Chan do monte dixital 2013

Page 1


CHAN DO MONTE dixital

curso 2012-13

nº 3

SUMARIO Portada: Vivimos como galegos? Sumario: Editorial: Vivimos como Galegos? UN CURSO PARA VIVIR COMO GALEGOS E logo ti de quen vés sendo? Que causas motivaron o descenso de falantes de galego no século XX? Despedimos o ano 2012: ano de Celso Emilio Ferreiro. O teatro en Nadal : unha reflexión colectiva sobre a solidariedade. As trece lúas de Nadal. Xornada escolar pola Paz As actividades da Biblioteca. Encontro coa autora: Ledicia Costas. Do Entroido tradicional ao maio das Letras. Unha lingua cuxo territorio é coma un corpo con cabeza e corazón. Concurso: Galicia Letra a Letra. Os 150 anos dos Cantares de Rosalía. ACHEGÁNDONOS AO TEATRO DA MAN DE VIDAL BOLAÑO O noso Agasallo de Sombras Pequenos audiovisuais sobre Vidal Bolaño A nosa versión de: A ópera de a patacón, de Vidal Bolaño. Contraportada: Eu falo galego porque... Edita EDLG do CPR. San Narciso, Marín xuño 2013.


EDITORIAL

Vivimos como galegos? A vida é o lema deste curso no San Narciso. Adaptándoo ao noso Departamento convertémolo nunha pregunta clave dirixida á Comunidade escolar, pero especialmente aos nosos alumnos/as: Vivimos como galegos? Unha pregunta que non precisa dunha resposta inmediata, procura ir provocando sen presa, pero sen pausa, unha reflexión fonda cara a nosa identidade. A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra). Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais. De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como seres que vivimos en sociedade, en común cos outros habitantes da nosa Terra, Galicia. Propuxémonos, pois, reflexionar sobre a nosa vida conforme á terra que nos viu nacer, ás xentes que nos deron as palabras para conformar ese mundo que estamos descubrindo día a día. Alí é onde atopamos a rentes de nós unha semente que se chama Galicia á que poderemos dar vida se, entre outras cousas, decidimos vivir en galego, é dicir, dun xeito orixinal e nunha relación sostible coa nosa lingua, coa nosa Terra.


UN CURSO PARA VIVIR COMO GALEGOS E logo, ti de quen vés sendo? Como o ano pasado realizamos unha recollida de datos nas casas de cada un dos alumnos/as de 1º da ESO para realizar logo unha árbore filolóxica da nosa familia, unha especie de árbore xenealóxica que inclúe e destaca a lingua empregada e a que se emprega na relación avós/ avoas/ pais-nais//fillos-as.


A carón dos nomes (algúns incluíron mesmo fotos) colocamos en cor verde unha raia que indica que o idioma empregado é o GALEGO, unha raia vermella indicando que o idioma falado é o CASTELÁN. Pode haber dúas liñas cando os idiomas empregados sexan ambos, pero preferimos que se indique só a lingua a máis usada (non son significativas as porcentaxes doutros idiomas). Podes botarlle unha ollada á árbore modelo que acompaña a esta entrada. Os comentarios que fixemos a partir das enquisas despois de observar os resultados globais da árbore filolóxica de 1º da ESO, procuramos dar resposta as seguintes cuestións: 1-Por que cres que tras varios séculos de uso maioritario da lingua galega houbo un descenso de falantes de galego tan brutal nos últimos anos? 2-Observa que hai unha diferenza apreciable entre os pais e as nais á hora de utilizar a lingua galega, cal cres que pode ser o motivo? 3- Que cres que podemos facer nós para que esta situación herdada e tan inxusta cambie para ben e recuperar a lingua dos nosos avós? Outra iniciativa intimamente relacionada coa anterior e que se iniciou este curso, foi a recollida dos alcumes e da microtoponimia que cada alumno/a de 2º da ESO logra recuperar para a súa memoria no seu entorno familiar e o seu lugar de residencia. Este traballo inclúe a busca da orixe e significado de alcumes e topónimos. Son ambas experiencias de gran interese (a primeira ao comezo de curso, a segunda na recta final do mesmo) que insisten na cuestión que situamos como fío condutor do mesmo: Vivimos como galegos?


