a cidade dos barrios

Page 18

A experiencia do espazo. Sistemas de Información Xeográfica e Planeamento Gael Sánchez Rivas [Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos. Máster en urbanismo pola UDC]

Tódalas relacións sociais teñen lugar nun espazo material e simbólico, cheo de movemento e troco, tensión e conflito. Distingue Soja unha trialéctica neste: un primeiro espazo físico, forma e proceso; un segundo espazo simbólico, o imaxinario urbano; e un terceiro espazo, o vivido, o lugar da experiencia individual e colectiva. Tradicionalmente, a aproximación ó espazo urbano realizouse mesturando as súas compoñentes físicas e simbólicas, co que o vivido e experimentado permanece fóra de toda consideración. Así, unha parte esencial da cidade, a que engloba as relacións e vivencias do cidadán, é esquecida e negada. Isto sucedeu pola complexidade que presenta este terceiro espazo, xa que todo cidadán posúe un “mapa físico e mental” subxectivo, coas súas filias e fobias, do espazo urbano no que habita e relaciónase. Unha cartografía imaxinaria propia, alén da forma física, na que o cidadán representa as súas percepcións, os seus sentimentos e as súas vivencias. Se cartografar o espazo vivido e relacional dun só cidadán é de gran complexidade, realizalo para parte ou toda unha cidade convértese nunha tarefa dunha dificultade que aumenta exponencialmente. Polo tanto, construír, representar, analizar e xestionar esta cartografía propia, do conxunto dos cidadáns, esixe empregar ferramentas informáticas de gran potencia, como os Sistemas de Información Xeográfica (GIS), que permitan tratar a inxente cantidade de datos espaciais xerados.

O eixo central de “A Cidade dos Barrios” é o espazo vivido e experimentado polos cidadáns de A Coruña, procurando caracterizar non só a súa globalidade senón que tamén as diferenzas e as relacións existentes entre os barrios que conforman a cidade. Esta tarefa implicaba a elaboración dunha Base de Datos Espaciais (BDE) para o manexo, a representación e a visualización da información xeográfica mediante GIS. Os referentes máis inmediatos de BDE eran de dúas clases, as experiencias baseadas en obxectos e atributos xeográficos do espazo e as baseadas nas percepcións do espazo polos cidadáns. A EIEL da Deputación de A Coruña e as bases cartográficas e catastrais empregadas no Planeamento Urbanístico son exemplos próximos da primeira clase. A experiencia preliminar de Habitares, onde se recollía a percepción cidadá na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, era o exemplo máis próximo da segunda clase. En calquera caso, tratábase de ir alén, concibindo unha BDE que recollera o espazo vivido e experimentado e manifestara as relacións existentes na cidade, un aspecto no que a cartografía tradicional amosa grandes limitacións. Na creación da BDE, dúas decisións amósanse como claves: cales serán os datos xeográficos e as súas relacións (o modelo de datos) e o tipo de xeometría destes. Ámbalas dúas cuestións están intimamente relacionadas e optouse por crear un modelo de datos vectorial, empregando xeometrías 018

(…) tódalas relacións sociais, xa sexan relativas á clase, á familia, á comunidade, ó mercado ou ó poder estatal, permanecen abstractas e infundadas ata non ser expresamente espacializadas, é dicir, convertidas en relacións espaciais materiais e simbólicas. Por outra parte, o devandito proceso de materialización e contextualización real e imaxinario non é un asunto sinxelo que só require ser cartografado casualmente en xeografías especificas e fixas, senón que se atopa cheo de movemento e troco, tensión e conflito, política e ideoloxía, paixóns e desexos e, (...), cheo dos “enigmas do mundo e da nosa existencia”. Edward W. Soja. Postmetrópolis. Estudos Críticos sobre as Cidades e as Rexións.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.