NIVEL
Guía didáctica do mestre
Estes contidos didácticos foron elaborados por un equipo de pedagogos e revisados pola dermatóloga Dra. Asunción Vicente do Hospital Maternoinfantil de Sant Joan de Déu de Barcelona.

Presentación
En ISDIN estamos comprometidos coa prevención do dano solar e o cancro de pel.
A exposición aos raios ultravioleta e as queimaduras en idades temperás constitúen un factor de risco importante para o desenvolvemento de cancro de pel no futuro. Por isto, ensinar aos máis pequenos a protexerse do sol converteuse nunha das estratexias máis efectivas.
A Campaña escolar de fotoprotección busca sensibilizar acerca da importancia de protexernos adecuadamente do sol.Desta forma, unímonos aos colexios para concienciar a pais e alumnos sobre a eficacia dunha correcta protección solar.
Creado no 1995, a Campaña escolar de fotoprotección consolidouse como unha das campañas de concienciación máis relevantes en España.
Obxectivos didácticos
Os obxectivos xerais para esta etapa son os seguintes:
- Mellorar ou cambiar actitudes e hábitos de fotoprotección.
- Adquirir coñecementos básicos sobre a pel.
- Reflexionar sobre os beneficios do sol para a vida na Terra.
- Concienciar dos riscos do sol para a nosa pel e das consecuencias dunha mala exposición aos raios do sol.
- Establecer relacións entre coñecementos xeolóxicos, xeográficos e atmosféricos (movementos de translación e rotación, incidencia dos raios solares sobre distintas superficies, climas, estacións, capa de ozono) e os hábitos de fotoprotección.
- Xerar consciencia sobre sostibilidade e reciclaxe.
Por tanto, ISDIN sérvese desta campaña para achegar a súa experiencia no eido da fotoprotección e insistir na importancia de ter hábitos fotosaudables, sempre dende unha perspectiva preventiva e de concienciación. Leva a cabo a súa tarefa a través de dúas dimensións:
• Informar: investigar e experimentar
• Interiorizar: hábitos e actitudes
Competencias
Neste proxecto traballaremos as áreas de coñecemento do medio natural, social e cultural.
COMPETENCIAS PROPIAS DA ÁREA
Asumir a competencia de convivir e habitar o mundo implica, entre outros:
• Empregar o coñecemento científico para comprender situacións próximas relacionadas con problemáticas ambientais, a conservación da saúde ou o uso de obxectos tecnolóxicos e así tomar decisións coherentes a partir deste coñecemento.
Achegas da área ás competencias básicas:
Competencias comunicativas
· Expresar ideas e organizar informacións de maneira eficaz e intelixible sobre espazos, feitos, problemas e fenómenos xeográficos, históricos, sociais, naturais e tecnolóxicos.
· Comunicar ideas e información de maneira oral, escrita, visual e mediante as TIC para informar, convencer e dialogar.
· Identificar datos relevantes da área en textos que utilizan diferentes canles comunicativas e de procedencias diversas.
Competencias metodolóxicas
· Expoñer preguntas que poidan ser obxecto de investigación.
· Utilizar habilidades de planificación do traballo.
· Utilizar habilidades para a recompilación e o tratamento da información.
· Utilizar o pensamento crítico e creativo para a análise da información, a resolución de problemas e a toma de decisións.
Competencias persoais
· Aplicar coñecementos e habilidades en contextos familiares e da súa contorna.
· Deseñar e aplicar proxectos individuais e colectivos de maneira responsable e creativa.
Os contidos do medio natural
Os contidos do medio natural proceden de diversas disciplinas científicas, como son a bioloxía, a física, a xeoloxía, a química e a tecnoloxía. Estes coñecementos deben permitir ao alumnado de Educación Primaria proporse preguntas sobre fenómenos do mundo natural e os efectos da actividade humana sobre o medio, así como elaborar explicacións racionais que teñan en conta as observacións e orienten a súa actuación.
