23 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2014

Page 17

No marco desta exposición, o 23 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2014 permite xerar un debate ao redor das liñas de investigación que se derivan dos procesos gráficos, certificando a apertura de posibilidades plásticas ás que asiste a técnica na actualidade. Esta selección confirma o crecente perfil de profesionais que se apoian na gráfica desde unha óptica renovada, coa fin de estimular o seu valor estético e sensible. Desde a comunicación dos procesos máis tradicionais como a serigrafía, a xilografía, a punta seca ou a litografía con outras dinámicas artísticas nadas na era dixital, os autores cuestionan as propiedades da estampación para reflexionar sobre as posibilidades semánticas da imaxe. * Seguindo as características que ao longo do tempo definiron a creación gráfica, a obra premiada Capas aleatorias de memoria, do artista Ángel Masip (Alacant, 1977), constata a conciliación entre os métodos de gravado tradicionais e as posibilidades de evolución e experimentación plástica que ofrece o panorama contemporáneo. Unha actitude renovadora que advirte a condición plural deste tipo de técnicas sen ignorar a súa orixe histórica. Capas aleatorias de memoria xorde do desenvolvemento dunha investigación iniciada polo autor durante a súa estancia no Franz Masereel Centrum de Bélxica. Co obxectivo de evidenciar o contraste entre o artificial e o orgánico, o proxecto xéstase a partir da experiencia directa co medio natural, que actúa como axente activo á hora de ampliar o sentido da peza. O artista intervén a modo de cartógrafo, recolle retrincos de espazo e memoria, imaxes que ofrecen información directa do referente e vinculan o paso do tempo á propia construción do discurso. Propón afastarse do uso da gráfica como medio de reprodución industrial, sortear a narratividade para aludir á intuición como recurso. Fuxindo do soporte habitual, a imaxe reprodúcese en serigrafía sobre material plástico conformando diferentes

láminas superpostas apiladas sobre tubos de aluminio. Como en suspensión, as capas fráxiles, pregadas, engurradas sobre o soporte ríxido, ofrecen un contraste chocante, que sitúa ao espectador nunha situación difícil de asumir. Que debuxa un espazo de tránsito. Como un refrán que impón e multiplica a súa presenza, a idea de repetición segue impulsándose como un dos recursos básicos da gráfica. Esta insistencia no constante determina un impulso por explorar as posibilidades da imaxe, introducindo novos desvíos que implican a descontextualización ou reforzo do representado, a quebra do ritmo ou a súa oscilación prolongada, a incorporación de mínimas alteracións que manteñen un estado de alerta no observador. Ás veces o artista vese seducido polas formulacións clásicas, ideando a peza a partir da copia e reprodución continua dun mesmo motivo. En ocasións, o concepto de repetición expande o seu significado para introducirse na era tecnolóxica dos ritmos veloces e a renovación continua. En ambas as direccións operan as catro mencións de honra outorgadas polo xurado: Destaca no traballo de Mauro Trastoy (Vilalba, Lugo, 1971), unha potente aposta polo feito a man, pola asimilación da pegada como elemento intrínseco ao proceso creativo e a repetición de xestos continuados, deteriorando o seu significado inicial para revelar a súa validez como conxunto. Nesta ocasión, presenta unha saba de algodón estampada cun selo cortado e manipulado con serra. Inevitablemente o pensamento sitúase no íntimo, na carga poética e sensual que engade o material, intervido e alterado pola forma e o espazo. Hai algo de violencia nesta saba marcada en vermello, unha tensión que se vai debilitando ao ritmo que a tinta perde forza e a trama consúmese. Falamos dun pulso inestable, unha deriva cara ao manual que se vincula cos principios básicos da estampa tradicional onde o selo actúa como matriz e a tea como soporte. 17


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.