O Fanzine da Sinha PACA nº 0

Page 1


Eu teño máis choio có carallo: aínda non apañei as castañas para o magosto, teño a palla sen pór, espigas sen esfollar… E toca ir ao xeito cada noite e á ribeira pola mañán. E así como eu fago o meu, esixo que, aos que lles toca, fagan o deles. Pero que fagan, non que desfagan. E menos en cultura, que non nos sobra. Por iso nos cabreamos e protestamos. Porque este ano deixáronse de facer en Redondela cinco Festivais e iso non se pode consentir. Como tampouco se pode consentir que se manteña fechado o Local de ensaio, que non montou este goberno, mais que tiña a obriga de conservar. Porque a xuventude é o futuro. E a mocidade sempre está mellor ao quente e facendo música ca na rúa. E xa postos: que fan todas esas casas dos mestres fechadas e dando pena? Porque non se fixo Auditorio, fíxose Pavillón, vale, pero o cinema, a música, o teatro… tamén necesitan espazos. Na vila e nas parroquias. Que Redondela vai máis alá da Farola e de Santa Mariña. E a cultura nas parroquias está moi desatendida desde o Convenio Interparroquial, e xa choveu. Así que, nós xa nos puxemos ao choio. Facendo e informando. Se vos queredes sumar buscádenos na Rede. E senón, aquí vos esperamos, unha vez ao mes, se o tempo nolo permite.




Monifate Teatro nace hai dous anos cunha vontade titiriteira. Unha teima que Roberto Casal ten desde hai moitos anos. Supoñemos que por proceder de Redondela... e todos sabemos que pasa nesta vila co tema dos Títeres. Formouse durante nove anos con mestres de todo tipo dos que puido aprender múltiples técnicas de manipulación e construción. O Monifate teatro é un compendio de todo este labor e formación para buscar novas maneiras de comunicarse coa espectadora.


"A Caixiña Máxica" é anterior, e moito. No 2008 pedimos unha casa prestada en Cuartos de Borbén a uns amigos que estaban rehabilitando o que hoxe é o seu fogar. Alí naceu este espectáculo que por aquel tempo estreamos como Titereficciós. Hoxe, o espectáculo, que estaba pensado para o público infantil, gusta a tódolos públicos. As adultas saben ler as súas múltiples mensaxes, as pequenas saben divertirse e imaxinar mundos posibles; nós desde o escenario, vendo esta maxia, non podemos desprendernos desta proposta que nos ten namoradas perdidas. É por iso que O Monifate integra esta proposta no seu repertorio. "A Caixiña Máxica" non é estritamente titiriteira mais habedes comprobar como trala cortina do teatriño axexa unha vella coñecida dos contos populares en versión Monifate. Sofía Espiñeira é cantautora, circense, teatreira e danzarina. Xunto con Roberto Casal presentan esta función que poderedes ver o día 10 de novembro ás 18:00 nas antigas Casas dos Mestres. Sofía e Roberto xunto a Alfredo Muíño e Noel Fandiño foman parte da compañía Teatro Ó Cubo, outro dos proxectos teatrais en curso que tenta facerse un sitio no teatro profesional galego. Pola saúde do teatro en Galicia habería que preguntarlle ás programadoras, de seguro sería máis interesante escoitalas a elas. Nós que podemos dicir? Ser profesional do teatro en Galicia é ben fácil. O difícil é vivir disto. O teatro institucionalizouse e volveuse dependente da contratación desde organismos públicos sobre todo. A cultura a calquera prezo, mesmo gratuíta, non axuda a darlle prestixio a unha profesión moi precarizada que en moitas ocasións se confunde co lecer. Ningún podemos vivir de actuar, temos que combinalo con mil e unha historias paralelas que, ao mesmo tempo, non nos impida estar dispoñibles para saír a escena en calquera data. Unha dedicación absoluta e unha loita por manter unha presenza e unha produción da que ninguén se fai cargo, pode estar subvencionada pero antes tes que ter a pasta. Nunca gañas, o máis probable é que perdas, non cobras ensaios nin creación, etc. Esta é unha profesión que desde fóra parece estar idealizada pero a realidade é que somos traballadoras coma todas, que pagamos as mesmas cotas de autónomas que todas, que aspiramos a gañar para comer e vivir dignamente, obrigadas a unha continua formación... en definitiva: somos obreiras. O mito da farándula bohemia non é máis que iso, un mito. Se cabe, como cantaba Quique González, pode que sexamos un tanto "kamikazes namorados" que fan o que fan por amor, por ese amor polo oficio que non espera nada de volta... quizais, de cando en vez, uns cantos aplausos e maila esperanza de que este amor dure toda a vida. Ficades convidadas para o día 10 a compartir un tempiño de teatro.