As ciencias e a tecnoloxía deben permitir que o alumnado desta etapa constrúa:
· Coñecementos sobre:
Os seres vivos: que os caracteriza e como se interrelacionan entre eles e co medio. Desta forma, poderase comprender a necesidade de conservar a súa diversidade e os diferentes hábitats e a necesidade de que as persoas adopten formas de vivir que posibiliten o mantemento da saúde propia e colectiva.
· Habilidades e estratexias para buscar respostas ou solucións a problemas de tipo científico ou tecnolóxico a partir da formulación de preguntas e hipóteses investigables; deseñar en equipo procesos para darlles resposta; recoller datos e organizalos; identificar regularidades e deducir conclusións a partir das probas obtidas; construír modelos ou prototipos e describir e xustificar (oral, graficamente e por escrito) o proceso levado a cabo e os resultados obtidos.
En resumo, os coñecementos científicos e tecnolóxicos que se precisan adquirir durante a Educación Primaria deben permitir ao alumnado comezar a afrontar a procura de posibles respostas a problemas ou cuestións da súa contorna que sexan socialmente relevantes e posibiliten dar sentido ás súas actuacións. Ao mesmo tempo, os pequenos deben comezar a apreciar o pracer que comporta chegar a atopar explicacións racionais dos feitos e a utilidade da aplicación de procedementos e actitudes científicas.
Achega ás competencias
básicas
· Utilizar diferentes linguaxes para expresar e comunicar os contidos da área de forma persoal e creativa, seleccionar e interpretar datos expresados por medio de distintos códigos (lingüísticos, numéricos e gráficos) e reflexionar sobre o propio proceso de aprendizaxe.
· Comportarse de acordo cos hábitos de saúde e hixiene persoal derivados do coñecemento do corpo humano, e mostrar unha actitude de aceptación crítica e de respecto polas diferenzas individuais (idade, xénero, características físicas e personalidade).
· Participar activamente no traballo de grupo; adoptar unha actitude responsable, solidaria, cooperativa e dialogante; argumentar as propias opinións e contrastalas coas dos demais; respectar os principios básicos do funcionamento democrático.
· Utilizar a lingua como ferramenta para construír coñecemento e para compartilo cos demais, sempre a partir do desenvolvemento das competencias propias da área (descrición, explicación, xustificación, interpretación e argumentación).
· Apreciar o gozo que implica atopar explicacións racionais a feitos e problemas que se identifican na nosa contorna e valorar a utilidade da aplicación de procedementos e actitudes científicas.
Contidos
AS PERSOAS E A SAÚDE
· Identificación e xustificación de hábitos de hixiene, de descanso, de exercicio físico e de alimentación variada e equilibrada para unha vida saudable. Identificación de mensaxes e prácticas que non favorecen o bo desenvolvemento persoal e da saúde.
Criterios de avaliación:
· Valorar positivamente a práctica de determinados hábitos asociados á hixiene, a alimentación, o exercicio físico e o descanso que é recomendable manter e, ao mesmo tempo, discernir as actividades que prexudican a saúde.
Conexións con outras áreas:
· Comprensión e produción de mensaxes orais, escritas e audiovisuais.
· Aplicación de hábitos de saúde e hixiene.
Material didáctico
O material específico desenvolto por ISDIN para o nivel superior (alumnos/as de entre 9 e 11 anos) consta dos seguintes elementos:
- Un vídeo introdutivo que resume os principais contidos do proxecto:
- O sol
- O sol e os seus beneficios
- O sol e os seus riscos
- A pel
- A pel e a exposición ao sol: consecuencias
- Medidas de fotoprotección imprescindibles
- Dúas actividades para cada curso vinculadas ao vídeo onde, a través dunha linguaxe moi visual, se procura reforzar e asentar os coñecementos adquiridos no vídeo.
- Para os alumnos/as de 4.º, o material inclúe o experimento grupal «A pel ten memoria» e o xogo en liña «Verdadeiro ou falso?»
- Para os alumnos/as de 5.º, o material inclúe a actividade grupal «A incidencia da radiación» e o xogo en liña «Completa as frases».
