COMUNICADO DE PRENSA DECLARACIÓN DO MOVEMENTO FEMINISTA GALEGO A RAÍZ DO NOVO ATAQUE DENUNCIADO POLA ACTIVISTA SAHARAUI SULTANA SID BRAHIM KHAYA 13 de decembro, 2021
O movemento feminista galego envía unha mensaxe de apoio e solidariedade á activista saharaui Sultana Khaya e á súa familia (a nai ten 82 anos e hai un menor de 12 anos), logo de ter sido de novo agredidas na madrugada do 5 de decembro, segundo elas mesmas denuncian nun vídeo difundido por Equipe Media Sahara, por forzas paramilitares marroquís no seu domicilio na ocupada cidade de Bujador. O arresto domiciliario da activista e da súa familia iniciouse o 21 de novembro de 2020, xusto dous días despois do regreso de Sultana de España, e dende hai máis dun ano sofren constantes e brutais ataques no seu domicilio con substancias tóxicas, agresións físicas, agresións sexuais, inoculación de substancias químicas descoñecidas e unha posible infección non accidental co virus da Covid-19. As asociacións feministas non podemos permanecer en silencio ante esta constante violación de dereitos da que están a ser vítimas a Presidenta da Liga Saharaui para a Defensa dos DDHH e contra o Espolio dos Recursos Naturais así como as súas familiares. Por cuarta vez dende o inicio do arresto domiciliario as activistas denuncian ter sufrido agresións sexuais por parte de paramilitares marroquís, nunha clara mostra do que Laura Segato define como novas formas da guerra: “as novas formas da guerra, caracterizadas pola informalidade, despréganse hoxe nun espazo intersticial que podemos caracterizar como para-estatal (...). Nesa esfera de para-estatalidade en franca expansión, a violencia contra as mulleres deixou de ser un feito colateral da guerra e converteuse nun obxectivo estratéxico deste novo escenario bélico”. Trátase ademais dunha violencia que toma como terreo de combate o corpo das mulleres e como medio a violación e outras formas formas de violencia sexual. Parafraseando a Silvia Federici, debemos ter en conta que neste escenario “a violencia contra as mulleres é un elemento esencial nesta nova guerra global, non só a causa do horror que evoca ou as mensaxes que envía, senón polo que representan as mulleres, capaces de manter unida á súa comunidade e defender concepcións non comerciais da seguridade e a riqueza”. Así pois: Condenamos rotundamente a violación sistemática de dereitos do pobo saharaui que se materializa dende a entrada de tropas marroquís en territorio saharaui en novembro do ano 2020, entre outros actos violentos, no arresto domiciliario e constantes agresións á activista Sultana Khaya e á súa familia.