Que causas motivaron o descenso de falantes de galego no século XX? Despois de analizar os resultados das enquisas da árbore filolóxica da clase intentamos dar resposta as preguntas que nos faciamos. Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes? Atopamos na aula inicialmente tres respostas posibles a esta cuestión tan complexa: A ditadura de Franco. O non nos falar os nosos pais/ nais en galego a nós. O feito de que haxa un ambiente pouco propicio (amigos/as, compañeiros de clase, etc…) que nos falen en castelán. Iremos pois analizando estas respostas, unha a unha: (Foto: cartel que se repartía en Galicia nos primeiros anos da Ditadura de Franco (1942). O IDIOMA GALEGO DURANTE O FRANQUISMO (1936-1975) Debemos saber que o noso idioma foi prohibido nas escolas, nos actos públicos, nos xornais, no cine… sendo habitual o castigo físico dos rapaces ou rapazas que o usasen na escola, os despidos de funcionarios ou as multas a xornais e escritores, mesmo a censura que impedía a publicación ou a tradución de libros ao galego. O castelán era o único idioma que se ensinaba e usaba en público, considerando o galego, catalán ou o éuscaro dialectos. Nesa sociedade represora viviron os nosos avós e nela naceron ou esa situación herdaron, en gran parte, os nosos pais/nais. Todos nós tivemos, grazas á volta da Democracia, unha mellora considerable á hora de poder coñecer e usar o galego nas aulas, pero aínda así, pasados máis de 30 anos, seguimos sendo herdeiros e sufrimos dalgún xeito a presión dunha sociedade condicionada pola imposición que a ditadura exerceu durante os 40 anos que durou. Esa que, en gran medida, fixo que descendese o número de galego-falantes nos últimos anos.


O feito de que os nosos pais/nais non nos falen a nós en galego é logo unha consecuencia das prohibicións e o desprestixio que durante o Franquismo se fixo da lingua galega. Despois de analizar as prohibicións do Franquismo como unha das principais causas do descenso de galego-falantes nos últimos anos, imos completar esta análise con outra causa non menos importante. A PERDA DO GALEGO COMO CONSECUENCIA DA DESRURALIZACIÓN. A lingua galega sufriu un descenso de falantes a partir de mediados do século XX tamén como consecuencia da desruralización. A desruralización de Galicia é a perda de poboación das aldeas e pobos, mesmo das vilas, especialmente das provincias do interior (Lugo, Ourense, pero tamén de zonas máis afastadas da costa da Coruña e Pontevedra). Esta xente marcha do campo para ir vivir e traballar ás cidades galegas ou fóra de Galicia. Un proceso de emigración que se agudizou nos tempos de Franco e que xunto coa presión e a represión exercida a través das escolas provocou que se fora impoñendo o uso do idioma castelán entre os máis novos. Son coñecidas as condicións nas que se escolarizaban aos nenos/as das aldeas do interior de Galicia nos últimos anos do Franquismo e que levan a ese éxodo xeneralizado cara as cidades. Ao chegar ás cidades, os medios de comunicación como a Radio, a TV e os xornais e fenómenos de masas como o Cinema, van exercer tamén unha forte presión sobre a poboación galego-falante para que troque de idioma. Comeza así a asociarse progresar co uso do castelán, e, aínda que o galego sexa o idioma máis usado en Galicia ou maioritario, será un idioma minorizado por non gozar de prestixio e de valor mesmo polos seus propios falantes


DE DEFUNTOS A NADAL No centro traballamos curso a curso a partir do noso calendario tradicional de fonda raigaña agraria e rural. A primeira cita, a do Magosto, vén coincidindo con certas referencias de vital importancia e transcendencia para a interiorización da nosa identidade. Partindo da época das castañas, unha das últimas colleitas do ano, nese outono no que remata o ciclo vexetal, emerxe a impresionante visión da morte en Galicia, nesta Terra do Fin do Mundo Occidental, que evoca a mitoloxía máis primitiva e as mesmas culturas primixenias como da que podemos indagar tamén as súas pegadas arqueolóxicas na contorna do centro que aproveitamos para visitar e analizar, ben nos petróglifos labirínticos de Mogor, ben no dolmen de Castiñeiras, tamén coñecido como Mámoa do Rei. Este contacto coa arqueoloxía da vida e da morte, permítenos falar de mitos como o da Compaña, saber dos escuros Mouros e das rubias Mouras. Mitos que poñen en relación á Terra e os seus habitantes, coas súas ancestrais crenzas, ligadas curiosamente á pedra ou á terra mesma.


