A eólica mariña en Galiza condicionantes ambientais e sociais
Enerxías renovables offshore Lucía Soliño e Fins Eirexas
Os parques eólicos e o seu impacto nos cetáceos Mónica González e Alfredo López
Eólica marinha e conservaçom das aves Cosme Damián Romay
O impacto da eólica mariña na pesca Torcuato Teixeira
Mar e aire, nun marco regulatorio incompleto Rosa Mª Regueiro
Vento caimán, vento escamón, vento rinchante, vento roxo, terral, do norte, mareiro... A fala mariñeira ten un nome para cada vento que zoa nas nosas costas. Galiza, pola súa posición xeográfica e polo potencial destes seus múltiples ventos, aparece no foco do proceso de desenvolvemento da eólica mariña, que se presenta como unha das grandes apostas da transición enerxética europea e estatal. Xunto ás expectativas que abre, tamén xorden interrogantes sobre os seus efectos ecolóxicos, sociais e económicos, dado que este proceso podería transformar profundamente o litoral e o uso do espazo mariño.
Os artigos reunidos neste número inicial da Cerna Temática abordan, desde diferentes disciplinas, as múltiples implicacións dun fenómeno complexo: a regulación e planificación dos espazos mariños, o impacto sobre os ecosistemas e especies, os efectos para o sector pesqueiro e marisqueiro, ou a necesidade de garantir unha participación real das comunidades afectadas.
O posible desenvolvemento das renovables no mar ha de basearse no principio de precaución, na mellor información científica dispoñible e nun diálogo transparente entre administracións, ciencia e sociedade. A transición enerxética debera fomentar o aforro, a eficiencia e o consumo local. Só así poderemos avanzar cara a un modelo enerxético verdadeiramente sustentable, que contribúa á loita contra o cambio climático sen comprometer a biodiversidade nin os modos de vida costeiros. O mar é unha fonte de riqueza natural e cultural que temos a responsabilidade de coidar, sempre con visión de futuro.
Comité de redacción Uxía Iglesias, Xiana Iglesias, Belén Rodríguez, Xesús Pereiras, Ramsés Pérez, Pepe Salvadores, Alberte Sánchez e Manuel Soto Edita ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
Nos artigos asinados respéctase a normativa lingüística do texto orixinal. CERNA non se fai copartícipe, necesariamente, das ideas, opinións e afirmacións das persoas autoras. Todo o material da revista pode ser reproducido sempre que se cite a fonte, excepto as fotografías e outro material gráfico e artístico, para o que é necesario contar co permiso da persoa autora.
Dirección Manuel Soto Redacción Uxía Iglesias Organización Belén Rodríguez Deseño, maquetación e fotografía Distrito Xermar Administración Paula Souto
enerxías renovables offshore en Galiza impactos nos ecosistemas mariños e propostas de ADEGA
Lucía Soliño Alonso
Doutora en Bioloxía, investigadora no IEO Centro Oceanográfico de Vigo e presidenta da delegación ADEGA Vigo-O Morrazo
Fins Eirexas
Secretario técnico de ADEGA
O Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 20232030 (PNIEC) ten como obxectivo alcanzar ata 3 GW de eólica mariña en 2030. Con isto, e tras a aprobación dos POEM (Plans de Ordenación do Espazo Mariño) o pasado 2023, ábrese unha nova era para o desenvolvemento da eólica offshore, especialmente en Galiza.
Cerna Temática
Situación das áreas de desenvolvemento eólico fronte ás costas galegas (desde NOR-1 a NOR-5) segundo o Real Decreto 150/2023
Situación regulamentaria
Os POEM tratan de organizar os usos a nivel estatal do espazo marítimo, coa delimitación das áreas óptimas para diferentes fins, desde usos militares a mineiros, pasando polos enerxéticos. Nesta liña, os POEM destinan aproximadamente 5.000 km2 do espazo marítimo como zonas de alto potencial para a instalación de enerxía eólica mariña (ZAPER), dos cales o 54% se encontra na demarcación Noratlántica. Desta maneira, os mares galegos soportan 5 das 8 ZAPER desta demarcación. Ademais, hai que ter en conta que nesta especie de crebacabezas no que se encaixan as ZAPER, entre moitos outros usos, non están contempladas as zonas polas que pasan as liñas de evacuación submarinas ou subestacións intermedias, necesarias para o transporte da enerxía ata terra.
Por outra banda, o RD 96/20241 establece os criterios de concurso para as empresas que pretendan obter unha concesión de ocupación do Dominio Público Marítimo-Terrestre para instalar polígonos de aeroxeradores nas ZAPER de augas estatais. Este RD dá apenas un peso dun 30% da puntuación aos criterios ambientais e sociais, ao primar os criterios económicos e técnicos. Tamén se contempla un novo procedemento de
diálogo entre promotores dos proxectos e sectores afectados, adicional aos procedementos de participación e audiencia pública, que, se ben podería ser unha boa idea, a súa utilidade é dubidosa ao non ser un procedemento obrigatorio.
Ademais, cada procedemento de concorrencia competitiva estará regulado por unha orde ministerial que convocará o concurso e poderá incluír modificacións aos criterios iniciais. Finalmente, as solicitudes deben ser avaliadas polo MITECO e outros ministerios implicados.
A impaciencia das empresas eólicas pola ocupación do espazo mariño para a instalación de polígonos eólicos queda ben reflectida no feito de que, mesmo antes de seren aprobados os POEM, diversos proxectos foran xa presentados ao MITECO.
Cómpre sinalar que a administración galega ten competencia sobre augas interiores e agora tamén sobre a costa, afectadas ambas polas liñas de evacuación e centrais de distribución/transformación en terra. Con todo, en todo este proceso, o papel da Xunta de Galicia foi practicamente nulo e limitouse a permanecer de perfil fronte a esta problemática, cuxa responsabilidade traspasou ao Ministerio. Porén, no Parlamento, PP e PSOE racharon en 2021 o consenso de 2009 en contra da eólica mariña, e acordaron promover a súa implantación na costa. Até o de agora, a Xunta limitouse a crear un Observatorio da enerxía eólica mariña de Galicia do que excluíu os colectivos naturalistas e ecoloxistas, así como os grupos de investigación (IEO, IIM, etc.) e as universidades, todos con ampla experiencia no estudo e protección dos hábitats e da biota mariña.
