CAPÍTULO 1
BRUNO FAI UNHA DESCUBERTA Unha tarde ao volver da escola, Bruno levou unha sorpresa ao atopar a Maria, a criada da familia –quen sempre tiña a cabeza gacha e nunca levantaba a vista do chan– dentro do seu cuarto, tirando todas as súas pertenzas do armario e meténdoas en catro grandes caixóns de madeira; mesmo as cousas que tiña agochadas no fondo do armario, que eran da súa propiedade e non eran asunto de ninguén máis. –Que estás a facer? –preguntou co ton máis educado que foi capaz de usar, porque, aínda que non lle facía graza chegar á casa e atopar alguén remexendo nas súas pertenzas, súa nai sempre lle dixera que tiña que tratar a Maria con respecto, e non imitar a Padre cando falaba con ela–. Saca as mans das miñas cousas. Maria negou coa cabeza e sinalou cara ás escaleiras que había tras del, onde aparecera a nai de Bruno. Era unha muller alta, co cabelo longo e rubio atado cunha especie de
9
rede por tras da cabeza, e retorcía as mans nerviosa, coma se houbese algo que non quería ter que dicir ou que non quería ter que crer. –Madre –dixo Bruno, achegándose a ela–, que sucede? Por que está Maria remexendo nas miñas cousas? –Está facendo a equipaxe –explicoulle Madre. –Facendo a equipaxe? –preguntou, e repasou rapidamente todos os acontecementos dos últimos días preguntándose se portara especialmente mal ou se dixera en voz alta esas palabras que non tiña permitido dicir, e por iso o mandaban a un internado. Non se lle ocorría nada; de feito, ao longo dos últimos días fora moi amábel con todo o mundo e non se lembraba en absoluto de causar ningunha desorde–. Por que? –preguntou entón–. Que fixen? Pero Madre xa entrara no seu propio cuarto, onde estaba Lars, o mordomo, facendo tamén a súa equipaxe. Suspirou erguendo as mans no ar en sinal de frustración antes de dirixirse de novo cara ás escaleiras, seguida por Bruno, quen non ía deixar estar a cousa sen recibir unha explicación. –Madre –insistiu–. Que sucede? Ímonos mudar? –Ven comigo para abaixo –dixo Madre, dirixíndose cara ao gran salón comedor onde estivera ceando o Fura a semana anterior–. Falaremos alí. Bruno correu escaleiras abaixo e mesmo a adiantou, de maneira que xa estaba agardando no comedor cando ela chegou. Mirouna durante un momento sen dicir nin unha palabra mentres pensaba en que posibelmente non se
10
maquillara ben esa mañá, xa que tiña os bordos dos ollos máis vermellos do habitual, coma el mesmo cando causaba algunha desorde e se metía en problemas, para acabar chorando. –Non te tes por que preocupar, Bruno –dixo Madre, sentando na cadeira onde estivera a muller loura tan guapa que viñera cear co Fura, e que o saudara coa man cando Padre pechara as portas–. De feito, vai acabar sendo unha grande aventura. –O que? –preguntou–. Queredes que marche da casa? –Non, non só ti –dixo, e parecía que quería sorrir, aínda que non chegou a facelo–. Todos marchamos. Teu pai, eu, Gretel e ti. Os catro. Bruno pensouno e engurrou a fronte. Non lle importaba moito que Gretel marchase, porque era un caso perdido e non facía máis que darlle problemas, pero parecíalle un pouco inxusto que todos tivesen que ir con ela. –Mais onde? –preguntou–. Onde imos exactamente? Por que non podemos ficar aquí? –O traballo de teu pai –explicou Madre–. Sabes o importante que é, non si? –Si, por suposto –dixo Bruno, asentindo coa cabeza. Sempre había moitas visitas na casa, homes con fantásticos uniformes, mulleres con máquinas de escribir ás que non lles podía botar as súas sucias mans. Todo o mundo era sempre moi amábel con Padre e dicíanse uns aos outros
11
que era un home con futuro e que o Fura tiña na mente grandes proxectos para el. –Pois, ás veces, cando alguén é moi importante –continuou Madre–, o home que lle dá traballo pídelle que vaia a algún outro sitio porque hai que facer alí un traballo moi especial. –Que clase de traballo? –preguntou Bruno, xa que, para ser sincero consigo mesmo, e sempre tentaba selo, non sabía moi ben en que consistía o traballo de Padre. Na escola, falaran unha vez dos seus pais e Karl dixera que seu pai era froiteiro; Bruno sabía que era verdade porque era o dono da froitaría do centro da cidade. E Daniel dixera que seu pai era profesor, e Bruno sabía que era verdade porque lles daba clases aos rapaces maiores, aqueles que era mellor evitar. E Martin dixera que seu pai era cociñeiro, e Bruno sabía que era verdade porque ás veces recollía a Martin na escola, e cando o facía sempre vestía unha bata branca e un mandil de cadros escoceses, coma se acabase de saír da cociña. Mais cando lle preguntaron a Bruno que facía seu pai, este abriu a boca para responder e foi cando se decatou de que nin el mesmo o sabía. O único que sabía era que seu pai era un home con futuro e que o Fura tiña na mente grandes proxectos para el. Ah, e tamén que tiña un uniforme fantástico.
