Cooperación Galega: O mundo que queremos
As cinco xeracións da Educación para o Desenvolvemento
O mundo que queremos é un proxecto de Educación para o Desenvolvemento (ED). Como xa vimos na lectura obrigatoria sobre os conceptos, a ED é un proceso educativo e socioafectivo encamiñado a xerar unha conciencia crítica sobre a realidade mundial. Porén, esta non foi sempre a concepción da Educación para o Desenvolvemento. A continuación, ofrecémosvos un breve resumo da evolución do concepto.
A Educación para o Desenvolvemento é un dos instrumentos da política española de cooperación internacional, recoñecida así nos diferentes documentos lexislativos que regulan esta política (lei de cooperación e plans directores). A evolución da ED, tal e como a presentou a pedagoga Manuela Mesa, pódese explicar entorno a un modelo de cinco xeracións que permite clasificar distintos momentos e enfoques da Educación para o Desenvolvemento, desde as súas orixes ata o presente. As ONGD tiveron un papel clave na orixe e evolución da ED. Falar da historia temperá da ED é, en grande medida, o mesmo que falar da historia das ONGD. A ED foi evolucionando na medida no que o facían os discursos destas entidades, uns posicionamentos marcados polo ritmo do contexto social e internacional e polos debates en relación ao propio concepto de desenvolvemento que marcou tamén o camiño da Cooperación Internacional. Imos falar de cinco xeracións, pero este modelo non debe ser entendido de forma lineal ou “por etapas” de forma que unha xeración substitúa á anterior. Máis ben, podemos falar dun proceso acumulativo no que o discurso e a práctica da ED foron evolucionando de xeito un tanto desigual, de maneira que nas actividades dun actor determinado pódense atopar simultaneamente trazos dunha ou outra xeración.