'Caracteres', de Teofrasto (mostra)

Page 1

Caracteres



Proemio1 [Hai tempo que cavilo incansablemente nunha idea que me abraia e que nunca deixará de abraiarme: por que respirando o mesmo aire todos os helenos e sendo todos educados do mesmo xeito, non coincidimos na nosa maneira de obrar? Hai moito tempo, meu querido Policles2, que observo a natureza humana e, ao ter vivido noventa e nove anos, tiven a oportunidade de reunirme con moitas e tamén diversas personalidades. E despois de comparar polo miúdo os bos homes cos malos, considerei necesario describir estas personalidades e como se desenvolven na vida. Explicareiche, de xeito ordenado, os tipos de condutas que lles acaen e a forma que teñen de rexerse. Penso, Policles, que os nosos fillos serán mellores ao legármoslles estes rexistros. Ao dispoñer destes modelos, escollerán xuntarse a aqueles que sexan máis honorables, e non serán uns miserables con respecto a estes. Mais agora volvo ao rego: debes seguirme con atención e saber se o que digo é certo. Primeiro, compoñerei un discurso sobre os finxidores, deixando de lado os preámbulos e omitindo outras moitas cousas sobre o asunto. Comezarei 1  Este proemio ten todos os visos de ser un engadido posterior cuxa autoría non corresponde a Teofrasto. Os argumentos empregados para discutir a súa autenticidade son máis que razoables posto que se sabe que Teofrasto non chegou a vivir tanto (morreu con oitenta e cinco anos) e que nunca tivo fillos. Tampouco se menciona ningunha conduta positiva na obra aínda que neste proemio se desliza esa posibilidade e probablemente nunca pensara no carácter moralizante dunha obra cuxo propósito e razón de ser se descoñecen case por completo. Ademais deste proemio, tamén poderían ser apócrifos os epílogos moralizantes cos que se conclúen algúns capítulos e as definicións introdutorias de cada un dos mesmos, indicados como tal entre corchetes. 2  Resulta imposible identificar ao tal Policles con ningún personaxe histórico, posto que se trataba dun nome bastante común na rexión grega da Ática. 23


Teofrasto

en primeiro lugar polo finximento e definireino. Contarei con detalle quen ĂŠ asĂ­ e como se inclina cara este xeito de comportarse. E co resto dos estados morais, como me propuxen, procurarei mostrarchos con orde.]

24


Caracteres

I Sobre o finximento [Semella que o finximento podería ser, nun sentido amplo, unha simulación do peor, tanto na forma de ser como de palabra.] O finxidor compórtase desta maneira: é quen de achegarse a falar cos seus inimigos e non mostrar xenreira cara a eles. Enxalza aqueles que critica por atrás cando están presentes e aflíxese con estes ao seren derrotados. Amósase indulxente cos que o difamaron. Conversa con acougo cos que se indignan pola inxustiza coa que foron tratados, e aos que devecen por velo mándalles volver noutro momento. Non admite as cousas que fai, senón que expresa indecisión. Finxe que acaba de chegar, que chega tarde ou que non se atopa ben. Aos que solicitan un empréstito ou piden cartos en calidade de amigos <dilles que non ten un can. Di que vende> 3 cando non vende, e di que non vende cando vende. Finxe que non oíu o que en realidade oíu ben e finxe que non viu o que en realidade viu. E logo xura que non se lembra. Nunhas ocasións di que ten que pensalo; noutras, que non sabe, que quedou pampo ou que el xa chegara a esa mesma conclusión. Ten a habilidade de xogar con expresións deste tipo: “non creo”, “coido que non”, “estráñame”, “é coma se non falásemos coa mesma persoa”, “iso non foi o que me dixo a min”, “paréceme raro o asunto”, “dillo 3  Texto corrupto para o que propoñemos unha conxectura. Algúns editores, como Diels (1909), Ussher (1960) ou Diggle (2004), optan por non facer conxecturas. 25


Teofrasto

a outro”, “non sei se desconfiar de ti ou pensar mal del”, “cóidate de non confiarte moito”… [Tales son as palabras, as ambaxes e as reviravoltas que se descobren no finxidor. Cómpre vixiar os deshonestos e os hipócritas máis ca as víboras.]

