O Camiño Inglés pola comarca de Ordes

Page 1

Ola rapaces. Que tal estades?... Espero que ben.

De acordo. Non sei se sabedes que eu nacín en Cabeza de Lobo ao pé do Camiño Inglés, así que se alguén sabe moito sobre el, ese son eu.

Por iso os profes pedíronme "por favor" -teñen boa educación- que se podía contarvos esa información. E que contestei eu?...

Auuuu! porrrr suposto! Sempre á vosa disposición.

Así que... Are you ready? Empezamos!!!

Antes de falar do Camiño, teño que presentarvos a un personaxe. Coñecedelo?... Claro que si!

É o Apóstolo Santiago, un dos 12 compañeiros de Xesucristo. Pois resulta que está soterrado en Santiago e o seu sepulcro (que hoxe está dentro da catedral) foi descuberto no século IX, hai máis ou menos mil douscentos anos.

Moitos cristiáns devotos de toda Europa decidiron visitar a súa tumba e deste xeito comezaron as peregrinacións.

Os peregrinos pronto adoptaron como símbolo a cuncha de vieira. Como a maioría viaxaban a pé, levaban caxatos (grandes bastóns) para axudarse a andar, apartar as plantas ou defenderse dos animais. Como non había botellas de plástico tiñan cabazas e por suposto usaban sombreiro e unha grosa capa para protexerse do sol, da choiva e do frío e para taparse polas noites. Máis ou menos coma eu aquí...

O caso é que a maioría dos peregrinos viña de Europa atravesando FRANCIA polo que ese camiño que eles utilizaban chamouse CAMIÑO FRANCÉS.

Eran miles de quilómetros cheos de perigos. Moitos enfermaban, tiñan accidentes, eran atacados por ladróns...

Pero outros, máis prudentes, viñan polo mar moi tranquiliños.

Logo desembarcaban no Ferrol e só tiñan que andar a pé 110 km ou aínda menos (80) se desembarcaban na Coruña. Listos, eh?

Por suposto que o vello camiño que percorrían xa existía desde a antigüidade, polo menos desde os tempos dos romanos. Era o Camiño Real, pero como moitos dos peregrinos que andaban por el procedían de Inglaterra, hoxe coñecémolo como...

CAMIÑO INGLÉS.

Como podedes ver parte del, (uns 24 Km) pasa pola comarca de Ordes e é deste tramo do que vos vou falar, pois os outros non os coñezo tanto.

Bruma é unha parroquia moi, moi pequena. Se andas 5 minutos xa saes dela. Ten unha soa aldea: O Hospital de Bruma.

Sabes por que lle chaman así?... Exacto. Porque antigamente houbo un hospital para atender aos peregrinos que chegaban enfermos. Hoxe hai un albergue público e outro privado. Este que vedes é o albergue público que hai desde 1999. Pero non imos parar nel.

BRUMA

Antes de saír de Bruma, podemos ver a igrexa de San Lourenzo. Está feita de pedras da zona, chamadas xisto, con bloques de granito (que había que traer de lonxe) só nas portas e fiestras. Se vos parece que é a igrexa máis escura que vistes, é porque normalmente se revocaban e se pintaban con cal branca. Aquí non o fixeron. Ao ser tan pequena, a espadana só ten unha campá.

ARDEMIL

Beeeen! Entramos na parroquia máis grande de Ordes, onde está o cole do Mesón do Vento e onde nacín eu.

O Camiño Inglés atravesa a parroquia de norte a sur ao longo duns 5 quilómetros. Ao principio todo son árbores e unha canteira moi grande pero logo chegamos ao meu fogar:

CABEZA DE LOBO.

O primeiro que vemos é unha cruz na que normalmente hai un Cristo e unha Virxe por detrás, enriba dun poste chamado varal ou fuste. Este monumento é un...

CRUCEIRO.

Os cruceiros están feitos de pedra de boa calidade (granito) e son bastante antigos. Algúns que hai na comarca son do século XVII. Adoitan estar preto das igrexas e cando se fan procesións vaise ata el e dase a volta. Algúns deixan candeas e outras ofrendas nas gradas.

Continuamos o noso camiño e a pouca distancia podemos ver a igrexa de San Pedro de Ardemil.

