Page 1


MANUEL COLMEIRO (1901 - 1999) ARTURO SOUTO (1902 - 1964) LAXEIRO (1908 - 1996) LUIS SEOANE (1910 – 1979)


EXPOSICION del 25 de abril al 20 de Mayo de 2013 HORARIO 11 a 14 h. y de 17 a 21 h, Sรกbados tarde previa cita.


OS RENOVADORES DA ARTE GALEGA: O TÍMPANO E A ESPIRAL Os artistas do chamado Movemento Renovador (Colmeiro, Souto, Laxeiro, Seoane...), tamén coñecidos como “Os Novos”, dedicaron unha atención preferente á situación, identidade, pasado e futuro de Galiza e da súa cultura. Desde finais dos anos vinte traballaron mergullados nun ambiente e nun espazo de reconstrución nacional, no que os creadores levaron a cabo a súa actividade cunha dominante preocupación polo desenvolvemento social e cultural do noso país, un contexto que lembraba Luís Seoane dos seus tempos universitarios -ao redor de 1929-31- afirmando que non vivían nunha torre de marfil e que se sentían “formando parte de un proceso evolutivo de Europa pero sintiendo que en Galicia, en su escondido genio nacional estaban nuestras raíces más hondas” . Debemos, polo tanto, ter moi en conta que este ámbito no que se formaron é o dun espazo aberto e permeábel ao influxo externo –ese ser parte do proceso evolutivo de Europa- e isto é algo que se encargarán de lembrar ao longo de toda a súa vida estes artistas. A figuración que eles desenvolverán, que na práctica suporá o asentamento dunha escola de pintura nacional, será unha arte alicerzada en referentes do pasado: arcaísmos e primitivismos; cunha fusión do primitivo co románico, concretándose o arcaísmo no popular –eses tímpanos románicos esgrevios e frontais-, coa rusticidade granítica da cantaría, propia das manifestacións artísticas rurais románicas e barrocas ás que tamén se suma a ligazón co pasado prehistórico e protohistórico. En todos eles salienta a relación da súa pintura coa tradición, pondo énfase nas súas obras nas formas tradicionais que subsistían inseridas nos estilos artísticos (románico, barroco...) e influíndo neles. En todos os artistas tamén se observa unha tendencia cara o esquemático e formalista propio das creacións populares, un proceso que está ligado ao afán colectivo do pobo galego e en relación co xénero de vida e pensamento característico do noso país . Estamos perante un mundo referencial que ten para os creadores galegos a vantaxe de ser alleo á cultura clásica, e así vinculábel á tradición atlántica e nórdica, e dunha modernidade indiscutíbel ao partir dunha actitude común a outros movementos vangardistas que reivindican este pasado ligándoo ás formas non contaminadas, puras, inocentes. Alén diso, tratábase dun referente da tradición nacional: Santiago de Compostela; Mestre Mateu; románico rural... vinculábel aos valores da sociedade tradicional labrega. De por parte, o medieval podía ser lido desde posicións ideolóxicas progresistas de xeito positivo ao se asociar cos valores colectivos e mais co anonimato, propios da arte deste período asentada en estruturas gremiais. Nunha narración sobre o Santiago de comezos dos anos trinta, Luís Seoane expresa estes conceptos con toda claridade, pondo en boca dun mozo universitario as seguintes reflexións biográficas e xeracionais: Luego que hubo terminado de atar el cordón de su zapato extrajo del revés de la solapa izquierda de su chaqueta un largo alfiler de cabeza negra con el que iría sacando la oscura escama de los caracoles de mar y extraía su violáceo y sabroso cuerpo de la pequeña espiral. Precisamente esa espiral provocaría en él nuevas reflexiones acerca del arte prehistórico de su país y del que siguió luego en su historia, del que era ejemplo esa misma ingenua portada románica de la iglesia de San Félix de Solovio con restos de policromía y que formó parte del dominio de una casa medieval poderosa ahora olvidada. Entre tanto románico existente en la ciudad aquel no era sin duda el mejor ejemplo pero a él le encantaba encontrar aquellos restos de policromía adherida al duro granito a pesar de la lluvia y la humedad de los siglos y también por la torpeza expresiva con que estaban ejecutadas las imágenes seguramente encomendadas a un cantero del pueblo.


CATRO RENOVADORES: COLMEIRO, SOUTO, LAXEIRO E SEOANE

As palabras de Seoane tamén reflicten, en boa medida, a actitude de artistas como Colmeiro, Souto ou Laxeiro. Todos eles son pintores que coñecen os movementos artísticos europeos, que viaxan e teñen unha formación aberta e que van aplicar este discurso modernizador a Galiza. Manuel Colmeiro (1901-1999), ocupa unha posición sobranceira na nova pintura galega desde os anos vinte, aberto á vangarda internacional, creando unha figuración inspirada en elementos da tradición popular cun tratamento das figuras esquemático dentro da “estética do granito”. É un artista dunha preocupación social moi marcada que converte os labregos en auténticos arquetipos do pobo traballador máis que soamente arquetipos do país (Sega, 1934).