Habelas Hainas son ante todo i en primeiro lugar catro mulleres, MUSICAZAS con maiúsculas. Ala polo ano 2010 xuntaron as súas inquedanzas e coñecementos de música tradicional conformando un cuarteto nada tradicional. As súas letras modernas, reivindicativas, feministas, …. fixeron­nos seus siareiros incondicionais e a súa presenza en numerosas festas, festivais, en salas de todo o país, algo cotián. Ala polo ano 2014 en musicaengalego.blogspot.com deu conta do seu comunicado de protesta ante un acto evidentemente discriminatorio : “ a organización de festas da "Romaría da Saleta" quere contratar un grupo de música tradicional galega, mais cunha condición: "NON PODEN VIR TOCAR MULLERES PORQUE NON É TRADICIONAL", fixeron­nos entón abrir os ollos ante unha realidade que eu supoñía moi superada pola nosa sociedade. Se facerse un camiño no mundo musical non e doado para ninguén para as mulleres e dobremente difícil. Algúns non están dispostos a gastar uns cartiños, que non son seus, en contratar a catro mulleres para que lle canten a cara o que pensan sobre eles. O problema lonxe de estar resolto, levou a Asociación Músicas ao Vivo a crear o Observatorio pola Igualdade En Órbita que traballe a prol da igualdade de xénero, dentro da industria da música en Galicia. Non foi ata o 2017 cando gravaron o seu primeiro disco "Livres e Loucas". Trece temas froito de anos de música ao vivo e polo tanto moi alonxados das músicas enlatadas de estudio. Trece temas cunha ollada feminina e actual que podedes atopar tanto nas plataformas dixitais como en formato físico. Eu seguirei asistindo ós seus concertos, desfrutando da súa música, e convidando-vos a todas e todos a escoitar e bailar ó seu son.


Pillabands nace da inquedanza e “sintonía” cunha corrente universal que se está dando en diferentes disciplinas artísticas e que se basa en adaptar as novas “ideas” ou “recetas” que nos chegan a través do internet globalizado, facendoas nosas, da terra. Para que se entenda, en gastronomía, un exemplo desta corrente de pensamento, sería a pizza de grelos. Xa levamos dous anos mesturando joropos, chacareras, cumbia, tecnho, jazz, muiñeira...Niko ao saxo, Berto na Bataka, Óscar Charanguito no contrabaixo, Pibe Ariel na Guitarra e máis eu, Vento no fisarmónico e o único que pretendemos, a través das nosas músicas, dende Galiza, dende as Rías Baixas, dende Redondela, sintonizando coa alegría, degustando polas orellas e sonhando cos pés, é vivir,con maíusculas, algunas veces do dereito e outras do revés.

Pillabands tamén formamos parte desta plataforma de artistas de Sinha PACA, esperando defender a cultura e a arte, que non poden ser prohibidas nin acotadas con leis nin aranceis, pois son o que realmente nos fai ser humanos. Así que, agardando que saia do forno o noso próximo traballo discográfico, que conterá, posiblemente, o éxito bailable do 2019, só nos queda invitarvos a que venhades a vernos en directo para poder saborearnos ao vivo. Así que vos esperamos o vindeiro día 10 nas antigas casas dos Mestres en Redondela.


