'A cegadora luz de dúas estrelas vermellas' (mostra)

Page 1

Apuntamentos Ermitage

de Nadia

e Víktor

PRIME IRO CADER NO

Onde foi necesario engadíronse subdivisións en capítulos e notas do meu puño e letra nas páxinas orixinais. - Smirnov



S. - capítulo 1

Leningrado, 22 de xuño de 1941 Hoxe é domingo e Víktor e mais eu fomos ó museo. De todos os lugares da cidade, o Museo do Ermitage é sen dúbida o meu favorito. Ocupa unha fila enteira de edificios na ribeira do Nevá, pero o máis grande é o Palacio de Inverno, que é unha fermosísima mansión coa fachada branca e verde, e miles de estatuas douradas que brillan coma un firmamento. Antes, no Palacio de Inverno vivía o tsar. A saber para que quería unha casa con máis de mil cuartos. Por sorte, despois veu a Revolución, e o Palacio de Inverno deixou de ser do tsar e pasou a ser de todo o pobo, así que agora é tamén un pouco meu e de Víktor. Eu xa estiven no museo moitas veces, e sei de memoria todos os cadros e as estatuas das súas infinitas coleccións. Unha vez dei unha clase no colexio para os nosos compañeiros, e fíxeno tan ben que despois me aplaudiron, pero cando volvemos á casa Víktor díxome que non presumise tanto, porque non é mérito meu que os nosos pais traballen no museo e nos deixen ir visitalos os días que non hai clase. Hoxe é xustamente un deses días. Onte, 21 de xuño, era a festa do solsticio de verán, cando o sol se pon tardísimo e a súa luz non desaparece nun-

15


ca do ceo, e Víktor e eu pasamos o día no parque cos nosos amigos dos Xoves Pioneiros. Comemos sentados na herba e xogamos ó balón e a tirar da corda, e pola tarde papá levounos a ver o ballet e logo a un concerto nocturno pola rúa… Vai ó conto. Se non, non se vai entender nada. … por iso esta mañá nos levantamos tarde. Papá xa se fora, e mamá díxonos: –Preparádevos, que hoxe vos vou a levar ó museo. Saltei da cama coma un foguete, pero decateime de que Víktor seguía durmindo, boca abaixo, coa cara contra a almofada, e tireino ó chan dunha patada. –Que pasa? –Que imos ó museo! Apura! Almorzamos pan negro e manteiga, e logo agardamos a que o señor Berezin deixase libre o baño. Tardou unha barbaridade, coma sempre, e saíu unha hora despois cos calzóns de la subidos ata os sobrazos e un exemplar do Leningrádskaia Pravda baixo o brazo. –Queredes entrar aí? Eu esperaría un pouco. Ha, ha, ha! Víktor e eu mirámonos, desesperados, porque papá sempre di que deberían enrolar o señor Berezin no Exército Vermello como bomba química, pero non podiamos perder tempo, así que entramos igualmente, tapando o nariz, e, para acabar antes, lavamos os dentes os dous á vez, apertándonos no lavabo. Logo Víktor púxose a facerme carantoñas, e era moi gracioso, porque somos xemelgos, e, malia non sermos idénticos (eu son unha rapaza!), no espello roto do baño paréceo, así que é coma burlarse dunha copia miña co pelo curto. Ó final deume a risa, pero para rir fai falta respirar, así que respirei, e como o señor Berezin é unha auténtica bomba química, como dixen, case morro coa peste.

16


Cando saímos do baño estaba agardando Natalia Zhirova (os Zhirov son a outra familia que comparte o piso connosco e co señor Berezin), que non entendía por que o meu irmán e eu orneabamos coma dous burros (esta tamén é unha frase do meu pai). En fin. Fóra ía un día precioso. Ía tanta calor que daba gana de lanzarse ó río. A miña nai sempre di que o sol de Leningrado é o máis bonito do mundo. Durante o inverno agáchase, pero cando sae no verán non hai outro mellor, e eu creo que ten razón. O bo tempo sempre pon a miña nai de bo humor, e a min tamén, así que decidimos ir ó museo andando, no canto de coller o tranvía, coma de costume. Víktor empezou xa a queixarse de que co tranvía chegariamos antes, pero mamá lembroulle que un bo comunista nunca debería ser vago, e isto fíxoo calar de inmediato. Non hai ninguén que se considere mellor comunista ca Víktor. Dende a nosa casa ó museo hai un bo paseo, e non se vía a ninguén pola rúa porque, como dixo mamá, o día do solsticio de verán case todo o mundo “sae de esmorga” e se deita tarde. Cando chegamos á praza que hai diante do Palacio de Inverno, un garda saudounos e díxolle á miña nai: –Así que son estes os famosos xemelgos. Eu funguei, porque, que outros xemelgos ía ter miña nai? E ademais, aínda que o meu irmán e eu nos semellamos moito, non poderiamos ser máis distintos. Por exemplo, eu contemplaba o ceo e a cúpula do Almirantado, que parecía querer furar o sol, e el, en cambio, só tiña ollos para o fusil do garda e para o seu brillante uniforme.