Despedimos o ano 2012: ano de Celso Emilio Ferreiro. O día 12 do 12 deste ano 2012 realizamos unha lembranza na Biblioteca de Secundaria para rematar así o ano de actividades e celebracións ao redor do Centenario de Celso Emilio Ferreiro, o poeta da lingua proletaria, o poeta de Celanova o poeta da Longa noite de pedra, o poeta evocador da liberdade e do amor de Moraima. Poeta satírico, crítico e poeta do amor compartido con Moraima coa mesma forza que denuncia a guerra de Vietnam, un poeta irmau e solidario cos que sofren, que nunca esqueceu a lingua dos avós.

Os rapaces e rapazas que estrean a Secundaria, alumnos/as de 1ºESO B viñeron á biblioteca a recitar o poema "Irmaus" antes de pasar a ver outros vídeos e escoitar outros poemas do autor.


O TEATRO EN NADAL: UNHA REFLEXIÓN COLECTIVA SOBRE A SOLIDARIEDADE. Un grupo nutrido dos alumnos/as de 1º da ESO A e a súa titora, da que partiu a idea, fixéronnos pasar un bo rato para despedir o primeiro trimestre e comezar as vacacións de Nadal cunha pequena e intensa representación na que se representaba un Nacemento moi especial que tiña lugar nos nosos días e nalgunha das nosas cidades. Un texto con intención didáctica e solidaria. Ademais a obra foi representada en galego, polo que fixeron un bo exercicio de expresión oral na nosa lingua e unha moi boa actuación.


AS TRECE LÚAS DE NADAL Se comezabamos o curso preguntándonos se vivíamos como galegos e decidimos tomarnos tempo e, ao longo do curso, día a día, ir sabendo máis e máis de como somos os galegos e que significa ser galego. Coa chegada do Nadal, cando na TV empezan a bombardéanos coa publicidade como todos os anos (este ano a versión do anuncio “vivamos como galegos” tiña como lema central “ sairemos como galegos”) reparamos nas trece noites de festexos tradicionais en Galicia. Cantos de Nadal tradicionais cos que comeza este ciclo: Cara Belén camiña unha Niña ocupada fermosa canda ela San Xosé a acompaña. Chegaron a Belén e pediron pousada, responderon desde dentro con voz alborotada -Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama? -Somos Xosé e María que pedimos pousada - Se traen cartos que entren e se non que se vaian. - Cartos non traerei máis que real de prata -Iso é poucos cartos, pídano noutra parte. San Xosé se apenaba, María o consolaba. Non te apenes Xosé, non te apenes por nada, que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?

Un ciclo, o de Nadal, que remata o 6 de xaneiro coas danzas de Reis. Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa e coas ilustracións de Noemí López, é o título dun libro recomendable para saber máis sobre o Nadal en Galicia dende o 24 de decembro ao 6 de xaneiro, 13 noites coas súas correspondentes lúas que marcan un ciclo festivo con moitas peculiaridades que son as que lle imprimen carácter a nosa Terra.


Xornada Escolar pola Paz Tamén, á volta das vacacións de Nadal, os versos de Celso Emilio Ferreiro foron escollidos para celebrar a Xornada Escolar pola Paz o día 30 de xaneiro. O documental “En son de Paz” do Seminario Galego de Educación pola Paz e unha dramatización sobre un texto de Umberto Eco titulado “A bomba e o xeneral” foron os eixes vertebradores desta xornada que se levou a cabo no Salón de Actos do noso centro. A dinámica organizada conxuntamente polo DACE e o EDLG do noso centro. Rapaces e rapazas de 1º da ESO a Bacharelato puxérolle voz ás montaxes e protagonizaron as dramatizacións que se levaron a cabo.


AS ACTIVIDADES DA BIBLIOTECA Dende a Biblioteca de Secundaria promovemos curso a curso unha serie de iniciativas de animación á lectura que acheguen aos nosos alumos/as a este espazo da lectura concibido coma un pracer. As actividades do Día das Bibliotecas Escolares no que a Biblioteca de Secundaria do Colexio San Narciso neste curso 2012/13 inaugurou a súa primeira campaña-exposición titulada: MITOLOGOVITA foi tan só a primeira das experiencias para vivir a lectura.

