendese a escribir coa dereita cando estaba en segundo de Primaria, despois de verme lanzar a pelota de béisbol. “Tes un brazo esquerdo de ouro”, díxome. “Non 15


o estragues en merdas sen importancia.” O cal, para el, significa en nada que non sexa lanzar. Foi entón cando empezou a chamarme Cooperstown, como o Salón da Fama do Béisbol. Nada como meterlle un pouco de presión a un neno de oito anos. Simon estira o brazo cara á mochila e empeza a revolver nela e a abrir todas as cremalleiras. Apóiaa sobre as pernas e mira dentro. –Onde carallo está a miña botella de auga? –Nada de falar, señor Kelleher –di o señor Avery sen levantar a vista. –Xa sei, pero… É que me falta a botella de auga. E teño sede. O profesor Avery sinala cara ó lavabo que hai ó fondo da aula, cheo ata arriba de matraces e placas de Petri. –Colla auga vostede mesmo. En silencio. Simon levántase, colle un vaso dunha morea que hai no estante e éncheo de auga da billa. Volve ó seu asento e pousa o vaso no seu pupitre, pero a metódica escritura de Nate parece distraelo. –Meu –di, batendo co tenis contra a pata do pupitre de Nate–. En serio. Fuches ti quen nos meteu eses móbiles na mochila para dar polo cu? Agora o señor Avery si alza a vista e carga a cella. –Dixen “en silencio”, señor Kelleher. Nate bótase para atrás e cruza os brazos. –Por que ía facer iso? Simon encolle os ombreiros. –Por que fas todo o que fas? Para ter compañía durante o castigo que gañaches pola cagada do día? –Unha palabra máis, calquera de vós, e quedades castigados mañá tamén –advirte o señor Avery. Simon abre a boca de todos os xeitos, pero antes de que poida dicir nada oímos un ruído de pneumáticos e un coche chocando contra outro. Addy contén unha exclamación e eu agárrome ó pupitre coma se alguén acabase de golpearme por detrás. Nate, que parece alegrarse da interrupción, é o primeiro en levantarse e achegarse á fiestra. –Quen é tan pailán como para chocar no aparcadoiro do instituto? –pregunta. 16


Bronwyn mira para o profesor Avery como pedíndolle permiso e, cando ve que se levanta da súa mesa, ela tamén se achega á fiestra. Addy séguea, e por último tamén eu me levanto do meu sitio. A ver que está pasando. Apóiome na soleira para mirar, e Simon asómase por detrás de min cunha gargallada de desprezo mentres inspecciona a escena que ten lugar abaixo. Dous coches, un vermello, bastante vello, e outro gris, corrente, chocaron un co outro en ángulo recto. Todos quedamos mirando en silencio ata que o señor Avery solta un suspiro de exasperación. –Será mellor que vaia comprobar que non hai ningún ferido. –Percórrenos a todos coa mirada e identifica a Bronwyn como a máis responsable do grupo–. Señorita Rojas, manteña esta aula baixo control ata que volva. –Moi ben –di Bronwyn, lanzándolle unha mirada nerviosa a Nate. Quedamos xunto á fiestra, contemplando a escena, pero antes de ver aparecer o señor Avery ou calquera outro profesor, ambos os coches acenden o motor e saen do aparcadoiro. –Boh, que baixón –di Simon. Volve ó seu pupitre e colle o seu vaso, pero en vez de sentar paséase pola parte dianteira da aula e inspecciona o póster coa táboa periódica dos elementos. Asómase ó corredor coma se tivese intención de marchar, pero entón vólvese e levanta o vaso coma se estivese brindando–. Alguén quere auga? –Eu –di Addy, sentando na súa cadeira. –Pois sírvete ti mesma, princesa –di Simon cun sorrisiño. Addy pon os ollos en branco e permanece inmóbil mentres Simon se apoia na mesa do profesor Avery–. Porque o de princesa é literal, non? Que vas facer da túa vida agora que pasou a festa de apertura do curso? Que baleiro tan enorme ata a festa de fin de curso! Addy mírame, pero non responde. Non a culpo. O fío dos pensamentos de Simon nunca leva a nada bo cando se trata do noso grupo de amigos. Actúa coma se non lle importase ser popular ou non, pero estaba moi oufano cando a primavera pasada o elixiron membro da corte do baile de fin de ano. Aínda non sei como o conseguiu, a menos que comprase votos a cambio de gardar certos segredos. Porén, non estaba na corte da festa de apertura do curso, a semana pasada. A min elixíronme rei, así que é posible que sexa o seguinte na 17