- Para os alumnos/as de 6.º, o material inclúe o Kahoot! «Sol, pel e fotoprotección» e a actividade «Que sabemos sobre fotoprotección?», que pretende agrupar e mostrar todos os coñecementos adquiridos ao longo do proxecto de fotoprotección levado a cabo durante os cursos de 3.º de EI a 6.º de EP.
Para poñer en marcha estas actividades contades con esta guía didáctica que inclúe as pautas e suxestións necesarias. Pola súa banda, os alumnos dispoñen dun caderno do investigador no que atoparán as tarefas necesarias para desenvolver todas as actividades (pódese descargar en formato PDF en www.isdinsunlab.com
Diploma de expertos en fotoprotección
Unha vez finalizadas todas as actividades, propoñemos que cada alumno/a leve a casa o diploma de experto en fotoprotección. Con isto, buscamos facer partícipe á súa familia para que, desta forma, asuma o compromiso de seguir hábitos saudables no futuro.
Propónselles que colguen o diploma nun lugar visible da casa (neveira, porta principal…). O diploma atópase na área privada de www.isdinsunlab.com
Para finalizar e para asegurar que se asimilan os conceptos e se segue aprendendo sobre fotoprotección, propoñémosvos que animedes o alumnado a probar os xogos incluídos en www.isdinsunlab.com. Desta forma, aprenderán mentres se divirten.
ORIENTACIÓNS ESTRATÉXICAS PARA IMPLEMENTAR O PROGRAMA
As actividades propuxéronse para desenvolvelas nos cursos 4.º, 5.º e 6.º de Educación Primaria. Os tres cursos comparten o recurso do vídeo. A partir del, expóñense dúas actividades para cada curso, unha en papel e a outra no taboleiro dixital ou pantalla táctil.
PROGRAMACIÓN TEMPORAL
As actividades de cada curso están previstas para desenvolverse en dúas sesións duns corenta minutos aproximadamente.
SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS E DESENVOLVEMENTO DO MATERIAL
Coas actividades que levaremos a cabo nos tres cursos deste nivel quérese fomentar no alumno/a a reflexión, a análise crítica e a procura de solucións e impulsar a adquisición de hábitos saudables dende un enfoque divertido e estimulante.
O experimento require a realización dunhas fichas que os alumnos/as atoparán no caderno do investigador, onde:
• Parten dos seus coñecementos e relaciónanos con futuras aprendizaxes (ficha 1)
• Plasman as súas hipóteses e planifican a aprendizaxe (ficha 2)
• Levan a cabo o experimento a través dunha serie de pasos e reflexionan sobre os novos contidos (ficha 3)
• Por último, avalían o seu propio proceso de aprendizaxe (ficha 4) Ademais, é importante anotar que a transferencia e asociación de coñecementos a outros contextos facilita a súa aprendizaxe e asimilación a longo prazo.
Resultados de aprendizaxe
Ao final das actividades, os alumnos/as serán capaces de:
a) Seguir de forma correcta as instrucións para a realización da actividade.
b) Establecer hipóteses para tratar de responder ás preguntas expostas.
c) Utilizar os resultados obtidos para a súa argumentación e a comprobación de hipóteses.
d) Comprender a importancia de variables como a incidencia do sol na superficie da Terra ou a importancia de protexer a pel dos raios do sol.
e) Enumerar hábitos de fotoprotección.
f) Coñecer cal é o fotoprotector máis adecuado para cada un deles.
MATERIAL EDUCATIVO 4.º EDUCACIÓN PRIMARIA
Actividade «A pel ten memoria»
Ficha 1 - Activa o que sabes
Para comezar coa actividade, débese completar a ficha 1 «Activa o que sabes». Os alumnos partirán dos seus coñecementos previos e van poder profundar neles e amplialos. A continuación, facilitámosvos as solucións da actividade 5 desta ficha:
Pregunta 1 – A altitude é… Solución B
Pregunta 2 – O movemento de translación provoca… Solución B
Pregunta 3 – Se o sol incide sobre a Terra… Solución C
Pregunta 4 – O sol… Solución B
Pregunta 5 – A pel está formada por… Solución C
Unha vez completada a ficha 1, é o momento de que lles transmitades en que vai consistir o experimento que detallamos nesta guía.
