16 minute read

A irrupción da metalurxia

3.1. A Idade do Cobre

O Calcolítico ou Idade do Cobre é o período no que os humanos comezaron a familiarizarse co metal. O primeiro foco metalúrxico identificouse no Próximo Oriente, a partir do 9000 a. C., aínda que na rexión europea dos Balcáns xurdiu outro centro independente moi precoz, cara ao 5400 a. C., no que se constata unha elaborada actividade mineira.

Máis alá do uso do cobre, cuxa relevancia era máis social que económica, levaron a cabo avances agrícolas de peso: o uso de tracción animal para os labores do campo, a introdución do regadío ou a domesticación da vide e da oliveira. Intensificaron a explotación de produtos obtidos do gando, como o leite e a la, que xogaron un papel importante nas transaccións económicas. Tamén se desenvolveron as redes de intercambio a grande escala,

A sepultura dun novo aristócrata

«Foi considerada (...) como o conxunto funerario máis completo e rico do vaso campaniforme en toda a península ibérica. Entre tales elementos de enxoval destacan un vaso campaniforme, unha gran fonte ou cazola e unha cunca hemisférica (...) recuperáronse tamén dúas pezas de pedra, doce de cobre e unha de ouro, todas as cales (...) constituíron o enxoval que os parentes do defunto dispuxeron xunto ao seu corpo durante a cerimonia de despedida (...) Todos os indicios apuntan, polo tanto, a que o inhumado de FonteOlmedo foi un poderoso aristócrata deste sector das campiñas meridionais do Duero (...) O campaniforme revélase, así, como un símbolo de status social, como un convencionalismo funerario adoptado polas elites».

Delibes de Castro, G. e Herrán Martínez, J. I. A Prehistoria. Biblioteca Básica de Valladolid, 2007 (trad.).

co comercio de produtos exóticos de prestixio. As melloras agropecuarias trouxeron consigo un aumento de poboación, a adopción definitiva da vida sedentaria, unha acentuación da desigualdade e as xerarquías sociais.

3.1.1. O Calcolítico. Los Millares

Coñécese unha importante cultura calcolítica no sueste da Península, que se estendeu polas rexións meridionais e recibe o seu nome do xacemento de Los Millares (Almería). Este núcleo agropecuario, habitado entre o 3200 e o 2200 a. C., era unha grande aldea formada por casas circulares e un complexo sistema defensivo, con murallas de pedra e torres de vixilancia, que albergaba preto de dúas mil persoas. Máis que á elaboración de ferramentas de uso cotián, destinaban a tecnoloxía do cobre principalmente á fabricación de ofrendas funerarias. Xunto aos núcleos de poboación, cada asentamento dispoñía de necrópoles colectivas que acollían membros de familias destacadas. Estas elites enterrábanse con enxovais nos que se incluían obxectos elaborados en materiais de gran prestixio que, en ocasións, tiñan unha procedencia exótica (marfil, ámbar, ouro ou casca de ovo de avestruz). Outros exemplos relevantes de poboados fortificados son Zambujal e Vila Nova de São Pedro (ambos os dous en Portugal).

A proba máis significativa do desenvolvemento das redes de intercambio durante o Calcolítico está representada polo fenómeno do vaso campaniforme, xurdido cara ao 2500 a. C. Este nome alude a unha vasilla característica, en forma de campá invertida, que se recuperou en moitos contextos funerarios de Europa occidental, xunto a adornos de óso, obxectos de ouro e puntas de cobre. O fenómeno campaniforme, polo tanto, está vinculado ao intercambio comercial de bens de prestixio entre as elites de distintas rexións europeas. Non obstante, na Península desenvólvense diversas tradicións decorativas dos vasos cerámicos entre as que destaca, pola súa grande extensión xeográfica, o grupo de Ciempozuelos (Madrid).

3.2. A Idade do Bronce

Inhumación con enxoval campaniforme (2500-1800 a. c). Posible mozo varón falecido entre os 15 e os 18 anos atopado no Camino de las Yeseras (San Fernando de Henares, Madrid).

