Fontiña 12 - 13

Page 1

ANO ESCOLAR 2012 – 2013 LETRAS GALEGAS: Roberto Vidal Bolaño Temos: - NOVAS - CREACIÓN - CULTURA - HUMOR - e moito máis ...



EDITORIAL Antes que nada os que fan “A Fontiña” e eu, Ardemiro, quero agradecervos a vosa participación e entusiasmo. Volvemos despois dun ano de ausencia. Por mor dos recortes nos nosos orzamentos este curso non fixen ningunha viaxe. Isto tampouco foi malo, pois así estiven sempre a man supervisando o funcionamento da biblioteca. Neste curso seguimos sen ter saídas, pero intentamos potenciar e dar un pequeno xiro creativo ás celebracións dentro do colexio, ademais de seguir realizando contacontos nos que participaron moitos dos rapaces. Tamén, dentro das nosas limitacións, intentamos mellorar e renovar o material do colexio, así mercamos dúas novas pizarras dixitais e varios ordenadores. Recordarvos que case todo o que facemos no cole podédelo ver na nosa páxina web www.edu.xunta.es/centros/ceipmesonvento/ Para rematar quero despedirme dos alumnos e profesores que non estarán con nós o ano próximo. Botarémolos de menos. Ah! Esquecíame que este curso tivemos un aniversario moi especial que seguro vos pasaría desapercibido pero se mirades na contraportada saberedes que hai unha persoa moi especial que leva moooooooooooito tempo connosco e merece un gran recoñecemento polo moito que nos axuda a todos. Sen máis, espero que pasedes un momento entretido co noso xornal.

ONDE ESTÁ CADA COUSA EDITORIAL: 3 INFANTIL: de 4 a 11 VIDAL BOLAÑO: 6 ENTROIDO: 12 e 13 1º: 14 e 15 INGLÉS: 16 MAGOSTO: 17 NADAL: 18 BIBLIOTECA: 19

CONTACONTOS: 20 BOAS CAUSAS: 21 2º CURSO: 22 e 23 3º e 4º: de 24 a 26 5º e 6º: de 28 a 31 VIMOS A …: 32 PASATEMPOS: 33 DESPEDIDA: 34


Os nenos e nenas da clase de 3 anos están moi contentos porque xa se achegan as vacacións de verán, por iso nos amosan un gran sorriso recitando o seguinte poema:

NO VERÁN BRILLAN AS FLORES NO VERÁN FAI CALOR NO VERÁN ESTÁ AZUL O CEO E O COLEXIO XA REMATOU.



Roberto Ignacio Vidal Bolaño naceu o 31 de xullo de 1950, en Santiago de Compostela. Os seus pais, Roberto e Carmen, aínda tiveron outra filla oito anos despois, Mª Carmen. Os seus primeiros anos de vida pasan no barrio de Vista Alegre, nas aforas de Santiago, facendo os estudos de primaria e bacharelato en varios colexios desta cidade. Púxose a traballar dende moi novo. Con doce anos estaba a repartir, indo en bicicleta, recambios de coche e máis adiante empregouse nunha axencia de viaxes, nun almacén de «coloniais» e nunha entidade bancaria. Con vinte e sete anos decide adicarse ao teatro profesional, creando a súa propia compañía, Antroido, e escribindo e dirixindo as súas propias obras. Gañou numerosos premios teatrais: o Abrente, o Premio Cunqueiro, o Rafael Dieste, o do Eixo Atlántico... sempre con obras escritas en idioma galego. Tamén traballou Roberto no cine e na TV, como actor, director, xefe de producción... e actor de dobraxe en máis de cincuenta películas. A súa 1ª obra de teatro «O xogadeiro», escrita con só quince anos, duraba só dous minutos, só foi representada unha vez e rematou co afundimento do escenario. A esta seguíronlle máis de trinta obras, algunhas dirixidas ao público infantil. Roberto foi o creador do teatro profesional galego, con el defendeu o noso idioma e a nosa cultura; por iso a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas 2013.

Roberto Vidal Bolaño





Os rapaces de infantil de 5 anos Ă­mosvos contar como se fai MOUSSE DE FRESA. Primeiro vemos que ingredientes leva e logo ...



