Os Bandiden (mostra)

Page 1

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro



Dedicado รก Ford Transit 100 L 2.4 D



No que descubrimos a furgoneta dos bandidos e as arroutadas criminais de Kaarlo o Terrible

Secuestráronme a segunda semana de xuño. Foi xenial, porque o verán estaba sendo un aburrimento. Iamos facer unha excursión en bicicleta, pero quedaramos na casa por culpa da chuvia, aínda que chovía moi pouco. Pensabamos ir de cámping, pero a papá presentóuselle un inesperado asunto de traballo e ó final non fomos. “Un bonito plan para estarmos en familia”, dicía sempre papá cando facía plans, pero nunca nos preguntaba a min e á miña irmá o que nos apetecía. De todos os xeitos, como os plans nunca se cumprían, xa non cría ningunha promesa de vacacións de verán. Aquel tórrido día de verán, os catro meteramos as maletas no coche novo de papá e iamos de camiño á casa da avoa, no campo. De todas as opcións posibles para as vacacións de verán, esa era a máis aburrida, polo menos para a miña irmá Vanamo e para min, que estabamos de mal humor xa antes

9


de saír e no coche non parabamos de pelexar por unha bolsa de caramelos. Coa escusa de ser a irmá maior, Vanamo sempre se apoderaba das regalicias, malia saber que o único que eu quería eran os coches de regalicia. Pero ela sempre tiña que amolarme. Velaquí o que ocorría no coche nese momento: –Se non parades de pelexar aí detrás, unha de vós sae do coche antes de chegar á pizzería –ameazou papá. Vanamo sacoume a lingua, na que tiña pegado un coche de regalicia. –Iso. Facédelle caso ó voso pai –intentouno mamá, aínda que ninguén a escoitaba. Mamá non nos miraba. Tiña que manter a vista na estrada para non marearse–. Vilja, filla, non se rouba. É de mala educación e está feo. Coma sempre, eu levaba a culpa e Vanamo saía coa súa. –Ladroa –continuou Vanamo. –Voitre hipócrita –dixen, ó ver que ninguén se poñía da miña parte. Non estabamos en absoluto preparados para o asalto. Era un simple día de vacacións e andabamos pelexando. E xusto nese momento abordounos a furgoneta dos bandidos. Pensándoo agora, despois de vivir varias abordaxes, podo imaxinar facilmente o que ocorrera nese instante na furgoneta dos bandidos. O coche obxectivo, é dicir, o noso, fora detectado mediante un recoñecemento con prismáticos e atopábase tras unha curva. A furgoneta dos bandidos acelerou ata chegar á velocidade de ataque. O brazo telescópico izou polo teito solar a bandeira pirata, que comezou a ondear ó vento. Hilda Bandiden cortou a curva elegantemente, sen minorar a velocidade. Era a raíña dos condutores pirata. Adoitaba conducir en bikini ou cunha camiseta sen mangas,

10


porque xiraba o volante con toda a forza dos seus brazos e entráballe calor. Dentro da furgoneta o resto dos Bandiden estaban preparados para entrar en acción. O xefe, Kaarlo o Terrible, xa se asomaba fóra agarrado a un resorte de lanzamento, coas súas magníficas trenzas de bandido ó vento. Pete Dentedouro aferrábase a outro resorte de lanzamento e ensaiaba o seu arrepiante aceno de bandido. –Xa son maior dabondo para cometer asaltos con vós –dicía Kalle–. Afiei este coiteliño. –Vaia, mira quen tiña o coitelo de pelar –dixo mamá Hilda, sen apartar a mirada da estrada. –Claro, e cando esteas xunto ó coche e teñas que dicir “mans arriba”, poraste a choromicar –afirmou Hele, que, sen preocuparse pola velocidade, pintaba as uñas dos pés, cada unha dunha cor diferente. Hele tiña doce anos e un talento innato para todo, e por iso era a bandida máis perigosa da familia, tan perigosa e feroz que non lle permitían participar nas abordaxes a non ser que fose necesario espertar auténtico terror. Sentada no asento de atrás cos pés en alto, mantiña un equilibrio perfecto, aínda que a furgoneta derrapase cando Hilda pisaba o acelerador. –Faille caso ó teu pai, que sabe o que é mellor –afirmou Pete Dentedouro. Intentou sorrirlle a Kalle dende o resorte de lanzamento, e viuse o brillo dos seus dourados incisivos. A ollos dun descoñecido podía parecer o aceno dun tigre, dun tigre con dous dentes de ouro–. Cando o teu pai diga que estás preparado, será que estás preparado. –Xa –contestou Kalle–. Iso será cando se xubile. Kaarlo o Terrible, agarrado ó resorte, balanceouse ata situarse xusto diante do nariz de Kalle.