Unha vez que se comezou a utilizar o cobre para a produción de ferramentas, o perfeccionamento da técnica metalúrxica conduciu ao descubrimento da aliaxe de cobre e estaño, que deu como resultado un novo material metálico, o bronce. O período caracterizado polo uso deste metal coñécese como Idade do Bronce. A partir do 3300 a. C. esta innovación estendeuse polo Próximo Oriente, Exipto, Anatolia e as illas do mar Exeo, onde xurdiron as primeiras grandes civilizacións de Occidente. A chegada da metalurxia do bronce a Europa estivo vinculada a unha serie de transformacións económicas e sociais moi importantes. As acti - vidades agropecuarias, os medios de almacenamento e os núcleos urbanos expandíronse enormemente. Tamén se produciu unha clara concentración da riqueza en mans dun selecto grupo de persoas, como consecuencia dun desigual acceso aos bens. Consolidáronse as sociedades de xefaturas, dominadas por unha aristocracia campesiña. A proliferación das armas metálicas identifica tamén sociedades cunha crecente conflitividade polo dominio do territorio.

3.2.1. A cultura de El Argar

Na Península Ibérica, a Idade do Bronce iniciouse cara ao 2200 a. C. Na rexión do sueste desenvolveuse unha das civilizacións estatais máis importantes de toda Europa, a cultura argárica, estendida polas actuais provincias de Alacant, Murcia, Almería, Granada e Xaén. O nome provén do célebre xacemento de El Argar (Almería). Nesta cultura os asentamentos formaban poboados amurallados, con tramas urbanas ben definidas, situados no alto de outeiros, preto das fontes mineiras de cobre ou prata. Xunto a casas rectangulares, identificáronse obradoiros, depósitos de cereal, cisternas e cortes. Froito dunha crecente complexidade política, tamén se construíron grandes recintos de reunións, como en La Almoloya (Murcia). Na Meseta, en particular no territorio manchego, xurdiu neste momento un tipo de construción monumental fortificada moi característico, as denominadas motillas, vinculadas ao control territorial e o abastecemento de auga. Un dos exemplos máis representativos desta cultura arqueolóxica é a Motilla del Azuer (Ciudad Real).

Actividades

2 Pode establecerse algunha relación entre metalurxia, megalitismo e sedentarismo? Cal? Por que?

3 Explica, brevemente, os trazos diferenciadores dos pobos que chegaron ás costas peninsulares e baleares no primeiro milenio a. C.

A sociedade argárica

Un dos seus trazos máis sobresaíntes era a práctica de enterramentos individuais en cistas (urnas de pedra) e grandes vasillas, que se localizaban no chan das vivendas. Os enxovais das clases dominantes estaban compostos por copas cerámicas rituais, abundante armamento de cobre e bronce e ricas xoias en metais preciosos. A través do estudo dos enterramentos e as súas ofrendas é posible saber que a sociedade argárica presentaba unha estrita xerarquía de carácter social e económico. A clase dominante, propietaria da terra, do metal e os alimentos, estaba composta por un selecto grupo de homes armados e as súas familias que exercían un férreo control sobre o resto de clases. Por debaixo atopábanse os súbditos con dereitos sociais, vinculados a actividades produtivas tales como a agricultura e a artesanía. Na base da pirámide social existía unha clase sometida de servos e escravos.

3.2.2. Ampliación dos horizontes culturais e económicos

A etapa final da Idade de Bronce, a partir do 1300 a. C., marcou o desenvolvemento dun sistema de conexións culturais e intercambios económicos a escala continental. Os territorios do norte compartían técnicas metalúrxicas, tipos de armamento, ferramentas e ornamentos con outros pobos situados na franxa atlántica europea. Nos territorios do nordés, a aparición do novo costume funerario dos Campos de Urnas, caracterizado pola cremación dos defuntos e a deposición das súas cinzas en urnas cerámicas, revela conexións con Europa central. En Mallorca e Menorca, desenvolvéronse os poboados de navetas, construcións monumentais de pedra, como as de Closos de Can Gaià (Mallorca) e Son Mercer de Baix (Menorca).

Motilla del Azuer (2200-1350 a. C.) Daimiel. Ciudad Real. Xacemento da Idade do Bronce. Fortificación con tres liñas concéntricas de muralla, contén o pozo de auga máis antigo documentado na Península. Estaba circundada por un poboamento que inclúe unha necrópole.

O crecemento dos contactos remotos e o desenvolvemento dos medios de navegación durante a fin da Idade do Bronce fixeron posibles a chegada de mercadores fenicios desde o Próximo Oriente e a fundación dos seus primeiros asentamentos, quizais en datas tan temperás como cara ao 900 a. C. Este fenómeno comercial favoreceu o declive das culturas do bronce e abriu a porta ao desenvolvemento dun novo período histórico en solo peninsular.