MITOLOGOVITA é un micro-obradoiro de animación á lectura que na cabeceira do curso invita a achegarse ao mundo da Mitoloxía. O obxectivo inicial será lograr un pasaporte ao país dos soños ao que o alumno/a ten acceso tras resolver certos ENIGMAS da mitoloxía grecolatina. A partir dun intricado XOGO de 3 mitos, 5 estatuas e 7 poemas que terán que procurar poñer en relación uns cos outros. A dinámica foi colectiva, organizados en grupos de traballo, despois de ir respondendo a unha serie de preguntas cada grupo sobre un guieiro, unha especie de Exposición Plástica e Literaria, unha combinación caprichosa e intencionada de textos e imaxes destinados a SEDUCIR aos alumnos/as que rematan atrapados.



Encontro coa autora: Ledicia Costas O pasado día 7 de febreiro tivemos un Encontro coa autora Ledicia Costas, que é coautora do libro Mortos de Ningures xunto con Pere Torabuela. Soubemos como xurdiu o proxecto e como foron traballando capítulo a capítulo a historia. Contounos como resolveron o misterio do sangue verde e como o país de Ningures ten un simbolismo que pode trasladarse a realidade na que vivimos (un mundo de "Todures". Moitos manifestámoslle que non estaría mal que houbese unha segunda parte na que de novo Nola, esa intrépida muller investigadora e nai de familia, volvese a resolver un caso tan difícil e que de novo puidésemos saber que era de Lolo, a súa peculiar mascota, ao que Ledicia respondeu sorprendéndonos cun segredo como é que xa está a piques de saír a segunda parte desta serie e que se vai desenvolver en Algures. Ledicia tamén nos falou de como chegou a escribir, dos seus gustos literarios e do seu compromiso coa escrita en galego. Aínda que non nos recitou ningún poema, falou da súa poesía e de como compartía a súa faceta de narradora coa de recitadora e poetisa. Finalmente asinou os libros daqueles que lembramos traelo. Podemos ver unha pequena reportaxe gráfica no blog da Biblioteca de Secundaria. Mais Mortos de Ningures é unha novela negra, que claramente procura e provoca contrastes coas clásicas do xénero cargado de tópicos rotos como a do protagonismo feminino fronte ao masculino mñais tradicional ou o do introducir elementos propias da Fábula coa figura de Lolo. O cotiá mesturado coa tensa situación que os personaxes viven na novela e de como se precipitan os feitos deltándose culpable quen non se espera.


Ledicia é ademais poetisa e alterna o seu gusto pola poesía co seu interese pola narrativa. Sacou o ano pasado O corazón de Xúpiter un texto narrativo que xira ao redor da mestura que resulta ás veces explosiva da adolescencia e as novas tecnoloxías, pero se cadra o libro que máis lle gusta dos da súa autoría sexa o libro de poesía Unha estrela no vento. Falounos así mesmo do seu compromiso coa escrita en galego e de como esta escolleita ten un claro fundamento ideolóxico, de como unha persoa castelán falante na infancia e adolescencia, pode e debe comprometerse co idioma da súa Terra.

Agradecemos a editorial Everest que tivo a deferencia á hora de facilitar este Encontro coa autora que como é habitual rematou asinando exemplares do libro entre os lectores/as que trouxeron o seu libro. A cambio da súa sinatura tanto alumnos/as de 1º como de 2º entregaron diversos textos ben coas impresións persoais sobre a lectura de Mortos de Ningures como algunha que outra creación tentando afondar máis na descrición de Ningures e de Todures. Houbo alguén que mesmo se atreveu a imaxinarse Algures.


Unha lingua, cuxo territorio é coma un corpo con cabeza e corazón. Texto e debuxos de Alba Pazos e Úrsula Loira de 2º ESO B, un traballiño arredor de Sarmiento e a lingua galega.

