EOI Ferrol Número 16 ANO 2018
www.eoiferrol.org
Agora temos »» un exemplar máis, e van dezaseis, da revista Diálogo, publicación do noso centro de aprendizaxe, a Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. »» Diálogo amosa unha interesante amálgama de creacións e noticias facilitadas polo alumnado dos seis idiomas impartidos nas aulas. Con grande interese procura difundir, dun xeito ameno, historia, personaxes, literatura… e calquera tema atractivo que axude a descubrir a riqueza dos diferentes países a través das imaxes e dos textos impresos nela. »» En Diálogo atopamos biografías de persoas afamadas, mais tamén reflicte a vida, as obras, os descubrimentos, etc. dalgunhas menos coñecidas. A publicación amosa as variadas culturas gastronómicas, con receitas achegadas polos alumnos, moitas veces acompañadas por reportaxes fotográficas das xuntazas que se adoitan facer para degustalas. »» Ademais, inclúe entrevistas, páxinas de lecer e de actualidade, recreacións das viaxes e rutas literarias que adoitamos facer profesores e alumnos dos distintos departamentos, comentarios das xornadas culturais e un apartado sobranceiro, o das creacións de textos narrativos, teatrais, poéticos e ensaísticos, que o alumnado achega con gran xenerosidade. »» A nosa revista é unha boa oportunidade de mostrar o aprendido nas clases, xa que coas colaboracións podemos mostrar os diferentes enxovais lingüísticos, a través das palabras, expresións, xiros… propios de cada idioma. »» A súa edición é posible grazas á implicación do profesorado, alumnado e persoal da Escola, así como á cooperación dos autores das portadas e da estrutura, polo que amosamos a nosa sincera gratitude a todos os colaboradores, e o desexo de conservar os azos para que Diálogo continúe coa súa fermosa xesta.
Aurora Varela
Diálogo
Limiar