A protohistoria

Na Conca do Douro desenvolveuse a chamada

Cultura del Soto. Os seus poboados, dedicados a unha economía agrícola, caracterizábanse por casas circulares con paredes de adobe, banco corrido interior e cubertas cónicas de madeiros e ramas. El Soto de Medinilla (Valladolid), que dá nome a esta cultura, foi ocupado ininterrompidamente entre os anos 1000 e 700 a. C. Localízase nun meandro do río Pisuerga, defendido por unha muralla de barro e madeira. A introdución do ferro na Meseta foi moi lenta e a súa utilización na cultura del Soto parece excepcional. A presenza dalgúns coitelos de ferro, xunto a certas cerámicas torneadas, con decoración orientalizante ou excepcionais obxectos de vidro, delatan a influencia cultural fenicia e tartésica nestes territorios setentrionais. A partir do século v a. C., as xentes El Soto iniciaron un proceso de concentración poboacional arredor daqueles oppida que os cronistas clásicos atribuíron aos vacceos.

4.1. A primeira Idade do Ferro

Os comerciantes fenicios, orixinarios do Líbano, fundaron colonias no sueste e mesmo máis alá do estreito de Xibraltar. Un fenómeno similar, inspirado no éxito dos fenicios e protagonizado polos gregos procedentes da cidade de Focea (Asia Menor), deuse algo máis tarde nas costas peninsulares do Mediterráneo. Como consecuencia dos contactos entre estes viaxeiros «civilizados» e as poboacións locais do final da Idade do Bronce e dos inicios da Idade do Ferro, algunhas destas últimas conseguiron escapar por primeira vez do anonimato, ao figurar os seus nomes e algúns dos seus costumes nos escritos daqueles. Por esta razón os estudosos refírense a esta etapa non xa como a prehistoria senón como a protohistoria ou primeira historia.

4.1.1. A colonización fenicia

A súa política colonial, cuxos vestixios arqueolóxicos máis antigos na península son de comezos do século viii a. C., consistiu en instalarse en portos marítimos estratéxicos, con boas condicións para iniciar contactos coa poboación do interior e intercambiar as súas refinadas manufacturas por metais locais (cobre, ferro, prata e ouro).

As súas principais colonias distribúense desde o sur da provincia de Alacant ata o Algarve, como son Abdera (Adra), Sexi (Almuñécar), Malaka (Málaga), e ata a cidade de Allis Ubbo (a antiga, Olisipo Lisboa).

A fundación máis importante foi Gadir, a actual Cádiz, que pasa por ser a primeira cidade de Occidente (segundo as fontes literarias clásicas, aínda que sen referendo arqueolóxico, foi fundada cara ao 1100 a. C.). Foi unha cidade cosmopolita que permanecía en contacto coa metrópole libanesa de Tiro. A súa prosperidade debeuse sobre todo á explotación e comercio dos metais do sueste (prata e cobre), pero tamén á riqueza agrícola e gandeira do baixo Guadalquivir.

Achegas materiais e culturais fenicias

Atribúese aos fenicios a introdución do ferro na Península Ibérica, un metal que non se coaba en moldes como o bronce, senón ao que se lle daba forma en quente mediante forxa. As súas vantaxes económicas e funcionais eran evidentes: a produción era barata, pois os minerais abundaban, e as súas propiedades mecánicas facíano especialmente apto para a fabricación de ferramentas e armas. O ferro non tardou en desprazar o bronce, limitado a partir de entón á confección de elementos de adorno. Tamén o uso da escritura; escribían sobre todo en soportes perecedoiros, dos que só sobreviviron algúns pequenos textos gravados sobre cerámica nos que quedan rexistrados os seus particulares lingua e alfabeto. Outra das súas achegas importantes foi o torno de oleiro.

A súa chegada supuxo unha «orientalización» dos pobos indíxenas do sur peninsular cos que intercambiaron os seus produtos suntuarios, por exemplo, a cerámica de verniz vermello, delicados labores de ourivería de ouro e prata, ou manufacturas de bronce, vidro e marfil; e entre os que acabaron implantándose, ademais dos superiores coñecementos tecnolóxicos dos estranxeiros, outras manifestacións culturais como a súa relixión (o culto a Astarté).

A súa influencia impactou non só na periferia costeira, senón que se estendeu a todo o sueste da Península, no curso inferior dos ríos Guadalquivir e Guadiana, onde, segundo os cronistas gregos, se situaba un reino inmensamente rico, Tartessos, gobernado por un rei mítico, Argantonio.

