Historia apuntamentos de urxencia s xix

Page 1

ESPAÑA NO LARGO SECULO XIX INDICE: 1.- CRISE DO A. R. E REVOLUCIÓN LIBERAL (1808-14) 2.- REINADO DE FERNANDO VII, RETORNO AO DESPOTISMO (1814-1833) 3.- TRANSICIÓN LIBERAL: REXENCIA DE MARÍA CRISTINA (1833-1840) 4.- REXIMEN LIBERAL: REINADO PERSONAL DE ISABEL II (1843-1868)

5.- REXIME LIBERAL: ”O SEXENIO DEMOCRÁTICO” (1868-74). 6.- O REXIME LIBERAL: ”A RESTAURACIÓN” (1875-1923) 7.- NACIÓN E NACIONALISMOS EN ESPAÑA (1837-1923). 8.- MODELO DEMOGRÁFICO E ESTRUCTURA SOCIAL 9.- ATRASO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DE ESPAÑA


1.- CRISE DO A. R. E REVOLUCIÓN LIBERAL (1808-14) En 1789, a proclamación en Francia do liberalismo pola vía revolucionaria causou un forte impacto en España. Independentemente da evolución dos feitos que culminaron na execución de Luís XVI, o cambio político significaba o paso dunha soberanía real ou divina a unha soberanía nacional ou popular. O temor ao contaxio revolucionario levou aos gobernos de Carlos IV a formar parte das alianzas das monarquías euopeas; sen embargo as derrotas militares forzaron a unha Paz por separado, baseada no recoñecemento mutuo, asinada en Basilea (1795), que deixaba a España fronte a dobre ameaza ideolóxica e militar francesa e a económica-naval británica; neste dilema, optouse en San Ildefonso (1796) por unha revalidación da tradicional política dos Borbóns, coñecida como Pactos de Familia. No contexto das tensións europeas por mor da situación en Francia, a acumulación de poder de Godoy, Príncipe da Paz (da Paz de Basilea), conducirá ao desprestixio dos monarcas e á mesma división da familia real. Fitos desta degradación política foron o Motín de Aranjuez e o Encontro de Baiona (1808). Co pretexto de mediar nas disputas internas entre Carlos IV e Fernando VII (cfr., Conxura do Escorial, Motín de Aranxuez) e de reemprazar aos Borbóns, Napoleón presentouse como un rexenerador da sociedade política española, obrigandolles a renunciar ós seus dereitos dinásticos. As novas da insurrección popular de Madrid forzaron o adianto dos planos de Napoleón, que con anterioridade ás abdicacións de Carlos IV e Fernando VII ofrecera o trono español aos seus irmáns Luís e José, é dicir, aos por entonces reis de Holanda e de Nápoles. Unha das súas primeiras medidas foi convocar unha Asemblea en Baiona de deputados españois como representantes dos estamentos tradicionais para discutir un proxecto de Constitución, finalmente aprobado por José I, coñecido polo alcume “Rei Plazuelas”. A chamada Constitución de Baiona (6.7.08), aínda que se trataba dunha lei fundamental do Reino, ten un carácter de Carta Outorgada por canto xurídicamente é obra do Rei e non da Asemblea; na Constitución de Baiona recollíase máis que unha separación de poderes, unha limitación do poder absoluto do monarca; sen embargo, supoñía unha ruptura coa tradición do Antigo Réxime no que respecta á responsabilidade dos ministros. 1808 marca unha ruptura no devenir histórico de España. Ante o desgoberno pola abdicación forzada dos monarcas españois a favor de Napoleón e pola pasividade das autoridades, as masas populares asumen a súa soberanía a través da declaración de guerra contra os franceses , sen dúvida un feito revolucionario . As fases do conflicto bélico articúlanse arredor da ocupación militar francesa e do levantamento militar (Bailén, 1808), do dominio francés (Ocaña e Elviña, 18091812) e da ofensiva hispanoinglesa (Arapiles, Vitoria; 1812-1814). A desfavorable evolución da guerra forzou a Napoleón a devolver a Coroa a Fernando VII no Tratado de Valençay. Entre as modalidades tácticas, a superioridade militar de Napoleón forzou ó abandono dunha guerra regular a prol dunha guerra de guerrillas como expresión dunha guerra total. Entre os xefes, verdadeiros heroes populares, destas partidas de variada composición social destacaron Espoz e Mina, Agustina de Aragón, ou o Empecinado e Cachamuiña, entre muitos outros.


