PAUTAS DE AFRONTAMENTO PARA REDUCIR O IMPACTO PSICOLÓXICO DO CONFINAMENTO POR CORONAVIRUS Este documento, elaborado coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ten que como obxectivo proporcionar a poboación ferramentas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento por Coronavirus. Reducir e impacto son palabras escollidas deliberadamente. Esta situación ten impacto porque supón un cambio drástico de rutinas, unha incerteza e unha modificación substancial das pautas relacionais que tiñamos ata hai algúns días. O propósito deste documento non é encontrar a felicidade nin o benestar neste momento, senón pasalo menos mal. Segundo pasen os días o confinamento será máis duro e a enerxía da novidade diminuirá. Deberemos entón lembrar que do que se trata é de minimizar os danos e que manternos así é o que nos vai devolver a “normalidade” o máis pronto posible. RECOMENDACIÓNS XERAIS 1. O PROPÓSITO Temos que ter claro o motivo de confinamento. O motivo inmediato é impedir a expansión do virus. Pero necesitamos ir máis alá disto. Estamos coidando de nós mesmos, da nosa familia, da nosa veciñanza e da nosa comunidade. Quedarnos na casa e parar a evolución do virus é, probablemente, o maior reto colectivo da nosa vida. Debemos estar á altura e asumir a nosa responsabilidade individual. 2. A INCERTEZA Sabemos que debemos estar na casa pero non sabemos canto tempo nin o que pasará despois. Temos incerteza. É o normal. Tamén sabemos que a incerteza pode provocar certa angustia, agobio ou medo de máis ou menos intensidade segundo a persoa. Estás sentindo o mesmo que sentimos todos e todas, o mesmo que senten os teus veciños e veciñas, o mesmo que sinte a túa familia. Son os sentimentos esperables nesta situación.