12
–É un traballo moi importante –dixo Madre titubeando por un intre–. Un traballo que precisa dun home moi especial para facelo. Entendes iso, non si? –E tamén temos que marchar todos? –preguntou Bruno. –Pois claro que si –dixo Madre–. Non che gustará que Padre vaia ao seu novo traballo e que estea alí el só, verdade? –Supoño que non –dixo Bruno. –Padre botaríanos moitísimo de menos se non estivésemos con el –engadiu. –A quen botaría máis de menos? –preguntou Bruno–. A min ou a Gretel? –Botaríavos de menos por igual –dixo Madre, que era partidaria de non ter favoritos, algo que Bruno respectaba, sobre todo desde que soubo que el era en realidade o seu favorito. –E que vai pasar coa nosa casa? Quen vai coidar dela mentres estamos fóra? –preguntou Bruno. Madre suspirou e mirou o cuarto coma se non o fose volver ver nunca máis. Era unha casa ben bonita, con cinco andares en total, incluíndo o soto, onde o cociñeiro facía a comida e Maria e Lars sentaban á mesa e discutían e chamábanse nomes que se supuña que un non podía usar. E engadindo tamén o pequeno faiado con xanelas inclinadas que había no alto da casa, desde onde Bruno podía ver todo Berlín se se erguía no bico dos pés e se agarraba ao marco con forza.
13
–Temos que pechar a casa polo momento –dixo Madre–. Mais algún día habemos volver a ela. –E que vai ser do cociñeiro? –preguntou Bruno–. E Lars? E Maria? Non van vivir nela? –Eles veñen connosco –explicou Madre–. Mais xa abonda de preguntas polo momento. Agora deberías subir e axudar a Maria coa túa equipaxe. Bruno ergueuse da cadeira, mais non foi a ningures. Aínda había algunhas preguntas que lle quería facer antes de deixar o asunto concluído. –E está moi lonxe? –preguntou–. Quero dicir, o novo traballo, está a máis dun quilómetro? –Oh, meu rei –dixo Madre rindo, aínda que cun tipo de risa un pouco estraña, porque non parecía contenta, e apartou a cara de Bruno porque non quería que lla vise–. Si, Bruno –dixo–. Está a máis dun quilómetro. En realidade, está bastante máis lonxe. Os ollos de Bruno abríronse de par en par e a boca formoulle un O. Sentiu como se lle estiraban os brazos a cada lado, como sucedía sempre que algo o sorprendía. –Non quererás dicir que marchamos de Berlín, non? –preguntou con voz entrecortada. –Temo que si –dixo Madre, asentindo tristemente coa cabeza–. O traballo de teu pai é... –E que pasa coa escola? –dixo Bruno interrompéndoa, algo que se supuña que non podía facer, pero cría que nesta ocasión había ser perdoado–. E que pasa con Karl e Daniel
14
e Martin? Como van saber onde estou cando queiramos facer cousas xuntos? –Vas ter que despedirte dos teus amigos por agora –dixo Madre–. Mais estou certa de que os volverás ver algún día. E non interrompas a túa nai cando está falando, por favor –engadiu, xa que, malia que fose unha noticia estraña e desagradábel, Bruno non tiña a necesidade de rachar coas regras de cortesía que lle aprenderan. –Despedirme deles? –preguntou, fitándoa con sorpresa–. Despedirme deles? –repetiu, pronunciando as palabras coma se tivese a boca chea de galletas mastigadas en anaquiños e aínda sen tragar–. Despedirme de Karl e de Daniel e de Martin? –seguía, coa voz a piques de converterse nun berro, o que estaba prohibido dentro da casa–. Se son os meus tres mellores amigos para toda a vida! –Boh, has facer outros amigos –dixo Madre, movendo a man no ar con ton despectivo, coma se fose cousa doada que un rapaz fixese tres amigos para toda a vida. –Mais tiñamos plans –protestou. –Plans? –preguntou Madre, erguendo unha cella–. Que clase de plans? –Non o podo dicir –dixo Bruno, que non podía revelar cales eran porque implicaban portárense mal, sobre todo dentro dunhas semanas, cando acabase a escola e chegasen as vacacións de verán, entón non terían que seguir pasando o tempo facendo plans, senón que poderían facelos realidade.