Ficha 2 - Hipóteses
Nesta ficha deberán responder a unha pregunta, adiantándose ao que van aprender nesta actividade.
Con esta ficha pretendemos que comecen a crear as súas propias hipóteses de traballo e fomentar a reflexión previa ao desenvolvemento da actividade, facilitando así a aprendizaxe autónoma. Esta maneira de traballar forma parte da competencia «Aprender a Aprender», xa que os alumnos/as comezan tomando consciencia das súas propias capacidades fronte á tarefa proposta.
Ficha 3 - Pasos
Para o desenvolvemento desta actividade precísase:
- Plastilina
- Unha esponxa ou gomaespuma
Os alumnos/as deberán marcar os dedos da man en plastilina e en gomaespuma ou unha esponxa; desta forma, e mediante un símil coa plastilina como protagonista, os alumnos entenderán que a pel ten memoria, polo que os danos e riscos aos que se someten as nosas células da pel van deixando unha pegada que a fai máis vulnerable a enfermidades e deterioracións. Por este motivo, é importante fotoprotexerse correctamente dende bebés.
Solucións
A continuación, facilitámosvos as solucións da actividade 1 da ficha 3:
X1 - A esponxa recupera a súa forma, pero a plastilina non xa que os meus dedos quedan marcados na superficie.
Ficha 4 - Conclusións
Finalizado o proceso de aprendizaxe, na ficha 4 poderán elaborar as súas conclusións, e avaliar o proceso e os resultados de aprendizaxe.
Actividade «Verdadeiro ou falso?»
Solucións
A continuación, facilitámosvos as solucións ás preguntas do xogo
- Bota o fotoprotector na casa, xusto antes de saír - FALSO

- Aplica pouca cantidade por todo o corpo - FALSO
- Non esquezas as orellas, as mans, os pés e as zonas especialmente sensibles como o nariz, os beizos e as empeñas- VERDADERO
- Unha soa aplicación protéxete durante todo o día - FALSO
- Se está nubrado, non fai falta que fotoprotexas a túa pel - FALSO
- Ten especial coidado cando esteas na montaña, cando haxa neve ou cando esteas na praia ou na piscina - VERDADEIRO
- Tenta expoñerte ao sol entre as 12 do mediodía e as 4 da tarde xa que a radiación solar chega máis vertical e é máis intensa - FALSO
- Se fai calor, bebe auga a miúdo- VERDADEIRO
- Pon o fotoprotector todos os días do ano - VERDADEIRO
- Hai cinco cousas que sempre debes levar para protexerte ben do sol: chapeu, lentes de sol, fotoprotector, camiseta e auga - VERDADEIRO
- Despois de estar exposto ao sol, a túa pel está moi seca. Rehidrátaa ben cun aftersun que, ademais, axudarache a refrescala - VERDADEIRO
- A pel rexuvenece co sol - FALSO
MATERIAL EDUCATIVO 5.º EDUCACIÓN PRIMARIA
Actividade «A incidencia da radiación»
Ficha 1 - Activa o que sabes
Para comezar coa actividade, o grupo deberá completar a ficha 1 «Activa o que sabes». Os alumnos/as partirán dos seus coñecementos previos, e poderán profundar neles e amplialos.
As cuestións desta ficha 1 están expostas para que non só activen contidos aprendidos noutros cursos, senón tamén para presentar contidos novos, precisos para o desenvolvemento do experimento.
Solucións
A continuación, facilitámosvos as solucións desta ficha:
Día – Noite
Rotación – Translación
Sol - Radiación solar
Pel – Derme, epiderme, hipoderma
Clorofila – Fotosíntese
Norte – Sur
Melanina – Bronceado
Fotoprotector – Filtro solar
Fototipo – Ton de pel
Latitude – Altitude
Ficha 2 - Hipótese
Nesta ficha deberán responder a unha pregunta, adiantándose ao que van aprender nesta actividade.