súa lista de vítimas ás que acosar, ou como carallo queiramos definir iso que fai. –Onde queres chegar, Simon? –pregunto, sentando a carón de Addy. Non é que Addy e eu sexamos superamigos, pero síntome na obriga de defendela. Leva saíndo co meu mellor amigo dende o primeiro ano de instituto, e é boa rapaza. E non o tipo de persoa que sabe facerlle fronte a alguén coma Simon, que non solta o óso. –Ela é unha princesa e ti un deportista –di el. Sinala co queixo a Bronwyn, e logo a Nate–. E ti unha chapona. E ti un delincuente. Sodes os estereotipos perfectos dunha película de adolescentes. –E ti? –pregunta Bronwyn. Primeiro estaba xunto á fiestra, pero agora vai ó seu pupitre e senta encima del. Cruza as pernas e bota a coleta morena por riba do ombreiro. Este ano ten algo que a fai máis guapa. As lentes novas, quizais? O pelo máis longo? De súpeto, parece que controla esa estética entre sexy e chapona. –Eu son o narrador omnisciente –di Simon. Bronwyn levanta as cellas por riba da montura negra das lentes. –Nas películas de adolescentes non hai diso. –Ah, Bronwyn –Simon chíscalle un ollo e bebe a auga dun longo grolo–, pero na vida real si. Dío coma unha ameaza, e pregúntome se ten algo sobre Bronwyn para esa estúpida app súa. Odio esa aplicación. Case todos os meus amigos saíron nela nun momento ou noutro, e ás veces causoulles verdadeiros problemas. O meu amigo Luis e a súa moza romperon por culpa de algo que escribiu Simon. Aínda que era certo que Luis se enleara coa prima da súa moza. Pero aínda así. Esas cousas non deberían publicarse. Xa abonda co que se lerchea polos corredores. E, se son sincero, dáme bastante medo pensar no que pode escribir Simon sobre min se se lle dá por aí. Simon sostén o seu vaso cun aceno de noxo. –Isto sabe coma a merda. Deixa caer o vaso e poño os ollos en branco ante o seu xesto dramático. Mesmo cando se esborralla no chan, sigo crendo que fai o parvo. Pero entón empeza a boquear. Bronwyn é a primeira en levantarse e axeonllarse xunto a el. 18


–Simon –di ela, sacudíndolle o ombreiro–. Estás ben? Que pasou? Podes falar? A súa voz pasa da preocupación ó pánico, e iso fai que me levante. Pero Nate é máis rápido, adiántame e anícase a carón de Bronwyn. –Un bolígrafo –di, examinando o rostro de Simon, vermello coma un tomate–. Tes un bolígrafo? –Simon asente freneticamente, aferrando a gorxa cos dedos. Collo o bolígrafo do meu pupitre e pásollo a Nate, pensando que lle vai facer unha traqueotomía de urxencia, ou algo así. Pero Nate queda mirando para min, estupefacto–. Un bolígrafo de epinefrina –dime, rebuscando na mochila de Simon–. Está a ter unha reacción alérxica. Addy levántase e rodea o corpo cos brazos, sen dicir unha palabra. Bronwyn vólvese cara a min, co rostro ruborizado. –Vou buscar un profesor e chamar a urxencias. Quedade con el, vale? Saca o seu teléfono do caixón do profesor Avery e sae disparada polo corredor. Axeónllome ó lado de Simon. Ten os ollos fóra das cuncas, os beizos azuis e fai uns horribles sons de afogamento. Nate baleira a mochila de Simon no chan e rebusca entre a marfallada de libros, papeis e roupa. –Simon, onde o tes? –pregúntalle, mentres abre de vez o pequeno compartimento frontal e saca dous bolígrafos normais e unhas chaves. Porén, Simon xa non pode falar. Apóiolle unha palma suorenta no ombreiro, coma se iso puidese facerlle algún ben. –Todo vai ben. Todo vai ir ben. Estamos pedindo axuda. –Oio como a miña voz se fai lenta, espesa coma a melaza. En situacións de tensión sempre me sae o acento con forza. Vólvome cara a Nate e pregunto–: Estás seguro de que non atragoou ou algo así? –Se cadra o que precisa é a manobra de Heimlich, e non un puto bolígrafo con medicamento. Nate ignórame e lanza a mochila baleira de Simon para un lado. –Merda! –berra, batendo co puño no chan–. Lévalo encima, Simon? Simon! A Simon póñenselle os ollos en branco cando Nate empeza a buscarlle nos petos, pero non atopa nada, agás un klínex engurrado. Óense sirenas ó lonxe, mentres o profesor Avery e outros dous profesores chegan correndo, seguidos por Bronwyn, aínda pegada ó teléfono. 19


