A casa do recuncho de Pooh (mostra)

Page 1

A casa do recuncho de Pooh A. A. Milne con ilustracións de E.H.Shepard

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c r ☐ me no o p ☐ ato u

bro



Capítulo 1 No que se constrúe unha casa para Ígor no Recuncho de Pooh

U

n día que o Oso Pooh non tiña nada que facer, pen-

sou en facer algo, así que foi dar unha volta ata a casa de Piglet para ver o que estaba facendo Piglet. Seguía nevando mentres trotaba polo branco carreiro do bosque, e esperaba atopar a Piglet quentando as dedas diante do lume, pero viu con sorpresa súa que a porta estaba aberta, e canto máis mirou no interior menos estaba Piglet alí. –Saíu –dixo Pooh con tristeza–. Velaí o que pasou. Non está. Terei que dar un rápido Paseo para Pensar eu só. Vaia, ho! Pero antes pensou que petaría moi forte, para asegurarse… e mentres agardaba a que Piglet non contestase, púxose a dar saltos para entrar en calor, e de súpeto veulle á cabeza unha cantiguiña, que lle pareceu unha Boa Cantiguiña, como para Poder Cantárllela a Outros. 1


Canto máis neva (tídeli pom), máis continúa (tídeli pom), máis continúa (tídeli pom) a nevar. E ninguén sabe (tídeli pom) que fríos (tídeli pom), que fríos (tídeli pom), os pés me están a quedar.

–Daquela, o que vou facer –dixo Pooh– é isto que vou facer. Primeiro vou ir á casa e ver que hora é, e quizais poña unha bufanda no pescozo, e logo vou ir onda Ígor cantarlle esta cantiga. Deuse présa en volver á súa casa; e tiña a cabeza tan ocupada coa cantiguiña que lle ía cantar a Ígor que, cando de súpeto viu que Piglet estaba sentado na súa mellor butaca, só puido quedar alí parado, fregando a cabeza e preguntándose en que casa estaba. –Ola, Piglet –dixo–. Pensei que saíras. –Non –dixo Piglet–, fuches ti quen saíu, Pooh. –Así foi –dixo Pooh–. Sabía que un dos dous saíra. Botoulle unha ollada ó seu reloxo, que parara ás once menos cinco había algunhas semanas. 2


–Son case as once –dixo Pooh alegremente–. O momento axeitado para tomar algunha cousiña. –E meteu a cabeza na lacena–. E logo sairemos, Piglet, e cantarémoslle a miña canción a Ígor. –Que canción, Pooh? –A que lle imos cantar a Ígor –explicou Pooh. O reloxo seguía marcando as once menos cinco cando media hora máis tarde Piglet e Pooh se puxeron en camiño. O vento amainara, e a neve, cansada de formar remuíños tratando de atraparse a si mesma, caía agora suavemente ata que atopaba un punto no que descansar. Ás veces o punto era o nariz de Pooh, e ás veces non, e de alí a un pouco Piglet levaba unha bufanda branca ó redor do pescozo e notaba que nunca lle nevara tanto detrás das orellas. –Pooh –dixo por fin, e con algo de timidez, porque non quería que Pooh pensase que se Estaba Rendendo–, 3


preguntábame eu: e se volvemos para a casa e ensaiamos a túa canción, e lla cantamos a Ígor mañá… ou… ou pasadomañá, cando o vexamos? –É moi boa idea, Piglet –dixo Pooh–. Podemos ensaiala agora, mentres camiñamos. Pero non ten sentido ir ensaiala á casa, porque esta é xusto unha Canción Para o Aire Libre que Hai Que Cantar Na Neve. –Estás seguro? –preguntou Piglet con inquietude. –Xa verás, Piglet, en canto a escoites. Porque empeza así: “Canto máis neva, tídeli pom…”. –Tídeli, que? –dixo Piglet. –Pom –dixo Pooh–. Puxen iso para que sexa máis doado cantala. “Máis continúa, tídeli pom, máis…” –Non dixeches que nevaba? –Si, pero iso era antes. 4


–Antes do tídeli pom? –Era outro tídeli pom –dixo Pooh, que agora se sentía algo desorientado–. Voucha cantar enteira, para que vexas. Así que a volveu cantar. Canto máis NEVA-tídeli-pom máis CONTINÚA-tídeli-pom máis CONTINÚA-tídeli-pom a nevar. E ninguén SABE-tídeli-pom que fríos tídeli-pom que fríos tídeli-pom os PÉS me están a quedar.