Con esta ficha pretendemos que comecen a crear as súas propias hipóteses de traballo, fomentar a reflexión previa ao desenvolvemento da actividade e así facilitar a aprendizaxe autónoma. Esta maneira de traballar forma parte da competencia «Aprender a Aprender», xa que os alumnos/as comezan tomando consciencia das súas propias capacidades fronte á tarefa proposta.
Ficha 3 - Pasos
Para o desenvolvemento desta actividade precísase:
- Unha lanterna
- Un folio
- Un lapis
Nesta ficha os alumnos/as comprobarán cal das súas hipóteses expostas ao final da ficha 1 é certa.
Para iso, deberán iluminar de forma vertical cunha lanterna un folio a 30 cm de distancia e debuxar o contorno da luz da lanterna no folio. Mantendo a distancia deberase variar a incidencia da lanterna sobre o folio, inclinala, e debuxar de novo o contorno.
Compararanse ambas as superficies e responderase á pregunta que lles leva a concluír que a superficie é maior nos raios que chegan de forma máis oblicua; consecuentemente, ao ter que quentar máis superficie, a calor dispérsase e alcánzase menos temperatura.

Actividade «Completa as frases»
Solucións
A continuación, facilitámosvos as solucións ás preguntas do xogo
Bota o fotoprotector na casa – 30 minutos antes de saír de casa e coa pel ben seca.
Aplica a cantidade suficiente – por todo o corpo.
Lembra que unha soa aplicación – non te protexe todo o día.
Pon fotoprotector – todos os días do ano.
Ten especial coidado – cando esteas na montaña, na neve e na praia ou piscina.
Tenta evitar expoñerte ao sol – entre as 12 do mediodía e as 4 da tarde.
Se fai calor – bebe auga a miúdo.
Hai cinco cousas que sempre debes levar para protexerte ben do sol: chapeu, lentes de sol, camiseta, auga e fotoprotector.
Despois de estar exposto ao sol – rehidrata a túa pel con aftersun.
Ficha 4- Conclusións
Solucións
A continuación facilitámosvos as solucións desta ficha:
Os raios do sol, ao incidir de forma vertical, quentan unha menor superficie, polo que a temperatura que alcanza esta superficie é maior.
MATERIAL EDUCATIVO 6.º EDUCACIÓN PRIMARIA
Actividade «Kahoot!»
Premede sobre a seguinte ligazón: https://play.kahoot.it/#/k/2db52626-200a-4d32-b412-582c6e48d7bf
Se tedes conta en Kahoot!, entrade co voso nome de usuario e contrasinal.
Se non dispoñedes dunha conta, podedes participar igualmente. Non precisades dispoñer dunha conta en Kahoot! para poder participar.
Por que Kahoot!?
Kahoot! é unha plataforma de aprendizaxe gratuíta que traballa a partir de xogos co obxectivo de que os alumnos/as aprendan de maneira atractiva, entretida e inclusiva.
Trátase dunha plataforma que permite crear cuestionarios en formato test que os alumnos/ as deberán responder por equipos dende o seu propio dispositivo e nun tempo determinado.
Como se xoga?
Kahoot! traballa en dous perfís, o do mestre e o dos alumnos/as.
O mestre controla o seu perfil dende o seu ordenador ou tableta e exerce de coordinador.
Os alumnos/as actúan de participantes agrupados en equipos. Cada equipo precisa un ordenador ou tableta para participar.
Mecánica
Ao premer sobre a ligazón poderedes elixir entre o modo «Classic» (clásico) ou o «Team mode» (modo equipo). Para xogar en grupo cos alumnos/as elixiremos o «Team mode». Nese momento aparecerá na pantalla un código numérico de seis díxitos.
Os alumnos/as deben acceder dende os seus ordenadores ou tabletas a www.kahoot. com e inserir o código. Deberán poñer un nome ao seu equipo. Os equipos aparecerán na pantalla coordinadora a medida que se vaian rexistrando.
Unha vez que todos os equipos estean rexistrados, o mestre pode comezar o cuestionario.
O ordenador do mestre é o que presenta as preguntas, cada unha con catro posibles respostas. A pantalla do mestre compártese mediante un proxector ou un taboleiro dixital.