Impactos sobre os ecosistemas mariños galegos
Xa son máis dunha vintena de proxectos de eólica mariña presentados en Galiza, mesmo algúns deles despois da moratoria decretada en xuño de 2021 a través da disposición adicional terceira do RDL 12/2021. A creación dun polígono deste tipo supón a instalación de varias ducias de aeroxeradores de grandes dimensións, con case 275 m de altura incluídas as aspas, as cales poden acadar uns 125 m, e que deixan apenas unha altura duns 25 m sobre o nivel da auga na súa parte inferior. Estes aeroxeradores sostéñense sobre estruturas flotantes que se aferran ao leito mariño por medio de pesos e cadeas de grandes dimensións e to-
nelaxe. Alén disto, cada aeroxerador debe conectarse a liñas eléctricas submarinas que percorren ducias de quilómetros ata terra, e contémplanse nalgúns casos estruturas intermedias. A despregadura masiva destas estruturas choca de fronte co compromiso que asumiu o Estado de ter o 30% dos mares e océanos protexidos para 2030 cun 10% de protección estrita, por presentar diversos riscos para a fauna, a flora e os ecosistemas mariños2. Ademais, debe terse en conta que a expansión da industria eólica offshore se está a dar en toda Europa, e que o Tribunal de Contas Europeo criticou que non se tiveran en conta os posibles efectos acumulados a nivel global do impacto sobre os ecosistemas mariños3
O POEM semella unha mala “parcelaria mariña”, que non considera as especiais características ecolóxicas do noso mar, un dos máis fértiles (e sensíbeis) do mundo, e do que viven milleiros de persoas inxustamente esquecidas. Este esquecemento non casual, que ignora as especificidades propias, ambientais e socioeconómicas das nosas costas, amosa até que punto o oligopolio eléctrico condiciona a planificación, ou o déficit de planificación, da enerxía eólica mariña.
Alternativas á despregadura masiva de eólica offshore
Un só polígono eólico mariño cunhas 30 turbinas pode xerar máis de 500 MW de potencia. Isto quere dicir que non sería preciso ocupar nin sequera a metade das 19 ZAPER reservadas a día de hoxe para a instalación de enerxía renovable offshore para co obxectivo do PNIEC de acadar 3 GW de eólica mariña en 2030.
Esta necesidade sería incluso menor coas axeitadas medidas de aforro enerxético e de eficiencia enerxética, nomeadamente no sector do transporte, un dos eidos con maior capacidade de impacto na transición enerxética e onde resulta realista reducir até o 50% o gasto. Tamén o consumo enerxético doméstico podería reducirse con medidas de illamento térmico que, como no caso do transporte, terían impacto na redución de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro. Ademais, cómpre sinalar que existen estudos4 que aseguran que no Estado español hai superficies antropizadas suficientes, principalmente os tellados de edificios e naves, para instalar 181 GW que producirían máis de 272.037 GWh/ano en enerxía solar fotovoltaica, unhas cifras que son superiores ao consumo eléctrico anual do Estado espa-
ñol no ano 2021, o cal se situou en 259.905 GWh.
Que pide ADEGA?
• A enerxía eólica mariña debe ser desenvolvida de forma que se priorice a conservación dos ecosistemas mariños ante o beneficio da industria e se asegure en todo o proceso a información e o debate público.
• Ante a irrupción masiva desta tecnoloxía, debe aplicarse sempre o principio de precaución, así como promover accións de monitorización e experiencias piloto antes da instalación dos aeroxeradores no mar e nunca en zonas vulnerables.
• Os estudos de impacto ambiental deben realizarse por entidades científicas rigorosas e independentes das empresas promotoras para evitar que se minimicen os impactos negativos dos proxectos nas declaracións de impacto ambiental. Só as medidas de mitigación que eviten o impacto directo sobre o medio deben ser consideradas como un
Laminaria no fondo mariño galego. Xaime Beiro (@xbeiro)
factor de redución do impacto ambiental xeral do proxecto. A simple investigación/monitorización non debe ser considerada unha medida de mitigación. Tampouco os plans de reintrodución ou de fomento da cría (por exemplo de aves) noutros lugares.
• Non debe sobredimensionarse a necesidade de enerxía para a súa comercialización con fins puramente especulativos. A transición ecolóxica debe fomentar o aforro e a eficiencia, así como o consumo local e a pequena escala.
• A eólica mariña debería contar cunha planificación administrativa propia a nivel estatal e non ser contemplada como un uso, entre outros moitos, do espazo mariño. Desde ADEGA temos esixido ao Ministerio que elabore unha planificación normativa propia para o aproveitamento enerxético nas augas de competencia estatal, rexeitando que
esta se nos tente coar no caixón de xastre do POEM. Sería de interese que, se non para a eólica en exclusiva, cando menos para xeración de renovábeis no mar, houbese unha planificación e desenvolvemento normativo propio ao fío do recollido nos “estudos estratéxicos” e na consulta pública iniciada en 2020 para elaborar unha “folla de ruta” para o desenvolvemento da eólica mariña. Mentres non se elabore (e se someta ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica de planos e programas) un marco normativo propio para a enerxía eólica mariña (ou o conxunto das enerxías renovábeis no mar), debería paralizarse todo desenvolvemento eólico (concurso) nas costas galegas.
• Débese considerar como garantir o beneficio público e social destas instalacións, a través, por exemplo, da participación directa das administracións e do tecido produtivo local nos proxectos enerxéticos como promotores ou accionistas, xa que, ao ser un territorio sometido ao Dominio Público, non hai propietarios cos que negociar, nin expropiacións que pagar, polo que nin sequera quedarían estas “esmolas”. Trátase, outra volta, de non reproducir o acontecido co desenvolvemento da eólica terrestre.
En definitiva, defendamos unha transición enerxética baseada no aforro enerxético, na mobilidade sustentábel, na soberanía alimentaria e nun sistema produtivo planificado, de proximidade e de cero residuos, que conte como liña vertebral un novo modelo enerxético baseado na produción descentralizada e social de enerxías renovábeis e máis limpas.