O entroido é unha das nosas festas preferidas. Non importa que faga mal tempo ou bo, non importa que faga frío ou calor, non importa que un se disfrace e outro non, sempre, sempre o pasamos ben. Esa semana todos estamos atentos ás consignas do Meco. O venres 8 de Febreiro foi o día grande. Este ano non saímos polo pobo nin preparamos disfraces pero fixemos unha gran xuntanza de todo o cole na biblioteca. Alí os rapaces de infantil foron os que tomaron a iniciativa e vimos o grandes artistas que son, tanto na música como na actuación. Posteriormente os rapaces de primaria ensinaron todo o que estiveran investigando acerca das celebración de Entroido en diversos lugares do mundo. Os rapaces de primeiro ciclo falaron de 2 famosos Carnavales españois: o Carnaval de Cádiz e o de Tenerife. Os rapaces de ciclo medio déronnos unha información exhaustiva sobre o Entroido en Galicia, con todo tipo de datos sobre personaxes, tradicións, comidas, etc. Finalmente os rapaces do 3º ciclo faláronnos de Venecia e Brasil, dous lugares que merecen ser visitados.


O grupo de rapaces de 2º ciclo explicaron, en liñas xerais, o Entroido galego. O venres, 8 de febreiro, os alumnos de 3º e 4º curso do CEIP Mesón do Vento presentaron o Entroido en Galicia. Nun primeiro momento, expuxeron as datas máis sinaladas desta festividade: domingo fareleiro, xoves de compadres, domingo corredoiro, xoves de comadres, festas grandes, mércores de cinza ou enterro da sardiña, e remataron co domingo de piñata.

De seguido falaron dos nosos entroidos máis tradicionais, e de cada un deles os actos representativos, que marcan as diferenzas duns cos outros: Pantallas de Xinzo, Cigarróns de Verín, Peliqueiros de Laza, Boteiros de Viana do Bolo, Xenerais do Ulla, Madamitos de Cerqueda, Cotobade e Entrimo Os nenos acabaron despedindo o Entroido e preparando o do ano que ven.

Como en toda boa festa non debe faltar falar do xantar “as cuchipandas e as sobremesas”: lacón, cacheira, grelos, chourizos, fociño, orella, filloas, orellas, flores,...




Hello! Supoño que xa me coñededes. Son Ronnie a mascota da clase de Inglés, que vos veño a contar o que fixemos: Neste curso académico 2012-2013 os nenos e nenas do cole, desde a clase de tres anos ata sexto curso, aprendemos moitas cousas en Inglés. Desde logo o que máis nos gustou a todos foron as celebracións de Halloween (Samaín), Valentine`s Day (San Valentín) e Easter (Pascua). Tamén aprendemos cancións clásicas inglesas como “The wheels on the bus” ou “Rain , rain go away”.

“Skidamarink…I Love you” (1º Ciclo)

Recordade que na nosa páxina web hai unha morea de actividades colgadas pola teacher Berta a cada cal máis divertida. Aquí tedes unhas fotografías como proba do ben que o pasamos aprendendo esta lingua. “Five little pumpkins” (2º Ciclo)

“The wheels on the bus” (Ed.Infantil)

“The Skeleton Dance” (3º Ciclo)


Este curso, por 1ª vez celebramos a festa un xoves! Concretamente o 8 de Novembro. Foi un día chuvioso (Que raro!) pero non nos importou moito porque preparamos uns fantásticos xogos nos cubertos para infantil e no pavillón para os de primaria. Coma sempre as chefs Anabel e Virtudes asaban as castañas, e coma sempre recibimos algunha visita que nos alegrou. Por fin chegou a hora de tomar as castañas e tamén coma sempre estaban deliciosas. Que ben o pasamos no Magosto!

Asando as castañas.

Os rapaces de 5º no pavillón e os de infantil esperando polas castañas.


O Nadal é unha festa que lle gusta especialmente aos nosos rapaces. Primeiro preparamos a árbore cos seus regalos. Logo a profe Cristina axudada con entusisamo polos seus alumnos foi a encargada de crear ese bonito belén que decora o vestíbulo do edificio das especialidades. Este ano, ademais, todos os rapaces e profes confeccionaron na clase de relixión uns calcetíns belos e ben decorados para recibir os agasallos que tivesen a ben traernos os Reis.