2.- REINADO DE FERNANDO VII, RETORNO AO DESPOTISMO “A Revolución liberal e as reaccións absolutistas na 1ª ½ do s.XIX”. A primeira fase, de 1808 a 1837, unha etapa de conquista de poder polos liberais fronte ao absolutismo, a identificamos como o “ciclo revolucionario de Cádiz”. Por revolución liberal enténdese o conxunto de actuacións que en América e en Europa implicaron a instauración dun rexime político antiabsolutista baseado na separación de poderes. En España a revolución liberal manifestouse tamén como unha revolución burguesa, se ben cun maior protagonismo do sector ligado á administración pública. Finalmente indicar, que aínda que a revolución liberal en España se inserta nun contexto revolucionario internacional amosa elementos específicos, como o seu desenvolvemento paralelo a unha guerra popular e a falla de presencia do titular da Monarquía. É un lugar común dentro da historiografía considerar ao reinado de Fernando VII como un dos máis penosos da Hª de España pola limitada personalidade do monarca e pola natureza errática da súa política entre ideoloxías antitéticas. En efecto, ao largo do reinado de Fernando VII (1814-1833) diferenciamos políticamente varios periodos: dous son absolutistas e un é liberal; o primeiro, un sexenio (1814-20), foi de carácter político absolutista. Fernando VII regresou a España en marzo de 1814 (cfr.,Tratado de Valencay, 1813 = devolución dos dereitos dinásticos ós Borbóns por parte de Napoleón vs abdicación de Baiona,1808). Denantes de chegar a Madrid, onde lle agardaban as Cortes para que xurara a Constitución de 1812, os partidarios do absolutismo presentáronlle por escrito a necesidade de rexeitar as reformas gaditanas, o que historiográficamente coñecemos como “Manifesto dos persas”. A restauración do Antigo Réxime (señoríos xurisdiccionais, privilexios fiscais, Inquisición) fixo inevitable a incapacidade absolutista na solución dos graves problemas do país (económicos e militares) co conseguinte descontento. Ábrese un ciclo oposición/represión que forzará aos liberais á clandestinidade conspirativa coa participación:de sociedades secretas de fraternidade mutua . Dos tres periodos cronolóxicos nos que repartimos o reinado de Fernando VII, o segundo, un trienio (1820-23), foi de carácter político liberal. O 1.1.1920 Rafael Riego ao fronte das tropas acantonadas en Andalucía para combater aos independentistas das colonias americanas pronunciouse en Cabezas de San Juan (Sevilla). Unha vez máis, os liberais coruñeses (lémbrese o pronunciamento de Porlier) nomearon unha Xunta de Goberno de Galicia, peza clave para decidir nesta ocasión sí o restablecemento da Constitución de 1812. O exemplo foi imitado e unha onda revolucionaria extendeuse por Europa, aínda que só triunfou en Portugal, nas Duas Sicilias e en Piamonte-Sardeña. Os gobernos do Trienio voltaron a poñer en vixencia toda a lexislación aprobada polas Cortes de Cádiz en 1812; mais tb deron un novo pulo ás transformacións socioeconómicas e administrativas. Entre éstas últimas salienta a reforma da instrucción pública e do Exército (xunto a un novo Código penal e a unha nova división provincial). Cos gobernos do Trienio, a Igrexa voltou a verse afectada por unha política que xunto á loita contra os privilexios procuraba resolver os seus problemas de Facenda. Entre


estas medidas anticlericais destaca a desamortización dos bens da Inquisición e a a supresión da metade do décimo. O fracaso das insurreccións realistas e o medo á extensión da revolución liberal levará á Santa Alianza (ás cancillerías europeas reunidas en Verona -1822) a decidir unha intervención en España a favor dos dereitos de Fernando VII como monarca absoluto, que se concretaría na fórmula dos Cen Mil Fillos de San Luís (Duque de Angulema). O terceiro periodo cronolóxico do reinado de Fernando VII corresponde a unha década absolutista coñecida polos liberais como a década ominosa. Os partidarios do absolutismo (servís) agrupados arredor de Carlos Mª Isidro, herdeiro á Coroa neses momentos, son coñecidos como: ultrarrealistas. (No campo liberal as diferencias son entre moderados/pasteleiros e exaltados/ zurriaguistas/ragalistas). As conspiracións contra Fernando VII dos realistas puros sucedéronse ao largo de toda a década absolutista. A desconfianza no monarca estaba motivada pola aceptación da Constitución de Cádiz durante o Trienio. En 1830 e ante o embarazo da Raiña María Cristina de Borbón, Fernando VII ordenou a publicación da Pragmática Sanción que derogaba a Lei Sálica. Tratábase de regular a sucesión por liña femenina. A proclamación de Isabel II como herdeira do trono orixinou un problema dinástico que derivará nun conflicto civil coñecido como guerra carlista. Non podemos deixar de mencionar como feito transcendental no reinado de Fernando VII a emancipación das colonias españolas, longa e complexa, que desenvolveuse entre 1808 e 1824 e amosou entre os seus trazos máis especiais, o protagonismo da maioría criolla. No proceso de independencia das colonias españolas distínguese unha etapa inicial de formación de Xuntas revolucionarias que asumen a soberanía, seguida doutras dous, as guerras civís (1810-16) e o progreso independentista (1816-24) .A aspiración a unha América políticamente unida baixo a fórmula da Gran Colombia foi o sono de Simón Bolívar.