15
–Síntoo, Bruno –dixo Madre–. Mais os teus plans van ter que agardar. Nisto non temos outra alternativa. –Pero, Madre! –Bruno, abonda xa –dixo, rifándolle desta vez e erguéndose para demostrar que falaba en serio–. Por favor, se aínda te estabas a queixar a semana pasada de como mudaran as cousas aquí ultimamente. –Claro, non me gusta o xeito en que agora temos que apagar as luces pola noite –recoñeceu. –Todo o mundo o ten que facer –dixo Madre–. Fai que esteamos máis seguros. E quen sabe, talvez corramos menos perigo se nos mudamos. Agora quero que vaias arriba e axudes a Maria coa túa equipaxe. Non temos tanto tempo como me gustaría para prepararnos, por culpa dalgunha xente. Bruno baixou a cabeza e marchou con tristura, sabendo que «algunha xente» eran palabras de adultos para dicir «Padre», e que a el non lle permitían utilizar. Subiu amodo polas escaleiras, agarrando o pasamáns cunha man, mentres se preguntaba se a nova casa no novo lugar onde estaba o novo traballo de Padre tería un pasamáns tan fermoso coma este para esvarar por el. A varanda desta casa chegaba desde o faiado –xusto desde fóra do cuarto onde, se se erguía no bico dos pés e se agarraba ao marco con forza, podía ver todo Berlín– até o andar de abaixo, xusto diante da enorme porta de carballo de dúas follas. Non había cousa que máis
16
lle gustase a Bruno que montar no pasamáns e esvarar por toda a casa facendo un zunido coa boca ao baixar. Descendía do andar superior ao seguinte, onde se encontraban o cuarto de Madre e Padre e o baño grande, onde se supuña que el non podía entrar en ningunha circunstancia. Descendía ao seguinte andar, onde estaba o seu propio cuarto e tamén o cuarto de Gretel, e o baño pequeno, no que seica tiña que entrar máis do que realmente o facía. Descendía até a planta baixa, onde caía do pasamáns e tiña que aterrar nos dous pés ou, se non, serían cinco puntos de penalización e tería que comezar de novo. A varanda era o mellor desta casa –iso, e o feito de que o Avó e a Avoa vivisen tan preto–. E cando pensou niso, preguntouse se eles tamén virían para o sitio do novo traballo, e supuxo que si, porque como os ían deixar atrás? Ninguén precisaba moito de Gretel, pois era un caso perdido (sería moito máis fácil que ela ficase para coidar da casa), mais o Avó e a Avoa? Home, iso xa era outra historia. Bruno subiu amodo polas escaleiras cara ao seu cuarto, mais antes de entrar deu a volta e mirou para a planta baixa e viu a Madre entrando na oficina de Padre, que daba ao salón comedor e que era Zona-prohibida-en-todo-momento-e-sen-excepcións. Escoitou como lle berraba a Padre, e este berrou aínda máis do que Madre podía e iso detivo a conversa. Entón a porta da oficina fechouse e Bruno non puido oír máis nada, así que pensou que sería unha boa idea volver ao seu cuarto e substituír a Maria na pre-
17
paración da súa equipaxe, porque se non, había tirar todas as súas pertenzas do armario sen coidado ou consideración ningunha, mesmo as cousas que tiña agochadas no fondo, que eran da súa propiedade e non eran asunto de ninguén máis.
18
CAPÍTULO 2
A NOVA CASA A primeira vez que viu a súa nova casa, os ollos de Bruno abríronse de par en par, a boca formoulle un O e os brazos estiráronselle a cada lado outra vez. Todo nela semellaba ser exactamente o contrario que a antiga casa, e non podía crer que realmente fosen vivir alí. A casa de Berlín estaba nunha rúa tranquila, ao longo da cal había unha chea doutras casas grandes, para as que daba xenio mirar porque todas se parecían á súa, mais non eran iguais, e nelas vivían outros rapaces cos que xogar (se eran amigos) ou que evitar (se eran inimigos). Porén, a nova casa erguíase soa nun lugar baleiro e desolado, onde non se vía ningunha outra máis por ningures, o que significaba que non habería outras familias ao redor e tampouco outros rapaces cos que xogar, nin amigos nin inimigos. A casa de Berlín era inmensa e, a pesar de levar vivindo alí nove anos, aínda era quen de atopar recunchos e gretas
19