Pola tarde recibimos unha agradable e inesperada visita. Unha soa das Súas Maxestades de Oriente (só unha, supoñemos que pola crise que tamén eles deben sufrir) estivo presente nas entregas de premios do concurso das Postais. Logo houbo regalos para todos e foto de cada curso coa Súa Graciosa Maxestade o Rei Melchor para non esquecer uns momentos tan especiais. Así comezamos as vacacións máis contentos e esperando volver a velo pronto.


Ola a todos! Xa sabedes de sobra quen son: O voso amigo Ardemiro e, nesta páxina, quero contarvos todo o que se fixo este ano na biblioteca, que foi moito e moi variado. Para empezar, continuamos a comprar novos libros e cómics, atendendo aos vosos gustos. Isto xa o sabedes porque logo expóñense no panel de novidades. Así que sempre podedes atopar o último do último sobre os vosos personaxes favoritos. En Outubro tivemos unha gran inauguración con Anxo Moure e a súa “CICLOBILIOTECA”. Pero sigamos co importante: Continuamos coas xa coñecidas e tradicionais MOCHILAS VIAXEIRAS, unha das nosas iniciativas máis exitosas. Tamén continuamos co préstamo de DVDs, responsabilidade que recae nos alumnos veteranos –dos que me sinto orgulloso-. Non podo tampouco deixar de comentar a gran cantidade de contacontos que fixemos. Houbo unha morea de rapaces e rapazas que usaron moito do seu tempo libre en ensaiar contos para despois entreter uns minutos aos seus compañeiros. Ben por eles e polos profes que os dirixiron. Para rematar recordade que sempre atoparedes algo bo nun libro. Consultade as nosas guías de Nadal e Verán. Chao.


Ola. Xa vos falei na páxina da biblioteca do orgulloso que estou dos rapaces e rapazas que participaron nos contacontos (e tamén dos profes que gastaron moito do seu tempo libre dos mediodías para ensaiar), así que vou dicir cales foron eses contos: - Son o máis forte! - Feras feroces! - Onde viven os monstros. - En un mercado persa. - O gato lambón. - Os tres porquiños. - Olladas. Desgrazadamente non teño sitio para poñer fotos de todos pero xa sabedes que as podedes atopar na nosa páxina web.

E O VINDEIRO CURSO MÁIS!!!


Non sei se sabedes que xa levamos varios cursos dedicándolle unha semana completa a temas como a paz, a natureza, a ecoloxía, etc. O último día desa semana facemos unha posta en común na biblioteca dos temas que cada ciclo preparou. Este curso ese día foi o venres 22 de marzo. Os rapaces de Educación Infantil estiveron preparando unha canción sobre a PAZ. A súa actuación arrancou os aplausos do público. A continuación os rapaces de 5º e 6º deixáronnos coa boca aberta falándonos sobre a RECICLAXE. Déronnon unha morea de datos que non coñeciamos acerca de como botar o lixo nos distintos colectores que é unha cousa bastante máis complicada do que parece. E ao final de todo ata nos deron exemplos prácticos! Non menos preparados viñan os de 3º e 4º que falaron da ALIMENTACIÓN e do consumo responsable. Foi moi didáctico e aprendemos moitas cousas.

Remataron os rapaces de 1º e 2º curso falando da MULLER TRABALLADORA. A súa presentación foi emotiva aínda que non estivera exenta de polémica.


SUPER FÁTIMA Fátima era unha nena que tiña un primo e unha irmá e un ornitorrinco chamado Perri. Era un día de verán cando viu no banco uns ladróns chamados Jorge e Iker. Fátima sabía que facer e sabía tamén que era unha super heroina. Deulle unha malleira e saiu voando ata a comisaría a avisar a un policía. O policía arrestou aos dous bandidos. Fátima Rodríguez

“AMAPOLA” O teu nome é tan bonito coma o sol cando nace. Amapola, amapola non chores que xa chove. Ai amapola, cando te fas ver deixas sen fala. O campo vermello fai o sangue alterar. As bágoas dos ollos fante medrar. Cando o sol deslumbre, ti, a túa cor luces. Os teus pétalos un a un, pobre amapola que se está maiando. Martín Barro