26


Caracteres

II Sobre a adulación [Podería pensarse na adulación como un trato vergoñento que axuda ao que adula.] O adulador é un individuo capaz de dicirlle a quen acompaña: “Pensaches en como te miran os homes? Iso non lle pasa a ninguén na cidade salvo a ti. A alta estima que che teñen foi recoñecida onte na stoa4.” Había máis de trinta homes sentados, e en canto xurdiu o tema de quen sería o máis nobre, todos sinalaron o seu nome, comezando polo propio adulador. Ademais, mentres di todo isto, retira unha peluxe do manto do home, e se algún gaspallo se lle pousa levado polo vento na longa melena da súa cabeza, recóllea. E di rindo: “Mira! Como hai dous días que non me topaba contigo, non me decatara de que levas a barba chea de canas, aínda que tes o pelo ben negro para a túa idade.” Cando este fala, o adulador ordénalles aos demais que garden silencio, gábao cando o escoita e apláudelle. Cando remata, di: “Magnífico”, e ri cando o seu adulado fai unha graza insulsa, tapando a boca co manto coma se non fose quen de reter a risa. Aos que saen ao seu paso ordénalles parar ata que pasase o seu adulado. Mércalles mazás e peras aos fillos deste e dállas diante del. E, dándolles un biquiño, dilles: “De tal xente, tal semente5”. Cando o acompaña a 4  Pórtico conformado por unha sucesión de columnas que adoitaba emprazarse na ágora (praza pública) da cidade. 5  Χρηστοῦ πατρὸς νεοττία é a expresión utilizada por Teofrasto no grego orixinal, que 27


Teofrasto

mercar calzado di que o seu pé está mellor proporcionado que a propia sandalia. Se este vai visitar algún dos seus amigos, anticípase e anúnciao: “Fulano vai vir verte”. E logo, desandando o camiño, dille: “Xa te anunciei”. É perfectamente capaz de ir ao mercado das mulleres6 e acabar mallado. Dos invitados ao banquete, el é o primeiro en facer o eloxio do viño7 e permanecendo ao seu carón di: “Que amodiño comes8”, e cando proba algo da mesa dos manxares di: “Isto en verdade é delicioso”. Pregúntalle se ten frío, se quere abrigarse e se lle viste algo. E dicindo todo isto, bótaselle enriba e murmúralle ao oído. E ten a súa mirada cravada nel mentres parola cos demais. No teatro, quítalle a almofada ao escravo para colocarlla el mesmo. E loa o ben construída que está a súa casa, o ben cultivado que está o seu campo e o gran parecido do seu retrato. [En resumo, o adulador recoñécese doadamente por facer e dicir todo canto cre que lle pode agradar ao adulado.]

significa literalmente “niño de bo pai”, insistindo na conduta afagadora de quen adula e busca un beneficio con tanta loa. 6  A sociedade da antiga Grecia estaba profundamente dividida segundo un criterio patriarcal: os homes ocupaban todos os ámbitos da esfera pública e política, mentres que as mulleres quedaban relegadas ao espazo privado do οἶκος, sempre dependentes do seu pai ou esposo. Aquí Teofrasto faise eco da existencia dun espazo exclusivamente feminino na praza pública, mais non resulta doado saber se este mercado estaba rexentado por mulleres ou simplemente dirixido a elas polo tipo de produtos que alí se podían adquirir. En calquera caso, resultaba vergoñento que un home se introducise nos espazos que non lle correspondían. 7  Era habitual que os invitados ao banquete ou simposio entoasen cantos de loa ao deus Dioniso e exaltación do viño que ían degustar. 8  Teofrasto emprega o adverbio μαλακῶς, co que resalta a delicadeza e refinamento do adulado. 28


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.