Page 1

Michael Ende

Jim Botón e Lucas o maquinista

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u

bro


Capítulo primeiro No que empeza a historia O país no que vivía Lucas o maquinista chamábase Lummerland, e era moi pequeno. Era extraordinariamente pequeno comparado con outros países, como, por exemplo, España, África ou a China. Era máis ou menos o dobre de grande cá nosa casa, e estaba ocupado na súa maior parte por unha montaña con dous picos, un alto e o outro algo máis baixo. Na montaña había varios camiños con pontellas e cruzamentos, e ademais unha vía de tren con moitas curvas. O tren pasaba por cinco túneles que atravesaban a montaña e os seus dous picos. Naturalmente, en Lummerland tamén había casas; unha era unha casa normal e a outra tiña unha tenda. Hai que engadir unha pequena estación, situada ó pé da montaña, onde vivía Lucas o maquinista. No alto da montaña, entre os dous picos, levantábase un castelo. Como pode verse, o país estaba bastante cheo. Nel non cabían moitas máis cousas. Quizais sexa importante saber que había que ir con coidado e non pisar os límites para non mollar os pés, porque o país era unha illa. Esta illa estaba no centro do inmenso océano sen fin, e as ondas, grandes e pequenas, chegaban día e noite ás súas ribeiras. Ás veces o mar estaba tranquilo, e pola noite a lúa e durante o día o sol reflectíanse nel. Isto resultaba moi fermoso, e entón Lucas o

7


maquinista sentaba na ribeira e sentíase feliz. Ninguén sabía por que a illa se chamaba Lummerland e non de calquera outro xeito, pero isto seguramente se descubrirá algún día. Alí vivía Lucas o maquinista, coa súa locomotora. A locomotora chamábase Emma e era unha locomotora-ténder moi boa, aínda que quizais algo pasada de moda. Pero, sobre todo, era moi gorda. Alguén podería preguntarse: para que necesita unha locomotora un país tan pequeno? Pois porque un maquinista necesita ter unha locomotora. Se non a tivese, que conduciría? Unha bicicleta, quizais? Entón sería un condutor de bicicletas, e un maquinista como é debido quere conducir locomotoras e nada máis. Por outra banda, en Lummerland non había ningunha bicicleta. Lucas o maquinista era un home pequeno, algo repoludo, que non se preocupaba o máis mínimo por saber se a alguén lle parecía necesaria unha locomotora ou non. Levaba gorra de viseira e traxe de traballo. Tiña os ollos tan azuis coma o ceo de Lummerland cando ía bo tempo. Pero a súa cara e as súas mans estaban completamente negras polo aceite e a feluxe. E malia lavarse cada día con certo xabón especial para maquinistas, o tisne non desaparecía. Penetrara profundamente na pel porque, debido ó seu traballo, Lucas se poñía negro cada día, dende había moitos anos. Cando ría –isto facíao a miúdo–, víanselle brillar na boca fermosos dentes brancos, cos que era capaz de partir noces. Levaba ademais na orella esquerda un aro de ouro e fumaba nunha pipa moi grande. Aínda que Lucas non era corpulento, tiña unha sorprendente forza física. Por exemplo, podía, se quería, facer un nó cunha barra de ferro. Pero ninguén sabía exactamente o forte que era porque a el lle gustaba a paz e a tranquilidade, e nunca tivera que demostrar a súa forza. Ademais, era un artista cuspindo. Tiña tal puntería que podía apagar un misto aceso a unha distancia de tres metros e medio.

8


9


Pero isto non era todo. Podía facer algo máis, e non existía ninguén no mundo que o puidese igualar: era capaz de cuspir facendo un looping. Lucas ía moitas veces ó día pola cobregueante vía, atravesando os cinco túneles, dun extremo a outro da illa e viceversa, sen que nunca lle sucedese nada. Emma refolgaba e asubiaba por diversión. E en ocasións Lucas asubiaba tamén unha cantiguiña, e logo facíano a dúas voces, cousa que resultaba moi alegre, sobre todo nos túneles, porque alí resoaba. Ademais de Lucas e de Emma había en Lummerland un par de persoas máis. Estaba, por exemplo, o rei que reinaba no país, e que vivía no castelo entre os dous picos. Chamábase Afonso Doce Menos Cuarto porque nacera ás doce menos cuarto. Era un gobernante bastante bo. E ninguén podía dicir nada malo porque realmente del non se podía dicir absolutamente nada. Estaba case sempre no seu castelo, sentado, coa coroa na cabeza, cunha bata de veludo vermello e con zapatillas de cadros escoceses nos pés, falando por teléfono. Para isto dispoñía dun gran teléfono de ouro. O rei Afonso Doce Menos Cuarto tiña dous súbditos –se se exceptúa a Lucas, que en realidade non era un súbdito, senón un maquinista. Un dos súbditos era un home chamado señor Manga. O señor Manga sempre estaba paseando cun sombreiro fungo na cabeza e un paraugas no brazo. Vivía nunha casa corrente e non tiña ocupación fixa. Paseaba e nada máis. Era principalmente un súbdito, e deixábase gobernar. Ás veces, cando chovía, abría o paraugas. Non hai máis nada que contar acerca do señor Manga. O outro súbdito era unha muller, concretamente unha muller moi simpática. Era grande e gorda, aínda que non tan gorda coma Emma a locomotora. Tiña as fazulas vermellas coma unha mazá e chamábase señora Quee, con dous es. Probablemente un dos seus

10


11


devanceiros fora algo xordo e a xente empezou a chamarlle sinxelamente así, coa palabra que dicía sempre cando non oía algo. E así lle quedou. A señora Quee vivía na casa da tenda, onde se podía comprar todo o necesario: goma de mascar, xornais, amallós para os zapatos, leite, soletas, espinacas, manteiga, serróns, azucre, sal, pilas para lanternas, afialapis, moedeiros con forma de pantalón tirolés, perlas, recordos de viaxe, pegamento…; en resumo: de todo. Os recordos de viaxe non se vendían case nunca, porque a Lummerland nunca chegaban viaxeiros. Só o señor Manga compraba ás veces algún, por gusto e non porque en realidade o precisase. Por outra banda gustáballe parolar un anaco coa señora Quee. Ah!, e que non me esqueza, o rei só se podía ver nos días de festa, porque a maior parte do tempo estaba moi ocupado reinando. Pero nos días de festa, ás doce menos cuarto en punto, asomábase á fiestra e saudaba amigablemente coa man. Entón os seus súbditos berraban cheos de xúbilo e lanzaban os seus sombreiros ó aire, e Lucas deixaba que Emma asubiase alegremente. Logo dábanlles xeado de vainilla a todos, e nas festas importantes, xeado de amorodo. O rei encargáballo á señora Quee, que era unha verdadeira mestra na elaboración de xeados. En Lummerland a vida era tranquila, ata que un día… Si, e con isto empeza a nosa historia.

12

Profile for Rinoceronte Editora

Jim Botón e Lucas o maquinista (mostra)  

Primeiras páxinas de 'Jim Botón e Lucas o maquinista', de Michael Ende, traducido ao galego por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books, 2...

Jim Botón e Lucas o maquinista (mostra)  

Primeiras páxinas de 'Jim Botón e Lucas o maquinista', de Michael Ende, traducido ao galego por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books, 2...

Advertisement