O LEÓN MANSO Érase un día na profunda sabana, na sombra dunha árbore naceu un león que non tiña dentes nin melena. Papá león sae a cazar mentres Leonciño xoga coa súa amiga cebra a pillar. Cando Leonciño ruxía, ninguén tremía. Papá León foi onda o peto e encargoulle unha carauta terrible, que lla fixo en sete días. Unha noite púxoa Leonciño e foi xogar coa súa amiga a cebra. Alguén berrou: -Un león!!! As cebras semellaban que voaban. Leonciño pillou á súa amiga a cebra e dixo: -Pillada! Como Leonciño non lle fixo dano os outros animais xa non lle tiñan medo e a carauta rompeu. Adrián N. C.


CARAPUCHIÑA VERMELLA Érase unha vez unha nena chamada Carapuchiña Vermella que vivía nunha cabana en medio da montaña. Un día Carapuchiña Vermella paseaba polo bosque e encontrouse co lobo. O lobo quería comer a Carapuchiña Vermella pero Carapuchiña Vermella escapou correndo e o lobo perseguiuna. Carapuchiña Vermella despistou ao lobo escondéndose entre as árbores pero Carapuchiña Vermella feriuse e os animais axudaron a Carapuchiña Vermella a recuperarse. O lobo estaba buscando co seu fuciño. Os animais dixéronlle que debía empezar a correr e Carapuchina Vermella meteuse na casa da súa avoa. Lucía Barbeito

O RELOXO MÁXICO Érase unha vez un reloxo cun inmenso poder. Podía cambiar o tempo, botar raios láser e tamén podía destrozar o mundo. Un día un neno chamado Jorge encontrouno e díxolle o seu pai que o reloxo era malo e que debía ser roto, e ao día seguinte Jorge colleu un martelo e rompeuno. Jorge

O ANEL MÁXICO Érase unha vez un anel, que se encontraba no dedo dunha persoa. O anel facía todo o que a persoa lle mandaba. Pero un día non o fixo porque un home malvado quitoullo e agora o anel está en perigo. -Que imos facer? -Ah, xa o sei! -Podemos entrar na súa gorida e roubarlle as pocións. Ao final volvemos a recuperar o anel. E colorín colorado este conto está rematado. Laura Gil


A GRAN FESTA!!! A vaquiña da miña avoíña é tan bonitiña e noviña que xa ten unha amiguiña ca cal vai facer unha festiña. Nesa festiña estarán invitadas: Unha galiña moi fachendosiña e unha mariquiña moi fermosiña. Lucía Fachal

O BUFO Alegre e moi contento está o bufo coqueto. Vai xunta o seu amigo que é moi pequerrechiño. Pousa xunta unha árbore nunha rocha de mármore. Nas noites escuras a moitos ratiños procura. Come e come sen parar e mañá volverá a cazar. Ana Gómez

OS ANIMAIS A miña abella pequena pousouse nunha camelia. O pequeno coala nunha farola sentaba. O león lambón comeu un chuletón. A cebra a raias choraba na sabana. E ao meu pequeno trasniño téñolle moito cariño. Martín Dono

O DRAGÓN BO Érase unha vez un dragón bo que todos crían que era malo. Menos a princesa que estaba encerrada por un feitizo dunha bruxa. O dragón íalle levar de comer ocultamente. Un día, foille levar de comer e estaba paseando a bruxa por alí. A bruxa pillou ao dragón e encerrouno. O dragón, que era algo astuto, ideou un plan en papel para que el e a princesa poideran saír. Máis tarde, ao dragón caeulle o plan pola ventá. O xardineiro oíu como lle caía e leu o plan e queixouse á bruxa. A bruxa cando o leu exclamou: -Encerrados para sempre!! –di a bruxa. -Buf! –di o dragón. -Nós sairemos de aquí! –di a princesa. Máis tarde, a bruxa esqueceuse do que pasara e dixo: -E que facedes vós aquí? –pregunta a bruxa. O dragón e a princesa aproveitaron esa oportunidade e fuxiron. Compraron unha casa pero o dragón non cabía. Tiña que durmir fóra. Pasaba moito frío. Pasaba todas as noites tremendo. Ao final tivo que ir a vivir onde vivía cando era pequecho. A princesa mudouse pero botaba moito de menos ao dragón. Óliver Souto


