{' '} {' '}
Limited time offer
SAVE % on your upgrade.

Page 1


CAPÍTULO 1

FALAFEL FLIPANTE Era un mércores pola noite escuro e lúgubre en Nocturnia. A condesa Frivoleta Fang tomaba o seu té tétrico e tamborilaba na mesa do comedor coas súas uñas longas e negras cando o reloxo deu as catro da madrugada. –Drake, meu horror, dáste conta de que só faltan tres noites para o Baile Barbárico deste ano? –arrolou a condesa Frivoleta–. Aínda temos que mandar invitacións, encargar o cátering e… ah, xa contrataches a Banda do Lobo Ouveador? O conde Drake estartelou os ollos. –Eh… chámoos esta noite, voitriño meu.


–E terás que poñer o teu mellor traxe para o baile, Drakey. Esquece esas fúnebres camisas hawaianas que tanto che gustan. Temos que atopar o xeito de desincrustar toda esa baba de trasno do baile do ano pasado. (Os trasnos eran coñecidos por deixaren rastros de baba, unha baba máis pegañenta que o Super Glue máis pegañento, imposible de limpar!) –Outro Baile Barbárico non! –lamentouse Amelia Fang, e recostouse na súa cadeira–. Só van velloucos monstruosos cheos de volantes e unha cantidade excesiva de Eau de Podrême. Amelia acababa de facer dez anos e preferiría ir dar unha volta cos seus mellores amigos, Florence e Grimaldi. –Amelia Fang! Non quero oír máis deses comentarios de morcego teus –dixo a condesa, con severidade–. Para empezar, a Eau de

2


Podrême, feita con cuspe de morcego fermentado e un toque de plátano podre, é o perfume máis delicado de toda Nocturnia. E en segundo lugar, o Baile Barbárico é unha tradición familiar. É a nosa ocasión de demostrarlle a todo o mundo o espantosos que somos. O Baile Barbárico, que a familia Fang organizaba dende había varias xeracións, era o evento do ano en Nocturnia. Só se invitaba ós máis macabros e abominables, e o baile era o orgullo e a ledicia da condesa Frivoleta. –Pero é que me aburro

moito!

–rosmou

Amelia–. Sería moito mellor se viñese alguén da miña idade!


–Sabes ben que o baile só é para adultos –dixo a condesa. –Entón eu non teño que asistir? –dixo Amelia, esperanzada. –Por suposto que tes que asistir. Tes que aprender como funciona todo para poder continuar a tradición do Baile Barbárico –dixo a súa nai, cun sorriso radiante. –Pero e se non quero ir? –gruñiu Amelia–. De maior quero estudar Cabazoloxía e curar cabazas doentes.


A condesa Frivoleta soltou unha gargallada. –Non sexas parva, meu horror! Ai, vas facer que se me corra o rímmel! –Comprobou o seu aspecto no espello que tiña detrás e lanzouse un bico a si mesma. (Quizais oísedes que os vampiros non se reflicten nos espellos, pero iso só son babecadas, e non hai ninguén a quen lle guste máis o seu reflexo que á condesa Frivoleta.)–. Estragarías esas delicadas


manciñas de vampira cavando na horta. Agora senta ben dereita, que imos cear. Buh! Amelia suspirou mentres un fantasma entrou flotando na estancia solemnemente. Levaba unha bandexa con algo que parecía unha morea de mocos enormes. Era inútil que Amelia intentase falar coa súa nai do que lle gustaba a ela. Ser unha Fang implicaba infinitas clases de protocolo vampírico, talleres de arañeiras e interminables preparativos para o Baile Barbárico. Ás veces Amelia lamentaba que non nacese noutra familia. –O seu falafel flipante, condesa –dixo Buh. Era o mordomo fantasma máis respectado de toda Nocturnia. (Contrariamente ó que cre a xente, a dieta dos vampiros non se compón só de sangue. O sangue fai que lles feda o alento!)

6


–Grazas, Buh. Podes retirarte –dixo a condesa. Amelia cruzou os brazos, enfurruñada, e tirou un anaco de falafel ó chan. A cabaza que tiña como mascota, Polpiña, papouno, e logo subiu dun chouto ó colo de Amelia. –Eh, Polpiña! –dixo Amelia, rindo–. Toma un pouco máis de falafel. Xa sei que é o que máis che gusta. Polpiña axitou o rabiño dun lado a outro para indicar que estaba de acordo. –Este ano virá o rei ó baile? –dixo Amelia coa boca chea de espinacas amargas. –Dubídoo –dixo a condesa Frivoleta–. Dende o incidente coa fada non saíu do palacio. –Mirou ó seu marido–. Drakey, meu horripilante xerminoide, deberías seguir intentando ver o rei Vladimir. Erades moi bos amigos. O conde Drake soltou un longo suspiro.

7


–Meu arrotiño, é inútil. Xa non quere ver nin falar con ninguén. –Que mágoa –dixo a condesa Frivoleta–. Dende que cancelou a vosa partida semanal de petanca de ollos, estás completamente obsesionado con eses estúpidos encrequenados. –Encrucillados, querida –dixo o conde Drake. –Se o rei aceptase a nosa invitación ó baile, credes que traería o seu fillo? –preguntou Amelia. Por un momento ilumináronselle os ollos–. Ou ó príncipe Fedorico tampouco se lle permite vir porque non é un VELLO? –Por todas as serpes, o príncipe Fedorico é o futuro rei! El SEMPRE está invitado! –dixo a condesa con voz cantareira. –Pero lembra, Amelia –subliñou o conde Drake–, que a nai do príncipe foi devorada por unha fada. Sorprenderíame moito que o rei deixase saír o seu fillo do palacio.

8


–Gargarexos agoniados! Eu tolearía se non puidese ir ver os meus amigos! –dixo Amelia. –Abonda de leria. Amelia, come o falafel antes de que arrefríe, e logo, á cama –dixo a condesa Frivoleta beliscando na fazula a Amelia–. Hai que manter a túa cute pálida e cadavérica! –Pero mamá, esta noite é o último episodio de “A gran talla da lápida gótica”! Non podo deitarme un pouco máis tarde? –dixo Amelia. De súpeto un forte

BOOOOOOOOOONG! resoou por toda a casa.

–Drake, glándula sudorípara miña, esperamos visita? –preguntou a condesa Frivoleta, e sen agardar a resposta do seu marido dixo–: Buh! Por favor, vai abrir. Pouco despois, Buh apareceu cun sobre dourado na man. –É unha carta para vostede, condesa. Parece ser do rei.

Profile for Rinoceronte Editora

Amelia Fang e o baile barbárico (mostra)  

Primeiras páxinas do libro de Laura Ellen Anderson 'Amelia Fang e o baile barbárico', traducido ao galego por Moisés Barcia e dispoñible aqu...

Amelia Fang e o baile barbárico (mostra)  

Primeiras páxinas do libro de Laura Ellen Anderson 'Amelia Fang e o baile barbárico', traducido ao galego por Moisés Barcia e dispoñible aqu...

Advertisement