A visión do conxunto da súa obra evidencia a absoluta coherencia do seu proceso pictórico, fiel aos mesmos principios figurativos e aos mesmos motivos temáticos con figuras dotadas dunha rexa nobreza popular e dun acougo atemporal. Na súa obra percibimos a reelaboración de temas populares, liberados do anecdotismo rexionalista, tratados con rotundidade, en ocasións case que escultórica e á vez chea de cor e lirismo. O vínculo coa tradición románica e barroca é manifesto, facendo confluír en simbiose a figura humana, especialmente a muller traballadora, coa terra, como se dunha deusa-nai se tratase (Figuras, 1951-57). Durante os seus anos de exilio en Bos Aires e París (Notre Dame de París, 1950) manterase fiel a estes presupostos, dando unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos, sempre desde a fidelidade ao seu mundo e mais aos seus principios esenciais. Arturo Souto (1902-1964), un dos pintores galegos de formación e temática máis cosmopolitas, comparte un punto de partida semellante. As súas obras de finais dos anos vinte amosan a solidez das súas formas volumétricas e o emprego de amplas masas de cor, eliminando o pormenor, con faces arquetípicas. Na súa evolución, a obra de Souto toca temas moi diversos, industriais, mariñeiros, cun marcado gusto polas escenas marxinais, tratadas cunha inclinación expresionista. Combina múltiples influencias: da pintura xermana; da pintura francesa e da italiana. Frecuentemente utiliza tonalidades luxadas e motivos figurativos que recordan a pintura italiana do novecento, en especial a Sironi (Espantallos, 1934). A Solana semella remitir o seu característico mundo prostibular. É frecuente nel unha visión tráxica e dramática da realidade, ás veces con certo ar expresionista (O rapto, 1943). Durante a Guerra, vivida no bando republicano, realiza unha obra fortemente testemuñal, valéndose dun realismo de trazos incisivos, rápidos, que dotan as súas pinturas e debuxos dun ton fortemente expresionista, que recorda a Otto Dix ou a George Grosz, mais que se nutre, como Castelao, da tradición das pinturas e gravados de guerra de Goya. No seu exilio mexicano, logo de pasar por Nova York primeiro e por Cuba despois, durante os anos corenta, a súa pintura evoca a España profunda, solanesca ou o París estilizado pola memoria. Nos cincuenta aparece o mundo mexicano en escenas de certo primitivismo indixenista como en Composición campestre (ca. 1948). Xosé Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996), é outra figura importante do movemento renovador, que xa antes da Guerra Civil consegue unha linguaxe propia, cunha pintura que bebe da tradición da escultura medieval, barroca e popular, influenciada por un expresionismo singular, debedor da pintura europea que a partir dos anos vinte recupera plenamente a forma figurativa, particularmente achegado ao expresionismo alemán ou belga. Pinta unha Galiza profunda e esperpéntica. A súa obra está de cheo inserida dentro da “estética do granito”, coa súa rugosa expresividade (Danzas populares galegas, 1954), próxima á obra de pintores como Maside ou Torres e de escultores como Eiroa. O seu mundo está ateigado de figuras deformadas, máscaras, cunha paleta de ocres e tons terrosos, traballados coa densidade áspera da espátula (Maternidade, 1973), ao servizo dun mundo de barroquismo irónico, de fábula, que limita con Valle-Inclán e Goya, con influencia posterior picassiana. Laxeiro,


que tamén é un excelente retratista, desenvolve ao longo da súa carreira, boa parte realizada na Arxentina no ambiente cultural do exilio, un universo carnavalesco con monstros, sátiros, ananos e demos, de grande orixinalidade, aproximándose a partir dos cincuenta ao expresionismo abstracto (Sen título, 1970), cun dominio do xesto e o trazo enérxico. Luís Seoane (1910-1979), inicia a súa obra nos anos trinta en Galiza, para desenvolvela no exilio arxentino, no que vive até os anos sesenta. Seoane desenvolve unha obra pictórica, literaria e editorial desde Arxentina que estará orientada temática e formalmente para a formación dunha conciencia histórica con capacidade para se proxectar sobre o presente, con Galiza como eixo, mais cunha vontade de completa universalidade. Seoane é de todos os Renovadores o que leva adiante unha evolución formal máis marcada, sendo a natureza morta un dos xéneros utilizados nesta investigación plástica (Coliflores, 1963). Emprega na súa obra cores planas, simplificadas, trazando figuras que se converten en emblemas de Galiza, con especial importancia a respecto do universo feminino (Traballadoras, 1975), con esa perpetua repetición das Mater Gallaeciae que se nos ofrecen case como iconas, cunha intensa natureza plástica, que desde a modernidade suxiren o valor simbólico da pintura e escultura medievais (Busto de muller, 1969). Fronte o costumismo dominante en moitos pintores galegos, Seoane, partindo de temas semellantes, depura a linguaxe até convertelos nun novo universo propio, que, sendo intensamente persoal, consegue que nos identifiquemos con el, mellor dito, que a súa pintura nos identifique como colectividade humana singular. Estamos, pois, perante artistas que actualizan e modernizan a nosa plástica, poñéndoa en relación coas grandes correntes europeas, en especial cos movementos figurativos, sen perderen a súa singularidade trazando coa súa obra esa espiral que citaba Luís Seoane, que vai do tímpano medieval á esgrevia torpeza do canteiro anónimo e atemporal.