AMENCER FELIZ Arboriño, arboriño, que estás no meu xardín, se ves voar un paxariño dille que veña xunto a min. Voulle cantar unha canción que me ensinou miña avoa, eu lévoa no corazón, iso debe ser cousa boa. Hoxe levanteime feliz, teño ganas de sorrir, e quixera ser actriz e podervos divertir. Gustaríame comunicar e compartir a miña alegría, para poder berrar: Que bonito é este día!!! Ana Rivas

O PARTIDO DE FÚTBOL Érase unha vez un neno chamado Diego que era moi traballador. Vivía en Ardemil con David, Eva e Jessi. Un día David díxolle a Diego: -Queres vir comigo? -A onde? –preguntoulle Diego. -Imos ver o fútbol de Mesón vs. Vilamaior. -Que ben! Vou contento. –di Diego. O partido foi moi divertido. Fumos tomar algo porque tiñamos moita, moita sede. Voltamos axiña para axudarlle a miña tía co traballo da casa. Diego Varela

OS ANIMAIS INVERTEBRADOS Eu teño un caracol que se esconde nunha col. A bolboreta é rabuda que se esconde no caparazón dunha tartaruga. A xoaniña pousouse nunha plantiña. A abella pousouse nunha camelia. A araña anda facendo algunha fazaña Sahara Suárez O UNIVERSO Universo, Universo, Universo infinito como me gustas moito. Se non es infinito, heiche dicir que es moi bonito. e se non es moi bonito es moi negriño. E se aínda non es moi negriño tes que ser moi estreladiño. E, e, e ... se non es nada diso es o rei das galaxias. Yago Ulloa

A PRIMAVERA A primavera podémola sentir, o canto dos paxaros oír. As flores que se abren a un manto se parecen. As augas dos ríos vemos cando os nenos xuntos imos. As árbores teñen ramas, que podemos acariñalas. Dos mananciais saen fontes e os coellos do monte. Os camiños empinados, todos cheos de furados. Nuria García


A MIÑA EIRA A miña eira ten un castiñeiro que plantou o meu avó, que da castañas a milleiro, pero na eira non está só. Tamén hai unha pereira, que plantou o meu irmán. Está xunto a unha maceira, que da mazás no verán. A eira non é moi grande, pero gústame moito. Non hai día que non a ande para recoller algún froito. Abel Muiño

O RAPAZ LACAZÁN Érase un rapaz tan lacazán, tan lacazán que cada vez que tiña que facer os deberes tirábase polo chan. O outro día en vez de estudar, como tiña poucas gañas, púxose a bailar e a cantar. A súa nai estaba tan cansa de lle tanto berrar que o colleu polas orellas ata que o fixo chorar. Dende ese día o rapaz comezou a estudar e agora o mestre xa non lle ten que ensinar. Kevin Graña

A TROITA DE AUGA SALGADA Érase unha vez unha troita que vivía nun río de Lugo cos seus amigos. Un día, ao solpor, a troita ía para a casa e perdeuse no camiño, pero seguiu. A troita non atopou un camiño para volver á casa e chegou ata Pontevedra. A lúa saiu e a troita tivo que buscar un lugar onde refuxiarse. Atopou un lugar rochoso e quedouse alí. Pero ao amencer buscou un camiño e chegou ao Océano Atlántico. Alí coñeceu a un atún. A troita contoulle o que lle pasara e o atún díxolle que lle axudaría. Pero de súpeto aparece unha quenlla. O atún escapa cara Galicia, pero a troita vai cara a América. O atún chega a Lugo e cóntalle aos amigos da troita o que ocorreu. A troita antes de chegar a América, da a volta e vai cara Galicia. Cando chega á costa de Galicia, os seus amigos recíbena. A troita cóntalles que lle gusta a auga salgada. Os seus amigos dinlle que pode elixir entre vivir no río e vivir no océano. A troita despídese e marcha co atún, vivir no océano.

