'O cuarto de invitados' (mostra)

Page 1

Helen Garner

O cuarto de invitados Tradución do inglés de Moisés Barcia



É un privilexio preparar o lugar onde outro vai durmir. ELIZABETH JOLLEY



Para empezar, orientei a cama do cuarto de invitados en dirección norte-sur. Non se supón que así quen durma nela quedaba aliñado co fluxo de enerxía positiva do planeta, ou algo polo estilo? Iso pensaría ela. Deixeina ben feitiña, axustando ben a saba, a de cor rosa clara, xa que era ben sabida a sensibilidade dela para a cor, e o rosa favorece mesmo as peles que se volveron amarelentas. Preferiría unha almofada plana ou unha avultada? Sería alérxica ás plumas, ou mesmo, sendo vexetariana, contraria ao seu uso? Daríalle a escoller. Xuntei todas as almofadas de reserva da casa, metinas en cadansúa funda, tesas aínda de pasarlles o ferro, e deixeinas en fila na cabeceira da cama. Subín a veneciana de madeira e abrín a fiestra. Correu un aire con recendo a follas, aínda que unha non vería unha folla a menos que un abrise o mosquiteiro e se asomase. Ela levaba meses instalada coa súa sobriña Iris, na oitava planta dun bloque de apartamentos estilo art déco en Elizabeth Bay, cuxas fiestras, imaxinaba eu, daban ao norte por riba dun dosel de tupidas figueiras de Sydney, cara ao fondo azul do porto. A vista inmediata desde o meu cuarto de invitados, ata que conseguise que florecesen uns xeranios nunha xardineira de ventá, era do vello valo de madeira gris que separaba a miña propiedade da miña filla Eva. Pero a fiestra de guillotina daba ao leste, e a luz que se reflectía nas táboas da fachada

9


da casa de Eva mantiña o cuarto iluminado ata ben entrada a tarde. Ademais, estabamos a finais de outubro, que en Melbourne se supón que é primavera. Preocupábanme os seus pés. O chan do seu cuarto era de madeira espida, á parte dun kilim gastado e cheo de esgazaduras. E se enganchaba nelas unha das súas longas e elegantes dedas? E se caía? As zapatillas figuraban entre as cousas ás que ela non prestaba atención, igual ca as maletas, os suxeitadores, os desodorizantes, os ferros de pasar. Enrolei o perigoso kilim e guindeino á caseta da parte de atrás. Despois fun no coche a unha tenda que hai en fronte do supermercado Piedimonte’s, onde a miña amiga Peggy, que entende destas cousas, di que vendían alfombras tribais. Axiña atopei unha bonita: flores de cor verde diluída e salmón entrelazadas sobre un fondo de cor champiñón. O tipo díxome que era iraniana, feita con tinguiduras vexetais. Elixina porque tiña unha cor esvaída. Ela odiaríame se chegase a mercar algo ex professo; a facer rebumbio. Querería mirarse nun espello? Había meses que non a vía: todo o que sabía dela era polos nosos emails. Cada vez que entre o seu animado parrafeo percibía malas noticias, suxeríalle ir visitala a Sydney. Pero ela disuadíame. Ía saír a cear e non podía cambiar a cita, ou non tería unha cama para min, ou non quería que malgastase o meu diñeiro. Se no seu cuarto non había espello quizais o interpretase mal. Detrás do estante do meu estudio atopei un que mercara nunha tenda de importacións asiáticas de Barkly Square, e que nunca usara: un rectángulo de cristal alto, estreito e sen marco, que aínda tiña no reverso, arriba e abaixo, unhas tiras de fita adhesiva de dobre cara. Escollín un lugar discreto para poñelo, xusto detrás da porta do seu cuarto, e premino con forza contra o recebo. Na mesa de noite dispuxen en abano unhas partituras, por se nos apetecía tocar os nosos ukeleles: Pretty Baby, Don’t Fence Me In, King of the Road. Inclinei a lámpada de lectura nun elegante ángulo e puxen ao seu carón un floreiro cheo de plantas

10


sen nome que atopei preto da caseta da parte de atrás. Logo percorrín o corredor ata o meu cuarto, na parte dianteira da casa, e tombeime na cama coas botas postas. Eran as catro da tarde. Dez minutos despois espertoume un horrible estrondo en dúas fases, tan irritante, tan total, que pensei que alguén guindara un ladrillo contra a fiestra lateral. Saín precipitadamente, tremendo, e corrín polo corredor. Non había ningún movemento. A casa estaba en silencio. Debérao soñar. Pero o bordo da vella alfombra do corredor, a medio camiño cara á cociña, brillaba estrañamente. Pasei por riba dela e entrei no cuarto de invitados. O espello xa non existía. A parede estaba núa, e na alfombra iraniana brillaba o cristal esnaquizado. Varrín a alfombra, sacudina coa vasoira de palla, pasei a aspiradora en hábiles ángulos. Os fragmentos do espello tiñan formas malévolas e eran obstinados, algúns tan minúsculos que eran apenas faíscas de luz. Ocultábanse na trama da alfombra, na raíz do pelo. Axeonlleime e extraínos coas uñas. Cando a luz do día esmorecía e tiven que parar, chamoume a miña irmá Connie. –Rompeu un espello? No seu cuarto? Gardei silencio. Entón dixo, en voz baixa e imperiosa: –Non llo digas a Nicola. ••• –Vai quedar tres semanas? –preguntou o meu amigo Leo, o psiquiatra. Era sábado pola noite, eu estaba sentada na espartana cociña da súa casa de South Yarra e mirábao cociñar. Verteu a pasta nun coador e axitouno arriba e abaixo–. Por que tanto tempo? –Reservou praza para facer un tratamento alternativo aquí. Nun centro da cidade. Déronlle prioridade de admisión. Ten que presentarse alí o luns á primeira hora da mañá. –Que clase de tratamento?