3.- TRANSICIÓN LIBERAL: REXENCIA DE MARÍA CRISTINA. A peculiaridade da transición política desde o absolutismo desenvolvida en España entre 1833 e 1837/39 atópase no feito de levarse a cabo no contexto dun enfrontamento bélico (ata a exclusión do adversario) carlista/isabelino. Orixinado pola crise dinástica trala morte de Fernando VII, o carlismo é un movemento político caracterizado pola defensa do lexitimismo, do tradicionalismo e do foralismo. Sociolóxicamente o carlismo estivo apoiado polo pequeno campesiñado e polo clero e a fidalguía rural. Isto, explica que nos territorios dominados polos carlistas o conflicto bélico fora percibido como unha oposición campo-cidade. A guerra carlista non foi só un conflicto interior, senón tb un conflicto con repercusións internacionais como o reflicte o apoio francobritánico ós isabelinos liberais, o apoio das potencias centroeuropeas ós tradicionalistas, e o paralelismo político entre os dous Reinos peninsulares (España e Portugal). A superioridade do exército isabelino viuse equilibrada pola guerra de guerrillas practicada polos carlistas. Xeográficamente, localizouse de forma máis intensa nas Provincias Vascas. Na cruenta I Guerra Carlista pódense distinguir etapas. Na 1ª terminada coa morte de Zumalacárregui no asedio de Bilbao, a guerra adquiriu o aspecto de enfrontamento entre bandos irreconciliabeis. Na 2ª, as expedicións carlistas extendéronse fora das súas zonas de dominio e así o propio don Carlos chegou ás portas de Madrid. A 3ª fase da I guerra carlista, de 1837 a 1840, caracterízase pola división dos tradicionalistas, que finalmente pactarán co goberno de Mª Cristina a cambio do recoñecemento dos fueros e dos empregos e grados do exército carlista. Foi o pacto coñecido como a Aperta de Vergara . O outro trazo non menos significativo desta transición ao liberalismo foi a loita polo poder político entre os isabelinos. En 1833, á morte de Fernando VII, a súa muller Mª Cristina de Borbón converteuse en Rexente. O seu primeiro goberno estivo presidido, xa dende 1832, por Cea Bermúdez, político reformista da tradición do despotismo ilustrado, quen logrará incorporar apoios liberais á causa isabelina a través da sustitución dos mandos policiais e militares absolutistas. Na procura dunha maior racionalización administrativa pero tb dunha maior centralización e control territorial o Real Decreto de 30.11.1833 estableceu unha nova división provincial, aínda hoxe vixente; o seu promotor foi o Ministro de Fomento, Javier de Burgos. En I834, baixo a presión de sectores liberais, Mª Cristina nomeou un novo goberno encabezado por Martínez de la Rosa, quen decretou, xunto a unha disolución da lexislación gremial e unha nova amnistía, a convocatoria de Cortes para a elaboración dunha nova lei fundamental do Reino (unha Carta Outorgada) que recollera os trazos do novo réxime, chamada Estatuto Real. No verán de 1835 de novo a inestabilidade política concretouse na formación de Xuntas nas grandes cidades (Barcelona, Zaragoza, Valencia) que reclamaron o restablecemento da Constitución de 1812. A insurrección tivo un forte carácter anarquizante (queima de arquivos fiscais), socialista (queima de fábricas como Bonaplata en Barcelona) e sobre todo anticlerical (queima de conventos -por supostos ou reais refuxios de carlistas). A situación revolucionaria de 1835 obrigou a Mª Cristina a confiar o goberno a Mendizábal, liberal cun pasado radical, que non introduciu ningún cambio fundamental no sistema político, se ben outras das súas


