Page 1

Mario Caneiro

Ana e os homes

BARBANTESA


Para Alba, Román e Samuel. As miñas certezas


Neno, nos días de enterro tardes coma aquela son verdadeiras irreverencias meteorolóxicas. Levo visto moitos viúvos e aínda máis viúvas, uns tristes ou afundidos, outros ben descansados e fun chegando á conclusión de que aos enterros acáenlles mellor os días anubrados ou, se un procura a perfección, eses días de neboeiro que ofrecen a discreción e o recollemento que a dor, sempre tan vergonzosa, necesita. A viúva aínda sendo unha muller nova, vestía un traxe negro, isto vese cada vez menos, lucíao con tanta elegancia e dignidade que non parecía loito. Nin a dura seriedade que lle pousaba na cara era quen de desbaratar a súa beleza. Fincaba firme na herba coma unha columna espetada por unha antiga civilización no medio dunha chaira. Aparecía un paso por diante de todos, coma se aquel fose o seu lugar de penoso privilexio. Semellaba un enterro máis. O cura entoaba os seus salmos e respondían os fieis a resposta ritual. A verdade, que queres que che diga, a liturxia deixa pouca marxe para a improvisación, repítense cada tanto lecturas, cánticos, homilías, como se repite a vida, a morte, como eu mesmo me repito, en cada enterro de viúva nova, deixándome levar pola fantasía para gozar imaxinándome como se namorarían, como un día se xuntou o que xa por sempre se separa. Lembro que había paxaros bailando o seu amor de cada primavera, irrespectuosos ou indiferentes no seu cortexo por riba do séquito fúnebre. Os seus 7


chíos, alleamente alegres, leváronme a unha función de verán nunha pequena parroquia esmorecente, que só nas festas se atreve a recordar o que algún día foi entre pasodobres e rancheiras, e alí estaban eles. Podo supoñer que el lle di: Colecciono soños. Gustaríache ser un deles? Eu nunca lle dixen tal a ningunha rapaza e gustaríame un mundo. Non sei se algunha parella cruzaría palabras semellantes nese intre da sedución no que a verdade vai dar unha volta por non molestar e volve en moitas ocasións demasiado tarde. Supoño que si, que alguén se abriu ao amor por esa porta, ao mellor ti mesmo, neno, que nunca contas nada. Non é o meu caso, non o foi cando todo estaba por descubrir e se mesturaban a malicia e a inocencia nos nosos ollos adolescentes, nin o é agora se aparece algunha rapaza, que puidese ser cariñosa, e nesa arela de coñecemento que alenta a novidade curiosea. –E ti en que traballas? Non sei por que non lles contesto que son albanel ou xardineiro, incluso funcionario, tampouco lles estaría a mentir. Sabes? Eu pódolles engadir un chisco de luz aos seus ollos, facer que o seu verde sexa algo mais soñador, convencelas de que a súa boca é exactamente a que quere debuxar o seu perfilador, obviar outras belezas e poñelas no cumio da creación, recordarlles o que nunca souberon sobre a dozura da súa face, pero cando se trata do traballo non sei mentir; sáeme o orgullo. Necesitaría dunha muller que entendese que o simio pasa a ser home cando reacciona ante a morte e enterra os seus seres queridos, cando os aparta da natureza, das animalias, cando agocha a súa putrefacción porque quere recordalos vivos, ese é o primeiro paso cara á civilización. Deus creou a Adán e Adán fíxose home cando soterrou o seu fillo Abel, cousa que ningún Deus fixo. 8


Regresei ao seu rostro e crin adiviñarlle unha certa relaxación na cara que volve lene a súa expresión, cicelada pola contención do pranto. Si, non deixa de estar triste, mais pola dozura que se lle entrevé parece que quixese cruzar, con timidez e unha miga de vergonza, a fronteira da alegría, debeuna inundar un recordo amable das súas vidas; un día no que aquel verán deixou de ser eterno e o tempo colleu un camiño lineal, como é o tempo dos homes. Se cadra el regaloulle, sen ser moi orixinal, un exemplar dos Vinte poemas de amor e unha canción desesperada que ela recibiu coma se fosen escritos para ela. Agradoulle ler a páxina na que el escribira a xeito de dedicatoria: “A noite de onte espertei e a quentura do fogar que acollía o meu peito tiña a cabeza branca e fun feliz. Comprendín que pasara ao teu rente corenta anos, nun soño lento e longo feito nos vimbios da harmonía. Volveume o sono no berce da felicidade. No morrer da noite de onte espertei por segunda vez e a calor nova coa que me deitara seguía alí vizosa, convidadora de alegrías e praceres. Volvín ser feliz polos días que chegarían, polas canas que nos quedaban por conquistar bico a bico, entre o aparello de miradas, enredándonos.” Dirás que son algo cursi, non neno ? E chócache polo meu traballo? Ti tampouco me servirías de compañeira. Vale, váiseme un pouco a cabeza, pero si sucedeu que alguén, case seguro unha irmá, a colleu do brazo querendo termar dela. Entón, cun xesto a un tempo doce e severo, fíxolle saber que era innecesario. Precisaba saberse ser forte. Era forte por máis que dúas bágoas ameazasen con liberarse do pudor da súa dona. Dúas bolas de cristal nas que adiviño un acontecemento de especial dureza na súa relación, algún erro do que con probabilidade xa no seu momento se arrepentiu. Ou estábase a arrepentir 9


