rede por tras da cabeza, e retorcía as mans nerviosa, coma se houbese algo que non quería ter que dicir ou que non quería ter que crer. –Madre –dixo Bruno, achegándose a ela–, que sucede? Por que está Maria remexendo nas miñas cousas? –Está facendo a equipaxe –explicoulle Madre. –Facendo a equipaxe? –preguntou, e repasou rapidamente todos os acontecementos dos últimos días preguntándose se portara especialmente mal ou se dixera en voz alta esas palabras que non tiña permitido dicir, e por iso o mandaban a un internado. Non se lle ocorría nada; de feito, ao longo dos últimos días fora moi amábel con todo o mundo e non se lembraba en absoluto de causar ningunha desorde–. Por que? –preguntou entón–. Que fixen? Pero Madre xa entrara no seu propio cuarto, onde estaba Lars, o mordomo, facendo tamén a súa equipaxe. Suspirou erguendo as mans no ar en sinal de frustración antes de dirixirse de novo cara ás escaleiras, seguida por Bruno, quen non ía deixar estar a cousa sen recibir unha explicación. –Madre –insistiu–. Que sucede? Ímonos mudar? –Ven comigo para abaixo –dixo Madre, dirixíndose cara ao gran salón comedor onde estivera ceando o Fura a semana anterior–. Falaremos alí. Bruno correu escaleiras abaixo e mesmo a adiantou, de maneira que xa estaba agardando no comedor cando ela chegou. Mirouna durante un momento sen dicir nin unha palabra mentres pensaba en que posibelmente non se
10