Page 1

Vyāsa

Bhagavad Gītā Tradución do sánscrito, introdución e notas de Iván Sende


Un Dhṛtarāṣṭra: 1. Dime, Sañjaya,22 que foi o que fixeron os meus fillos e os fillos de Pāṇḍu cando se reuniron nas sagradas terras de Kurukṣetra,23 desexosos de loitar? Sañjaya: 2. Vendo como se reunían as forzas dos Pandavas, o rei, Duryodhana, foi onda o seu mestre24 e díxolle: 3. “Olla, mestre, o grande exército dos fillos de Pāṇḍu, está formado seguindo as instrucións do teu intelixente discípulo, o fillo de Drupada! 4. Hai heroes nas súas filas, poderosos arqueiros como Bhīma ou Arjuna, Yuyudhāna ou Virāṭa, e tamén grandes guerreiros como Drupada, 5. Dhṛṣṭaketu, Cekitāna, e o afouto rei de Kāśi, Purujit e Kuntibhoja, e mesmo Śāibya, forte coma un touro. 6. Teñen nas súas filas o poderoso Yudhāmanyu, e o valente Uttamāujas, o fillo de Subhadrā e os fillos de Drāupadī, todos eles grandes combatentes. 22  Xusto antes de que comece o enfrontamento, o sabio Vyāsa ofrécelle ao rei Dhṛtarāṣṭra, cego de nacemento, a posibilidade de presenciar o combate por medio da visión divina, pero Dhṛtarāṣṭra rexeita tal ofrecemento, pois considera que será demasiado doloroso ver por si mesmo como os seus fillos e os seus sobriños se destrúen mutuamente. Entón Vyāsa dálle o poder da visión total a Sañjaya, conselleiro de Dhṛtarāṣṭra, que de agora en diante relatará para o nobre invidente todo o que acontece no campo de batalla. 23  Kurukṣetra, a terra (cidade, lugar, ámbito) dos Kurus. Antigamente, este territorio pertencía ao Punjab; hoxe en día forma parte do estado indio de Haryana. 24  O mestre nas artes da guerra, Droṇa. 23


Un

7. Tamén vou nomear para ti, que sobresaes entre os nados dúas veces,25 os nosos mellores guerreiros, os líderes do meu exército: 8. estades ti, Bhīṣma, Karṇa, e Kṛpa, sempre vitorioso na contenda, Aśvatthāmā e Vikarṇa, e tamén o fillo de Somadatta. 9. E hai moitos outros heroes dispostos a arriscar a súa vida por min. Todos eles están adestrados na loita e ben armados. 10. Temos forza dabondo e estamos protexidos por Bhīṣma,26 mentres que eles, baixo a protección de Bhīma, carecen de tal poder. 11. Neste intre todos debedes protexer a Bhīṣma, cada quen dende o lugar que lle corresponde de acordo coa estratexia!” 12. Nese intre o patriarca dos kurus, Bhīṣma, fixo soar con forza a súa corna, que roncou coma un león, para gozo de Duryodhana. 13. Despois da corna, os timbais, os discos, os tambores e as trompetas, soaron todos ao tempo causando un balbordo atronador. 14. Entón, de pé no seu carro levado por brancos cabalos, Kṛṣṇa e Arjuna fixeron soar as súas cornas divinas. 15. Kṛṣṇa fixo soar a súa, chamada Pāñcajanya, e Arjuna fixo soar a súa, Devadatta, mentres que o pavoroso Bhīma fixo soar a Pāuṇḍra,

25  O primeiro nacemento é o natural, mentres que o segundo se produce cando asumen os seus deberes de caste. 26  Bhīma é o segundo dos Pandavas e unha das presenzas máis notables na Mahābhārata. Sempre se destacan o seu incrible poderío físico e as súas calidades como guerreiro, mentres que Bhīṣma ‘O Terrible’, igualmente relevante na trama, é mestre e padriño tanto de Pandavas como de Kauravas, e un guerreiro senlleiro. 24


Bhagavad Gītā

16. o rei, Yudhiṣṭhira, fillo de Kuntī, fixo soar a Anantavijaya, e Nakula e Sahadeva fixeron soar a Sughoṣa e a Maṇipuṣpaka. 17. Tamén o rei dos kasi, ese excelso arqueiro, e Śikhaṇḍī, o gran loitador, e DhṚṣṭadyumna, Virāṭa, Sātyaki o invencible, 18. Drupada e os fillos de Drāupadī, e o ben fornecido fillo de Subhadrā, todos eles ao tempo, oh gran señor, fixeron soar as súas cornas! 19. O son aumentou con violencia, facendo vibrar o ceo e a terra, e causando pavor no corazón dos fillos de Dhṛtarāṣṭra. 20. Arjuna, en pé baixo o emblema do mono,27 vendo como os homes formaban, botou man de Gandiva28 ante a inminencia da loita. 21. Entón díxolle a Kṛṣṇa: “Leva o meu carro entre os dous exércitos, gran Señor, 22. ata un lugar dende onde eu poida ver estes guerreiros, xa despregados e devecendo loitar, e deste xeito saiba con quen me vou enfrontar cando me una á contenda. 23. Déixame ver a aqueles que viñeron aquí dispostos a combater, desexando compracer o perverso fillo de Dhṛtarāṣṭra”. 24. Así foi, oh gran Bhārata,29 como Kṛṣṇa, por orde de Arjuna, situou a cuadriga principal no lugar entre os dous exércitos, 27  Agni, o deus do lume, regaloulle a Arjuna o seu carro de combate, que tiña a imaxe de Hanuman, o deus mono, como insignia. Máis tarde o propio Hanuman, nun encontro con Bhīṣma, prometeulle que estaría presente na batalla por medio dese estandarte. 28  Gandiva era un poderoso arco creado polo deus Brahmā. 29  Aquí Sañjaya refírese a Dhṛtarāṣṭra, o rei invidente. 25