Sarmiento é un dos iconas da lingua galega, viviu rodeado de libros e preocupado por saber. Pasou máis de 60 anos nun convento, na súa cela de letras e ciencias, nela había un telescopio e un microscopio e mais de 7000 libros que foi reunindo ano a ano. Aínda así nunca chegou a esquecer a lingua que mamara, a que escoitara por vez primeira en Vilafranca do Bierzo nada máis nacer no ano 1695, esa que logo aprendera a falar en Pontevedra. Sendo xa un frade bieito sabio, e sobre todo na súa viaxe no 1745 cara Galicia que durou 9 meses no que, coma se fose unha xestación, nacería un interese especial polo galego. Cando volveu a cela comezou un estudo a conciencia sobre a súa orixe, o pasado, o presente e mesmo certas reflexións pensando no futuro da lingua que amaba. Reflexionou sobre a viaxe e lembrou cando entrou en contacto cos galegofalantes no seu Bierzo natal, comprobando como alí se usaba dende os seus comezos, cando se empezou a distanciar do latín, como certificou nos documentos medievais que consultara. Ao viaxar cara Pontevedra, deuse conta axiña de que en toda Galicia, aínda que se fala o mesmo idioma, hai distintas maneiras de falalo. Non é o mesmo o galego da costa que no interior e hai certas diferenzas na zona pegada con Asturias e con Castela e León. Soubo que o noso idioma é coma un ser vivo e un idioma, non é un idioma, sen o seu corazón, é dicir, os seus falantes que hoxe chegan case aos 3000000. Pódese dicir que nós construímos o idioma xa que coas nosas sensacións fomos nomeando ao mundo coa lingua propia ao longo da historia. Algúns dos soños que tiña Sarmiento era poder impartir a lingua galega nas escolas, que non só se escoitase nas casas ou entre veciños, que se escoitase nas universidades, nas igrexas, nos pazos de xustiza, en xeral, que fose unha lingua de uso normal. El escribiu o Coloquio de 1200 coplas, un pequeno libro en galego, que, aínda que nos seus tempos non se chegou a publicar, despois de editado inspiraría a escritores e poetas a escribir en galego como, por exemplo, Rosalía cos seus Cantares … logo, paso a paso, co tempo o galego chegaría a entrar nas escolas.


DO ENTROIDO TRADICIONAL AO MAIO DAS LETRAS Outras vivencias relacionadas co calendario como o Entroido e os Maios son marcas que de vello son aproveitadas para asentar a cohesión das distintas titorías, ao ter nestas celebracións moita importancia o bo funcionamento en grupo. Pero a carón destas dinámicas que chaman á participación e a creatividade, aparecen outras experiencias didácticas que van abrindo o camiño da descuberta do ser galego. De novo a mitoloxía evidencia o seu potencial didáctico. Nesta ocasión a desde a mitoloxía clásica encamiñámonos cara xéneros literarios coma o teatro. As primeiras experiencias parateatrais do Carnaval son así un precedente doutras creacións colectivas que protagonizarán os alumnos/as que pertencen a Aula de Teatro do San Narciso. Precisamente este ano a celebración do Día das Letras homenaxean a un dos máis grandes dramaturgos da Literatura Galega contemporánea. Se reparamos no fenómeno do Entroido tradicional galego, considerado un dos dez máis orixinais do mundo, é ademais o punto de partida da traxectoria intelectual e artística de Vidal Bolaño. Veremos que estas manifestacións populares foron e son o preámbulo dun dos xéneros da Literatura. As Letras e a Literatura son tamén unha sólida ferramenta de traballo á hora de sabermos quen somos, de que cada comunidade-cultura sexa quen de recoñecerse e recrearse a si mesma para ademais de reafirmar a súa orixinalidade, facerse universais.


Concurso: Galicia Letra a Letra O ano pasado cumpríronse 50 anos da celebración do Día das Letras por parte da Real Academia Galega. Por ese motivo realizamos no mes de maio unha campaña relacionada con esta data e a literatura en galego. Esta é unha actividade concurso que vai contribuír a coñecer mellor aos autores e autoras aos que se lles homenaxeou en anos pasados con motivo da celebración do Día das Letras galegas. O Departamento de Galego, o de Normalización Lingüística e os encargados da Biblioteca de Secundaria organizan este concurso diario. Todos os días lectivos de aquí ao 30 de maio colgáronse unha serie de preguntas a resolver en 24 horas. As respostas eran entegadas na Biblioteca do centro no prazo indicado cada xornada escolar. Ao resolvelas os participantes optaban a un premio, agasallo que se entregou na última semana de curso na mesma biblioteca.