4.1.2. Tartessos: o primeiro estado peninsular

Os arqueólogos utilizan o termo cultura tartésica para referirse a un núcleo cultural localizado entre as actuais provincias de Huelva e Sevilla que, a partir do final da Idade do Bronce, desenvolveu unha potente economía agropecuaria e mineira, sostida pola influencia colonial fenicia. Con posterioridade, a cultura tartésica estendeuse cara ao alto Guadalquivir e o val do Guadiana (nas provincias de Xaén e Badaxoz), e chegou mesmo cara ao val do Tajo, en territorio cacereño.

Tartessos constitúe o primeiro estado peninsular, unha sociedade xerarquizada arredor dunha tradición monár-

Nestes centros, a poboación indíxena mantivo un intenso contacto comercial cos colonos, fundamentalmente artesáns e comerciantes, que atendían a demanda de obxectos de luxo dos xefes locais. Os magníficos tesouros de Aliseda (Cáceres) e El Carambolo (Sevilla) son exemplos do refinamento alcanzado polos artesáns da ourivería dentro do mundo tartésico. A finalidade de moitos obxectos suntuarios de orixe oriental non foi senón o seu depósito como ofrendas en grandes santuarios monumentais como os de Cancho Roano e El Turuñuelo (Badaxoz), formados por estancias que se situaban arredor dun patio central con altares cerimoniais. A caída de Tiro o ano 573 a. C. en mans de Babilonia, quizais ligado ao esgotamento dalgunhas materias primas locais, representou un duro golpe para as colonias fenicias, e causou o declinar de Tartessos.

O Tesouro de El Carambolo, Sevilla, está formado por 21 pezas de ouro de 24 quilates: un colar, dous peitorais e dous brazaletes e dezaseis placas rectangulares.

4 Que conxunto de circunstancias explican o auxe cultural e económico que se atribúe a Tartessos?

Podes obter máis información na web de recursos de anayaeducacion.es

4.1.3. As colonias gregas

Medio século despois de fundar preto da desembocadura do Ródano unha importante cidade, Massalia (a futura Marsella), os gregos, interesados, ao igual que os fenicios, na adquisición de materias primas de calidade, crearon cara ao 600 a. C. as súas principais colonias na Península, as cidades de Emporion e Rhode (Empúries e Roses, en Xirona). Ademais destes centros urbanos, dispuxeron dalgúns portos secundarios ou factorías menores ao comerciar de toda a costa mediterránea que lles permitían cos pobos indíxenas. Neste intercambio, os gregos ofrecían os seus produtos: cerámicas, tecidos, perfumes e adornos.

A presenza grega na rexión levantina peninsular, eminentemente comercial e carente de todo ánimo civilizador, tivo un grande impacto cultural nas poboacións indíxenas. O seu papel como intermediarios comerciais conseguiu influír nas xentes do interior a través de aspectos tan variados como o seu gusto artístico (arquitectura, escultura, decoración cerámica), o seu saber técnico, o alfabeto e a transacción monetaria.

4.2. A segunda Idade do Ferro

Tamén se denomina etapa dos pobos prerromanos, pois finaliza co sometemento a Roma de todos eles. Para o seu estudo cóntase non só cos documentos rescatados pola arqueoloxía, senón tamén coas noticias recollidas polos cronistas que, como o grego Polibio, acompañaron as lexións durante a conquista.

O inicio da segunda Idade do Ferro sitúase cara ao ano 500 a. C. e o seu final varía conforme a conquista avanza, de leste a oeste e de sur a norte. Conclúe definitivamente no ano 19 a. C. en que o emperador Augusto someteu os pobos do noroeste.

Desde o punto de vista cultural e étnico, na Península distínguense nesta etapa dúas grandes áreas, a dos iberos, no sur e levante, e a dos celtas, na franxa cantábrica, o interior e a orla atlántica. Cara ao século iv a. C. comezan a chegar os primeiros poboadores ás Illas Canarias procedentes do noroeste de África.

4.2.1. Os pobos mediterráneos: os iberos

Aínda que os gregos denominaban iberoi as xentes que residían na contorna do Iber (río Ebro), en realidade a cultura ibérica esténdese desde o sueste da actual Francia ata o estreito de Xibraltar, abranguendo numerosas tribos, como os indixetes, ausetanos, laietanos ou ilerxetes na zona setentrional (Cataluña e Aragón), os ilercavones, edetanos e contestanos (na rexión valenciana) ou os bastetanos, oretanos e turdetanos (en Andalucía).

