Page 1

O castelรกn de Coucy e a dama de Fayel


[Prólogo 1-54]

Amor, que é o mellor camiño para unha vida honesta, inspiroume o desexo de relatar unha historia de moi nobre tema para que a gocen os namorados que queiran lela e escoitala. Os ruíns non están dispostos a escoitar nin a contar historias fermosas, posto que lles desagrada escoitalas xa que non lles prace facer o ben. Mais noutro tempo príncipes e condes, aos que amor tiña entre os seus fieis, compuñan cantos, relatos e diálogos rimados6 de fermosas feituras. E deste modo dábanlle grazas ao amor, laiando as súas penas. Hogano, tal como sucedía antes, ten amor aceso o seu lume e os verdadeiros amantes tamén arden nas chamas do seu amor. Mais por culpa dos hipócritas desleais óese dicir que xa non se pode atopar un home fiel. Non obstante, neste tempo, como antes, aínda hai quen compón historias e relatos e mesmo mellor ca os que os compoñían antes. Pero aqueles que non saben compoñelos, nin gozan escoitándoos, mófanse deles dicindo que sopran contra o vento os menestreis e xograres que se dedican a este labor. Os que así falan son brutáns e buzacos, posto que os corteses e ben educados nunca os criticarían. Estes, polo contrario, gozan escoitando e celebrando con pracer os fermosos relatos de 6  Eses tres xéneros poéticos que sinala Jakemés corresponderíanse coa canso (o xénero cortés propio dos trobadores), o dit (creacións que se desenvolven a partir do século xiii, de contido moi diverso e que, a diferenza dos outros dous xéneros, están destinadas a ser recitadas ou lidas sen acompañamento de música ou canto) e o joc partit ou partimen provenzal (variante da tenso, unha forma poética dialogada acompañada de música na que un de dous poetas tiña que defender unha alternativa a un dilema de casuística amorosa proposto por el non elixida polo o outro interlocutor). O longo poema de Jakemés constituiría un dit de carácter narrativo. 23


Jakemés

amor. Pero aqueles non os louvan porque están acostumados a criticar o que está ben. Se un home de pouca fortuna dá a coñecer as súas obras, entón eles non tardan en dicir que non sabe compoñer, porque na súa casa reina a pobreza. Tanto critican, maldín, e inxurian aos autores, que provocaron que moitos deixasen de trobar. Mais eu iniciei o meu relato e non o abandonarei pola súa culpa, pois ben sei que dos homes de ben non recibirei reproche ningún. Que Amor coa súa bondade faga que deleite aquela á que o meu corazón tanto ama e aprecia, e pola que comecei esta obra. [O castelán e o seu amor pola dama de Fayel 55-96]

Non se deben esquecer os bos actos dos homes de ben: este pensamento levoume a relatar a historia non dun rei nin dun conde, senón dun cabaleiro tan valente que en moitas feitos e en moitos lugares destacou sobre os demais. Non tiña moitas riquezas, pero era fermoso, cortés e ben asisado. Nin Galván nin Lancelot obtiveron polas súas proezas unha gloria máis brillante ca a que adquiriu el superando todos os cabaleiros da súa época. Non cesou de buscar nunca o honor, adobiado de todas as virtudes. Este era castelán de Coucy. Sei de certo que o seu nome era Renaut e gozaba de gran fama. Sabía compor cancións e diálogos amorosos rimados, e destacaba tanto na cidade como no campo de batalla. Por nada do mundo renunciaría a participar en guerras e torneos, estivesen afastados ou preto. Posto que tiña tal fama, Amor xa o tomara ao seu servizo inflixíndolle moi crueis tormentos e obrigándoo a entregarse en corpo e alma a amar lealmente. Velaí por que tivera que sufrir tan duras probas antes de que Amor lle outorgase os seus favores: desta maneira acostuma tratar Amor aos que ten baixo o seu dominio. Mais este cabaleiro debía louvar 24


O castelán de Coucy e a dama de Fayel

a Amor, porque este o guiou cara a mellor, a máis nobre e discreta dama de todo o país. Amor só cometeu un erro: ela estaba casada e era a dama dun castelo que se chamaba Fayel, fermoso e poderoso. E a dama era bela e encantadora, tan chea de calidades que Deus a creou para ser amada. [Visita ao castelo e primeiro encontro 97-334]

