ASOCIM ALERTA DA PRECARIEDADE LABORAL DO PERSOAL TÉCNICO DOS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER

Page 1

COMUNICADO ASOCIM ALERTA DA PRECARIEDADE LABORAL DO PERSOAL TÉCNICO DOS CENTROS DE INFORMACIÓN Á MULLER  Débese reforzar o servizo con persoal para garantir unha atención de calidade ás usuarias  Denuncia o incumprimento sistemático do decreto que regula os CIM 04 de marzo, 2022 – Co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a Asociación de

Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) reivindica unha vez máis a necesidade de visibilizar e poñer en valor o traballo das profesionais, incidindo na necesidade de reforzar os recursos humanos e materiais dos CIM. A entidade que aglutina ao persoal técnico destes espazos leva tempo alertando dos problemas estruturais e déficits que arrastran os CIM: falta de persoal, sobrecarga de traballo, excesiva burocratización dos procesos... Esta situación tradúcese, por unha banda, no desgaste físico e psicolóxico do persoal con cadros de estrés, ansiedade e síndrome do Burnout en moitas das profesionais dos centros; e por outra, nun empobrecemento da calidade e dignidade do servizo. Por todo isto, manifesta o incumprimento do Decreto 30/2016, especialmente en relación á cobertura das baixas laborais e ás dez horas semanais mínimas estipuladas para os servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica. Horario insuficiente para atender axeitadamente ás usuarias, debido ao incremento nos últimos anos das consultas e que aínda a día de hoxe non se respecta en todos os CIM. Así mesmo, as figuras mínimas que establece o decreto de 2004 que regula os CIM -e que se manteñen no decreto de 2016-, unha avogada e unha psicóloga, é escaso á hora de prestar este servizo. Sería necesario incluír canto antes persoal de apoio para a atención das tarefas administrativas, así como outros perfís especializados en Igualdade. Os Centros de Información á Muller de Galicia teñen un papel fundamental na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. Só con CIMs ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar e orientar ás vítimas, articulando procesos efectivos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, e de orientación profesional e sociolaboral. Para acadar ese obxectivo hai que conseguir dignificar os postos de traballo do persoal técnico dos CIM. ASOCIM demanda que se estabilice a súa situación laboral, unificando os criterios na clasificación das traballadoras dentro da área de Igualdade nos cadros de persoal dos concellos e nas Relacións de Postos de Traballo (RPT) que están en fase de realización en moitos concellos. Resulta preocupante que só un 27% dos CIM se reflictan correctamente nas RPT como un servizo independente, mentres que o 73% restante encádrase noutras áreas. Os CIM son servizos atendidos por profesionais expertas en igualdade, e así deberían estar recoñecidos nas RPT.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.