11


–Escoita, anano. Non penso xubilarme NUN-CA. Repíteo! Kalle, cos seus nove anos, sentiu medo e risa ó mesmo tempo. –Vale, vale. Non pensas xubilarte NUN-CA. –Son forte e temible, e teño un corpo de aceiro! Coa súa elegante condución, mamá Hilda apareceu coa furgoneta dos bandidos diante do noso BMW, atravesouna na estrada e comezou a conta atrás para o ataque. A conta atrás era importante para que todos puidesen actuar ó mesmo tempo. –Detención… OK. Contacto… OK. Cinco-catro-tresdous, resortes. Á abordaxe! Durante a conta atrás ocorría o seguinte. Tras a palabra “detención” oíase a renxedura dos freos cando a velocidade baixaba a cero. A furgoneta detíñase cambaleando. Ó berro de “contacto”, abríanse ruidosamente as portas dianteiras. Durante a conta atrás, Kaarlo o Terrible e Pete Dentedouro situábanse ben na porta e, usando os resortes, lanzábanse dun gran salto diante do coche obxectivo, exactamente ó tempo que se oía a orde “resortes”. –Non deixedes testemuñas! –berrou Hele, mentres Kaarlo o Terrible e Pete Dentedouro se precipitaban fóra da furgoneta para conseguir a mellor posición de ataque. Diante de nós. Foi rapidísimo. Vanamo creu que se trataba dun reality da tele e non ocultou a súa decepción cando Kaarlo o Terrible nos colleu a min e a bolsa de caramelos do asento de atrás. –Eh, non leves a Vilja, eu son unha concursante moito mellor! Só tiven tempo de facer unha cousa. Cando a man peluda se achegou a min, agarrei o meu caderno rosa, do cal non me separaba nunca.

12


Durante o asalto non houbo resistencia. Desvalixaron o noso coche nun santiamén. A única preocupación de papá era que non lle rascasen o BMW, porque lle quitarían a bonificación do seguro. Unha vez que os bandidos fuxiron a toda velocidade, a miña familia tardou un tempo en decatarse de que faltaba eu. –Ben! –dixo satisfeito Kaarlo o Terrible, de volta na furgoneta co seu botín debaixo do brazo. O seu movemento cambaleante no resorte fixo que se me revolvese o estómago. Nunca me gustaron os aparellos dos parques de atraccións. –Resortes dentro! –ordenou Hilda–. Portas! –Soaron dúas portas–. En marcha… xa! Cunha sonora derrapaxe, a furgoneta dos bandidos arrincou. Só nese momento me dei conta de que me atopaba no vehículo equivocado e de camiño a un lugar descoñecido. –Camaradas bandidos e demais presentes: son cochiños de regalicia! –exclamou Pete Dentedouro, e guindou a bolsa ó asento de atrás–: Alguén ten bo gusto no que respecta ás lambetadas. –Que é iso? –preguntou Hele, que miraba para min botando chispas polos ollos. Cando me puxeron no asento de atrás intentei rabuñar e berrar. Se te secuestran, polo menos tes que armar algo de barullo, non? Pero ninguén me prestaba atención. Todos parecían ocupados intentando adiviñar o valor do botín, é dicir, as cousas de Vanamo, de papá, de mamá e das miñas. Entre elas estaba o pantalón curto con petos laterais de papá e a súa Guía das bagas de Finlandia, coas esquinas das páxinas dobradas de tanto lela; o bikini favorito de mamá, que estaba probando Hilda; o esmalte brillante de Vanamo e os seus

