O CASTRO DE BORNEIRO Os castros son poboados fortificados de forma oval ou circular situados xeralmente en zonas elevadas. Espalláronse por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro. O castro de Borneiro coñecido como A Cibdá é un dos castros máis antigos de Galicia, de finais da Idade do Bronce. Estivo habitado entre os séculos VI a. C. e o I d.C. e parece que a vida nel foi desaparecendo lentamente. Foi descuberto en 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamante. Comezouse a excavar nos anos 30 primeiro, voltáronse a reanudar as excavacións nos anos 70, sendo a partir do ano 1980 cando se inicia a terceira e máis longa etapa de traballos arqueolóxicos. Na actualidade están excavadas as tres cuartas partes do recinto principal, unhas 36 construcións, sendo a maioría vivendas de planta circular e outras construcións auxiliares. As vivendas contan con fogar onde facer lume. Ademais do recinto principal coas vivendas separadas en barrios, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado, hai outras construcións diferentes: unha gran vivenda ovalada, dúas fontes e un forno. Está rodeado por un foxo e dous muros defensivos, agás polo lado leste que ten como protección natural a pendente da ladeira. Nas excavacións atopáronse materiais fabricados en ferro, bronce, pedra, vidro, fragmentos de cerámica decorada, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, no Castelo de San Antón.
10 marzo 2015