Brais Silva

O GRAN SOÑO Onte soñei que camiñaba por verdes prados limpos. Onte soñei que camiñaba por verdes prados floridos. Soñei, soñei ... Que a xente se quería, que non existían as guerras, que non existía o egoísmo. Soñei un mundo perfecto por un mundo de marabillas. Soñei, soñei que soñaba ... Jennifer Fariña


CANCIÓN DO VERÁN

OS DEDOS Cos dedos das mans, canto ás nubes no verán. Cos dedos dos pés, ando dereito e ao revés. Eu quero ser artista e facer xogos malabaristas. Hugo Valencia

AS ESTRELAS As estrelas tan bonitas, tamén están luminosas. Cerca da lúa sempre están. Pero só hai unha única, que será a túa favorita. Lara G.M.

Que calor, señores que calor. Xa chegou o sol co seu solpor. Sen querer achégase o caracol. Que calor, señores que calor. Xa chegou o sol co seu fogón. A beber sorbete de limón! Martín Figueira

O NENO QUE NON QUERÍA IR AO DENTISTA OS ANIMAIS Xirafas, elefantes, crocodilos, amigos e inimigos. Gato trepador, can ladrador. No Ártico pinguíns, no monte xabaríns. Manuel MARUXIÑA Maruxiña, Maruxiña, vaite cedo para a casiña que senón vaite coller a noitiña. Maruxiña, Maruxiña, métete na camiña e ponte a durmir axiña. Maruxiña, Maruxiña, toma un pouco de sopiña que senón pódeste poñer enfermiña. Sabela García

Érase unha vez un neno chamado Gabriel que vivía nunha pequena aldea. Gabriel xoga cos seus amigos na aldea e na escola. Eles estudan no colexio Campomaior de Ordes. A Gabriel gústalle moito comer, pero sobre todo gústanlle as gominolas e as lambetadas. Un día Gabriel estaba xogando cos seus amigos cando ... de súpeto empezou a chorar queixándose da dor dunha moa. Chegou a casa e a súa mamá Eva díxolle que tiña que ir ao dentista, pero ... Gabriel non sabe que é o dentista. Así que ... -Mamá. Que é o dentista? –dixo Gabriel. -O dentista é unha persoa que mira os dentes. –respondeu a nai. -Mamá, non quero ir ao dentista porque teño medo de que me magoe. –dixo Gabriel un pouco asustado. -Tes que ir para que che mire a moa que che doe. –dixo a mamá. Cando entraron na consulta, o dentista revisoulle as moas e encontroulle unha picada e selloulla antes de que se picara máis. -Tes que lavar os dentes tres veces ao día. –díxolle o dentista. Logo volveron a casa e Gabriel comeu e lavou os dentes e seguiu o consello do dentista e todos os días lava os Alba Rodríguez dentes.


O GRANXEIRO

A CIDADE EN PERIGO

Nunha aldea do Seixo había un granxeiro. Gustoulle moito a granxa que fixo el e máis o seu pai. Pouco a pouco foron comprando vacas do país. Como tiñan un tractor, o seu pai regaloulle o Massey Ferguson de serie 5450. O seu pai e máis el empezaron a sembrar as leiras. Os seus avós do Mesón e máis o seu tío Segundo axudábanlle no que podían. As vacas empezáronlle a parir cuxos. Chamaron ao seu primo que tiña unha pala de marca JCB para que lle preparase un sitio para colocar o silo de millo e de herba. Cando acabaron de ensilar, unha vaca estáballe parindo. A tenreira é moi bonita e tranquila! O granxeiro deulle moitas grazas á súa familia por axudarlle e a súa vida sempre foi así. David Sánchez

Había unha vez unha cidade chamada Pino City. En Pino City había moita xente pero case toda marchara por culpa duns bandidos. Os bandidos, chamados Pepe, Xosé e Xoán atracaban tendas, casas, bancos, bares ... Ata que un día o gobernador contratou ao mellor sheriff do mundo: Balasrasas que disparaba moi ben coas pistolas. Un día escoitouse un berro de socorro. Balasrasas foi en busca da persoa en perigo. Cando chegou viu que os bandidos roubáranlle o bolso a unha muller. Balasrasas pegou un tiro e abateu a Pepe que era o que tiña o bolso. Xosé e Xoán marcharon correndo asustados. Ao día seguinte Balasrasas escoitou a serea dun banco. Foi correndo e atopou a Xosé roubando os cartos. Xosé viu chegar a Balasrasas e intentoulle disparar pero o sheriff escondeuse e logo disparoulle e matouno. Xoán estaba moi enfadado porque lle mataran aos seus dous mellores amigos, así que ideou un plan: Tiroulle un tiro ao cristal dunha tenda e soou a serea. Balasrasas foi alí e non viu a ninguén. Volveu á comisaría e alí estaba Xoán esperando coa pistola cargada. Cando Balasrasas entrou, intentoulle pegar un tiro pero Xoán escondeuse a tempo. Ía saír do seu escondite cando Balasrasas se distraese. Seguiu o seu plan pero o único que conseguiu foi tropezar coa mesa e así Balasrasas encarcelouno. Óscar Queijo