13


adornos para as uñas, que Hele considerou útiles e meteu no seu propio caixón; a caixa de primeiros auxilios para as viaxes de mamá, onde había de todo, dende pomada de cortisona ata crema para o contorno de ollos. Pobre mamá: sen a súa cortisona as picaduras de mosquito causaríanlle unhas ronchas espantosas. Deime de conta de que a min non me roubaran case nada. Só recoñecín o meu forro polar gris con capucha, que levara para as noites frescas de verán e que agora resultaba ser do talle de Kalle. –Eh! –intentei conseguir que me prestasen atención. Só o rapaz da miña idade me observaba con curiosidade. Apartou o forro polar roubado, coma se se sentise culpable. Eu intentei aparentar indiferenza. –Escoitade –a miña voz era só un pequeno murmurio. Como Hilda conducía mirando polo retrovisor en lugar de concentrarse na estrada como debía, a furgoneta cambaleábase aínda máis dun lado a outro. –Kaarlo, que é iso? –preguntou nun ton que converteu a furgoneta nun lugar máis xélido ca unha neveira. –O que? –intentou disimular Kaarlo o Terrible. –Esa nena. Esixo unha explicación! Agora mesmo! Só había alguén máis feroz ca Hele: Hilda cando se enfadaba, e nese instante estaba a piques de facelo. –Sempre andas dicindo que non tomo decisións rápidas –fungou Kaarlo o Terrible–. Que non resolvo as cousas con axilidade, que nestes tempos hai que deixarse levar polo instinto. Pois agora fíxeno! Por unha vez seguín o meu instinto. Exercín o meu papel de xefe á velocidade do raio! E ademais –dixo, dirixíndolle unha mirada de complicidade a Kalle–, antes de xubilarnos todos temos dereito a facer algún roubo por capricho.

14


A furgoneta avanzaba a unha velocidade inimaxinable. Pouco antes circulaba por unha estrada asfaltada, a que usabamos sempre para ir á casa da avoa, pero tras derrapar mediante o freo de man lanzouse por un camiño de terra descoñecido para min. Sabía que nese punto papá perdería de vista o vehículo dos bandidos, se é que intentara seguirnos. Atopábame completamente soa nunha furgoneta con aquela terrorífica xente. –Ben feito –dixo Kaarlo o Terrible. Nese momento desistín de mirar a estrada ás nosas costas. Ollei ó meu redor. Na parte posterior da furgoneta había dúas butacas, unha en fronte da outra, e no medio unha mesiña, agora pregada contra a parede do habitáculo. A furgoneta estaba chea de agochos, sacos colgados e caixóns debaixo dos asentos, mesas despregables e colchóns enrolados que asomaban por detrás dos respaldos. Todos parecían saber onde se atopaba cada cousa. A min puxéranme no asento do fondo. Examinei a estraña decoración das ventás: unha fileira de bonecas Barbie colgadas polo pescozo, todas con moño e un perfecto aspecto de bandido. Cada detalle parecía subliñar o normal e corrente que era eu, e o estraño e hostil que era o mundo ó que me arrastraran. Non me atrevía sequera a pensar no enorme perigo que podía correr. –E non sería mellor…? –comezou a dicir Hilda cautamente–. Aínda podemos dar a volta… –NIN-FA-LAR –interrompeuna Kaarlo o Terrible–. Diso nada. Non imos dar a volta. Estiven toda a primavera oíndo como vos queixabades do sós que estades. Pois, ala, aí tendes unha amiga. –Pero os amigos non se poden secuestrar –protestou Kalle–. A cousa non funciona así.