Vedes o que vos decía antes? O xisto (a pedra pequena) está tapado e pintado de cor branca. A espadana ten dúas campás e hai unha pía de bautizar fóra do edificio. Como é habitual en Galicia o cemiterio está arredor da igrexa.

Outro lugar interesante é a CRUZ. Aquí un señor chamado Orencio Uzal ten unha colección de esculturas e maquinaria. Ata hai un dinosauro xigante!!! Ademais no verán fan aquí unha celebración moi divertida que se chama FESTA da MALLA de ARDEMIL.

Preto hai un castro, o CASTRO da CROA, lugar onde vivían os primitivos habitantes de Ardemil. E máis adiante hai un lugar chamado MÁMOAS. As mámoas eran os seus monumentos funerarios, é dicir, as súas tumbas. Seino porque estudei moito.

BUSCÁS

Deixamos Ardemil e entramos en Buscás por corredoiras. Logo andamos pola estrada e chegamos á RÚA.

Aquí podemos ver unha casa rural moi chula que se chama "Dona María" e ao seu lado o cruceiro de Buscás. Aínda hai outra casa bonita que foi a antiga escola da parroquia.

Pero o mellor está a poucos metros: a IGREXA de SAN PAIO de BUSCÁS. O primeiro que nos chama a atención é a imaxe que hai na parte de atrás e que representa a San Paio sendo degolado. Pero non debemos pasar sen máis. Hai que ir a mirar a igrexa desde diante e teremos un precioso espectáculo que merece moito a pena.

Como podedes ver é totalmente de granito, cousa moi rara na nosa comarca. Ten uns 800 anos de antigüidade e foi feita nun estilo que se chama ROMÁNICO. O arco e as columnas arredor da porta son dese estilo, pero a espadana é moito máis nova, do século XVIII. Podedes ver a diferencia que hai na cor das pedras.

Saímos da Rúa, pasamos polo lugar de Vilariño e deixamos a estrada. Que ben! Nalgúns tramos moi pequenos podemos ver as lastras do antigo camiño.

Ei! Quen é esa rapaza que me adiantou? Vou ter que falar menos e andar un pouco máis.

Ah, non. Esquecíame que por aquí ao lado hai un par de muíños de auga e gustaríame explicarvos algunha cousiña sobre eles.

Este é o muíño de Trabes. Os muíños usaban a forza da auga para moer fariña e eran por tanto moi importantes. Tamén se usaban para reunirse mozos e mozas, para bailar... ata o baile máis famoso do folclore galego é "a Muiñeira". Por certo que aquí ao lado naceu un dos gaiteiros máis famosos de Galicia, chamado Flor da Maquía... e tamén era canteiro! así que a súa familia fixo algún destes muíños.

POULO

Chegamos á parroquia de Poulo e subimos ata o Outeiro, que como o seu nome indica está bastante alto. Aquí hai unha famosa casa rural chamada "Antón Veiras" e hai outro albergue público (inaugurado por Feijoo cando era presidente).

tamén a igrexa de San Xian.

E

O albergue foi antes casa reitoral (onde vivía o cura da parroquia) pero estaba abandonada. Na igrexa destaca a súa cruz cumial, a que ten na parte de atrás, que é moi antiga.

Marchamos do Outeiro e chegamos á CALLE.

Aquí atopamos unha casa moi vella e está bastante estragada. Foi moi importante porque nela parou unha noite un poderoso rei español: Felipe II.

O escudo que ten esta casa e que apenas se pode ver xa, foi durante moitos anos o que usou o concello de Ordes. O brazo coas "ordes" inventouse porque iso si que non o tiña o desta casa.

Tamén hai un cruceiro bastante bonito ao lado e un pouco máis lonxe a CAPELA da MERCÉ. Esta capela tamén é bastante antiga e ten orixes románicas, pero quizais máis importante e que garda unha imaxe da Virxe da Mercé.

A Virxe da Mercé é moi querida na comarca e a festa de setembro sempre está moi concorrida. Moitas familias ou grupos de amigos veñen ese día a comer de campo. Moita xente asiste ás misas e ás procesións. Tedes que ir algún día. Seguro que o pasades ben!!!