UN DÍA NA LEIRA Unha fermosa tarde de verán, nunha leira había dous nenos, un chamado Xoán que sempre estaba facendo bromas, e outro chamado Pepe que era moi gordo e sempre lle estaba pegando á xente menos ao seu amigo Xoán. Cando estaban xogando na leira á pillapilla es estaba pillando Pepe, Xoán díxolle de broma: -Gordo! Gordo! Non me das pillado porque che pesa o cú. Ja, ja! Cando Pepe oiu iso cabreouse con Xoán e deulle unha patada. Xoán, caéndolle as bágoas, foillo dicir á súa nai e máis á de Pepe. -Cando estabamos xogando á pilla, Pepe deume unha patada. -Pegueiche porque ti me chamaches gordo. – Xustificouse Pepe. -COMO!!! Que lle chamaches gordo ao teu amigo? – Dixo a nai de Xoán moi enfadada. -Só era unha broma.- Díxolle Xoán á súa nai. -O peor non é facer unha broma, o peor é pegarlle a un compañeiro ou a quen sexa. Poderíaslle facer dano. –Dixo a nai de Pepe moi enfadadaza co seu fillo. -FACEDE AS PACES AGORA MESMO!!! Berraron as nais moi enfadadas. -Como me entere de que insultes a un neno, aínda que sexa de broma, terálas comigo. –Díxolle a nai de Xoán a este. -E eu como me entere de que lle pegas aos teus compañeiros ou a calquera, castigareite sen o que máis che gusta. Dixo a nai de Pepe. Os nenos fixeron as paces e foron xogar. Dende iso, nin Xoán volveu facer outra broma, nin Pepe lle volveu pegar a ninguén. Despois todos os nenos da clase foron amigos e xogaron na leira.

David Prego

O GATO E O RATO O paxaro chía na gaiola, mentres fóra o gato sae á raiola, unha hora. O pobre gato lambón soña co rato ladrón, xa que o seu dono Ramón atopouno no caixón. Ratiño, ratiño, como te colla, cómote enteiriño, agochado na folla. O rato arteiro escapou para o burato e o gato larpeiro quedou sen rato. Pablo Mouriño

Os teus ollos son tan bonitos como as plumas dos paxariños, pero os teus pés son tan horrorosos como os dos ogros apestosos. As flores do teu xardín teñen moito colorín. As miñas flores non teñen colores. O can perseguiu ao gato, o rato perseguiu ao queixo. O rato estaba co gato e o queixo estaba no prato.

Lorena Gónzalez


A NOITE DE SAN XOÁN Pola noite de San Xoán, a cachela hei saltar, e cunha rama de loureiro heite afumar. Veña! Tes que saltar, non te has de queimar, pero haste de afumar con fume e aroma do mar. Veña nenos, nenas e avoas, o lume hai que pasar, para que as meigas non teñan que chegar. Nicolás Mosquera

O NENO PEQUENO Atopábase no berce o neno pequeno, co seu son amoroso estaba moi fermoso. Pasou unha bolboreta coas súas ás alegres e fixo que o neno tivese grandes praceres. Lucía Graña

AS LETRAS GALEGAS O Día das LETRAS GALEGAS, o día dezasete de maio. Ensíname as túas ideas para un día especial no ano. A xente recita poesías, bailan variadas muiñeiras e cantan diversas cantigas, para gozar de moitas maneiras. Este día está dedicado a un escritor moi especial, a Roberto Vidal Bolaño, unha persoa moi profesional. Galegos e galegas despiden este día con todas as súas forzas e con toda a súa alegría. Sara Castro Peña