Carlos L. Bernárdez


MANUEL COLMEIRO “Mercado” 1931 Oleo/tabla 100 x 121 cm.


MANUEL COLMEIRO RECOLECCION 1932 Tinta sobre papel 47 x 65 cm.


MANUEL COLMEIRO “Siega” 1934 Acuarela 50 x 64 cm.


MANUEL COLMEIRO “Labranza” Ca. 1938 Tinta y acuarela 49 x 64 cm.


MANUEL COLMEIRO “Notre Dame de París” 1950 Oleo/tabla 60 x 73 cm.


MANUEL COLMEIRO “Figura” 1951 - 1957 Óleo sobre lienzo 33 x 46 cm.


MANUEL COLMEIRO “Panadera” 1955 Oleo/tabla 29 x 37 cm.


MANUEL COLMEIRO “Mujer leyendo” 1956 Oleo/lienzo 41 x 27 cm.


MANUEL COLMEIRO “Mercado” 1968 Oleo/lienzo 60 x 73 cm.


MANUEL COLMEIRO “Feria” 1975 Oleo/lienzo-tabla 99 x 80 cm.


ARTURO SOUTO “Soño” Ca. 1931 Técnica mixta/papel 48 x 53,5 cm.


ARTURO SOUTO “Entroido” Ca. 1933 – 1934 Oleo/lienzo 140 x 108 cm.


ARTURO SOUTO “El espantapajaros” 1934 Oleo/lienzo 58 x 71 cm.


ARTURO SOUTO “Composición (O rapto) 1943 Oleo/lienzo 98 x 119 cm.


ARTURO SOUTO “Puerto de La Rochelle, Francia” Ca. 1945 Oleo/lienzo 130 x 131 cm.


ARTURO SOUTO “Composición campestre” Ca. 1950 Oleo/lienzo 150 x 180 cm.


ARTURO SOUTO “Sacré Cœur, París” Ca. 1946 Acuarela 27 x 35


ARTURO SOUTO “Pueblo de Castilla” Ca. 1950 Acuarela 48 x 65 cm.


ARTURO SOUTO “Sin título” Tinta y acuarela 51 x 37 cm.


ARTURO SOUTO “Mujer acostada” Ca. 1955 Oleo/tablex 69 x 88 cm.


LAXEIRO “Curandera” Ca. 1940 Oleo/tela 48 x 59 cm.


LAXEIRO “Maternidad” Oleo/lienzo 100 x 81 cm.


LAXEIRO “Danzas populares gallegas” 1954 Oleo/lienzo 62 x 80 cm.


LAXEIRO “El espantap{jaros” 1969 Oleo/lkienzo-cartón 35 x 27 cm.


LAXEIRO “Sin título” 1970 Oleo/lienzo 66 x 53 cm.


LAXEIRO “Maternidad” 1973 Oleo/lienzo 61 x 46 cm.


LAXEIRO “Viñetas” 1973 Oleo/lienzo 130 x 81 cm.


LAXEIRO “Sin título” 1981 Técnica mixta 50 x 64 cm.


LUIS SEOANE “Coliflores” 1963 Oleo/lienzo 60 x 73 cm.


LUIS SEOANE “Agardando sempre” 1969 Oleo/lienzo 81 x 100 cm.


LUIS SEOANE “Naturalmente, tamen negro” 1969 Oleo/lienzo 92 x 73 cm.


LUIS SEOANE “Muller en ocre” 1974 Oleo/lienzo 73 x 60 cm.


LUIS SEOANE “Traballadoras” 1975 Oleo/lienzo 116 x 90 cm.


MONTENEGRO GALERÍA DE ARTE c/ Marqués de Valladares, 37 36201 VIGO

www.galeriamontenegro.com

Catálogo os renovadores  
Read more
Read more
Similar to
Popular now
Just for you