Como toda festa que se tenha en algo, a 1ª Romaría Cultural da Sinha PACA, tamén tivo as súas novenas. Nove concertos consecutivos (dez se temos en conta que o día de feira fixemos dobre función) nos nove días inmediatamente anteriores á festa. A idea era facelos nos soportais, pero a xente do concello non quixo enfrontarse cos “impacientes” do pequeno Nicolás Peña, que seica teñen preferencia nese espazo. Así que, como non comulgamos con pedras de muíño, como fan outros, trasladámonos á praza de enfronte, onde os comerciantes recibíronos de mil amores. Bueno, aos que lle pedimos algo. Porque a algúns xa escusamos pedirlles nada. Os oficiantes das nosas novenas, laicas e culturais, formaban un cartel impresionante. Tok deixounos o seu homenaxe aos míticos 3 bajo cero, rock and roll de barrio ochenteiro; ao día seguinte os Nota Male deixáronos un contraste de sosegado con acento portugués. Pina presentounos o seu espectáculo en solitario, cercano e internacional, co seu inglés macarrónico e desprexuiciado. Sete cuncas deixounos o toque bravú, facéndonos bailar e berrar os himnos dos Herdeiros; O Bloquinho da Alegría deunos unha lección de antropoloxía cultural: de vida, cos seus tambores afrocubanos. Os Relámpago electrificaron o ambiente coa sua xuventude e enerxía, convocando, de paso, a unha rapazada que xa había moito que non


vía nun concerto de rock. O día seguinte era feira e decidimos que pagaba a pena redobrar os esforzos para chegar ao maior número de público posible, así que pola maña, despois do callos, o mestre lutier Iván Gulín, deixounos unha mostra de ata onde pode chegar hoxe a música nas mans dunha soa persoa; e pola tarde Pillabands fixéronos bailar co sorriso nas caras, coa sua particular mestura de folk un pouco pop un pouco alieníxena; para rematar ao día seguinte cun dúo internacional de venezolanos chamado Paciencia Paradise. Por certo, que feas as iniciais destes. En fin, un gran prólogo festivo co que celebrar a variedade de propostas culturais que se cociñan nesta vila e nas sete parroquias.

















Os irmáns Lumiere inventaron o cinematógrafo e proxectaron as primeiras imaxes con público no ano 1985. E se vos digo que esta afirmación é falsa, que non é máis que un entramado patriarcal para impregnar de virilidade todos os grandes feitos históricos?... Estaríavos mentindo, pero co historial ao que nos teñen acostumados non sería nada desacertado. Estamos vivindo unha época de exhumacións das mulleres esquecidas, nesta era de información xa non resulta sinxelo obviar as grandes mulleres artistas. É agora cando comezamos a darnos de conta da realidade. É agora cando comeza a verdadeira historia do cine. Xa estamos fartos e fartas de escoitar louvanzas sobre a figura de George Melies, “o primeiro” cineasta, “o primeiro” en converter o cine nalgo máis ca unha atracción menor, “o primeiro” en facer maxia co novo medio. ¡MENTIRA! Como xa é costume a historia míntenos. Foi en realidade Alice Guy, unha muller, a primeira en utilizar o cinematógrafo para contar historias. A primeira guionista, a primeira montadora, a primeira en engadir tinta aos fotogramas para crear cor, a primeira, en definitiva, en crear unha película. E aínda que nos imos achegando ás verdades históricas, queda moito camiño por percorrer. O sistema educativo segue cheirando a materias caducas e a falta de renovación. Isto é o primeiro que hai que cambiar; concienciar ás novas xeracións, e borrar todos os residuos dos aprendizaxes falsos e rancios que tantos anos levan impoñendo. Falemos máis de Alice Guy e menos de George Méliès. Máis de Agnes Varda e menos de Godard. Máis de Hedy Lamarr e menos de Spencer Tracy. Máis de Hilma af Klint e menos de Kandinsky. Máis de Leonora Carrington e menos de Dalí. Máis de Maruja Mallo e menos de Joan Miró. Máis de Delia Derbyshire e menos de David Guetta. Máis de Rosalía e menos de Pondal. OlieConh