TODAS AS MAÑÁS Todas as mañás a miña sinfonía vou cantar debaixo da árbore do cantar. Cantarei unha sinfonía que para min é coser e cantar. Todas as mañás canto a sinfonía porque me alegra o día. Jorge Bouzas


NOITE Na noite escura estrelada a lúa chea iluminaba. Igual que os teus ollos verdes na escuridade da miña alma. Cando a noite xa marchaba, pasou unha estrela dourada que non quixo dicir nada para que non a molestaran. Noelia Gestal

A NOSA VIDA A nosa vida é especial E máis polo Nadal. Abres os agasallos Despois de facer os traballos. Miras ao ceo e pensas Onde irán os anteollos. Buscas, buscas e rebuscas E só pensas nas curuxas. Laura García

NON ME CHEGA O TEMPO Non me chegan as horas meu ben, para abrazarte. Non me chega a noite, meu ben, para bicarte. Non me chega o tempo meu ben, para acariñarte. Non me chega a vida, meu ben, para acocharte. Iria Figueira

A NENA Esta historia sucedeu no ano 1999. Nunha vila moi afastada había un colexio, con moitos nenos que xogaban todos xuntos. Pero un día chegou unha nena e ninguén lle facía caso nin xogaban con ela. Non lle falaba ninguén e non tiña ningún amigo. Estaba triste. Ela vía aos nenos xogar e pasalo ben e ela tamén o quería facer. Os outros nenos preguntáronlle aos profesores e profesoras pero tampouco sabían porque non lle falaba a ninguén. Pero eles querían averiguar porque non se dirixía a ninguén. Entón fóronlle preguntar aos pais da nena. Cando lle preguntaron porque a nena non falaba, dixéronlles que era porque tiña un problema: era muda. Os nenos foron correndo xunta ela e déronlle unha pizarra para que se poidera comunicar con eles. A nena púxose moi, moi contenta. Enrique Candal


O mércores 20 de Marzo, recibimos a visita de Jacobo Fernández Serrano, un moi famoso ilustrador e debuxante de cómics. Deunos unha interesante charla na nosa biblioteca sobre o seu traballo, ensinounos moitas das súas ilustracións orixinais (que son moito máis grandes do que despois aparecen nos libros) e debuxounos in-situ un par de ilustracións dos seus personaxes que despois nos regalou e que agora podedes admirar na sala de informática. Ademais quedouse a firmar os libros que lle levamos. Foi realmente interesante. En Maio tivemos un contacontos profesional para os máis pequeniños. Contounos un conto chamado “Linda á espreita” sobre unha vaca bastante diferente ás demais que tiña un grave problema, e se queredes saber máis, teredes que comprar o libro de Alex Steffensmeier. E finalmente tamén vimos moitos bailes o día 16 de Maio, bailes que foron ensaiados coa profe Isabel. Todos os cursos demostraron as súas dotes (sexan as que sexan) artísticas e deleitaron ao público presente. Nalgúns casos a profe Isabel acompañou aos nenos e non desentoou. Como mostra un botón: Aquí vedes aos rapaces de 4 anos levando o ritmo con auténtica perfección.


Atopa 10 diferencias entre estes dous debuxos. Logo podes colorear o que queiras.

ENCRUCILLADO

1

2

3

4

5

6

A B C D E HORIZONTAIS A: 2º apelido do autor homenaxeado este ano no Día das LETRAS GALEGAS. B: Pronome persoal / Xogo de cartas moi popular en España. C: Caricia que se da cos beizos / 5ª vogal.

D: Nome da 1ª muller / Ao revés a primeira nota musical. E: Comida que se fai no exército para todos os soldados. VERTICAIS 1: Tragar un líquido. 2: Froito dunha árbore, do que se obtén aceite. 3: Leste / animal doméstico considerado o mellor amigo do home. 4: Quero moito / 3ª letra do alfabeto. 5: Animal africano parecido ao touro / Exclamación de sorpresa. 6: Home que está moi fraco e se lle notan todos os ósos do corpo.


Anxo Candal

Enrique Candal

Iria Figueira

Marina Gómez

Jorge Bouzas

Nicolás Mosquera

Laura García

Lucía Graña

Sara Castro

Noelia Gestal




Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.