11


–Non me atrevín a preguntar. Ela fala dun soro de peróxido e cousas así de horribles. Xa estivo recibindo grandes doses de vitamina C en Sydney. Oitenta mil unidades, seica. Por vía intravenosa. Con algo que se chama glutación. Sexa iso o que sexa. El quedou inmóbil co coador que pingaba na man. Parecía estar conténdose; nunca reparara nas veas das súas tempas, baixo os rizos brancos. –Todo iso son parvadas, Helen. Empezamos a comer. Leo deixou que caese un silencio de psiquiatra mentres usaba o garfo. O seu térrier, branco e negro, sentaba a carón da súa cadeira e contemplábao con desamparado amor. –Así que son estupideces –dixen–. Xa mo parecía a min. Cando o escáner revelou o tumor intestinal, pediulle ao oncólogo que adiase o tratamento un tempo. Quería tomar moito áloe vera. El respondeulle: “Nicola, se o áloe vera reducise os tumores, prescribiríano todos os oncólogos do mundo.” Pero ela cre nesas cousas. Ten unha desas esteiras magnéticas detrás do sofá, no chan. Sempre me di: “Déitate na esteira, Hel. Isto cúrache a osteoporose.” Leo non riu. Miroume cos seus ollos castaños e triangulares e preguntou: –E deitácheste? –Claro. É cómoda. Alúgalla a unha tenda. –Entón a quimio non funcionou. –Andaba todo o día co goteiro da quimio conectado ao dorso da man. Operárona. Recibiu radioterapia. Dixéronlle que non poden facer máis por ela. Estendéuselle aos ósos e ao fígado. Mandárona para a casa. Pasou cinco días no taller de Petrea King. Oín falar ben deles, pero ela dixo que non era o seu estilo. Entón acudiu a alguén a quen ela chama “sandador”. Díxolle que debía sacar as moas, que o cancro se debía ás filtracións dos metais pesados dos empastes. Leo apoiou a cabeza nas mans. Eu seguín comendo.

12


–Por que vén onda ti? –Di que lle salvei a vida. Estaba a piques de mandarlle un montón de cartos a un bioquímico do Hunter Valley. –Un bioquímico? –Un kinesiólogo díxolle que ese tipo tiña moito éxito co cancro. Así que ela o chamou. O tipo díxolle que non necesitaba vela. Abondaba con botarlle unha ollada ao seu hemograma. Tiña que mandarlle catro mil dólares, e el enviaríalle por correo as herbas precisas para combater os seus cancros. Mencionou un “extracto de zume de repolo”. Deixei escapar unha risa aguda. Leo miroume en fite, con rostro inexpresivo. –E díxolle que non debía preocuparse se oía comentarios desfavorables sobre el, porque tiña inimigos. Xente que buscaba a súa ruína. Eu intentaba actuar con tacto, e pregunteille: “Que pensaches cando che dixo iso?” Contestoume: “Tomeino como unha garantía de integridade.” Ardíanme as fazulas. Decatábame de que falaba atropeladamente. –Tiña medo de que me acusase de malograr a súa última esperanza. Así que, sen que o soubese, chamei un xornalista que coñezo. Este fixo certas pescudas. Resultou que o tal bioquímico é un coñecido estafador. Fai unhas afirmacións completamente desatinadas. Antes de meterse na medicina alternativa pasou anos no cárcere por atraco á man armada. Chameina xusto a tempo. Tiña o talonario na man. Tardei un momento en acougar. Leo agardou. A súa cociña era un lugar baleiro e plácido. Pregunteime se algunha vez invitara alí algún dos seus pacientes. Ao outro lado das portas corredizas de cristal había un vello lavadoiro de cemento no chan, no que medraba a albaca. O resto daquel diminuto xardín ocupábao o seu coche. –Ti traballas con pacientes enfermos de cancro –dixen–. Isto ten mala pinta?

13


Encolleu os ombreiros. –Bastante mala. Fase catro. –Cantas fases hai? –Catro. O prato estaba baleiro. Pousei o meu garfo. –E que se supón que debo facer? Puxo a man na cabeza do can e botoulle as orellas cara atrás, de modo que os ollos se lle converteron en dúas físgoas. –Quizais por iso vén. Quizais quere que sexas ti. –Que sexa eu o que? –Quen lle diga que vai morrer. Escoitamos un vello CD de Chick Corea e falamos das nosas familias e do que estiveramos lendo. Cando se fixo tarde, acompañoume ao meu coche. O can seguiuno ao trote. Mentres me afastaba por Punt Road, vinos cruzar no semáforo e internarse no gran parque escuro. ••• Pola noite caeu unha chuvia tranquila e suave. Espertei ás seis cunha sensación de que algo me asexaba, a mesma angustia que sentía cando se acababa o prazo de entrega dun artigo: a ineludible esixencia de atopar algo novo dentro de min. Ese día chegaba Nicola. Quedei alí deitada, inmóbil baixo a sombra. Plantei dous xeranios nunha xardineira e colgueina no valo lateral, en fronte do seu cuarto. Os botóns, pregados dentro das súas follas, lembrábanme lapis afiados. A súa cor vermella captaba a miña mirada antes de que chegase a aquel valo tan feo. Bessie veu desde a casa do lado, pasando de costado pola fenda do valo mentres eu preparaba un bocadillo para xantar. Amosoume un novo pasador do pelo que lle mantiña o floco suxeito cando saltaba arriba e abaixo. Caíanlle os mocos e limpeillos varias veces con papel de cociña. O televisor estaba aceso.

14