17

S. – o piso dos Danilov atópase en Leningrado, calello Stoliarni 8, último andar.

Para xa, Nadia! Un diario non é para falar de parvadas así.


O caso é que entramos no Palacio de Inverno e mamá dixo: –Lembrade a nosa regra: ollos ó chan e apurando! Víktor e eu dixemos que si e saímos correndo polas escaleiras e polos salóns cheos de estatuas. Mamá sempre di que no museo hai que andar rápido, en parte porque é realmente grandísimo e se tarda un montón de tempo en ir dun lado ó outro, e en parte porque, se te pos a mirar isto e aquilo, o tempo pasa voando. Hoxe mamá levounos a ver a estatua dun neno agachado, tan ben feito que parecía que se fose levantar en calquera momento. Mamá dixo que a estatua a fixo un artista italiano chamado Miguel Anxo. Logo díxonos que papá nos agardaba no seu despacho e que podiamos xantar con el. Mamá e papá son axudantes do doutor Iosif Orbeli, que é o director do Ermitage. Teñen un despacho, xunto cos seus colegas, que me encanta porque antes foi un salón de baile. Isto dá unha idea do grande que é. Malia ser domingo, o despacho estaba cheo de xente traballando, pero en canto nos viron, todos nos saudaron coa man e dixeron: “Pausa!”. Unha muller acendeu a radio para poñer música, papá sacou os bocadillos dun caixón, Víktor instalouse nunha cadeira dourada, e eu, en cambio, preferín sentar nunha caixa de madeira. –Ah, esa caixa –díxome papá–. Mira dentro, Nadia. Obedecín, e no seu interior atopei uns cadernos… iguais a este no que estou a escribir agora. Na caixa había decenas deles, coa cuberta de cartolina vermella e un recadro na parte de arriba, coma unha especie de etiqueta para escribir o nome. Pero o máis bonito dos cadernos é que as páxinas e a cuberta están perforadas nun lado, e hai unha espiral metálica que as une.

18


S. – furto de material do Estado, art. 89

–É unha novidade –dixo o meu pai en canto viu que me gustaban–. Mandáronnos estes cadernos por erro, pero ó doutor Orbeli pareceulle que nos podían resultar útiles e pediu permiso para que quedásemos con eles. –Oh!, e cres que podería coller un? –preguntei decontado. Mamá dixo que non, papá respondeu que ninguén se ía decatar, mamá dixo que nin falar, e entón papá dixo que el collera un para os seus apuntamentos pero que non lle resultaba cómodo porque lle tropezaba a man na espiral ó escribir (papá é zurdo, coma min, mentres que Víktor e mamá son destros). Así que arrincou os seus apuntamentos do caderno (só usara tres follas!) e déunolo a Víktor e a min. –Podedes compartilo –dixo–. Escribide un diario entre os dous. –Non se pode escribir un diario entre dous –dixo entón unha colega de papá, aínda que a min me pareceu unha idea fantástica. Collín o caderno e escribín na cuberta o meu nome, é dicir, Nadia, e Víktor escribiu o seu, e eu usei unha estilográfica azul e Víktor en cambio preferiu usar o lapis vermello. A cor comunista! E logo púxenme a contar todo o que sucedeu ese fantástico día. Non é certo que os zurdos non poidamos usar cadernos con espiral. Ó contrario: gústame a espiral, porque fai cóxegas na man. Está claro que papá o inventou como escusa para darme o caderno. Espero que mamá non se anoxe moito con el, porque vaia mirada lle lanzou…

19


Vou pegar unha foto que atopei dos corredores do Ermitage, para que se vexa como son.

dos o t e s n e v s o c r a m s O n baleiros porque está renovando a sala.

Velaí. E xa abonda de escribir, porque papá sacou os bocadillos e entroume fame. Os maiores abriron unha botella de vodka e o ambiente estase caldeando. Por alá está bailando unha parella de funcionarios novos. Ela leva unha saia plisada que xira coma unha buxaina. Un home co nariz colorado (creo que se chama Garanin ou algo así) está cantaruxando, pero canta fatal, e unha muller interrómpeo e dille:

20


–Cala, Vladimir, cala. –Que pasa?

21


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.