Gustav henningsen en ordes

Page 1

Exposición non Museo do Pobo Galego

"Galicia Máxica: Reportaxe dun mundo desaparecido (1965-68)" Gustav Henningsen chegou en outubro de 1965 a Galicia. O folclorista danés viña cun obxectivo moi claro: estudar as crenzas sobre bruxaría. «Orixinalmente pensaba ir ao País Vasco, pero Caro Baroja aconselloume vir a aquí, porque estaban moito mellor conservadas as tradicións», conta. As súas investigacións comezaran antes, en Dinamarca, nunha illa de mariñeiros onde mantiñan vivo o acervo popular. A diferenza é que «alí se podía falar abertamente de quen eran as bruxas, formaban unha especie de dinastía familiar dende o século XVIII, pero aquí foi moi difícil identificalas, porque ninguén quería dicilo», explica.


Henningsen atopou aquí unha bruxa, que aparece entre as máis de cen fotografías da exposición do Museo do Pobo Galego que repasa o traballo de campo que realizou na bisbarra de Ordes, revela cun amplo sorriso e sen dar máis pistas. O danés chegou a vivir na vila case un ano, ao longo do cal se foi gañando con paciencia infinita a confianza dos veciños das aldeas máis remotas, moi reticentes hai 50 anos a abrir as portas das súas casas a un descoñecido -ademais, estranxeiro- que facía moitas preguntas, ao que acabaron alcumando "O home que vive dos contos".


Recorda que, para conquistar a súa amizade, sacaba primeiro fotos á familia e volvía uns días despois a ensinárllelas. Entón aproveitaba para preguntarlles «como facían cando os nenos se enfermaban ou cando ao muxir ás vacas saía sangue». Así, puido coñecer e retratar para a posteridade algúns dos ritos máis arraigados e curiosos que se practicaban no mundo rural de portas para dentro.

Curanderismo e folclore Como as curandeiras (e curandeiros, os menos) sandaban a ictericia, a hidropisía ou como quitaban a sombra, para o que empregaban un cesto baixo o que metían ao afectado mentres lle pasaban por enriba ovellas e un año ou outras cerimonias cheas de parafernalia (un banco de madeira, nove bocadiños de queixo e outros tantos de pan, un par de feitizos, cinza, unha criba...). Na exposición "Galicia Máxica, reportaxe dun mundo desaparecido (1965-1968)", móstranse imaxes destes rituais que mesturaban elementos relixiosos e pagáns, practicados ata non fai tanto en lugares como Armenteira, e que Henningsen relata paso a paso, meigallos incluídos.


O folclorista e antropólogo histórico, investigador do "Danich Folklore Arquives", aproveitou tamén a súa estanza na bisbarra para fotografar dende os camiños enlamados que atravesaban bois e persoas de Buscás e os seus palleiros ou hórreos enramados, ata a fabricación do pan nos muíños de auga, a matanza, os traballos do campo ou os xogos e bailes populares de hai medio século en Mesón do Vento. «Aquilo era como un museo ao aire libre: cos seus carros, aparellos de labranza... Ao tempo que investigaba a bruxaría, pensaba que era unha pena non facer unha reportaxe sobre todo iso, porque seguramente nuns anos desaparecería,», di. Esa idea é a que fixo posible que agora se poida ver no museo santiagués aquel Ordes xa desaparecido. O danés embarcaríase tras este traballo noutro sobre a Santa Inquisición en España de sete anos. Henningsen manexa unhas 4.000 causas, entre elas, as do tribunal de Santiago. «Non se chegou a queimar unha soa bruxa en Galicia porque, contra o que se pensa, os inquisidores non crían en supersticións», sinala. Tras anos seguindo a súa pista, asegura que «a bruxaría non existe, é unha crenza imaxinaria».

NOVEMBRO 2015


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.