daquela, nese momento estéril xa para perdóns e propósitos de emenda. As bágoas, que non cederon á vertixe das súas meixelas, refrescaron o pesar daqueles ollos. Sabes? É curioso isto da pena. Mira que levo anos separando os mortos dos vivos e aínda non son quen de adiviñar se detrás das bágoas que se lles escapan aos familiares, detrás dos seus laios, nesas olladas que quixeran apreixar para sempre o mundo, están a soñar cun ceo redentor ou imaxinando o baleiro do nada. Eu non atopo diferenzas, é coma se a esperanza da fe resultase para a desesperación ante o inevitable menos efectiva que os ansiolíticos. Aprendín, iso si, que a dor acaba por pasar ou por vestirse con traxes máis amables, máis levadeiros, e que algún día relembrar acabará por ter algo de alegría melancólica na que ela poderá recordalo cun sorriso nacido de todo canto sementaron xuntos. Supoño que tamén tiveron momentos grises, que son peores que os malos e días que lles pareceron só días, intres bos e ruíns que eu empuxei ao seu nicho e tapei con pulcritude e respecto, como o bo profesional que sabes que son. Xa non lles quedaron mañás para erguerse e almorzar, ela unhas torradas, el madalenas, e un día máis botarse a andar. Gústame ser rápido nesta parte do meu traballo. É a máis desagradable. Síntome irrespectuoso por non poder evitar o son da paleta estirando a masa sobre a tapa do nicho rachando o silencio dos achegados, así que procuro marchar, canto antes, ao caseto das ferramentas, que tamén me fai de vestiario, deixando na súa intimidade aos achegados. Soará cruel se digo que no meu choio nunca pasa nada e que por iso me gusta ser sepultureiro. Con isto quero dicir que a min nunca me sucede nada fóra do común e gozo con 10


esta tranquilidade dos cemiterios. Gústanme as súas flores, que para min non se volven tristes nos camposantos, pois antóllaseme alegre ou optimista deixar memoria. Gústame coidar deste recanto e da súa veciñanza, ter coidada a herba e ben podadas as árbores, quero que o meu cemiterio apareza acolledor e agradable, tamén aos vivos. O caso é que, cando xa me estaba a mudar, botei un ollo polo churriolo e oína falar por primeira vez. Posuía a voz de quen está afeita a expresarse con discursos longos no seu día a día. Pediulles nun ton sereno que marchasen, que xa se verían na casa, que lle apetecía quedar un pouco soa e ir andando, que tiña que empezar a afacerse á soidade. Durante dez minutos ficou inmóbil de costas ao nicho, apenas se movía a roupa abaneada polo vento e a fermosa negrura do seu pelo. Non sei se me sentín pudoroso ou sinxelamente cansei de observala, pero volvinme para ordenar os tarecos. Xa tiña cada cousa no seu sitio, cando petaron na porta sen laimo. Abrín, para ver aparecer ante min a cara do enterro, que con voz agora indiferente, ida pero amable e precisa, me preguntaba se non tería unha pouca de auga fresca. Vireime buscando a billa e veu canda min. A porta pechouse; se cadra o aire, se cadra ela, e o seu bater fíxome deter. Miroume e eu pensei que se botaría a chorar ceibando toda a tensión contida no funeral. Xa estaba disposto a consolala cando para a miña sorpresa empezou a espirse, fíxoo coa mesma frialdade e serenidade que mantivera toda a tarde. Achegoume a súa cara, alentando a súa rabia na miña orella. Acariñou o meu torso paralizado. Fíxolle mecos ao meu corpo indeciso, temeroso e xuntouse a min refregándome o seu corpo decidido, pero nin por un intre mudou o xesto frío ao que lle abrín a porta. 11


–Polos medos, polas indecisións, Oio o seu alento preto do pescozo. Por medo ou pola súa natureza o meu corpo obedece a aquela suavidade morna que insiste en apaxalo. –Polas présas para morrer. Por decidirte tan tarde. Nalgún momento ceiboume os pantalóns, que caeron ao chan, e botoume enriba da mesa vella que teño na esquina. –Pola natureza tan desconsiderada coas mulleres. E entón subíuseme a escanchaperna e fun eu o soterrado, afundíndome nela todo canto dá. As súas cadeiras e o seu cu movéronse aplicados á procura da miña rendición. Nada se movía no seu rostro. Nunca vin tanta entrega. As nádegas parecían que se lle foran esgazar. Neno, pensei que ía quedar con unha en cada man cando estoupou nun éxtase no que debeu abandonar todo canto tiña sido ata aquel día. –Porque hoxe era a hora da semente. Isto deixouno caer xa sen forzas, rendida a si mesma. A súa cara, o único do seu corpo polo que non cruzou o desexo nin o pracer, miroume mentres se vestía con aburrimento. As súas últimas palabras dedicoumas a min. –Non sabes como me sinto. Xusto cando rematou a frase, a mesma man das caricias golpeou con forza o meu sexo renxido. Despois marchouse entre os cipreses que con dedicación recorto todos os días e a tarde proseguiu coa súa alegre indiferenza.

12

Ana e os homes (mostra)  

Primeiras páxinas do libro 'Ana e os homes', de Mario Caneiro, publicado por Barbantesa e dispoñible en http://www.barbantesa.com/libros/ana...

Ana e os homes (mostra)  

Primeiras páxinas do libro 'Ana e os homes', de Mario Caneiro, publicado por Barbantesa e dispoñible en http://www.barbantesa.com/libros/ana...

Advertisement