medidas tiveron transcendencia. Un exemplo foi: a desamortización eclesiástica de bens de ordes relixiosas suprimidas e a redención de quintas no servicio militar obrigatorio. O goberno de Mendizábal orixinaba desconfianza nos moderados, razón polo que a Raiña Gobernadora nomeou a Istúriz presidente do Consello de ministros; sen embargo, a súa disolución das Cortes, considerada unha provocación polos progresistas, levou a estos no verán de 1836 á insurrección e a formación de novas Xuntas, que triunfaron tralo Motín de San Ildefonso de la Granja. En 1836 como resultado dos levantamentos populares, a Rexente nomeou a Calatrava, de tendencia progresista, xefe de goberno, quen restableceu a lexislación promulgada en Cádiz e durante o Trienio Liberal, así como a convocatoria de Cortes constituintes para reformar a Constitución de 1812. Unha vez promulgada a Constitución de 1837, gobernarán primeiro os moderados (2ª rexencia de Mª Cristina) e despois os progresistas (rexencia de Espartero). No proceso constituinte, as concesións dos progresistas ós moderados están en relación co reforzamento das prerrogativas reais vs a participación popular; mais non afectaron á declaración de dereitos e liberdades (cunha novidade na cuestión relixiosa: certa tolerancia relixiosa compatible co mantenemento do culto católico).


4.- REXIMEN LIBERAL: REINADO PERSONAL DE ISABEL II (1843-68) “A construcción do Estado liberal” O periodo comprendido entre 1837-1923 caracterizouse pola vixencia do réxime liberal como sistema organizador da vida política, social e económica. A tendencia ideolóxica dominante foi o liberalismo doutrinario e conservador, que identificamos coa restricción dos dereitos políticos (sufraxio censitario) xustificada na autochamada “soberanía da intelixencia” (Benjamín Constant). No enfrontamento político, dada a debilidade e división dos grupos, xogaron un papel clave os militares e a Coroa. Diferencianse claramente ao largo do réxime liberal decimonónico, seguindo criterios político-ideolóxicos como a vixencia das alternancias partidarias no funcionamento do sistema, tres periodos: o Reinado constitucional de Isabel II (partido moderado), o Sexenio democrático (partido progresista e partidos republicanos) e a Restauración borbónica (partido conservador e partido liberal), respectivamente asociados coas seguintes datas de inicio 1837, 1868 e 1875 e de término 1868, 1874 e 1923. No que refire ao reinado de Isabel II diferenciamos unha etapa de minoridade, na que estivo vixente a Constitución de 1837, subdivida en dous fases a preconstitucional e a constitucional e ésta integrada pola 2ª fase da rexencia de Mª Cristina, a rexencia de Espartero e o inicio do reinado persoal de Isabel II, unha vez recoñecida maior de idade aos 13 anos. Estos tres tramos os asociamos ás seguintes datas de inicio 1837, 1840 e 1843 e de término 1840, 1843 e 1845. En concreto, no reinado de Isabel II propiamente dito, e baixo o amparo da Constitución de 1845 diferencianse unha Década moderada (1845-54), un Bienio progresista (1854-56), a Década moderada-unionista (1856-66) e finalmente, a crise de partidos dinásticos de 1867-68. A década (1844-54), na que dominaron a política os moderados e ultramoderados, monárquicos constitucionais e conservadores, defensores dos postulados do liberalismo doutrinario baseado na unión de liberdade e orde, deixou como fitos, xunto á modernización en sentido liberal da Administración, a Constitución de 1845 que implementaría unha forte centralización a costa dos Concellos e o Concordato de 1851, que normalizaba as relacións Igrexa-Estado sobre o recoñecemento a tódolos efectos das desamortizacións de Mendizábal (1835) e de Espartero (1841) e o sostenemento económico da institución eclesial. A primacía da orde sobre a liberdade púxose de manifesto tanto na represión dos pronunciamentos progresistas (Levantamento de 1846/Mártires de Carral) como das partidas carlistas (2ª Guerra carlista, 1846-49, ”guerra dos matiners”) ou pola actuación dos ultramoderados, a prol da suspensión das garantías constitucionais, de Bravo Murillo. O favor sistemático de Isabel II polos gobernos moderados provocará, o retraemento a participar no xogo político por parte dos progresistas, a outra forza do sistema de partidos dinásticos, que só se mantivo no poder durante o bienio progresista (185456). En 1854, moderados descontentos, con O´Donnell á cabeza, protagonizaron en Vicálvaro un pronunciamento cun programa no que se recollía a aspiración a reformar o sistema vixente (Manifesto de Manzanares). Xunto á Constitución