O denominador común de todas elas, ademais de que permaneceron abertas aos influxos doutras culturas do Mediterráneo, moi particularmente dos gregos, é o feito de que falaban linguas non indoeuropeas, con certa filiación co protovasco ou aquitano.

Máis alá destes trazos comúns lingüísticos e étnicos, os pobos ibéricos eran moi diversos en aspectos políticos, culturais e económicos. Os turdetanos, por exemplo, situados no baixo Guadalquivir, eran os máis refinados segundo as fontes clásicas, debido seguramente a que eran os descendentes da cultura tartésica.

Economía, sociedade e cultura

Os iberos, cunha ampla tradición orientalizante ás súas costas, vivían en cidades, os oppida. Estes núcleos constituían elementos esenciais da organización política e territorial que, como no caso de Cástulo (Xaén), capital da Oretania, chegaron a ter ata 40 ha. Desenvolveron economías baseadas na agricultura, representada polo cereal de secaño e diversos cultivos de regadío; a gandería; a minería; a artesanía cerámica ou metalúrxica; e as transaccións comerciais que, en determinados casos, se estendía a gran distancia. A partir do século iii a. C., por influencia grega, emitiron a súa propia moeda que facilitaba as transaccións comerciais. Formaban sociedades moi xerarquizadas, dominadas por unha aristocracia terratenente, cun forte compoñente guerreiro, en cuxa cúspide se atopaban os monarcas. En relación con este carácter belicoso, adoita destacarse a orixinalidade das súas armas, como a falcata, unha potente espada dun só fío e folla curvada.

Dama sedente do Cerro de los Santos (Museo Arqueológico Nacional, Madrid). Século iii a. C. É unha urna cineraria que se atopou en Montealegre del Castillo (Albacete). Estas esculturas tiñan na parte posterior un orificio para gardar as cinzas dos defuntos.

Utilizaban unha escritura particular, de inspiración fenicia e grega, que sabemos ler, pero non interpretar. Chegaron ata nós textos sobre soportes metálicos, cerámicos ou pétreos, que deberon ser documentos comerciais ou inscricións funerarias. Son coñecidos os chumbos de Ullastret (Xirona) ou Alcoy (Alacant).

A manifestación que, desde finais do século xix, máis contribuíu á definición da cultura ibérica foi a arte, comezando polas coñecidas damas de Elx (Alacant), Baza (Granada) ou do Cerro de los Santos (Albacete). Estas esculturas femininas puideron quizais ser representacións de divindades de orixe fenicia. De feito, os pobos ibéricos, deberon incorporar á súa relixión distintas divindades procedentes das relixións foráneas. Tamén son significativos os conxuntos escultóricos de certos monumentos funerarios, como o de Pozo Moro (Albacete) ou o de Porcuna (Xaén), nos que tanto o estilo artístico coma os mitos representados son de clara inspiración oriental.

4.2.2. Os pobos do norte, centro e oeste Fronte á teoría tradicional de que os celtas hispanos foron invasores chegados desde o norte do Pireneo e relacionados coas culturas centroeuropeas de Hallstatt e La Tène, hoxe prevalece a idea de que son, sobre todo, os herdeiros das comunidades indíxenas do Bronce Final e do Primeiro Ferro (a cultura do Soto de Medinilla, por exemplo). Merecen o título de celtas porque así era como os denominaban os gregos e romanos, pero tamén porque, dun xeito maioritario, eran falantes de linguas indoeuropeas. Os documentos con que contamos, que están plasmados sobre bronce e cerámica, utilizando preferentemente o alfabeto ibérico, limítanse ao territorio dun dos pobos máis representativos de todos eles, os celtiberos.

Os nomes das etnias celtas da segunda Idade do Ferro e algúns dos seus costumes son ben coñecidos grazas aos textos clásicos. Destacan entre eles a Xeografía de Estrabón: vascóns, várdulos, caristios, cántabros e ástures na franxa norte, lusitanos e galaicos no oeste e vetóns, vacceos, carpetanos e celtiberos na Meseta.

Semellante diversidade xeográfica, como é lóxico, tradúcese tamén nunha marcada variedade de trazos sociais, económicos e políticos entre os distintos pobos célticos. Así, mentres que os celtiberos poden considerarse os máis complexos de todos, abertos a fenómenos civilizadores do ámbito ibérico, como é a cuñaxe de moeda; os pobos «montañeses» do norte foron caracterizados polos cronistas clásicos polo seu modo de vida extremadamente austero.

Os pobos prerromanos cara aos séculos iv e iii a. C.

