Sobre a natureza das cousas (mostra)

Page 1

Sobre a natureza das cousas



Libro I Invocación a Venus (vv. 1-43) Nai dos enéadas1, pracer de homes e deuses, fértil Venus, que baixo os astros escorregadizos do ceo estás presente no mar cheo de naves, e nas terras frutíferas; pois grazas a ti son concibidos todos os seres vivos e ven a luz do sol ao nacer: ante ti, deusa, ante ti foxen os ventos e as nubes do ceo, e cando chegas ti, a terra artificiosa pon baixo os teus pés doces flores, sorriche a superficie do mar e o ceo, sereno, resplandece cunha luz que se estende. Pois tan pronto como se descobre a imaxe primaveral do día e sopra con forza o vento libre do fecundo Favonio2, as aves do ceo anúnciante a ti, deusa, e a túa chegada, cos corazóns axitados pola túa forza. Entón, os rabaños salvaxes brincan ledos polos pastos adiante, e atravesan rápidas correntes de auga: así, cativos do teu encanto, séguente de boa gana a onde os queiras levar. Despois, a través de mares, de montes, de ríos que todo o arrastran, a través dos frondosos fogares das aves e dos campos que reverdecen, infundíndolle a todos no peito doce amor, consegues que propaguen con ansia as súas xeracións por especies. Posto que ti soa gobernas o nacemento das cousas, e sen ti nada xorde nas celestes beiras da luz, nin chega a existir nada alegre nin agradábel, pretendo que sexas a miña aliada 1  Os romanos, considerados descendentes de Eneas, o heroe troiano fillo de Anquises e da deusa Venus. 2  Vento do oeste. 27


Tito Lucrecio Caro

ao escribir estes versos, que trato de compoñer sobre a creación das cousas, para o noso memíada3, quen ti, deusa, quixeches que sempre destacase, distinguido en todo. Por iso, aínda máis, deusa, concédelles aos meus ditos beleza eterna. Fai que, mentres tanto, os feros traballos dos exércitos cesen adormecidos por todos os mares e terras. Pois só ti podes axudar os mortais cunha paz tranquila, porque os feros traballos da guerra gobérnaos o belicoso Mavorte4, que a miúdo se recosta no teu colo, vencido pola eterna ferida do amor: e así, erguendo a vista, coa súa fermosa caluga deixada cara atrás, degoándose por ti, deusa, mantén a mirada de­se­xosa de amor, e pende da túa boca o alento del, recostado. Ilustre deusa, estendida sobre este que se deita no teu divino corpo, derrama doces palabras da túa boca pedindo plácida paz para os romanos. Pois nós non podemos levar isto a cabo con ánimo tranquilo nun momento adverso para a patria, nin a ilustre descendencia de Memio pode faltar en tales circunstancias á salvación común5. Consideración sobre os deuses e presentación da obra (44-61) É necesario que todo o ser dos deuses por si mesmo goce con paz suprema dunha existencia inmortal, afastada e ben separada dos nosos asuntos; pois libre de toda dor, libre de perigos, tendo poder polos seus propios medios e en absoluto necesitado de nós, nin se gaña con bos comportamentos nin se conmove coa ira. 3  Lucrecio refírese a Memio, un nobre romano que chegou a ser propretor en Bitinia e a quen dirixirá toda a obra coma se dun discípulo se tratase. 4  Antigo nome do deus Marte. 5  Lucrecio escribe durante un tempo convulso para Roma, de inestabilidade política. Memio, como bo cidadán, non debe faltar ao seu deber coa patria en caso de conflito bélico, o cal lle imposibilitaría entregarse ao estudo. 28


Sobre a natureza das cousas

Polo demais, Memio, con oídos libres e ánimo sagaz, liberado de preocupacións, aplícate á teoría verdadeira, non sexa que abandones os meus dons, preparados para ti con sincero esforzo, desprezándoos antes de chegar a comprendelos. Pois para ti comezarei a disertar sobre os razoamentos esenciais acerca do ceo e dos deuses, e amosarei os principios das cousas: a partir de onde a natureza crea, fai medrar e alimenta todo, e en onde esa mesma natureza disolve de novo as cousas, tras destruílas. A estes elementos, cando damos unha explicación das cousas, adoitamos chamalos “materia” e “corpos primixenios”, denominalos “sementes das cousas”, e designar tamén estes mesmos como “corpos primarios”, pois a partir deles existen todos os demais. Eloxio de Epicuro (62-79) Cando de xeito odioso a vida humana xacía no chan ante os nosos ollos, esmagada polo peso da relixión, que dende as rexións celestiais amosaba a cabeza, ameazando dende o alto os seres humanos coa súa horríbel presenza, por primeira vez un home grego6 atreveuse a erguer directamente os seus ollos mortais, e foi o primeiro en facerlle fronte. A el non o contiveron nin os rumores sobre os deuses, nin os raios, nin o ceo co seu ruído ameazador, senón que con isto provocan aínda máis a cegadora virtude da súa mente, de modo que arela ser o primeiro en romper os apertados ferrollos das portas da natureza. Así, pois, a forza viva do seu ánimo triunfou e avanzou lonxe, fóra das ardentes murallas do mundo, e percorreu coa súa mente e o seu ánimo toda a inmensidade; tras saír vencedor de alí, cóntanos que pode nacer, que non e, en definitiva, en base a que razón existe unha capacidade limitada para cada un e un fin fondamente establecido. Por

6 Epicuro. 29


Tito Lucrecio Caro

isto a relixión fica esmagada, sometida baixo os nosos pés, e pola contra, a nós a vitoria iguálanos ao ceo. Sacrificio de Ifixenia (80-101) Teño medo de que, no que a isto se refire, vaias pensar que te estás a iniciar nos fundamentos sacrílegos dunha doutrina e que te introduces nun camiño criminal. Ao contrario, a miúdo aquela relixión deu lugar a feitos impíos e criminais. Como na Áulide7, onde os selectos xenerais dos dánaos8, os homes máis ilustres, mancharon torpemente o altar da virxe Trivia9 co sangue de Ifianasa10. Tan pronto como a cinta que arrodeaba os seus virxinais cabelos lle caeu por un e outro lado das meixelas, en canto se decatou de que seu pai ficaba triste e de pé ante o altar, de que ao seu carón os sacerdotes sacrificadores agochaban un coitelo, e de que os cidadáns, ao vela, derramaban bágoas, enmudecida polo medo, botouse ao chan de xeonllos. E á pobre, neses intres, de nada lle podía servir o feito de ter sido a primeira en darlle ao rei o nome de pai, xa que, arrastrada polas mans dos homes, tremendo, foi levada cara ao altar: non para que, unha vez rematada a acostumada solemnidade da cerimonia, puidese ser acompañada dun sonoro himeneo11, senón para que xusto no tempo de casar morrese de forma impura a pesar de ser unha vítima pura, triste, como ofrenda do pai, para que se lle concedese á frota unha partida e un destino favorábeis. A semellantes males foi capaz de incitar a relixión. 7  Antiga cidade de Beocia. 8  Os gregos. 9  Advocación da deusa Diana. 10  Nome que designa a Ifixenia na épica homérica. Foi sacrificada polo seu propio pai e rei de Micenas, Agamenón, para que os deuses fosen favorábeis á expedición grega que partía cara á guerra de Troia. 11  Berro vencellado aos ritos matrimoniais. 30