5


Cantouna así, que é con diferenza o mellor xeito de cantala, e cando acabou agardou a que Piglet dixese que, de todas as Cantiguiñas para o Aire Libre mentres Neva que oíra nunca, esta era a mellor. Despois de pensar detidamente sobre o asunto, Piglet dixo: –Pooh –dixo solemnemente–, non son tanto os pés coma as orellas. Para entón xa se estaban achegando á Lúgubre Morada de Ígor, que era onde vivía, e como Piglet aínda tiña moita neve detrás das orellas, e se estaba cansando diso, dirixíronse a un pequeno piñeiral e sentaron na cancela que daba acceso a el. Agora estaban protexidos da neve, pero ía moito frío, e para entrar en calor cantaron a canción de Pooh seis veces seguidas. Piglet facía os tídeli-pom e Pooh facía o resto, e os dous batían na cancela con paus nos puntos precisos. E ó cabo dun anaco sentiron moita máis calor e puideron volver falar. –Estiven pensando –dixo Pooh–, e o que estiven pensando é isto. Estiven pensando en Ígor. –Que lle pasa a Ígor? –Pois que o pobre Ígor non ten onde vivir. –Non ten –dixo Piglet. –Ti tes unha casa, Piglet, e eu teño unha casa, e son casas moi boas. E Christopher Robin ten unha casa, e Bufo, Cangu e Coello teñen casas, e ata os amigos e 6


parentes de Coello teñen casas ou algo semellante, pero o pobre Ígor non ten nada. Así que o que estiven pensando é: fagámoslle unha casa. –Esa –dixo Piglet– é unha Grande Idea. Onde a faremos? –Farémola aquí –dixo Pooh–, xusto neste bosque, ó abeiro do vento, porque aquí é onde a pensei. E a este sitio chamarémoslle o Recuncho de Pooh. E no Recuncho de Pooh faremos unha Casa de Ígor con paus, para Ígor. –No outro lado do bosque había unha morea de paus –dixo Piglet–. Vinos. Montóns e montóns. Todos amoreados. –Grazas, Piglet –dixo Pooh–. O que acabas de dicir será de Grande Axuda para nós, e por iso podería chamarlle a este sitio o Recuncho de Poohepiglet, se non soase mellor Recuncho de Pooh, como así é, porque é máis curto e máis coma un recuncho. Veña. Así que baixaron da cancela e foron ata o outro lado do bosque para recoller os paus. * * * Christopher Robin pasara a mañá na casa, indo a África e volvendo, e xusto acababa de desembarcar e se preguntaba como se estaría fóra, cando alguén petou na porta, e non era outro senón Ígor. 7


–Ola, Ígor –dixo Christopher Robin abrindo a porta e asomándose–. Como estás? –Segue nevando –dixo Ígor lugubremente. –Así é. –E xeando. –Ai, si? –Si –dixo Ígor–. Polo menos –engadiu, animándose un pouco–, ultimamente non tivemos ningún terremoto. –Que pasa, Ígor? –Nada, Christopher Robin. Nada importante. Supoño que non verías por aí algunha casa ou algo semellante. –Que tipo de casa?

8


–Simplemente unha casa. –Quen vive nela? –Eu. Polo menos iso pensaba. Pero supoño que non. No fin de contas, non todos podemos ter casas. –Pero Ígor, eu non sabía… sempre pensei… –Non sei como é, Christopher Robin, pero con toda esta neve e cunha cousa e coa outra, por non falar dos carambelos e cousas así, no meu prado non vai moita calor ás tres da mañá, como pensan algúns. Non falta o Aire, non sei se me explico… ou non falta tanto que resulte incómodo. Non está Mal Ventilado. De feito, Christopher Robin –continuou cun murmurio bastante forte–, que quede entre nós e non llo digas a ninguén, vai Frío. –Oh, Ígor! –E díxenme: os demais sentiranse preocupados se morro de frío. Ningún deles ten Cerebro, só peluxe gris que lles naceu dentro da cabeza por erro, e non Pensan, pero se segue nevando outras seis semanas ou así, algún deles empezará a dicirse: “Ás tres da mañá Ígor non pode estar demasiado quente”. E entón Correrase a Voz. E sentiranse Preocupados. 9


–Oh, Ígor! –dixo Christopher Robin, sentíndose xa moi preocupado. –Non me refiro a ti, Christopher Robin. Ti es diferente. A cuestión é que me fixen unha casa no meu pequeno bosque. –De verdade a fixeches? Que emocionante! –A parte realmente emocionante –dixo Ígor coa súa voz máis melancólica– é que cando a deixei esta mañá estaba alí, e cando volvín xa non estaba. Nada do outro mundo, claro, só era a casa de Ígor. Pero sigo dándolle voltas. Christopher Robin non quedou dándolle voltas ó asunto. Volveu á súa casa, puxo o sombreiro impermeable, as botas impermeables e o chuvasqueiro impermeable tan rápido como puido. –Imos ir botar unha ollada decontado –díxolle a Ígor. –Ás veces –dixo Ígor–, cando a xente rematou de quitarlle a casa a alguén, hai unha ou dúas cousas que non queren e devólvenlla de bo grado a esa persoa, non sei se me explico. Daquela pensei que se imos… –Veña –dixo Christopher Robin, e saíron a toda présa, e en moi pouco tempo chegaron ó recuncho do prado, a carón do piñeiral, onde xa non estaba a casa de Ígor. 10