Un

25. e ante a mirada de Bhīṣma e de Droṇa, e de todos os nobres alí congregados, dixo: “Velaquí temos os kurus reunidos!” 26. Arjuna viu pais e avós, mestres, tíos, irmáns, fillos e netos, e amigos tamén. 27. Viu familiares e compañeiros nos dous bandos, e contemplou os seus parentes en formación. 28. Entristecido, e con infinita mágoa, dixo: “Vendo a miña propia xente aquí reunida con este ánimo de loita, 29. os meus membros vólvense pesados, resécase a miña boca, o meu corpo treme e sinto arrepíos, 30. Gandiva escápaseme das mans e férveme a pel, non me teño en pé, e a miña mente comeza a fallar. 31. Percibo malos augurios, Kṛṣṇa, e non vexo que beneficio podemos obter matando os nosos na batalla. 32. Non desexo a vitoria, Kṛṣṇa, tampouco quero reinos nin praceres: que significan o reinado, os praceres, ou a mesma vida para nós, Kṛṣṇa? 33. Aqueles para quen reclamamos este reino, estes praceres e estas comodidades, abandonaron as súas propias comodidades e están aquí, dispostos a loitar: 34. mestres, pais, fillos, e tamén tíos e avós, sogros, netos, cuñados e outros familiares. 35. Eu non desexo asasinalos, Kṛṣṇa, aínda que eles queiran asasinarme a min; non o faría pola soberanía dos tres mundos,30 moito menos pola da Terra. 36. Que pracer poderiamos atopar, Kṛṣṇa, destruíndo os fillos de Dhṛtarāṣṭra? Se matásemos os nosos atacantes, entón nós mesmos ficariamos malditos. 30  Trāilokya: os tres mundos. División tradicional védica do mundo físico, na que atopamos tres grandes reinos ou planos de existencia: o mundo dos homes, que sería a terra; o mundo dos seres sutís, que sería o ceo (atmosfera); e o mundo dos deuses, o paraíso. 26


Bhagavad Gītā

37. Non temos dereito a asasinar os nosos parentes, os fillos de Dhṛtarāṣṭra. Que clase de felicidade poderiamos obter se matamos a nosa propia xente? 38. E mesmo se aqueles cuxo criterio foi dominado pola cobiza son incapaces de ver o mal que fan asasinando a propia familia e traizoando os amigos, 39. non deberiamos actuar nós con máis intelixencia e rexeitar semellante perversión, vendo o mal que causa a destrución da familia? 40. Cando a familia é destruída, as vellas leis que a gobernan tamén son destruídas, e cando as leis son destruídas, o desgoberno apodérase da familia; 41. cando o desgoberno impera, as mulleres corrómpense, Kṛṣṇa, e cando as mulleres se corrompen as castes mestúranse.31 42. Esta mestura leva a desgraza aos que destrúen a familia, á propia familia, e aos seus devanceiros tamén, pois as ofrendas de auga e arroz sonlle retiradas. 43. Por mor de todos estes males provocados por aqueles que destrúen a familia, e que causan así a mestura das castes, tanto os deberes propios de cada caste como os eternos deberes familiares son esquecidos, 44. e sempre se nos dixo que aqueles que pertencen a unha familia que ignora os seus deberes, moran eternamente no inferno, Kṛṣṇa. 31  A Bhagavad Gītā fala aquí das catro grandes castes (varṇas) nas que tradicionalmente se dividía a sociedade: os brāhmanas ou sacerdotes, os kṣatriyas ou guerreiros, os vaiśyas ou comerciantes, e os śūdras, que son os agricultores e os artesáns (ver śloka 18.41). En toda a Mahābhārata realízase unha ríxida observancia da separación de castes e, de feito, cada vez que alguén intenta transgredir as normas que as separan, sae malparado. Hai que subliñar que esta división non se corresponde co actual e moito máis complexo sistema de castes indio, que fai distincións entre individuos en relación a multitude de aspectos (oficio, tribo, lingua, relixión, etc…), e que tamén varía dependendo das distintas zonas xeográficas. Neste caso, no canto de varṇas sería máis apropiado falar de jātis. 27


Un

45. Maldita sexa! Estamos dispostos a cometer semellante vileza como é dar morte aos nosos propios familiares só pola cobiza de praceres destinados aos reis! 46. Sería moito mellor para min ficar desarmado e deixar que os fillos de Dhṛtarāṣṭra me matasen en combate sen opoñer resistencia”. 47. Logo de falar así en pleno campo de batalla, Arjuna sentou na carruaxe e, co corazón enchido de tristeza, pousou o seu arco e as súas frechas.

28

Profile for Rinoceronte Editora

Bhagavad Gita (mostra)  

Primeiras páxinas da tradución ao galego de Bhagavad Gītā, de Vyāsa, a cargo de Iván Sende, e publicada por Rinoceronte,2018. http://rinocer...

Bhagavad Gita (mostra)  

Primeiras páxinas da tradución ao galego de Bhagavad Gītā, de Vyāsa, a cargo de Iván Sende, e publicada por Rinoceronte,2018. http://rinocer...

Advertisement