Os alumnos/as xestionan o seu perfil dende os ordenadores ou tabletas. No seu perfil verán catro iconas que representan as catro respostas mediante un código de cores.
Os alumnos/as deberán ler e escoller unha resposta nun tempo máximo de 20 segundos.
Ao rematar o cuestionario veremos os resultados dos equipos en forma de clasificación.
Solucións
1 - Por que precisamos o sol? Solución B
2 - O corpo produce vitamina D ao expoñerse ao sol. Para que serve a vitamina D? Solución C
3 - A que distancia da Terra se atopa o Sol? Solución D
4 - As plantas absorben a enerxía solar e realizan a fotosíntese. É necesario este proceso? Solución C
5 - Cantos tipos de raios ultravioleta existen? Solución B
6 - Que tipo de radiación ultravioleta chega á Terra? Solución D
7 - Cales son as capas da pel? Solución B
8 - Como se chama a protección natural do noso corpo fronte ás radiacións solares? Solución A
9 - Quen son os responsables das queimaduras solares e da diminución de defensas? Solución B
10 - Quen son os responsables do envellecemento da pel e das alerxias solares? Solución A
11 - Que é un fototipo? Solución D
12 - Cantos fototipos existen? Solución D
13 - Hai lugares onde a intensidade do sol se incrementa, onde debemos ter especial coidado? Solución C
14 - A que horas debemos evitar o sol porque a radiación é máis intensa? Solución A
15 - Que é un fotoprotector? Solución A
16 - Debemos fotoprotexernos todos os días do ano? Solución D
17 - Que zonas do corpo son especialmente sensibles? Solución C
18 - Como podemos axudar á nosa pel a evitar queimaduras provocadas pola exposición solar? Solución B
Actividade « Que sabemos sobre fotoprotección?»
O obxectivo desta actividade é plasmar nun mural todo o aprendido sobre o sol, a pel e a fotoprotección.
Os diferentes murais servirán para expoñer os coñecementos adquiridos ao longo dos anos de formación.
A actividade pódese levar a cabo en grupos de traballo. Realizarase un primeiro labor en clase para decidir os temas que se vaian traballar. Unha vez enumeradas todas as temáticas,
asignarase unha temática a cada grupo co obxectivo de conseguir unha exposición lineal de todo o aprendido e asegurarnos de que todos os conceptos queden reflectidos.
A exposición pode servir para mostrar a temática ao resto de compañeiros, ao persoal do colexio que non recibiu a formación ou aos máis pequenos da escola..
Reciclaxe dos envases
Tan importante é aprender a protexerse adecuadamente do sol, como ser conscientes da necesidade da xestión responsable dos envases baleiros de fotoprotector.
O proxecto engade criterios de sostibilidade e incorpora a responsabilidade da reciclaxe. Lembra aos teus alumnos que reciclaren correctamente axuda a reducir o impacto no medio ambiente e facer que os residuos se convertan en novos recursos.
Avaliación
A seguinte táboa brinda as ferramentas para avaliar os alumnos/as en función dos obxectivos do proxecto. Os indicadores proporcionados permitiranvos valorar o grao de consecución dos diferentes obxectivos.
Obxectivos Mellorar ou cambiar actitudes e hábitos de fotoprotección
Adquirir coñecementos básicos sobre a pel
Indicadores O alumno comprende e coñece os hábitos e condutas para unha fotoprotección responsable.
O alumno coñece a estrutura da pel e os efectos da radiación solar sobre ela.
Reflexionar sobre os beneficios do sol para a vida na terra
O alumno sabe identificar os principais beneficios e perigos do sol e entende a importancia da existencia do sol.
Concienciar dos riscos do sol para a nosa pel e das consecuencias dunha incorrecta exposición aos raios do sol
O alumno comprende e identifica os perigos dunha exposición ao sol sen unha protección adecuada.
Establecer relacións entre coñecementos xeolóxicos, xeográficos e atmosféricos e os hábitos de fotoprotección
O alumno entende a incidencia da radiación solar en función das horas, as superficies e a situación xeográfica e asimilou a importancia do hábito da fotoprotección.