–Non atopamos o bolígrafo de epinefrina –di Nate bruscamente, sinalando a morea de cousas de Simon. Horrorizado, o señor Avery contempla a Simon durante un segundo, coa mandíbula desencaixada, e logo vólvese cara a min. –Cooper, na enfermería hai bolígrafos de epinefrina. Deberían estar etiquetados e á vista. Corre! Lánzome polo corredor, oíndo pasos tras de min que se esvaecen a medida que chego á escaleira traseira e abro a porta de vez. Subo os chanzos de tres en tres ata chegar ó primeiro piso, e esquivo uns cantos alumnos desconcertados para alcanzar a enfermería. A porta está aberta de par a par, pero dentro non hai ninguén. É un espazo pequeno e estreito, cunha padiola ó lado da ventá e un enorme armario gris á miña esquerda. Fago un varrido por toda a estancia e os meus ollos póusanse finalmente sobre dúas caixas brancas fixadas á parede, cunhas letras maiúsculas vermellas. Nunha pon “desfibrilador de urxencia”, na outra, “epinefrina de urxencia”. Pelexo coa pechadura da segunda e ábroa. Dentro non hai nada. Abro a outra caixa, que contén un trebello de plástico co debuxo dun corazón. Estou bastante seguro de que non é iso, así que empezo a revolver o armario gris e a sacar caixas de vendas e aspirinas. Non vexo nada semellante a un bolígrafo. –Cooper, atopáchelos? –A señora Grayson, unha das profesoras que entrara no laboratorio co señor Avery e con Bronwyn, entra na enfermería. Alasa con forza e agarra un costado. Sinalo a caixa baleira fixada na parede. –Deberían estar aí, verdade? Pero non están. –Mira no armario dos medicamentos –di a señora Grayson, ignorando as caixas de vendas dispersas polo chan que demostran que xa o intentei. Aparece outro profesor e revolvemos o cuarto mentres o son das sirenas se achega. Cando abrimos o último armario, a señora Grayson enxuga unha pinga de suor da fronte co dorso da man. –Cooper, vaille dicir ó señor Avery que aínda non atopamos nada. O profesor Contos e eu seguiremos buscando.

20


Chego ó laboratorio do profesor Avery ó mesmo tempo cós sanitarios. Son tres, con uniformes azul escuro. Dous empuxan unha longa padiola branca e un vai correndo por diante para abrir paso entre a pequena multitude que se xuntou ó redor da porta. Agardo ata que todos entraron e métome tras eles. O señor Avery está no chan, xunto ó encerado, coa camisa amarela por fóra do pantalón. –Non atopamos os bolígrafos –dígolle. Pasa unha man trémula polo cabelo raro e cano mentres un dos sanitarios lle crava a Simon unha xiringa e os outros dous o colocan na padiola. –Que Deus axude a ese rapaz –murmura, máis para si que para min, penso. Addy está soa nun lado, e as bágoas córrenlle polas fazulas. Achégome a ela e pásolle un brazo polos ombreiros mentres os sanitarios saen coa padiola de Simon para o corredor. –Pode acompañarnos? –pídelle un deles ó señor Avery. El asente e ségueos, deixando na aula só uns cantos profesores conmocionados e os catro alumnos que estabamos castigados con Simon. Non pasaron nin quince minutos, se non me fallan as contas, pero parece que fosen horas. –Agora está ben? –pregunta Addy, coa voz afogada. Bronwyn suxeita o teléfono entre as palmas das mans, coma se o usase para rezar. Nate, cos brazos en asas, mira en fite a porta, pola que empezan a asomarse máis profesores e alumnos. –Se teño que dicir algo, diría que non –responde.

21


Profile for Rinoceronte Editora

'Un de nós mente' (mostra)  

Primeiras páxinas da novela de Karen M. McManus 'Un de nós mente', traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por Sushi Books no ano...

'Un de nós mente' (mostra)  

Primeiras páxinas da novela de Karen M. McManus 'Un de nós mente', traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por Sushi Books no ano...

Advertisement