Page 1

Kiran Millwood Hargrave

A rapaza de tinta e estrelas

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro


Para unha estrela, Sabine Karer en 28.6139° N, 77.2090° L E para aqueles que me axudaron a poñelo negro sobre branco en 51.7519° N, 1.2578° O


Capítulo 1 Disque o día que chegou o gobernador tamén chegaron os corvos. Todo os paxaros pequenos fuxiron ó mar, e por iso en Joya non quedan paxaros cantores. Só corvos enormes e sucios. Eu contemplábaos, pousados nos tellados coma profecías, e intentaba imaxinalos como os pimpíns e as estreliñas que o meu pai debuxaba de memoria. Se me esforzaba moito, case podía imaxinalos cantando. –Por que se foron os paxaros cantores, papá? –preguntáballe. –Porque puideron, Isabel. –E os lobos? Os cervos? Entón o rostro do meu pai ensombrecíase. –Polo visto o mar era mellor que aquilo do que fuxían. Entón o meu pai contábame contos sobre a moza guerreira Arinta ou sobre o pasado mítico de Joya, cando era unha illa flotante, e negábase a seguir falando dos lobos e dos paxaros que fuxiron. Pero eu seguía preguntándolle, ata que chegou o día en que atopei as miñas propias respostas. Aquela mañá empezou coma outra calquera. Espertei na miña estreita cama, cando o abrente comezaba a facer brillar as paredes de barro do meu cuarto. O cheiro a papas de avea queimadas flotaba no aire. Papá debía de levar horas levantado, porque o lume tardaba moitísimo en quentar a pesada ola de barro. Oía á señorita La, a nosa galiña, escarvar por fóra do meu cuarto, na procura de migallas. Tiña trece anos, igual ca min, e malia que para unha persoa é pouco, nunha galiña significa que é moi, moi vella. Tiña as plumas grises, o humor negro e ata o noso gato Pep lle tiña medo.

11


Ruxíronme as tripas mentres me espreguizaba. Pep estaba deitado sobre as miñas pernas e miañou ruidosamente cando me incorporei ata quedar sentada. –Estás esperta, Isabel? –preguntou o meu pai dende a cociña. –Bos días, papá. –As papas de avea están listas. De feito, un pouco pasadas… –Vou! –liberei as pernas e alisei o áspero pelo do gato no sitio onde se lle alborotara durante a noite–. Perdón, Pep. O gato ronronou e pechou os ollos verdes. Lavei a cara na almofía que había debaixo da fiestra e saqueille a lingua ó meu reflexo no metal puído que colgaba por riba da cama de Gabo. Estirei as súas sabas: cada día estaban máis cheas de po, pero polo menos a cama seguía estando feita. Ó lado da súa almofada estaba a liña de voz: un túnel longo e estreito que nos fixera o meu pai e que percorría as paredes e o teito. Cando achegabamos os beizos e murmurabamos, as nosas voces viaxaban polo túnel e así podiamos falar aínda que estivésemos cada un na súa esquina do cuarto, nas nosas respectivas camas. Tres anos xa. Tres anos dende que sentei alí, coa lámpada do meu xemelgo na man mentres el se esvaecía na noite, tan rápido como se apaga un misto. Pero aínda era capaz de evocalo. Era tan doado coma respirar. Non ía empezar o día triste. Sacudín a cabeza para desfacerme deses pensamentos e saquei o uniforme da escola. Era igual de grande que había seis semanas. Lupe, a miña mellor amiga, íase rir de min. “Segues a ser a máis pequena da clase!”, diría. Trencei rapidamente o pelo espeluxado, con esperanza de que o meu pai non se fixase en que non o peiteara en todo o verán. Pep estaba aniñado na cama, pero non me deixaban acariñalo co uniforme posto. A miña mestra, a señora Feliz, sempre me estaba quitando pelos avermellados da saia cun xesto irritado. Apartei a cortina que servía de porta do meu dormitorio e pasei con coidado por riba da señorita La, que cacarexou cando lle

12


derrubei a súa moreíña de migallas. Entornou os ollos embazados e peteiroume os tornecelos, empuxándome cara á sala principal, onde comiamos, falabamos e planeabamos as nosas aventuras. Unha enorme cunca de papas de avea ennegrecidas agardaba na nosa enorme mesa de piñeiro, á deriva entre un mar de mapas. Nas paredes había pendurados máis mapas do meu pai, que se movían cando eu pasaba, coma unha brisa faladora. Seguín os papeis co dedo, como facía cada mañá. Contemplei como o pigmento prateado dos ríos de Afrik se encontraban cos de Æygpt; como logo Æygpt se curvaba arredor da baía de Europ, coma unha man que agarra outra por riba do mar. Na parede oposta colgaba outro mapa cun bosquexo da costa de Amrica e as súas perigosas correntes oceánicas, de nomes estraños e abraiantes: o Círculo Xeado, o Triángulo das Desaparicións, o Mar Cerúleo. O papel estaba tinguido dun fermoso azul escuro, e as correntes estaban cosidas con fío por encima. O meu pai empregara unha agulla tan fina coma un cabelo, e fío dourado para o Mar Cerúleo, negro para o Triángulo, branco para o Círculo Xeado. Pero máis aló da costa oriental, todo se detiña. Só unha palabra rompía o baleiro. “Incógnito.” Descoñecido. Case podía palpar a decepción do meu pai na reseca tinta desa palabra. Na súa última viaxe, mareas pouco favorables obrigárono a regresar a Joya antes de tempo, e non puido repetir a travesía daquela grande extensión de territorio salvaxe antes de que o gobernador chegase á nosa illa. O gobernador Adori pechou os portos, converteu nunha fronteira o bosque que ía de costa a costa, dende a nosa aldea de Gromera ó resto da illa, e desterrou ó outro lado desa liña a calquera que discutise as súas ordes. Gromera quedou separada do resto de Joya, e encheron o bosque de espesos espiños e enormes campás para advertir os gardas do gobernador se alguén se achegaba. Eu nunca oíra soar as campás. O meu pai soñaba con encher os ocos dos seus mapas de Amrica, mentres que eu devecía máis que nada no mundo por