O 31 de Outubro, tal vez coma un acto máis da celebración da noite dos mortos, estreábase nos cines Bohemian Rapsody, a peli de Bryan Singer sobre Freddie Mercury e Queen. Qué fai dunha película, unha boa película? Eu non o sei. Despois de moitos anos xa de facerme esa pregunta en tódolos eidos das artes sigo sen ter a resposta. Faltaría máis. Eu, por exemplo, no meu canon particular, limitado, nunca me esquezo de Regreso ao futuro. Todo isto non é unha desculpa para poder dicir que gozei coma un anano as dúas horas e cuarto que dura a peli. Tampouco o sería a miña mitomanía, esa forza que me fai tremer diante dunha cabicha de Jimi Hendrix ou dun gardanapos de Marilyn Monroe. Claro que é unha peli para fans da música de Queen, que segue a ser unha das bandas máis rendibles da historia; e que, curiosamente, está todos os anos nas listas dos mellores e dos peores grupos do mundo. I e que no rock seguen sendo bos tempos para o revival, xa que non para a innovación e o desenrolo. Por certo que anunciaron para principio de ano a estrea dun biopic de Elton John titulado Rocket man que tamén esperamos reseñarvos. Non se trata de Romeo e Xulieta, pero narra a historia máis ou menos como debeu de acontecer, nun flashback que abrangue toda a película e que arranca no que Brian May definiu coma o mellor día das súas vidas, o 14 de Xullo de 1985, o día que Freddie se meteu no peto ás 72.000 persoas que abarrotaban o Wembley Arena naquel Live Aid que organizara Bob Geldof para erradicar a fame en Etiopia e que foi retransmitido en directo e visto por máis de mil millons de persoas; para rematar ofrecéndonos a recreación desa actuación case completa como peche da película.


Nótase que non andaban faltos de orzamento nesas recreacións ao milímetro de vestiarios e escenarios, e mesmo nos parecidos dos actores que encarnan aos membros da banda, no que destacaría o caso de Brian May, que por momentos parece él mesmo. Incluso a famosa sintonía da 20 Century Fox, distribuidora do filme, soa ao estilo Queen e posiblemente fose grabado, polo menos á guitarra, polo propio May, co son inconfundible da Red Special que él mesmo construíu co seu pai. Si aforran referencias ás catastróficas actuacións na Sudáfrica do Apartheid e na Arxentina de Videla (catastróficas para a súa imaxe pública, xa que a ONU tiña un boicot contra Sudáfrica, por exemplo). Actuacións que Freddie, quizais non falto de todo de razón, defendía alegando que eles ían actuar para a xente do país, non para refrendar un réxime político. Tampouco tratan de convertelo nun santo, nin sequera para os estándares do rock and roll, mostrando a un Freddie capaz de facer dano a quen o quere e, claro, a si mesmo. En fin, máis que recomendable para fans e non tan fans, con momentos para a tenrura e a risa, cunha case completa recreación daqueles case 25 minutos que segundo unha enquisa da BBC foron o mellor directo da historia e que rematou por elevar a Queen á estratosfera da mitoloxía do rock. Bo proveito.


A suposta rivalidade entre os Beatles e os Stones tamén tivo o seu pequeno reflexo en Redondela. Corría o ano 6X e uns mozos intrépidos, deslumbrados polo fulgor duns ingleses melenudos xuntáronse en casa dalgún deles e con instrumentos remendados saídos de deus sabe onde lanzáronse á emulación dos seus ídolos, a tuistear e berrar, dispostos a topar algunha satisfacción. Os Beatles e os Stones eran contemporáneos e lonxe de rivalidades comerciais alentadas polo manager destes últimos, Andrew Loog Oldham, besta negra de promotores e directores de hotel, que deu en fabricar para os seus pupilos unha imaxe de malotes coa que dalgún xeito disputar unha parte do pastel que estaban a papar a dous carrillos os de Liverpool, nenos mimados do Swinging London e de todo o Imperio, coa súa rebeldía benintencionada, de zipizapes adorables; digo que lonxe de rivalidades comerciais, eran amigos. Razoablemente, supoño. Como bos fillos da Gran Bretaña Incluso, quizá nun xesto de paternalismo, os Beatles cedéronlles “I Wanna Be Your Man” ós Stones antes de gravala eles, e de que estes aprenderán (e como) a facer cancións cando, outra vez o manager, encerrou a Mick Jagger e Keith Richards nunha habitación de hotel ata que tiveran composta unha boa canción. Boa para a radio, claro. Tamén Los Pinos e Los Átomos levábanse ben. Razoablemente, supoño. Como bos fillos de Xán Carallás.








Se pintas a mona e a queres mostrar, se cantas na ducha e queres progresar, se eres un paiaso e non te avergoĂąas...

contacta coa Sinha PACA e colabora no fanzine ou vaite de misiĂłn cultural por eses mundos de dios... non me sexas cantamaĂąanas...

Feito en papel reciclado e con software libre


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.