Page 1

Tove Jansson

O libro do verán

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro


Baño matinal Era unha calorosa mañá de xullo, e pola noite chovera. A rocha espida fumegaba, pero o musgo e as fendas estaban enchoupados de humidade, e todas as cores se volveran máis intensas. Ó pé da terraza a vexetación, aínda inmersa nas sombras da mañá, parecía unha selva tropical, todo cheo de tupidas follas e flores que a avoa tiña que ter coidado de non romper mentres rebuscaba, tapando a boca coa man, sempre con medo a perder o equilibrio. –Que fas? –preguntou a pequena Sophia. –Nada –respondeu a avoa–. Ben, si –engadiu irritada–, estou buscando a dentadura postiza. –Onde che caeu? –Aquí –respondeu a avoa–. Estaba aquí mesmo, e caeume entre as peonias. Puxéronse a buscar xuntas. –Déixame a min –dixo Sophia–. Ti apenas te mantés en pé! Aparta. Internouse baixo o florido teito do xardín, arrastrándose entre os talos verdes. Estábase moi ben alí debaixo, naquel lugar prohibido, sobre a terra negra e branda, e velaí estaba a dentadura, branca e rosa, coa súa fila completa de vellos dentes. –Xa a teño! –exclamou a nena, e levantouse–. Pona. –Pero non mires –dixo a avoa–. Isto é algo íntimo. Sophia escondeu a dentadura detrás das costas. –Quero mirar –dixo.

7


Entón a avoa puxo a dentadura nun momento, cun ruído seco. A verdade é que non tiña nada de interesante. –Cando vas morrer? –preguntou a nena. –Pronto –respondeu a avoa–, pero iso non é cousa túa. –Por que? –insistiu Sophia. A avoa non contestou. Dirixiuse á rocha e continuou en dirección ó fondal. –Está prohibido! –berrou Sophia. –Xa o sei –dixo a avoa con desdén–. Nin ti nin eu temos permiso para achegarnos ó fondal, pero o teu pai está a durmir e non saberá nada. Cruzaron a laxe, esvaradía polo musgo. O sol estaba máis alto, e todo fumegaba. A illa enteira estaba cuberta pola brétema e irradiaba beleza. –Cavan un buraco? –preguntou a nena, con dozura. –Si –respondeu a avoa–. Un buraco grande. –E engadiu, con retranca–: Tan grande que caberemos todos nel. –Por que? –preguntou a nena. Seguiron cara ó promontorio. –Nunca cheguei tan lonxe –dixo a nena–. E ti? –Tampouco –respondeu a avoa. Foron ata o extremo do pequeno promontorio, onde a rocha se afundía na auga e formaba terrazas cada vez máis sombrías, bordeadas por unha franxa de algas de cor verde clara que se mexían ó ritmo das ondas. –Quero bañarme –dixo a nena, esperando unha negativa que non chegou. Entón espiuse lenta e aprehensivamente. A xente que che deixa facer o que queres non é de fiar. Meteu unha perna na auga e dixo: –Está fría.

8


–Claro que está fría –respondeu a vella, pensando noutra cousa–. Que esperabas? A nena meteuse na auga ata a cintura e agardou, toda tesa. –Nada –dixo a avoa–. Sabes nadar. “Que profunda é a auga”, pensou Sophia. “Esquece que nunca nadei na auga profunda sen alguén ó meu lado.” Así que saíu da auga, sentou na rocha e dixo: –Seguro que hoxe vai bo día. O sol seguía subindo. Toda a illa relucía, e tamén o mar, e o aire era moi lixeiro. –Sei lanzarme á auga –dixo Sophia–. Sabes o que ocorre cando unha se lanza? –Claro que sei –respondeu a avoa–. Déixase todo, cóllese impulso e sáltase. Séntense as algas nas pernas, e son escuras, e a auga é clara, máis clara por arriba, e hai burbullas. E afúndeste na auga. Contés a respiración e afúndeste, e logo dás a volta e sobes. Déixaste subir e respiras. E logo aboias. Só fas iso: aboiar. –E todo o tempo cos ollos abertos –dixo Sophia. –Naturalmente. Ninguén se lanza cos ollos pechados. –Cres que son capaz, aínda que non me vexas facelo? –preguntou a nena. –Claro, claro –respondeu a avoa–. Vístete e vamos para a casa antes de que esperte o teu pai. Empezaba a notar o primeiro cansazo. “Cando esteamos na casa”, pensou a avoa, “coido que me vou deitar un anaco. E teño que acordarme de dicirlle que a nena aínda ten medo da auga profunda.”

9


10


Luar Unha vez, en abril, houbo lúa chea, e o mar estaba cuberto de xeo. Sophia espertou e lembrouse de que se atopaba outra vez na illa e que tiña a súa propia cama, porque a súa nai morrera. A estufa aínda estaba acesa, e as chamas reflectíanse no teito, onde colgaran as botas a secar. A nena puxo os pés no chan, que aínda estaba moi frío, e mirou pola fiestra. O xeo era negro, e no medio del viu a porta da estufa aberta e o lume que ardía, ou mellor dito, dúas portas moi xuntas. Na segunda fiestra os lumes ardían na terra, e pola terceira viu o reflexo de todo o cuarto: baúis, caixóns e caixas coas tapas abertas, cheos de musgo, neve e palla, todo aberto e co fondo negro coma o carbón. Viu dúas nenas na rocha, e no medio delas medraba a sorbeira. Ás súas costas o ceo era azul escuro. Volveu deitarse e mirou o lume que bailaba no teito, mentres a illa se ía achegando á casa, cada vez máis. Estaban durmindo preto dunha praia, coas folerpas de neve sobre a manta, e debaixo delas o xeo volvíase cada máis escuro e comezaba a escorregar ós poucos abríase unha canle no chan, e toda a súa equipaxe saía flotando polo luar. Todas as maletas estaban abertas e cheas de escuridade e de musgo, e íanse para non volver. Sophia alongou o brazo e tiroulle da trenza á avoa con moito coidado. A avoa espertou inmediatamente. –Escoita –dixo Sophia nun murmurio–, vin dous lumes na fiestra. Por que hai dous e non un só?

11


A avoa pensouno e contestou: –Pois porque temos vidros dobres. Ó cabo dun anaco Sophia preguntou: –Estás segura de que a porta está pechada? –Está aberta –respondeu a avoa–. Sempre está aberta, podes durmir tranquila. Sophia envolveuse na manta. Deixou que a illa se afastase escorregando sobre o xeo, cara ó horizonte. Xusto antes de que adormecese, o seu pai levantouse e puxo máis leña na estufa.

12

Profile for Rinoceronte Editora

O libro do verán (mostra)  

Primeiras páxinas d'O libro do verán, de Tove Jansson, publicado por Sushi Books no ano 2018. Dispoñible aquí: http://rinoceronte.gal/sushib...

O libro do verán (mostra)  

Primeiras páxinas d'O libro do verán, de Tove Jansson, publicado por Sushi Books no ano 2018. Dispoñible aquí: http://rinoceronte.gal/sushib...

Advertisement