1 BOE-A-2024-19048 Resolución de 9 de septiembre de 2024, de la Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental, por la que se formula declaración ambiental estratégica de la “Actualización del Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2023-2030”. (2024). Boe.es. Recuperado o 29 de setembro de 2025.
2 BOE-A-2022-23751 Real Decreto 1057/2022, de 27 de diciembre, por el que se aprueba el Plan estratégico estatal del patrimonio natural y de la biodiversidad a 2030, en aplicación de la Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. (2022). Boe.es. Recuperado o 29 de setembro de 2025.
3 Special report 22/2023: Offshore renewable energy in the EU. (2023). European Court of Auditors. Recuperado o 29 de setembro de 2025.
4 Energía Fotovoltaica En España, E. D. E. P., & Antropizadas, S. S. (2022). Aproximación al potencial fotovoltaico en España con mínimos impactos en la biodiversidad, el territorio y que beneficie a la ciudadanía. Aliente.org. Recuperado o 29 de setembro de 2025.
Arrecife de gorgonias. Xaime Beiro (@xbeiro)
Cerna Temática
os parques eólicos e o seu impacto nos cetáceos en Galiza
Mónica González Fernández e Alfredo López Fernández Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA)
Galiza alberga unha alta diversidade de especies mariñas ameazadas, grandes peixes, mamíferos mariños e tartarugas. Os parques eólicos mariños, especialmente na fase de construción, xeran impactos negativos que afectan o seu hábitat e comportamento. Os estudos de impacto realizados ata o de agora noutras áreas son variables e difíciles de extrapolar, polo que os resultados son incertos. Aínda así, o desenvolvemento industrial é moito máis rápido que os estudos poboacionais e o seguimento do impacto sobre as especies. Dada a falta de coñecemento e a posible ameaza que supón para os cetáceos, recoméndase aplicar o principio de precaución á hora de instalar a industria eólica mariña.
Impactos nos cetáceos durante a fase constructiva e operacional dun parque eólico flotante mariño. Baseado en Henry et al., 2023
Galiza alberga unha ampla diversidade de especies mariñas ameazadas nas súas augas, entre eles, grandes peixes, como elasmobranquios, tartarugas mariñas e cetáceos. Das 35 especies de cetáceos presentes no Atlántico Norte, a costa galega rexistra 24, que representan o 68%. Aínda que todos os cetáceos poden usar unha mesma zona para desprazarse ou alimentarse, algúns son ocasionais, mentres que outros o fan de forma permanente. Son varias as especies que máis frecuentan as áreas propostas para a instalación de parques eólicos mariños e, precisamente dúas delas, contan con maior protección e son as máis ameazadas debido a outros impactos antropoxénicos: a toniña ( Phocoena phocoena ) e o arroaz ( Tursiops truncatus ).
A toniña é unha especie incluída nos catálogos de especies ameazadas: galego (Decreto 88/2007) e español (Orde TED/1126/2020 modificando R.D. 139/2011). Neste último está considerada como en perigo de extinción. Utiliza o rango batimétrico1 de 20-200 metros, e ocupa de xeito amplo as augas galaico-portuguesas, onde a instalación de infraestruturas marítimas interrompería a súa distribución continua. A principal causa de mortalidade nas augas de Galiza é a
captura accidental, unha situación agravada pola diminución das femias sexualmente maduras.
En canto ao arroaz, está cualificado de vulnerable, tal e como figura nos mencionados catálogos de especies ameazadas. Os grupos costeiros utilizan o rango batimétrico de 5-100 metros, e os grupos oceánicos, que se verían máis afectados pola instalación eólica, móvense a máis de 150 metros de profundidade. Ademais, existen outras especies vulnerables como o cifio común (Ziphius cavirostris), unha especie moi descoñecida, que utiliza o rango batimétrico de 1500-3500 metros de profundidade e que pode ver afectada a súa distribución.
A toma de decisións no desenvolvemento dun parque eólico mariño implica considerar moitos factores, pero sempre deberían levarse a cabo de acordo coa lexislación vixente en materia de conservación da biodiversidade. Para a toniña, ao estar catalogada en “perigo de extinción”, debe adoptarse un plan de recuperación nun prazo máximo de tres anos periodicamente e desde a súa inclusión, o que supón a designación de zonas críticas e zonas de posible reintrodución, onde se eviten os impactos negativos sobre a especie (artigo 59.1.a do R.D. 139/2011). Por outra banda, o arroaz, como especie “vulnerable”, está suxeito ao mesmo requisito, pero nun prazo de cinco anos (artigo 59.1.b do R.D. 139/2011).
Os anexos II e V da Lei 42/2007 establecen as especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren dunha protección estrita, ou para as que a conservación require a designación de zonas de conservación especial. Entre elas inclúense especies como Phocoena phocoena, Tursiops truncatus, Caretta caretta, Chelonia mydas, Halichoerus grypus, Phoca vitulina, Lepidochelys kempii, Eretmochelys imbricata e Dermochelys coriacea. todas elas presentes en maior ou menos medida nas augas de Galiza.
Neste caso, os emprazamentos propostos para os parques eólicos son adxacentes a áreas de protección ZEPA, polo que se debe garantir que as actividades que se leven a cabo sexan compatibles coa preservación da biodiversidade obxecto delas (artigo 1.c da Lei 41/2010). Ademais, o Convenio OSPAR identificou a creación de parques eólicos mariños como un impacto potencial no medio e creou unha guía de consideracións ambientais (OSPAR 2008). Hoxe en día, as actividades de construción no medio mariño
considéranse unha das principais ameazas para os cetáceos, xunto coa captura accidental, a contaminación química, os residuos mariños e as colisións con buques.
Non obstante, a construción destas estruturas leva anos sendo monitorizada de preto. Aínda así, o desenvolvemento dos parques eólicos é moito máis rápido que os estudos de análise de poboación e o seguimento do impacto. A maioría dos efectos negativos para estas especies concéntranse na fase de construción, onde se atoparon efectos de fragmentación do hábitat e contaminación acústica grave.
Na fase operacional existen rexistros de ocupación física do espazo, molestias por ruído, colisións e atrapamentos por parte das estruturas, liñas de amarre que as suxeitan ou os cables que transportan a electricidade, tal e como se amosa na Imaxe 1 (baseada en Henry et al., 2023). Estes impactos mantéñense durante toda a fase operativa, que ten unha duración media de 25–30 anos (Wawrzynkowski et al., 2025)
Aínda así, son necesarios estudos a longo prazo para verificar afeccións indirectas pola ocupación do espazo, alteración da calidade do medio, ruído ou contaminación electromagnética.
Semella difícil extrapolar os resultados dunha zona específica a outra, e aínda máis cando existe tanto descoñecemento sobre parques flotantes. Ademais, o efecto pode depender dun gran número de factores, como a localización, o tamaño do parque eólico, a posible amplificación dos efectos derivada da combinación con outros impactos antropoxénicos como o tráfico marítimo ou a pesca, e, por suposto, factores relacionados coa composición da poboación e o seu uso do espazo.
Como conclusión, poderíase indicar que hai un claro efecto negativo para os cetáceos a curto prazo, durante a construción da instalación eólica; e efectos incertos a longo prazo, durante o funcionamento, que dependen máis das características e situación da poboación de cetáceos que da propia instalación. Apelando ao principio de precaución e aos mandatos da Axenda 2030, e con tal incerteza a respecto do impacto sobre os cetáceos, non podemos recomendar a instalación destes proxectos.
1O rango batimétrico refírese ao intervalo de profundidades no que vive ou se despraza habitualmente unha especie mariña.
Rorcual común. Imaxe obtida con autorización do MITECO para observación de cetáceos con fins científicos. CEMMA
Bibliografía:
Bayley H., Senior B., Simmons D., Rusin J., Picken G. and Thompson P.M. 2010. Assessing under water noise levels during pile-driving at an offshore windfarm and its potential effects on marine mammals. Marine Pollution Bulletin 60, 888-897.
Henry S, Heerah K, Jung J-L, Martinez L and Miaud C (2023). Can floating offshore wind farms pose a risk of entanglement and injury to marine megafauna? COME3T Bulletin n°09. France Energies Marines, 20 pages.
Kraus S.D., Kenney R.D., and Thomas L. 2019. A framework for studying the effects of offshore wind development on marine mammals and turtles. Report prepared for the Massachusetts Clean Energy Center, Boston, MA 02110, and the Bureau of OceanEnergy Management. 48pp.
OSPAR. 2008. OSPAR Guidance on Environmental Considerations for Offshore Wind Farm Development. 19 pp. Wawrzynkowski, P., Molins, C., & Lloret, J. (2025). Assessing the potential impacts of floating Offshore Wind Farms on policy-relevant species: A case study in the Gulf of Roses, NW Mediterranean. Marine Policy, 172, 106518.
Cerna Temática
eólica marinha e conservaçom das aves no mar galego
Cosme Damián Romay Cousido
Biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat
O Real Decreto 150/2023, de 28 de Fevereiro, aprovava os planos de ordenamento do espaço marítimo (no sucessivo POEM) das cinco demarcaçons marítimas espanholas. Entre outra planificaçom, estabelece “zonas de alto potencial para o desenvolvimento da energia eólica marinha” (no sucessivo ZAPER), justificadas apenas a partir de critérios técnicos. No seu articulado geral, mencionam-se vários aspetos que fazem referência, direta ou indiretamente, às aves marinhas e à sua conservaçom, mas omitem umha análise necessária: que aves estám presentes nestas zonas, quais destas estám ameaçadas e/ou protegidas e que interacçons pode haver com os eventuais aerogeradores. Este artigo tentará solventar estas omissons e engadir comentários baseados no actual marco legal.
Figura 1. Exemplo de polígono em GBIF.org para avaliar a biodiversidade na área afectada polas áreas de desenvolvimento eólico NOR-2, NOR-3, NOR-4 e NOR-5. Os pontos tenhem maior tamanho e cores mais avermelhadas a maior número de espécies e registos, respetivamente.
Áreas conflitivas e análise da sua biodiversidade
Segundo os POEM, o mar fronte à Galiza estaria dentro da demarcaçom marinha noratlántica espanhola (abreviada NOR). Estabelecem-se cinco áreas de desenvolvimento eólico fronte às costas galegas (nomeadas desde NOR-1 a NOR-5). NOR-1 -nas Rias Baixas-, implementaçom de projetos eólicos está a dia de hoje condicionada por problemas financeiros da empresa promotora (Capital Energy). Entom, a efectos de análise escólhem-se só as do norte da Galiza, em total quatro áreas: NOR-2, NOR-3, NOR-4 e NOR-5, situadas a unhas 20 milhas náuticas fronte ao litoral norte galego.
Avaliaçom da biodiversidade marinha com GBIF, com atençom às aves
Como já se apontou num artigo anterior (Romay, 2024), a maioria das plataformas de registo da biodiversidade do planeta, com os seus milhons de dados georreferenciados associados, unem-se num grande nodo global de biodiversidade: GBIF.org. Seguindo o mesmo procedemento que em Romay (2024), desenhou-se um polígono
coa ferramenta disponível na web de GBIF (gbif.org/occurrence/map?occurrence_status=present), o suficientemente grande para acoller as áreas de desenvolvimento eólico fronte às costas galegas (lembrar: NOR-2, NOR-3, NOR-4 e NOR-5; Figura 1). Umha vez feito isto, descarregamos o arquivo .csv que facilita GBIF para esse polígono. É precisso examinar criticamente toda esta informaçom, identificando erros taxonómicos e de coordenadas.
Os resultados mostram que GBIF contém actualmente (Setembro de 2025) informaçom válida de 530 espécies, das que há 97 algas, 273 invertebrados e 160 vertebrados. Dentro deste último grupo, há 63 espécies de aves registadas, das quais 45 estám incluídas na Lista de Espécies Silvestres em Regime de Protecçom Especial (“LESRPE”, ver Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro), e/ ou na Lista Vermelha da IUCN (BirdLife International, 2018). À primeira destas listas -LESRPE-, cumpre sumar-lhe os catálogos de espécies ameaçadas a nível galego e/ou espanhol. Trata-se do Catálogo Galego de Espécies Ameaçadas (“CGEA”, ver Decreto 88/2007, de 19 de Abril, e Decreto 167/2011, de 4 de Agosto), e do Catálogo Espanhol de Espécies Ameaçadas (“CEEA”, ver Real Decreto 139/2011, de 4 de Fevereiro).
Aliás, considerando o número total de registos de aves na zona de estudo, pode calcular-se a freqüência relativa de apariçom de cada espécie analisada na zona (em porcentagem sobre o total de registros desse grupo “%Tsp.”). Esta informaçom recolhe-se na Tabela 1.
Eólica marinha e aves no mar: possíveis efectos
Segundo o trabalho de referência de Fox e Petersen (2019), existiriam a priori três grandes efeitos negativos destes parque eólicos marinhos sobre as aves: 1) efeito de barreira em relaçom aos movimentos das aves, 2) mudança de habitat que pode suponher a perda de áreas de alimentaçom, e 3) risco direto de colisão. As espécies de aves de maior porte evitam atravessar os parques eólicos, mas em condiçons de má visibilidade podem fazê-lo e ser vulneráveis a colidir com aerogeradores. Porém, como indicam estes autores, nom existem dados suficientes da maioria das espécies aquáticas para fazer avaliaçons completas, e tampouco se tem investigado os efeitos cumulativos de múltiplos parques eólicos ao longo das rotas de migraçom das espécies (caso dos projec-
tos -encadeados- NOR-2, NOR-3, NOR-4 e NOR-5).
Os POEM vs conservaçom das aves
Segundo o artigo 3.1.2, punto b, do Real Decreto 150/2023, di-se que: “Se aplicarán todas aquellas restricciones recogidas en la Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad”. Sublinhar que precissamente o preámbulo desta lei establece “(…) la obligación de que todos los poderes públicos, en sus respectivos ámbitos competenciales, velen por la conservación y la utilización racional del patrimonio natural en todo el territorio nacional y en las aguas marítimas bajo soberanía o jurisdicción española, incluyendo la zona económica exclusiva y la plataforma continental, con independencia de su titularidad o régimen jurídico, y teniendo en cuenta especialmente los hábitats amenazados y las especies silvestres en régimen de protección especial”. Entom, a conservaçom de habitats ameaçados e espécies silvestres em regime de protecçom especial (como as sinaladas na Tabela 1) é mandatória legalmente, e condicionaria o desenvolvemento teórico destes POEM.
Conclusons
A conservaçom de aves ameaçadas e/ou protegidas nas áreas de desenvolvimento eólico nom está garantida nos POEM, polo que é necessária umha reforma baseada num “princípio de precauçom” que mesmo aparece citado no própio bloque II, apartado 1, do Real Decreto 150/2023: “(…) los planes seguirán un conjunto de principios orientadores, que guiarán el proceso de elaboración de la ordenación espacial. Estos son: (...) –Uso de la mejor información científica disponible, y de la escala de análisis más adecuada. –Principio de precaución. –Principio del mínimo impacto de las actividades humanas”. Como se afirmou no manifesto “Crime perfecto fronte ás costas galegas”, assinado por várias entidades ambientalistas: “En aplicación do principio de ‘primeiro, investigación, e despois ordenación’, o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas ‘zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña’ en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supoñer, á vista dos resultados das investigacións desenvolvidas tanto no Banco de Galiza (ZEPA) como nesa zona ao norte de Estaca de Bares” (VV.AA., 2023).
2. Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus, actualmente Puffinus yelkouan mauretanicus para alguns autores), fotografado desde barco nas Rias Baixas, nom longe da NOR-1. Esta espécie, catalogada como en perigo no CGEA e CEEA (Tabela 1), também está presente nas áreas de desenvolvimento eólico da costa norte. C. D. Romay
Bibliografía:
AviList Core Team. 2025. AviList: The Global Avian Checklist, v2025.
BirdLife International. 2018. Pterodroma madeira. The IUCN Red List of Threatened Species 2018: e. T22698062A132622973.
Fox, A. D. & Petersen, I. K. 2019. Offshore wind farms and their effects on birds. Dansk Orn. Foren. Tidsskr.. 113: 86-101.
GBIF. 2024. Procura: espécies.
Romay, C. D. 2024. GBIF.ORG: o nodo global de dados de biodiversidade. Cerna, 91: 48-50.
Sangster, G.; Genovart, M.; Guilford, T.; Oro, D.; Louzao, M.; Brooke, M. L. & Arcos, J. M. 2026. Phylogenomics and the falsification of shearwater species (Puffinus mauretanicus, P. yelkouan) hypotheses: a comment on Ferrer Obiol et al. (2023). Molecular Phylogenetics and Evolution, 214: 108470.
VV.AA. 2023. Ameaza para a biodiversidade fronte ás costas galegas. Grupo Naturalista Hábitat.
Figura
Espécie (autoria, ano)
Streptopelia turtur (Linnaeus, 1758)
Calidris alba (Pallas, 1764)
Numenius phaeopus (Linnaeus, 1758)
Arenaria interpres (Linnaeus, 1758)
Phalaropus fulicarius (Linnaeus, 1758)
LESRPE CGEA CEEA IUCN %Tsp.
NON PASSERIFORMES
Stercorarius parasiticus (Linnaeus, 1758)
Stercorarius pomarinus (Temminck, 1815)
Stercorarius skua (Brünnich, 1764) A
Fratercula arctica (Linnaeus, 1758)
Ichthyaetus melanocephalus (Temminck, 1820) B
Larus marinus (Linnaeus, 1758)
Rissa tridactyla (Linnaeus, 1758)
Sterna hirundo (Linnaeus, 1758)
Sterna paradisaea (Pontoppidan, 1763)
Sternula albifrons (Pallas, 1764) C
Chlidonias niger (Linnaeus, 1758)
Thalasseus sandvicensis (Latham, 1787) D
Hydrobates pelagicus (Linnaeus, 1758)
Hydrobates castro (Harcourt, 1851) E
Hydrobates leucorhous (Vieillot, 1818) F
Calonectris borealis (Cory, 1881) G
Pterodroma madeira (Mathews, 1934)
Ardenna gravis (O'Reilly, 1818) H
Ardenna griseus (Gmelin, 1789) I
Puffinus mauretanicus (Lowe, 1921) J
Puffinus puffinus (Brunnich, 1764)
Gulosus aristotelis (Linnaeus, 1761) K
Morus bassanus (Linnaeus, 1758) L
Platalea leucorodia (Linnaeus, 1758)
Ardea cinerea (Linnaeus, 1758)
Circus aeruginosus (Linnaeus, 1758)
Falco peregrinus (Tunstall, 1771)
Falco subbuteo (Linnaeus, 1758)
Falco tinnunculus (Linnaeus, 1758)
Lanius collurio (Linnaeus, 1758)
Phylloscopus collybita (Vieillot, 1817)
Acrocephalus scirpaceus (Hermann, 1804)
Hirundo rustica (Linnaeus, 1758)
Erithacus rubecula (Linnaeus, 1758)
Ficedula hypoleuca (Pallas, 1764)
Oenanthe oenanthe (Linnaeus, 1758)
Phoenicurus ochruros (Gmelin, SG, 1774)
Anthus pratensis (Linnaeus, 1758)
Motacilla alba (Linnaeus, 1758)
Motacilla flava (Linnaeus, 1758)
PASSERIFORMES
Tabela 1.Espécies de aves com algumha categoria de ameaça ou protecçom citadas na zona de estudo, segundo GBIF.org.
Notas: A seqüência taxonómica segue AviList Core Team (2025). EN: en perigo, VU: vulnerável. A: antes Catharacta skua. B: antes Larus melanocephalus. C: antes Sterna albifrons. D: antes Sterna sandvicensis. E: antes Oceanodroma castro. F: antes Oceanodroma leucorhoa. G: antes Calonectris diomedea. H: antes Puffinus gravis I: antes Puffinus griseus. J: em AviList aparez como Puffinus yelkouan mauretanicus, mas recentemente sugeriu-se manter Puffinus mauretanicus (Sangster et al., 2025). K: antes Phalacrocorax aristotelis. L: antes Sula bassana. *: avaliada como Puffinus yelkouan na IUCN.
o impacto da eólica mariña na pesca
Torcuato Teixeira Valoria
Asesor Xurídico da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, avogado especialista en dereito pesqueiro e portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños
Dicía Mark Twain que a historia non se repite, pero rima. Así é, se nos remontamos á época en que encheron a nosa Galiza de encoros. Prometían beneficios para a poboación, para o país, e repetían outra serie de mantras que, a día de hoxe, volven usarse. O mesmo ocorreu coa implantación da eólica terrestre: falouse de miles de postos de traballo, de impactos insignificantes, de beneficios para as industrias e consumidores galegos… Todo fume. Agora estamos ante unha terceira parte desta historia: a futura implantación da eólica mariña nas nosas augas. Á vista das nosas singularidades, a coexistencia coa pesca será moi complexa.
A implantación da eólica mariña nas nosas augas preséntase envolta en mentiras, medias verdades e discursos demagóxicos por parte de distintos axentes, que están a preparar o terreo para asaltar agora os nosos mares, o último espazo que lles quedaba por explotar aos de sempre. Se analizamos quen son os protagonistas, vemos que pouco cambiaron: distinta pelaxe, pero mesmo fondo. Todos comparten un mesmo denominador común -a súa influencia sobre os poderes establecidos, a falta de escrúpulos cando se trata de defender o que non sexa o seu negocio, e un profundo desprezo polo noso país, que, tanto por terra como por mar, segue a ser tratado como un territorio de sacrificio para satisfacer eses intereses políticos e empresariais-.
Somos unha potencia pesqueira
Ninguén pon en dúbida que Galiza é unha potencia no sector pesqueiro. Se fósemos un estado independente, ocupariamos o cuarto posto entre os países da Unión Europea neste ámbito, só por detrás de Grecia, Italia e Francia. O noso país conta con máis de 4.000 buques e máis de 11.000 tripulantes. Este sector representa arredor do 5% do PIB galego, xera en torno a 35.000 -40.000 empregos directos e é clave en moitas comarcas costeiras como Ribeira, A Coruña, Vigo, Celeiro ou Burela. Se temos en conta tamén os empregos indirectos e inducidos, a cadea produtiva podería supe-
rar os 100.000 postos de traballo en Galiza. En definitiva, a pesca extractiva actúa como motor que sustenta un ecosistema económico moito máis amplo do que aparenta en número bruto de persoal traballador embarcado. E o impacto, directo ou indirecto, da eólica mariña sentiríase en toda a cadea mar-industria.
Se imos ao detalle, atopámonos con máis de 3.300.000 transaccións comerciais nas lonxas galegas, 126.000 toneladas de peixe descargadas e unha facturación de 412 millóns de euros no pasado ano 2024. Esta é a caracterización socioeconómica da pesca galega.
Se analizamos a dimensión ambiental, cómpre lembrar que as nosas rías son paraísos biolóxicos, e os ecosistemas mariños situados nas zonas onde se prevén instalar neste momento máis de 20 proxectos de eólica mariña —que xa triplican a potencia en megavatios prevista para todo o Estado ata 2030— son un festín de biodiversidade e de caladoiros. Só entre Galiza e Asturias, onde tamén opera a frota galega, existen máis de 300 caladoiros de pesca. Ademais, pola nosa plataforma continental desprázanse stocks peláxicos como os da sardiña, xarda, bocarte, xurelo ou bonito.
“A eólica
mariña preséntase envolta en mentiras, medias verdades e discursos demagóxicos”
Por outra banda, se comparamos a nosa plataforma continental con outras zonas europeas que apostan pola eólica mariña, a diferenza é evidente: Escocia conta con 470.000 km², Noruega con 880.000 km², e mesmo Francia, máis próxima, con 350.000 km². Galiza, en cambio, dispón apenas duns 30.000 km² de plataforma continental, moi estreita, e é sobre esta área tan limitada onde se atopan os nosos caladoiros e onde opera a frota pesqueira. A presión sobre este espazo supón, polo tanto, unha ameaza directa á actividade pesqueira e aos ecosistemas mariños que sosteñen a nosa economía e cultura litoral.
Un mar de incógnitas
A día de hoxe, existen moitas incógnitas sobre os impactos reais que poden provocar estas estruturas industriais no medio mariño. Porén, xa hai numerosos indicios preocupantes que apuntan a consecuencias graves
Barcos de pesca no porto de Malpica. Distrito Xermar
para os ecosistemas mariños. Informes independentes do Instituto Español de Oceanografía (IEO), do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), así como advertencias de investigadores recoñecidos como Josep Lloret, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), alertan sobre os riscos dunha industrialización salvaxe dos nosos mares.
Os Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM) foron aprobados vulnerando o Principio de Precaución e incumprindo as esixencias normativas de protección ambiental, tanto estatais como internacionais. As zonas seleccionadas para a implantación da eólica mariña foron definidas sen dispoñer de información esencial sobre múltiples aspectos ecolóxicos críticos.
Descoñécese, por exemplo, cal será o impacto do cambio de hábitat nas distintas fases do ciclo vital das especies mariñas presentes —larvas, xuvenís e adultos— en relación coa construción e operación destas instalacións. A perda de hábitats de fondo duro, a mobilización de sedimentos, a sedimentación, a erosión, a creación de novos relevos artificiais ao redor das turbinas ou a posible alteración e desprazamento de zonas de desova, cría e alimentación son cuestións clave que non foron avaliadas adecuadamente.
Tampouco se coñecen os efectos que os cambios na superficie mariña e nos patróns de circulación do fondo poderían ter sobre o desprazamento e asentamento de larvas, tanto nas zonas propostas como nas áreas adxacentes. Ademais, non se ten en conta o impacto do ruído e das vibracións asociadas ás operacións de desenvolvemento destas infraestruturas: poderían provocar desprazamentos, interrupción dos patróns migratorios, alteracións no comportamento reprodutivo, modificacións na distribución de especies, ou mesmo lesións e mortalidade directa de peixe nas zonas afectadas.
Preguntas fundamentais como os efectos potenciais dos cambios no réxime do vento sobre a produción primaria —fitoplancto e zooplancto—, e o seu impacto sobre toda a cadea trófica mariña, seguen sen resposta. Igual ocorre coa compatibilidade destes proxectos coas vedas e zonas de protección xa establecidas: non se avaliou como poderían verse afectadas. En definitiva, son moitas as preguntas abertas, e todas elas son vitais para saber a que nos enfrontamos coa posible implantación da eólica mariña nas nosas augas.
O conto xa non cola
Para rematar este artigo, cómpre lembrar que a pesca é unha fonte de alimento sustentable, baseada na proteína animal coa menor pegada de carbono e cun impacto hídrico nulo. As nosas lonxas reciben diamantes nutricionais: peixes e mariscos de alta calidade, resultado do traballo de pequenas e medianas empresas, que sustentan economicamente moitas vilas mariñeiras e fixan poboación. En Galiza, a pesca non é só unha actividade económica estratéxica: é tamén parte esencial da nosa cultura e identidade colectiva.
Non podemos permitir que este sector sexa sacrificado en favor dos intereses de grandes corporacións como Repsol, Naturgy, Iberdrola, fondos de investimento estadounidenses e outros espécimes nada exemplares no que respecta ás emisións de CO₂. Os intereses reais dos accionistas destas empresas, con amplos tentáculos nas Administracións, non pasan pola loita contra o cambio climático nin pola creación de miles de empregos sustentables. É un conto que rima bastante con outros, pero que xa non cola.
Si, no mar hai ecosistemas mariños moi valiosos. E tamén hai pescadores e pescadoras. Enchelo agora de polígonos industriais —por moi verdes que se pretendan vestir— sería un atentado non só contra os nosos ecosistemas e sector pesqueiro, senón contra a sociedade no seu conxunto. Todo, para beneficiar, unha vez máis, aos de sempre. Pois iso.
Mariscador na chalana na Ría de Arousa. Distrito Xermar
mar e aire, nun marco regulatorio incompleto
Rosa Mª Regueiro Ferreira
Profesora titular de Economía Aplicada (USC). Investigadora vinculada ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e membro do Grupo de Investigación en Bioeconomía, economía ecolóxica e recursos naturais da USC
Galiza está afectada polo proxecto de desenvolvemento da eólica mariña, en particular na demarcación noratlántica, unha das cinco que se definiron para España. A pesar das diferentes directivas e normas existentes, o marco regulamentario semella non ser integral. Os impactos sobre o entorno e sobre o futuro do sector pesqueiro e marisqueiro están no punto de mira e dos temores de boa parte da poboación, sobre todo cando existen informes científicos que alertan sobre afectacións irreversibles.
Neste artigo faise unha reflexión sobre algunhas das cuestións importantes a ter en conta neste modelo eólico mariño que aparece no horizonte, tomando como referencia as principais disposicións da Unión Europea, España e Galiza.
Hai case dezaoito anos que a Unión Europea asinou a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña 2008/56/CE, na que sinalaba que os países debían fixar estratexias de actuación para garantir o bo estado do ambiente marítimo. Considerábanse once descritores, como por exemplo, manter a biodiversidade, recoñecer que o consumo de especies de peixes comerciais é bo para a saúde, asumir que as redes tróficas aseguran a abundancia e a reprodución a longo prazo, que a integridade do fondo mariño garante o funcionamento do ecosistema, e tamén que os efectos colaterais da produción de enerxía como o ruído submarino non inflúen a priori negativamente no ecosistema.
Nesta mesma liña, a Estratexia Path for the Blue Economy, adoptada pola Comisión Europea no 2012, defendía a importancia dos mares e océanos como motores da economía europea. Dous anos máis tarde, a Directiva 2014/89/UE sobre ordenación do espazo marítimo recollía que os Estados membros da Unión Europea debían establecer, con data límite o 31 de marzo de 2021, as distribucións espaciais e temporais das
súas principais actividades a desenvolver, actuais e futuras, nas súas respectivas augas xurisdicionais.
Desde unha perspectiva máis global e dentro do marco de loita contra o cambio climático, o Acordo de París, que entrou en vigor no ano 2016, buscaba limitar o aumento da temperatura global mediante a transición cara as enerxías renovables e a protección da seguridade alimentaria. A transición a enerxías renovables é un obxectivo clave, prioritario e fundamental deste acordo para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e mitigar os impactos do cambio climático, o cal á súa vez repercute positivamente na produción e dispoñibilidade de alimentos. Mais tamén se constatan potenciais efectos negativos, como o impacto sobre a pesca no desenvolvemento da eólica offshore.
No caso de España, o Real Decreto 150/2023, do 28 de febreiro, aprobou os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) das cinco demarcacións mariñas españolas: noratlántica, sudatlántica, Estreito e Alborán, levantino-balear e canaria (xa aparecían definidas no artigo 6.2 da lei 41/2010 do 29 de decembro). A aprobación dos POEM era a principal medida normativa e administrativa a levar a cabo para materializar o desenvolvemento empresarial desta enerxía (MITECO, 2021). De forma paralela, a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galiza, establecía o marco regulamentario do noso litoral, na busca dunha xestión integrada e sustentable, onde se incluían cuestións relativas á eólica mariña offshore.
Estas normas son unha parte do marco regulador da eólica mariña, un referente necesario que debería convidar a pensar con máis profundidade o alcance do desenvolvemento da produción eólica no mar, sobre todo se quere levarse a cabo desde a perspectiva da sustentabilidade (social, económica e enerxético-ambiental) e sen provocar danos irreversibles sobre o entorno, así como sobre outras actividades propias e referentes de Galiza (a pesqueira e marisqueira, entre outras).
Con todo, esta abundancia regulamentaria non resultou ser integral, e os temores, preocupacións, preguntas e desconfianzas por parte dos axentes implicados, fundamentalmente do sector pesqueiro, non tardaron en chegar. E máis, cando existen numerosos informes científicos de entidades reputadas
Cabo Ortegal. Distrito Xermar
como o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), o Instituto de Oceanografía de España (IOE) ou Instituto Noruego de Investigación Marina (IMR), que están a alertar sobre as posibles afectacións irreversibles de, cando menos, algún tipo de eólica mariña. Cómpre recordar que as diferenzas na estrutura somerxida das diversas tecnoloxías provocan impactos tamén diferentes sobre o fondo mariño, polo que é posible que as estratexias de co-localización, co-existencia e colaboración que son óptimas nalgúns países, resulten non extrapolables aos parques flotantes (previstos para Galiza). Co foco na demarcación marítima noratlántica, algunhas das cuestións a considerar poderían ser as seguintes:
• A instalación de produción de electricidade procedente de enerxía eólica mariña pivota sobre dous elementos clave: a autorización de produción do proxecto industrial-empresarial (corresponde á Administración Xeral do Estado) e a concesión de ocupación do dominio público en mar litoral (corresponde á Administración autonómica da Xunta de Galicia). Dúas administracións condenadas a entenderse para que o procedemento administrativo correspondente se leve a cabo. Galiza ten competencias limitadas sobre eólica mariña, porque non autoriza os proxectos, pero os impactos socio-económicos deben ser considerados segundo recolle a lei galega. O problema aparece no caso dos parques eólicos que se localizan fóra do mar litoral, en mar de ninguén, ou en mar de todas e todos.
• Como xa se comentou, a lei 4/2023 indica que se necesita un informe de impacto económico-social para a concesión de ocupación, unha ferramenta altamente poderosa se é aplicada de forma estrita e rigorosa, que podería axudar de forma directa a determinar o impacto ambiental tamén. A maiores, a lei 2/2024 de Galiza, de promoción dos beneficios sociais e económicos da produción renovable en Galiza, ampara que queden na nosa terra parte dos beneficios derivados desta actividade industrial, xunto con outras actuacións como a creación dun canon ás infraestruturas de evacuación da enerxía eólica mariña (sobre a liña de evacuación en terra), o posible destino dos ingresos para a compensación de afectacións ambientais, etc. Mais compensar non resulta unha solución neste caso, porque non existe un valor monetario real que represente a contribución do sector pesqueiro tanto ao total da economía como do propio mantemento da vida.
• As empresas promotoras eólicas teñen que desenvolver a súa actividade empresarial dentro dun marco legal de obrigado cumprimento. Son un axente máis que, desde a lóxica económica, aposta por un investimento a cambio de obter un rendemento, nun panorama de seguridade xurídica. Xa existen precedentes en Europa de poxas de eólica mariña que quedaron desertas.
O desenvolvemento de calquera iniciativa enerxética, tamén nas renovables, precisa de marcos regulamentarios completos e integrais, que recollan as afectacións sobre o contorno e a participación de todos os axentes implicados. Nada máis e nada menos que ser o contorno quen marque as regras do xogo, e que estas garantan seguridade xurídica para que os investimentos poidan realizarse, de forma que se produza unha ganancia ecosocial e non unha perda sempre no chanzo máis fráxil da cadea. Non esquezamos as leccións da eólica terrestre.
Como dicía Lee Iacocca, un dos magnates da industria automobilística norteamericana, os erros son parte da vida, e non podemos evitalos. O único que podemos esperar é que non sexan demasiado caros e que non os cometamos dúas veces.
Referencias:
Ministerio de Transición Ecológica y Reto Demográfico (MITECO) (2021). Hoja de Ruta para el desarrollo de la Eólica Marina y de las Energías del Mar. (Última consulta o 1 de xullo de 2025).
Parlamento Europeo y Consejo Europeo (2008). Directiva 2008/56/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 17 de junio de 2008, por la que se establece un marco de acción comunitaria para la política del medio marino (Directiva marco sobre la estrategia marina).
DOUE 164,19-40. (Última consulta o 1 de xullo de 2025).
Parlamento Europeo y Consejo Europeo (2014). Directiva 2014/89/UE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 23 de julio de 2014, por la que se establece un marco para la ordenación del espacio marítimo. DOUE-L-2014-81825. (Última consulta o 1 de xullo de 2025).
Presidencia da Xunta de Galicia (2023). Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. DOG Núm. 133. (Última consulta o 1 de xullo de 2025).
Unión Europea (2022). The EU Blue Economy Report 2022. Bruselas.