Unha de Cine: PRADOLONGO A película escollida para esta sección que nos permite visualizar (nunca mellor dito) o vigor do Cinema en galego, é un filme de Ignacio Villar, Pradolongo, do ano 2008 da que realizamos finalmente un comentario (especie de cine-club) despois do seu pase. A idea é analizar a comprensión do visionado e o espírito crítico que como espectadores poden desenvolver pois a película trata varios problemas de actualidade e de interese, dende a relación cotiá dos adolescentes, ás diferenzas sociais entre as familias que se retratan no filme, os contrastes da Galicia Interior e a súa problemática, os problemas da minería a ceo aberto,... tamén a experiencia de establecer un contacto coa variante lingüística do galego oriental viva. O cinema galego está a pasar unha etapa de asentamento, esta creación cinematográfica propia evidencia, por unha banda, o bo facer dos nosos actores e actrices, dos homes e mulleres que se dedican profesionalmente a realizar películas, e, pola outra, os esforzos que neste terreo se están facendo para que a industria do cine na nosa lingua sexa unha realidade. Esta pode ser unha de tantas maneiras de observar e analizar como viven os galegos de hoxe, cos seus problemas, coas súas diferenzas, cos seus conflitos, pero tamén con amor, con soños e coa ilusión duns amigos nun futuro mellor polo que loitar. Unha lección de vida válida como lección maxistral para un final de curso.


Os 150 anos dos Cantares de Rosalía: Comezaron no centro unha serie de actividades nas aulas sobre Rosalía ao celebrarse o aniversario do seu nacemento o día 24 de febreiro. Actividades que se estenderon ata o final do curso no ano que se cumpren os 150 anos dos seus Cantares, editados como é sabido un 17 de maio de 1863. Para os primeiros cursos da ESO foi o comezo do noso traballo co xénero lírico. Para os dos cursos superiores a ocasión de achegarse á vida a á obra de Rosalía de Castro, autora imprescindible do curriculum de materias de Litearatura Galega ( tamén da Castelá). AS TEMÁTICAS DOS CANTARES DE ROSALÍA Cal é o tema que dá cohesión ao libro? A dignificación de Galicia, das súas xentes e da súa lingua. Por iso o canto á paisaxe galega é constante que se converte en algo máis que un simple espazo referencial que un telón de fondo. Pero se o fío condutor do libro é esa autoestima pola Terra, podemos aínda así, vela plasmada de xeito diferente en tres temáticas: - A dos amores. - A dos costumes e tradicións. - A da denuncia dos problemas dos galegos/as. Inspirada nas coplas de tradición oral, Rosalía cédelle a voz a pobo galego, en cada poema canta un home ou unha muller, mesmo dialogan distintas persoas, galegos ou galegas de condición humilde, porque ao seu carón se sitúa Rosalía, nun pequeno grupo de poemas nos que podeýaimos dicir que quen canta é Rosalía.

Imos ver como se concreta estas temáticas con diversos poemas: O máis coñecido, Adiós ríos, adiós fontes... ou Campanas de Bastabales onde podemos descubrir un eu lírico que anuncia xa Rosalía de Follas Novas, o segundo libro que escribiu en galego. E logo outros moitos Un repoludo gaiteiro, Airiños, airiños aires, Castellanos de Castilla... VÍDEO recitado 1º esoB


Rosalía é mundial. Unha experiencia de tradución. Recollendo a invitación que a Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha de traducir versos de Cantares a diversos idiomas do mundo, o EDLG do San Narciso quixo colaborar humildemente coa iniciativa e contando coa axuda entusiasta da nosa alumna de 3º da ESO, Thomlynn Paulse, que naceu en Namibia e que accedeu a gravar un pequeno vídeo no que recita en idioma afrikaans, os primeiros versos do poema Adiós ríos, adiós fontes...


ACHEGÁNDONOS AO TEATRO DA MAN DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Pequenos audiovisuais sobre Vidal Bolaño dos nosos alumnos/as de Bacharelato Esta ano con motivo das Letras Galegas homenaxeando nesta ocasión a Roberto Vidal Bolaño, un autor que se pode considerar como o máis importante dramaturgo da Literatura Galega. Os alumnos/as de Bacharelato montaron pequenos audiovisuais destinados a facilitar o achegamento ao autor dos primeiros cursos da ESO.