Área de lingua protovasca

Área de lingua ibérica

Área de lingua turdetana/tartésica

Área de linguas indoeuropeas e precélticas

Área de linguas celtas ou celtibéricas

Área de influencia do tartésico (residual)

Cidades de linguas púnica e fenicia

Cidades de linguas gregas

Límites hipotéticos dos pobos

Pobo prerromano ÁSTURES

Mar Cantábrico OCÉANO ATLÁNTICO

Límites autonómicos actuais

ORETANOS CARPETANOSCELTIBERIA OCÉANO ATLÁNTICO

0 100 200 400 km 300

ILERXETES SEDETANOSILERCAVONES EDETANOS GHOMARAS

AQUITANOS LACETANOS AUSETANOS GUANCHES CANARII MAHOREROS

Rhode Emporion Mago Ebusus Akra Leuke Qart Hadsht Baria Abdera Sexi Malaka Gadir Rusadir

LAIETANOS COSSETANOS MAHOS BIMBACHES

BELOSTITOS AUARITAS M a r M e d i t e r r á n e o

Economía, sociedade e cultura

A economía destes pobos era preferentemente gandeira, tal e como testemuñan os monumentais verróns ou esculturas pétreas zoomorfas (bóvidos, xabarís ou osos) dos vetóns, como os célebres Touros de Guisando (Ávila). Entre outras posibilidades, estas representacións animais puideron xogar un papel como identificadores de territorios de pastoreo. Xunto ao valor económico das especies habituais, para algúns pobos célticos (como os celtiberos, lusitanos e vetóns) o cabalo posuía un valor simbólico de carácter militar para as clases dominantes.

Nas rexións máis propicias, como nas concas do Douro e o Texo, o cultivo do trigo e a cebada alcanzou un peso económico importante, mentres que a actividade mineira constituíu unha achega de entidade nas rexións ricas nestas materias primas. Os labores artesanais incluían manufacturas metalúrxicas, como espadas, puñais ou puntas de ferro; cerámicas e téxtiles, como saios de la.

Practicamente en todo o territorio céltico rexístrase o mesmo modelo de poboamento, a base inicialmente de pequenos castros fortificados con casas circula- res, como os de Santa Trega (Pontevedra) ou Chano (León). Co tempo, ademais de se introduciren melloras urbanísticas, estes asentamentos irán dando paso a oppida de maior tamaño, como a Pintia dos vacceos (Valladolid).

Touros de Guisando, El Tiemblo (Ávila). Son esculturas zoomorfas pertencentes á cultura dos verróns, datan entre os séculos iv e iii a. C. Atribúeselles a función de protexer o gando contra enfermidades e outras desgrazas.

Unha imaxe clásica do céltico son as súas necrópoles, caracterizadas por tumbas de incineración (cinzas depositadas en urnas cerámicas) e pola concentración de bens de prestixio naquelas sepulturas virís que se acompañan de armas. Este feito revela a existencia dunha casta de guerreiros á fronte da sociedade. Por debaixo desta aristocracia situábase un amplo grupo de agricultores e artesáns que, se así o esixían as circunstancias, acudían ao combate.

Chegaron ata nós, a través de inscricións votivas de época romana, os nomes dalgunhas divindades destes pobos indíxenas. Estes vestixios onomásticos permitiron recoñecer vínculos coa relixión céltica doutras rexións europeas ou, por exemplo, poñer en evidencia a riqueza e diversidade do panteón lusitano.

As prácticas rituais adoitaban levarse a cabo en santuarios sinxelos, situados en espazos naturais de especial significado, seguindo a máis pura tradición celta. Testemuño indirecto da entrada dos pobos célticos da segunda Idade do Ferro na historia son unha serie de tesouros de xoias de ouro e prata, ás veces acompañadas de denarios acuñados nas cecas da Celtiberia, como os de Arrabalde (Zamora), Palencia ou Driebes (Guadalaxara). As xoias son maioritariamente elementos de adorno persoal (torques, brazaletes, fíbulas, pendentes) cunha indubidable personalidade artística, moi afastada dos canons estéticos helenísticos que por entón imperaban no Mediterráneo.

Actividades

Vista do Castro de Baroña (A Coruña). As plantas das edificacións son de trazado curvo, moitas delas circulares, e os muros están feitos de granito.

5 Realiza un traballo que describa as características do hábitat e formas de vida dos pobos do norte da Península Ibérica. Destaca as súas diferenzas cos habitantes do sur e leste peninsular, e explica as posibles causas. Compleméntao con fotografías ou debuxos.

This article is from: