Page 1

Anónimo

Adiviñas medievais do Libro de Exeter Tradución do inglés antigo, introdución e notas de Jorge L. Bueno Alonso


1 Hwylc is hæleþa

þæs horsc ond þæs hygecræftig…

Quen hai tan espelido, tan listo que poida dicir quen me dirixe no camiño, cando, cheo de fereza, me ergo con forza, berro con braveza e ás veces vou pola terra toda traendo a ruína, queimando as casas da xente, saqueando salvaxemente as súas moradas? Érguese gris o fume polos teitos todos. Bourea a terra e morren de mala morte os homes, cando sacudo forestas e arboredos de florecentes follas e tombo as árbores todas. Ateigado de auga, o poder potente das alturas faime levar a destrución por todos os lados. Carrexo nas miñas costas as correntes que outrora cubrían as almas e os corpos mergullados dos moradores do mundo. Di quen me agocha ou como me chamo eu, o que carrexa semellante carga.

25


2 Hwilum ic gewite    swa ne wenaþ men… Ás veces voume, cando ninguén o espera, ao máis fondo do mundo, ao chan do mar baixo o bater das ondas. Bole o océano, salta a escuma (…) O mar cetáceo brúa e brama ben forte. As vagas baten nas beiras e botan feramente seixos e area, algas e ondas, lonxe dos salagres cantís, cando eu, cuberto pola forza do océano, loitando lixeiro, remexo nas vastas chairas do fondo mariño. Fuxir da auga que me cingue non podo, ata ter o permiso daquel que pilota as miñas viaxes. Dime, home sabio, quen me separa do apreixo do mar cando acougan as correntes e fican calmas as ondas que antes me cubrían.

26


3 Hwilum mec min frēa    fæste genearwað… Ás veces, o meu señor suxéitame fortemente e despois ponme baixo praderías fértiles de fonda inmensidade, e mándame ficar nelas, e frea con forza a miña fereza na escuridade desa terra gardiá que teño enriba das miñas costas; non teño maneira de marchar desa miseria, por iso removo os fundamentos do fogar dos homes, e así cambalean os salóns coroados con cornos, morada dos homes, e tremen os muros das casas. Silente semella o mar e calmo o ar sobre a terra ata que xurdo do meu encerro dun xeito forte porque así mo di aquel que me dirixe, ese que no principio me puxo primeiro nesta prisión para que non puidese fuxir do poder daquel que me amosa o camiño. Ás veces mergúllome no mar, remexendo nel; ergo as ondas e fago que a forza da corrente, coa cor coma o pedernal, chegue á beira. Pelexan cos cantís as ondas escumantes e das profundidades, unha vaga coma un monte xorde dun xeito fero e tras desa negrume mariña vén outra vaga maior e ambas as dúas baten nos cantís preto da costa. Énchese entón o barco cos berros dos mariñeiros mentres os cantís agardan a fereza da escuma, o bater das ondas na baía, e a vaidosa mariñeiría que se dirixe dereita cara a eles. 27


Adiviñas medievais do Libro de Exeter

O navío ten agora unha cruel contenda fronte a el se o mar decide levalo por diante co seu frete de almas neste fero intre, e roubarlle o rumbo, a vida naquela rifa, lanzándoo cuberto de escuma ás costas do cachón. Diante destes homes aparece entón o terror que teño que respectar cando vou bruando polo meu violento vieiro. Quen será capaz de darlle calma? Ás veces crebo as nubes que cabalgan nas miñas costas coma cubas cheas de auga, ciscando o seu contido por todos os lados; ás veces deixo que volvan xuntas en calma. Cando coliden dúas nubes de cantos afiados resoa sobre as cidades o meirande dos ruídos, a maior das crebaduras. Cobren con présa o pobo cunha suor de lume e labaradas fulxentes, e tronan os nubeiros sobre a xente toda cun balbordo como de batalla, e botan por riba deles choiva escura que viña do seu ventre. Avanza este escuro exército causando un tremor crecente no corazón da xente, e xorde o terror e mais o medo nas cidades cando estes escuros espectros que se moven con lentitude lanzan as súas armas de forte fío. Só un tolo non lles tería terror ás lanzas mortais; aínda así, morres do mesmo xeito se Deus deixa que che dea unha desas frechas que con fereza saen da choiva entre a treboada e os tronos. Poucos quedan sans se lles cae un raio enriba. Son a orixe desta desfeita, cando xurdo polas nubes que se creban 28


Adiviñas medievais do Libro de Exeter

e paso con forza polo tempestuoso torrente que cae das alturas, coma tropas enfrontadas en combate. Entón, pasado un tempo, baixo preto da terra cuberta polo manto do ar, levando lixeira nas costas parte da miña carga, pois tal mo demanda o meu dono. Sonche unha serva poderosa; ás veces pelexo baixo a terra, ás veces descendo baixo as ondas, ás veces remexo o mar enteiro por riba del, movendo as augas; ás veces marcho polas nubes moi lonxe, lixeira, ben forte. Di o meu nome quen me ergue cando non dou descansado, quen me acouga cando estou queda.

29


4 Ic sceal þragbysig    þegne minum… Chea de aneis, teño traballo a miúdo e fago o que me manda aquel a quen sirvo con presteza, partindo o meu leito. Saben de min polo son que fai a corda que pendura do meu pescozo. Ás veces homes e mulleres veñen darme saúdos cando estou ben durmida. Doulles fera resposta chea de frío inverno. Un membro morno (…) afrouxa ás veces a corda que me cingue, cousa que lle agrada a quen sirvo –un home medio parvo– e a min mesma, se algo soubese e fose quen de resolver con palabras xeitosas esta pregunta enxeñosa.

30

Profile for Rinoceronte Editora

Adiviñas medievais do Libro de Exeter  

Primeiras páxinas da tradución ao galego das Adiviñas medievais do Libro de Exeter, traducidas ao galego por Jorge L. Bueno Alonso e publica...

Adiviñas medievais do Libro de Exeter  

Primeiras páxinas da tradución ao galego das Adiviñas medievais do Libro de Exeter, traducidas ao galego por Jorge L. Bueno Alonso e publica...

Advertisement

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded