
2 minute read
Aula de 5 anos
from Compa 46
O NOSO DICIONARIO
Ao longo deste curso, os nenos e nenas de 5 anos iniciamos o noso dicionario. Trátase dun dicionario especial xa que nel non atopamos definicións, mais as palabras están agrupadas tendo en conta a letra inicial. Esta actividade xorde para fomentar a lecto-escritura. Con cada letra do alfabeto temos que buscar sete palabras que comecen pola letra plantexada. Esta tarefa está guiada pola mestra mais son os nenos e nenas os que pensan as palabras e son eles os que as escriben, entre todos, utilizando o encerado, as letras magnéticas… Esta iniciativa ten como finalidade que a rapazada comece na escritura dun xeito autónomo e motivador ao mesmo tempo que fomentamos o traballo cooperativo.
Advertisement





Neste último trimestre os nenos e as nenas de Educación Infantil estiveron disfrutando e aprendendo co proxecto, “A volta ao mundo”, baseado na novela de Julio Verne. Pareceunos un tema moi interesante, xa que non lles é doado situarse no mapa, mais encántalles saber onde viven ao mesmo tempo que coñecen lugares e costumes novas. Ademais, foi moi curioso para eles ver o contraste dos medios de transporte antigos fronte aos actuais. Comezamos o proxecto falando dos documentos necesarios para poder viaxar: o pasaporte e o DNI. En cada destino intentamos investigar ao máximo as cousas principais para poder coñecer e apreciar cada cultura. Durante o proxecto aprendemos un montón de cousas dos diferentes países polos que pasamos: a súa bandeira, as vestimentas típicas, os monumentos principais, a súa gastronomía… Paralelamente ao proxecto, estivemos vendo os debuxos de Willy Fog, tamén baseados na novela de Julio Verne. Os nenos e nenas ademais de querer descubrir os diferentes países cos seus costumes, estaban como tolos coas aventuras destas personaxes, disfrutando e aprendendo en cada capítulo, desexando saber se, á fin, o noso amigo Willy Fog conquería dar a volta ao mundo en 80 días. Estes debuxos serviron para traballar entre outros termos, o concepto de amizade. Pásamolo bomba disfrazándonos da nosa personaxe preferida!!!!