O castelán non sabía como darlle a entender á dama os seus sentimentos: devecía por facerllos notar, e noite e día languidecía pola súa ansia de vela. Decidiu entón visitala, pois Amor fixéralle sufrir tantos tormentos que xa non podía soportalos: iríalle expresar as súas intencións. Montou a cabalo e partiu pensando na dama que o cativara. O seu corazón batía con ledicia ao imaxinar e pensar na figura e no rostro dos que se servira Amor para ferilo sen lanza. Cabalgou un longo treito ata que chegou ao castelo e desmontou. Entrou sen demora na sala mentres dous criados levaban o seu palafrén ás cortes. O tempo era, entón, temperado, pois era o momento da vendima. Ninguén lle amosou a máis mínima hostilidade: en canto entrou na sala todos se ergueron no seu honor e lle deron a benvida calorosamente. Pronto o informaron da ausencia do seu señor. –Mais, señor, a nosa señora está dentro, coas súas doncelas. Estas novas apraceron ao castelán en canto as oíu. Un escudeiro apresurouse a anunciar á súa dama a chegada do cabaleiro. –Que sexa benvido –díxolle ela–. Volvede axiña onda el e facédelle compaña ata que estea preparada. Dicídelle que non se impaciente: distraédeo, entretédeo con algún xogo. O mozo volveu onda o castelán a quen Amor cativara e díxolle: –Poñédevos cómodo, meu señor! A miña señora envíame para comunicarvos que chegará pronto. Polo que a min 25


Jakemés

respecta ocupareime de apurar os cociñeiros, tal como ela me ordenou. O castelán agardaba con ansia que viñese a súa dama, posto que nela residía a súa vida ou a súa morte. Ela non se demorou en arranxarse, porque unha dama fermosa non o precisa, e ela era dunha fermosura tan perfecta que ningunha dama ou moza do país podería igualala. Levaba un diadema de ouro sobre o seus dourados cabelos que lle acaía perfectamente, e cubría o seu corpo cun manto non moi longo. A nobreza da súa figura realzábase polo ton da súa cute, nin moi vermello nin moi pálido. Cando chegou á sala, o castelán dirixiuse cara ela en canto a viu e saudouna salaiando co espírito inquedo: –Señora, que o verdadeiro Deus vos conceda saúde, honor e alegría. –Que Deus vos oia –respondeu ela–, e que na súa bondade vos conceda tamén a vós pracer, paz e saúde. Ela colleuno da man e invitouno a tomar asento ao seu carón. Para poder ver mellor o seu corpo e o seu agraciado rostro, el retrocedeu un pouco antes de sentar. Desde que el tornou os seus ollos cara a ela, Amor quitoulle a fala e Medo, que golpeou o seu corazón, impediulle que saíse palabra da súa boca. Mudou de cor ao mirala, abatido polo estupor perdeu o don da linguaxe, coma se fose unha besta. A dama decatouse deseguido e, marabillada, preguntábase que sucedía, porque del sabíase que era instruído, animado, alegre e bo cantor. Porén, atópao agora murcho e abatido. Entón dixo: –Señor, ben sei que algo vos aflixe. Se o meu esposo estivese presente, acolleríavos con alegría e sentiriádesvos máis a gusto. Non vos incomodedes pola súa ausencia. Noutra ocasión estará aquí, pois onte pola mañá tivo que marchar a Blois. Cando o castelán a sentiu falar recuperou a cor, e dixo: 26


O castelán de Coucy e a dama de Fayel

–Señora, pola graza de Deus, estade segura de que aquí nada me importuna. Aínda que pasase nesta sala toda a miña vida, pareceríame tan só un instante, pois a vosa gran discreción, a vosa beleza, a vosa actitude nobre xunto con todas as virtudes que Deus asentou en vós fixeron de min o voso eterno amigo sincero, agora e para sempre. Mais Amor obrígame a ocultar celosamente os meus sentimentos; e así dise a miúdo que se teme a quen se ama. Señora, tomade este cabaleiro a quen só vós podedes axudar! Só vós podedes darme a felicidade. Eu nada aprecio, nin a min mesmo nin os meus bens, se non tedes piedade de min. –Ai de min! –contestou a dama–. Señor, moi mal pensades cando me pedides aquilo que atenta contra o meu honor e o do meu esposo. Porén creo que me poñedes a proba, pois ben sabedes que o meu corpo está ligado polo forte vínculo do matrimonio. Teño un marido valente, asisado e nobre, a quen non enganaría con outro home, e a ninguén amarei se non é a el. O castelán, moi sorprendido, respondeulle: –Ningún impedimento me afastará de servirvos durante toda a miña vida. Entón un servente presentouse ante eles para anunciarlles que a comida estaba lista, e invitounos a sentar á mesa. O castelán preferiría non ter que comer en catro días para poder contemplala longamente. Mais ela tomouno da man e despois de lavaren as mans sentaron á mesa. Aínda que a comida era abundante, o cabaleiro quedou en todo momento absorto fitándoa, sen beber nin comer, e non lle quitaba ollo. Porén, decontino saloucaba ardorosamente, e mudaba unha e outra vez de expresión e de cor. A dama ben se apercibía de que era ela a causa da súa dor, pero non desexaba amosarllo para mellor agochar o seu sentir. Díxolle: –Comede, prégovolo, e pola fe que me debedes, poñede unha cara máis alegre. 27