PEREIRA

En Pereira deixamos a estrada e imos por corredoiras. Algo máis lonxe queda a igrexa de Santa Aia e o cruceiro. Tamén a casa da familia Bello e o seu enorme hórreo. E chegamos á PONTE PEREIRA. É de orixe medieval (e pode que romana). Por ela pasaron miles e miles de peregrinos.

Pero eu, como vedes, preferín mollar os pés no río, que xa os levo ardendo de tanto camiñar.

MONTAOS

Entramos agora na parroquia de Montaos sempre polo medio do monte. Hai leiras, prados e algunha casa pero nada moi interesante ata chegar ao lugar de CARRÁS. Alí volveremos a atopar lastras do camiño antigo. Pouco despois un castro cunha corredoira preciosa ao lado.

Aquí pódense lograr algunhas das mellores fotografías de todo o roteiro. Non deixedes pasar a ocasión de visitar este lugar.

Case sen decatarnos, deixamos Montaos e tamén o concello de ORDES. Agora entramos xa en terras de OROSO.

En Deixebre o lugar máis interesante é a FONTE da SANTIÑA á que ían os campesiños dos arredores porque crían que era moi milagreira e sandaba algunhas enfermidades. Está restaurada desde o ano 1997.

Non moi lonxe está a vella reitoral que conserva nunha das súas esquinas un antigo reloxo de sol.

OROSO

E chegamos a Oroso, a última das parroquias da comarca polas que cruza o Camiño Inglés. Andamos moito a carón da autoestrada vendo como circulan os coches. Despois de pasar Oroso Pequeno chegamos ao polígono industrial. Seguimos e xa estamos ao lado de Sigüeiro. Ao lonxe vemos rapaces!!! Estamos preto do CEIP Camiño Inglés.

DEIXEBRE

Pero hoxe non imos visitalos. Continuamos polo parque que hai á esquerda e atravesamos a ponte Ulloa.

Logo atravesamos polo medio de Sigüeiro ata chegar a vella ponte medieval que da nome á vila, a PONTE de SIGÜEIRO.

Agora xa deixamos atrás a comarca e imos polo concello de Santiago. Só faltan uns 12 quilómetros para chegar á nosa meta. Espérovos na seguinte páxina!!!

Si, amigos. Chegamos á nosa meta. E agora déixovos, que vou visitar a tumba do Apóstolo e ver o botafumeiro. Aquí vos quedan algunhas actividades para ver o que aprendestes do Camiño e de paso divertirvos un pouco.

Responde a estas fáciles preguntas.

1) As peregrinacións naceron porque a xente quería visitar a tumba do .................................................................................................................

2) Por que ao Camiño desde Ferrol ou Coruña lle chamamos Camiño Inglés? ....................................................................................................................

3) Cal é o símbolo dos peregrinos a Santiago? ...................................................................................................................

4) Para que lles servía o bastón aos peregrinos?

5) Cal é a parroquia onde empeza o Camiño Inglés na nosa comarca? ....................................................................................................................

6) Que ten de particular esa parroquia?

7) Como se chaman os monumentos que constan dunha columna de pedra e unha cruz enriba dela? .....................................................................................................................

8) A que santo está dedicada a igrexa de Cabeza de Lobo? .....................................................................................................................

9) A quen se lle dedica unha famosa romaría en Poulo?

10) Que hai de interesante na parroquia de Deixebre? ..................................................................................................................

Coa axuda do teu mestre ou mestra escribe todas as partes do cruceiro na súa etiqueta axeitada. Por orde alfabética son: base, capitel, cruz, gradas e varal. Logo colorea este cruceiro da cor da pedra (gris ou crema), o ceo de cor azul e o chan de cor verde.

ADIVIÑA

O rapaz veme e xoga comigo, monta e di que son un cabaliño. O mozo nunca é o meu amigo, apártame e déixame soíño. Pero o vello tenme consigo, cólleme e anda moi amodiño.

Quen son?

AS 8 DIFERENCIAS

Atopa 8 diferencias entre estas dúas igrexas do Camiño Inglés e logo dalles cor da forma que máis che guste.

Para rematar estas actividades pon os nomes destes elementos destacados monumentos do CAMIÑO INGLÉS na comarca de Ordes.

Articles inside

Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.