O noso Agasallo de Sombras Quixemos render homenaxe a Rosalía, unha autora que estudamos este ano, pero á vez quixémolo facer procurando unha visión nova da autora dos Cantares, esa obra épica, un canto á dignidade de Galicia, das súas xentes e do seu idioma ao se cumpriren 150 anos da súa publicación. A oportunidade de facer posible esa visión nova de Rosalía deúnola precisamente Roberto Vidal Bolaño, que é o dramaturgo a quen se lle dedicaron este ano o Día das Letras. Roberto Vidal Bolaño foi quen nos fixo achegarnos ao teatro e dispoñermos a representar unhas escenas dunha das súas obras máis polémicas. Porque el era un autor controvertido e porque o teatro de por si é un xénero que, ademais de contarnos cousas, sobre todo ten a intención de crear un conflito ao espectador, como xa teorizaron os antigos gregos que foron os seus inventores. En palabras do propio Vidal Bolaño esta obra é unha “celebración libre e non moi respectuosa arredor do tempo, a vida e a obra da poeta Dna. María Rita Rosalía Castro de Murguía, tamén coñecida como “Santiña”, inspirada nunha idea roubada do Teatro de Máscaras de D. Ramón Otero Pedrayo e adobiada con ringorrangos doutras dúas catedrais do teatro imposible, o Fausto de Ghoete e “As tentacións de San Antonio” de Gustave Flaubert, así como con parte da correspondencia persoal da poeta e de moito do que sobre ela levan dito algúns dos que a coñeceron e estudaron”. Roberto Vidal Bolaño con esta obra que estreou o Centro Dramático Galego en 1984 persegue realmente unha visión actual do mito de Rosalía, do que sabemos e do que quixeramos saber sobre ela, superando e transgredindo a visión restrinxida, limitada e interesada que imperaba sobre a poeta ao longo do Franquismo. Tratábase de repensar a visión da figura de Rosalía, un verdadeiro mito para Galicia e a súa literatura. Representamos, pois, unha parte da obra titulada Agasallo de sombras, de Vidal Bolaño, unhas escenas que perseguen reconsiderar a nosa forma de ver a Rosalía. Eis o conflito do que falábamos, por iso todos os personaxes, que son sombras, levan as máscaras de Rosalía: Rosalía non é unha, son moitas. Veremos desfilar por este escenario a DONA TAREIXA, fidalga e


nai de solteira de Rosalía (que din que tivo dunha relación cun seminarista que ía para cura). Logo, aquela ROSA que sendo unha moza fora actriz en Compostela no “Liceo de la Juventud”, e moi amiga de AURELIO AGUIRRE un poeta romántico, comprometido liberal exaltado que foi morrer afogado con 25 anos, no ano 1858, cando xa Rosalía marchara a Madrid (hai quen di que se suicidara). Se cadra a sombra de Aguirre vén rescatar para nós á Rosa que puido ser ... e que, tras chegar a Madrid, casara con MANUEL MURGUíA, un home que procurou animar e apoiar á poeta na súa carreira literaria animándoa a escribir en galego. E finalmente aparece tamén a ROSALÍA que morrera en 1885 cun ramo de pensamentos na man e unha morea de sombras que a perseguen. Utilizamos ademais unha versión musicada moi coñecida do poema "Negra Sombra", a modo de banda sonora no remate da nosa adaptación, que remata na escena XII da obra orixinal. VÍDEO adaptación de 1º Bacharelato Agasallo de sombras de R. Vidal Bolaño


A nosa versión de: A ópera de a patacón, de Vidal Bolaño. Os alumnos/as de 4º da ESO B preparamos unha versión especial do texto do dramaturgo galego homenaxeado este a ano con motivo do Día das Letras, un traballo de adaptación de "A ópera de a patacón" no que o propio Roberto Vidal Bolaño traballaou sobre unha vella peza inglesa rescatada polo gran mestre do teatro europeo Beltolt Brecht. Está sendo unha forma distinta de coñecer a Vidal Bolaño, de saber o que é o teatro, do traballo que está detrás dunha obra dramática, das dificultades do proceso de representación dunha obra. Levamos meses traballando e para moitos de nós é a primeira representación deste estilo que realizamos. Todo un reto que, tras dos ensaios, estreamos o 3 de xuño diante dos nosos compañeiros/as de Secundaria.

VÍDEO versión da Aula de teatro San Narciso: A ópera de a patacón de Vidal Bolaño


Contraportada Eu falo galego porque... Trátase dunha campaña dos Equipos de Normalización dos Centros Educativos de Marín e na que participamos dun xeito coherente co lema do noso curso e co traballo que vimos realizando dende hai anos no noso colexio. Consistía en elaborar un pequeno vídeo que logo tras agrupar todos os audiovisuais nun só colectivo para todo Marín, se colgaría na rede. Para remate do mesmo escolleuse o edificio do Concello onde, coa súa alcaldesa ao fronte, unha representación de alumnos/as de todos os centros participantes da experiencia, declaran: Fala galego porque es de Marín!!


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.