–Velaí! –dixo Ígor–. Non deixaron nin un pau! Claro que aínda teño toda esta neve para facer o que queira con ela. Non me podo queixar. Pero Christopher Robin non estaba escoitando a Ígor, senón que estaba escoitando outra cousa. –Non oes iso? –preguntou. –Que é? Alguén a rir? –Escoita. Os dous escoitaron… e oíron unha voz profunda e rouca que cantaba que canto máis nevaba máis continuaba a nevar, e unha voz pequena e aguda que facía tídeli-pom polo medio. –É Pooh –dixo Christopher Robin, emocionado. –Posiblemente –dixo Ígor. –E Piglet! –dixo Christopher Robin con emoción. –Probablemente –dixo Ígor–. Pero o que precisamos é un Sabuxo Adestrado. A letra da canción cambiou de súpeto. –Rematamos a nosa CASA! –cantou a voz rouca. –Tídeli pom! –cantou a voz aguda. –É unha bonita CASA… –Tídeli pom… –Oxalá fose MIÑA… –Tídeli pom… –Pooh! –exclamou Christopher Robin. 11


Os cantantes da cancela pararon de súpeto. –É Christopher Robin! –dixo Pooh con entusiasmo. –Está no lado onde collemos todos eses paus –dixo Piglet. –Veña –dixo Pooh. Baixaron da súa cancela e foron correndo ó outro lado do bosque, mentres Pooh facía todo o tempo ruídos de benvida. –Vaites, está aquí Ígor! –dixo Pooh cando acabou de abrazar a Christopher Robin. Deulle co cóbado a Piglet, e Piglet deulle co cóbado a el, e pensaron para si que prepararan unha encantadora sorpresa. –Ola, Ígor. –O mesmo digo, Oso Pooh, e dúas veces por ser xoves –dixo Ígor lugubremente.

12


Antes de que Pooh puidese dicir: “Que pasa os xoves?”, Christopher Robin comezou a explicar a triste historia da Casa Perdida de Ígor. Pooh e Piglet escoitaban, e parecía que os ollos se lles facían cada vez máis grandes. –Onde dixeches que estaba? –preguntou Pooh. –Xusto aquí –dixo Ígor. –Feita de paus? –Si. –Oh! –dixo Piglet. –Que? –dixo Ígor. –Só dixen: “Oh!” –dixo Piglet, nervioso. E para aparentar tranquilidade cantaruxou tídeli-pom un par de veces, en plan e-agora-que-facemos? –Estás seguro de que era unha casa? –dixo Pooh–. É dicir, estás seguro de que a casa estaba xusto aquí? –Por suposto que o estou –dixo Ígor. E murmurou para si–: Algúns deles non teñen cerebro en absoluto. –Por que? Que pasa, Pooh? –preguntou Christopher Robin. –Pois… –dixo Pooh–. O caso é que… –dixo Pooh–. Ben, o caso é que… –dixo Pooh–. Veredes –dixo Pooh–. A cousa é así –dixo Pooh, e algo lle debeu facer ver que non se estaba a explicar moi ben, e volveulle dar co cóbado a Piglet. –A cousa é así… –apresurouse a dicir Piglet–. Só que máis quente –engadiu despois de pensar profundamente. 13


–Que é máis quente? –O outro lado do bosque, onde está a casa de Ígor. –A miña casa? –dixo Ígor–. A miña casa estaba aquí. –Non –dixo Piglet con firmeza–. No outro lado do bosque. –Porque é máis quente –dixo Pooh. –Pero eu debería saber… –Ven mirar –dixo Piglet sen máis, e abriu a marcha. –Non podía haber dúas casas –dixo Pooh–. Estaban demasiado próximas. 14


Chegaron ó recuncho e alí estaba a casa de Ígor, cun aspecto tan acolledor coma nunca. –Velaquí –dixo Piglet. –Por dentro e por fóra –dixo Pooh con orgullo. Ígor entrou nela… e volveu saír. –É algo extraordinario –dixo–. É a miña casa, e construína onde dixen, así que o vento a debeu de traer ata aquí. E o vento levantouna por riba do bosque e pousouna aquí, e aquí está, en tan bo estado coma sempre. De feito, nalgunhas partes está mellor. 15


–Moito mellor –dixeron Pooh e Piglet ó mesmo tempo. –Isto demostra o que se pode facer cun pouco de esforzo –dixo Ígor–. Ves, Pooh? Ves, Piglet? Primeiro Cerebro e logo Traballar Arreo. Mirádea! Así é como se fai unha casa –dixo Ígor con orgullo. * * * Así que o deixaron na casa, e Christopher Robin volveu para comer cos seus amigos Pooh e Piglet, e polo camiño contáronlle a Terrible Equivocación que cometeran. E cando acabou de rir, os tres cantaron a Canción Para o Aire Libre que Hai Que Cantar Na Neve durante o resto do camiño, con Piglet, que seguía sen estar moi seguro da súa voz, facendo outra vez os tídeli-pom. “Sei que parece fácil”, díxose Piglet, “pero non todo o mundo o pode facer”.

16