15


Dirixinlle unha mirada agradecida. Talvez el puidese convencelos para que cambiasen de decisión. Se me deixaban, seguramente atoparía a alguén que me axudase. –Pois agora funciona así –contestou Kaarlo o Terrible–. É unha orde do xefe. Para a miña sorpresa, todos asentiron, e morreu o conto. Nas familias de bandidos obedécese a xerarquía. Foi a miña primeira lección sobre a vida diaria dos Bandiden, e renunciei ás miñas últimas esperanzas. Durante a longa viaxe en furgoneta dispuxen de tempo dabondo para estudar a familia de bandidos. Non me ataran nin me vendaran os ollos, como nos secuestros das películas. De feito, non parecían ser conscientes de que tiñan unha observadora entre eles. Observei os frenéticos e expresivos xestos de Kaarlo o Terrible, e a Hilda, que parecía ir sempre un paso por diante do seu marido: despois da merenda el tombárase nunha hamaca que ela lle preparara só un instante antes. Pete Dentedouro movíase entre eles coma un fío que os mantiña unidos, un fío torpe e dourado ó cal durante bastante tempo non entendía cando falaba. Pero sobre todo observaba os nenos. A Kalle, que me miraba de esguello, e a Hele, un par de anos maior, vestida con pantalón de camuflaxe e a única que parecía decatarse de que os estaba examinando. –Mira canto queiras. É gratis –declarou Hele, non enfadada, senón deixando caer as cousas–. Pero se anotas algo, vouno ler. Miroume atentamente durante un longo anaco, coma un tiburón que axexa os nadadores na superficie do mar. Pola tarde, a furgoneta detívose nun tranquilo bosquete de amieiros á beira dun lago. Hele tiña calor e apetecíalle nadar.

16


E iso fixemos. Así, polas boas, deixamos de fuxir e parámonos a bañarnos como persoas normais e correntes. A ninguén se lle pasou pola cabeza atarme. –De verdade, soltádeme. Daranvos un bo rescate –insistín polo menos por décima vez. –Non podemos –contestou Kaarlo o Terrible, revolvendo na súa vella bolsa de viaxe na procura do traxe de baño–. Recoiro!, isto encolleu dende o verán pasado. A cintura apértame tanto que vou ter que roubar pronto un novo. Parecía que os demais se ían botar a rir. Kaarlo o Terrible non estaba precisamente delgado, e o traxe de baño éralle polo menos dous talles máis pequeno. –Si, temos que encargarnos diso –conveu Hilda, esforzándose por poñer voz seria. –E por que non? –quixen saber–. Por que non me podedes soltar? Hele correu á auga e empezou a nadar a crol cun estilo perfecto, case sen facer ruído. –Ese non é o noso ramo. O noso é roubar, iso si que o sabemos facer –replicou Kaarlo o Terrible. Colleu unha tesoira e cortou pola metade as perneiras duns enormes calzóns longos–. Velaquí un traxe de baño! –E seguiu dicíndome con ton solemne–: Ti non podes sabelo, pero temos unha reputación que manter. –E na festa de verán vai causar sensación que teñamos unha prisioneira. Será o máximo –dixo Pete Dentedouro cun suspiro de satisfacción dende a súa hamaca–. Isto devólvelle o seu toque especial ó negocio. As cousas feitas con arte e estilo, como se facía antes. Como facía o Gran Parnanen –declarou con fervor. –Como facía o Gran Parnanen –repetiu Kaarlo o Terrible.

17


Secouse con brío, malia que só mollara as dedas e anunciou que a auga estaba demasiado fría para unha persoa co estatus de xefe. –O de prisioneira é un termo terriblemente insulso –dixo Hilda alongándome unha bolsa. Eran caramelos, de Vanamo e meus, para ser exactos. Inclinouse cara a min con aire maternal–. Mágoa que xa non queden cochiños de regalicia. Parécesme unha rapaza á que lle gustan os cochiños de regalicia. –Persoa capturada –propuxo Kaarlo o Terrible con solemnidade. Sentou e colocou as trenzas para diante–. Temos a gran vantaxe de contar cunha persoa capturada no noso campamento. Eu chuchaba sen gana unha gominola de froita e seguía atentamente a conversa porque quería reunir cada migalla de información que puidese axudarme a escapar. Decidira fuxir se o pai dos bandidos non accedía a soltarme. Así que participaban nunha festa de verán… Rexistrei esa información no meu cerebro. Bo sabelo. Aínda que intentaría non estar con eles para entón, como moi tarde fuxiría durante o rebumbio da festa de verán. –Pero é que non queredes unha enorme suma de diñeiro? –atrevinme a preguntar finalmente. Canto estaría disposto a soltar o agarrado do meu pai chegado o momento? Seguramente nin a metade que polo seu coche. Na fin de contas, aínda lles quedaba Vanamo. –Que? –preguntou Kaarlo o Terrible, que mastigaba o último cochiño de regalicia, para a miña irritación. Non poder comer as miñas lambetadas preferidas facía que me sentise coma na casa. Pete Dentedouro botouse a rir.