13


cruzar a fronteira do bosque e explorar os Territorios Esquecidos que había ó outro lado, aínda que nunca llo dixera. Só existía un mapa que mostrase toda a nosa illa, e estaba colgado no estudio do meu pai. Eu chamábao o mapa de mamá, porque pasara por toda a súa familia, de xeración en xeración, quizais incluso dende os tempos de Arinta, hai mil anos. Sempre fora coma un sinal de que a miña nai e mais o meu pai estaban feitos un para o outro; el era cartógrafo, e ela, a herdeira dun mapa. “Cada un de nós leva o mapa da súa vida na pel, no xeito en que camiña, mesmo no xeito en que medra”, adoitaba dicir o meu pai. “Ves como o sangue do meu pulso se ve negro, non azul? A túa nai sempre dicía que era tinta. Son cartógrafo ata a medula.” –Trae a xerra, fai favor –a voz do meu pai sobresaltoume e fíxome volver á realidade. Arrastrei unha cadeira ata a lacena, baixei con coidado a xerra e púxena na mesa, ó lado das papas de avea. Tiña unha cor verde bosque e resultaba especial, porque era o último que fixera a miña nai. Só a usabamos o primeiro día de clase, e mais nos aniversarios e nos días de festa. O meu pai gardábaa nun sitio apartado e lavábaa con moito coidado. Ás veces lembrábame da miña nai: cos seus ollos negros, case sempre sorrindo, cheirando ó barro escuro co que traballaba, facendo olas para os labregos da aldea e delicadas pezas para o gobernador. Ou se cadra imaxinábaa, como facía cos paxaros cantores. –Bos días, pequena –dixo o meu pai, mentres viña coxeando da cociña. Apresureime a collerlle o caldeiro do leite e os vasos que traía. –Non deberías andar sen o bastón –rifeille. Papá rompera a perna de mozo, saltando do embarcadoiro dun porto en Æygpt a un barco que partía, e agora utilizaba un bastón feito cun fragmento do barco de pesca do seu bisavó. Era o meu obxecto favorito, de entre os moitos obxectos favoritos do cuarto. Lixeiro coma o papel, flotaba ata na poza de auga máis pe-

14


quena, pero o máis abraiante era que brillaba na escuridade. Papá dicía que se debía ó zume da árbore, pero eu sabía que era maxia. Fixen sitio na mesa rapidamente, e deixei as Montañas Himalay nun andel. O meu pai verteu o leite na xerra da miña nai e logo instalouse no banco ó meu lado e sorriu. –Escolle un peto –dixo. Puxen os ollos en branco. –O esquerdo. Engurrou as cellas coma dúas eirugas negras. –Resposta correcta! Sacou un pequeno tarro do peto. –Mel de piñeiro! –exclamei. Desenrosquei a tapa, e o recendo embargoume, facéndome a boca auga–. Grazas, papá. –Só o mellor para o teu primeiro día de clase. –Só é a escola –dixen, encollendo os ombreiros. –Ah, vaia. Supoño que entón terei que comelo eu… –dixo, collendo o tarro aberto e finxindo verter o mel na boca. –Non! –exclamei, e recuperei o tarro–. Tes razón, é un día moi importante. Só me sorprende que non me regalases dous tarros. O mel estaba tan bo que apenas notei que as papas de avea se queimaran, pero cando levantei a vista fixeime en que o meu pai non tocara o seu almorzo. Estaba sentado algo curvado, como adoitaba facer cando lle daba voltas a algo. Tiña a man pousada na xerra do leite e notáballe os latexos no pulso. Tiña a mirada ausente. Os primeiros días de clase eran duros para os dous. Apartei a miña cunca procurando facer o menor ruído posible e empuxei a del cara á súa man. –Vémonos despois, papá. Ó ver que non contestaba, collín a miña bolsa e saín da casa, pechando con coidado a porta coa súa escachada pintura verde.

15


Profile for Rinoceronte Editora

A rapaza de tinta e estrelas (mostra)  

Primeiras páxinas da novela de Kiran Millwood Hargrave 'A rapaza de tinta e estrelas', traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por...

A rapaza de tinta e estrelas (mostra)  

Primeiras páxinas da novela de Kiran Millwood Hargrave 'A rapaza de tinta e estrelas', traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por...

Advertisement

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded

Recommendations could not be loaded