Jakemés

–Miña doce e querida dama, en verdade o meu amor e a miña felicidade residen en vós. Mais ningunha das vosas palabras serven para me aledar. –Oín dicir que participastes no torneo do outro día –continuou a dama. –Ah, dama! Queredes cambiar de tema, cousa que eu non desexo. Dama, é por vós que sufro a dor que Amor fai sentir aos amantes. –Terían que pasar anos para que sentísedes tal dor. Entón ela chamou a tres ou catro serventes e ordenoulles recoller a mesa. Despois mandou que lle preparasen o leito ao castelán: –Porque –díxolles– el se erguerá ben cedo, como é costume entre os mozos. Os serventes obedeceron sen demora e marcharon. A dama quedou soa co castelán que pola súa causa sentía todos os tormentos que Amor lle inflixía. –Dama –dixo el ao despedirse–, non me outorgaredes ningún consolo? Dama, se é así, non agardo máis que a morte, xa que de ningunha maneira me reconfortades. –Castelán, falades en balde, posto que non teño nin o máis mínimo interese en satisfacer o que pedides. Para consolarvos, sabede ben que vos preferiría antes ca a calquera mozo, se eu nalgún momento entregase de novo o meu amor. Mais non amarei a ninguén máis ca o meu esposo, nin a vós nin a ningún outro. Agora ide deitarvos, que xa é hora. –Doce dama, encoméndovos a Deus. Oxalá pola súa bondade faga que vos apiadedes de min. Entón o cabaleiro retirouse, mentres que a dama, pensativa e moi triste, volveu ás súas estancias. Deitouse núa, Amor feriuna traéndolle ao pensamento as moi nobres maneiras do castelán e as fermosas palabras do requirimento do seu amor. Pensaba que, se quixese amar, lle sería mellor 28


O castelán de Coucy e a dama de Fayel

non rexeitar un home de tal condición. Aínda que ela non amaría a ninguén que non fose o seu marido. O seu corazón aferrouse a este pensamento e quedou durmida. O castelán deitárase, pola súa banda, ferido no máis fondo do seu corazón. Amor dominábao e acendeu nel tal desexo que tan só atopaba consolo en servir a Amor e á súa fermosa dama sen cometer ningunha ofensa. E o seu corazón comezou a lembrar a dozura dos acenos e das deliciosas palabras da súa nobre dama, en nada altivos nin humillantes. Esta lembranza enchía o seu corazón de ledicia. Determinou que non renunciaría baixo ningunha circunstancia a participar en todos os torneos. Se a ela lle chegasen boas novas da súa actuación, aumentarían sen ningunha dúbida as esperanzas de gañar os seus favores. Este doce pensamento prestáballe tanto que o acalmou en gran medida. Despois matinou en que unha dama de tal valor e encanto podía acender o amor dun máis poderoso ca el. Entón caeu en tal desesperanza provocada polos celos que non deixaba de revolverse por todos os recunchos do leito, atormentado polo Amor e as dúbidas. Así pasou moi duros momentos. E, fatigado por estes dous sentimentos, quedou durmido e atrapado polo sono ata que amenceu un novo día. [Proezas do castelán 335-361]

Ergueuse axiña, colleu o seu cabalo e marchou do castelo, levado polo devezo de armas, amor e honra. Dispúxose a participar en todos os torneos, a combater en todas as xustas. A gloria que adquiriu en pouco tempo foi tal que se falaba del en todos os lugares, e tamén en Fayel, onde recordaban a súa bravura todos os que o viran; evocaban e gababan a súa beleza, a súa valentía e o seu honor, así como todas as súas boas accións, presentes e pasadas. A dama escoitaba moitas testemuñas que entenrecían o seu corazón. 29


Jakemés

Amor aínda non a ferira co dardo co que acostuma golpear os seus, e ela deleitábase co que oía do castelán. Todos os días o castelán, con todo o corazón, corpo e sentido, entregábase a ben servir a Amor. Sempre se amosaba alegre, apaixonado, dado a cantar, e tiña o corazón feliz. Coa esperanza de que o desexo que sentía chegase á súa dama, compuxo esta nova melodía e os versos desta canción:7 [Primeira canción 362-406]

Nin pola verde herba, nin polos prados nin por ningunha folla ou por flor me agrada cantar se non é inspirado polo sincero amor. Porén, os hipócritas suplicantes polos que unha dama nunca é amada cantan só en primavera lamentándose sen dor. Penso que unha dama se perde se cre a un amante falso e vaidoso, posto que dura moito tempo a vergoña que entraña tal loucura. E a alegría ten un efémero sabor que se malgasta en tal lugar, se ela ten suficiente valor como para non soportar tal deshonra.

7  Os termos “cans” e “cançons” son xeralmente sinónimos, mais “cans”, que é como Jakemés nomea esta composición, pode designar tamén a melodía. Como un trobador, o castelán é poeta e compositor de melodías, pero Jakemés non nolo amosa nunca tocando un instrumento. Porén, esta composición é de dubidosa atribución, aínda que hai investigadores que cren que a súa autoría pertence a Guy de Thourotte. 30

'O castelán de Coucy e a dama de Fayel' (mostra)  
'O castelán de Coucy e a dama de Fayel' (mostra)  

Páxinas de mostra do libro de Jakemés 'O castelán de Coucy e a dama de Fayel' (Rinoceronte Editora, 2017), traducido por Raúl Gómez Pato. Di...

Advertisement