18


–Peidos de rato, Kaarlo. A rapaza refírese ós peidos de rato. A conversa estábase volvendo moi estraña. –Querida pícara, nós non facemos nada cos peidos de rato –dixo Kaarlo o Terrible, axitando na man un cochiño medio rillado. Polo menos a miña irmá nunca fixera iso–. Para que os iamos querer? –Pero entón que é o que roubades? –preguntei, estupefacta. –É que queres unha lista? –dixo Hele con desgana, e sacudiu a auga dos oídos. Tombouse nunha hamaca baleira e púxose a follear a revista de música que roubara da bolsa de Vanamo. –Por que non? –repliquei, desafiante. Fun buscar o meu caderno á furgoneta e aguantei que Hele se burlase das súas tapas rosas e do seu estampado de flores. Collín un boli da guanteira e axiteino encima do papel ata que os Bandiden comprenderon que pensaba escribir segundo me fosen ditando.

19


O BOTÍN FAVORITO DA FAMILIA BANDIDEN Recompilado e apuntado por Vilja 1) caramelos, especialmente barquiños de framboesa (Hilda), chocolate (Kaarlo), regalicia (Kalle), regalicia picante con sal (Pete, Kaarlo, Hele) 2) galletas, sobre todo as recubertas de azucre ou reenchidas de marmelada 3) carne (para o asado estilo bandido de Kaarlo) 4) mostaza 5) outros alimentos, en especial patacas novas, chícharos, amorodos e outros froitos do bosque, bocadillos e pasteis caseiros, pizza e outros tipos de comida semipreparada ben graxenta 6) bonecas Barbie (para a colección de Hele) 7) lectura: xornais e libros 8) unha baralla completa (na actual falta o oito de picas) 9) unha cana de pescar en condicións 10) unha pequena tenda de campaña para solucionar as pelexas á hora de durmir Obxectivos actuais: xogo de cróquet (Kalle), neveira pequena de viaxe (Hilda), fervedoiro eléctrico que consuma pouco, un mozo guapo (Hele)

20


–Maldición –soltou Hele–. Borra o último. Kalle, nuns momentos vas estar morto! Kalle riu e escapou correndo, pero tropezou coa raíz dun piñeiro e saíu voando. Hele saltoulle encima. Preferín non contemplar o masacre. En canto a lista estivo terminada, arrebatáronma das mans. –Esta lista é útil –dixo Hilda–. Imos colocala no lado do copiloto. Así poderemos darlle unha ollada antes dos asaltos. –Xenial –opinou Pete Dentedouro. Os adultos estaban totalmente fascinados coa lista–. Sabedes que xa hai un ano que non temos o oito de picas? Que horror. E nin me fixara. Temos que conseguir esa baralla. Pensei que a lista os convencería de que sería aconsellable soltarme. Eu non era un botín normal e corrente, e podían conseguir un bo rescate por min, pero as cousas non ocorreron exactamente así. –Unha cousa máis –engadiu Kaarlo o Terrible. –Que, xefe? –preguntou rapidamente Pete Dentedouro. –Esta é unha noticia boa para nós e mala para ti, nena –dixo Kaarlo, e meteu as mans por dentro da cintura do pantalón, como facía cando se sentía moi satisfeito–. Agora non nos podemos permitir deixarte marchar. Es o noso mellor botín dende hai moito tempo. Es realmente lista.

21