“non nata” de1856, na liña da Constitución de 1837, destaca na lexislación dos gobernos progresistas de Espartero a Lei de Desamortización Xeral (Lei Madoz) a costa dos bens comúns e propios dos Concellos, a Lei xeral de ferrocarrís e a Lei de ordenamento bancario. As divisións entre os progresistas e a falla de apoio popular permitiron a O´Donnell derrotar á restablecida Milicia Nacional e desprazar a Espartero. Restaurada a Constitución de 1845 alternáronse entre 1856 e 1866 os gobernos moderados de Narváez e os da Unión Liberal de O´Donnell (“puritanos” + “resellados”), promotores dunha política exterior expansiva, que tivo como escenarios Asia (Cochinchina), África (Marrocos), o Caribe (México e Sto Domingo) e o Pacífico (Chile e Perú). A partir de 1863 entra en crise a mutua lealtade entre moderados e unionistas. En 1866 (pronunciamento de San Gil), as discrepancias entre a Raiña e o Xefe de Goberno O´Donnell rematan coa expatriación voluntaria deste a Francia. Paralelamente, ao exercicio dictatorial de Narváez, a oposición progresista (Prim) e demócrata (Rivero) articúlase arredor do Pacto de Ostende (1866), ratificado no Pacto de Bruxelas (1867). A revolución de 1868 (“Gloriosa” ou “Septembrina”), que trala morte de Narváez se abre co pronunciamento de Cádiz (progresistas de Prim e unionistas de Serrano) e a batalla de Puente Alcolea (Córdoba) baixo o lema “¡España con honra!”, foi seguido da formación de Xuntas nas cidades que, alen das reclamacións democráticas (sufraxio universal e liberdade de expresión e asociación), esixían reinvindicacións sociais contra os consumos e as quintas.


5.- REXIME LIBERAL: ”O SEXENIO DEMOCRÁTICO” (1868-74). En 1869 foi promulgada unha nova Constitución, esta vez inspirada nos principios democráticos, manifestamente expresos na declaración de que a Nación reunida en Cortes e elexidas por sufraxio universal era a depositaria da soberanía. O artígo 33 da Constitución de 1869 recoñece como forma de goberno da nación española á Monarquía; aínda así, a negativa de Prim, un dos principais actores do pronunciamento gaditano de 1868 á aceptación dunha candidatura borbónica obrigou a buscar un rei que debería ter como condicións ser liberal e católico. Finalmente, cunha forte oposición, foi aprobada en Cortes a candidatura de Amadeo de Saboia, de alcumes tan significativos como Don Macarrone I e Don Melone I, expresión do rexeitamento que provocaba tanto nos poderes fácticos como nos sectores populares. A súa chegada a España coincidiu coa abolición dos Estados Pontificios trala ocupación de Roma polo exército de Víctor Manuel II, pai de Amadeo e co asasenato de Prim, o 27.12.1870. A inestabilidade política foi o trazo máis característico do reinado de Amadeo I. Entre os problemas que a provocaban estaban as tensións internas na coalición gubernamental e o bloqueo parlamentario da oposición, postos de manifesto en temas como: a cuestión social (reinvindicacións obreiras e campesiñas). Foron estas dificultades insuperabeis para os gobernos da Monarquía democrática as que levaron á abdicación voluntaria de Amadeo I en nome da fidelidade constitucional, despois, en expresión do propio monarca de “dous anos largos” (2.01.1871/2.02.1873). O paradóxico da situación creada polo baleiro de poder sería a proclamación da República por unhas Cortes maioritariamente monárquicas. Proclamada a I República española en febreiro de 1873, Congreso e Senado (corpos colexisladores por igual, segundo a Constitución de 1869), asumiron como Asemblea Nacional tódolos poderes, deixando ás futuras Cortes constituíntes a organización concreta da forma de goberno republicana. As variantes en xogo dacordo cos partidos vixentes eran: República unitaria e República federal ou confederal-cantonalista. Funcionando como un réxime de Convención –cun executivo delegado do lexislativo- a Asemblea Nacional republicana nomeou directamente ao Presidente que exercía as funcións de Xefe de Estado e de Goberno, responsabilidade que recaeu o mesmo día da proclamación da República en Estanislao Figueras. Os gañadores dos comicios a Cortes constituíntes foron, fronte aos unitarios e aos intransixentes (cantonalistas), os gradualistas (federalistas). A nova Asemblea constituínte proclamou a República federal e nomeou Presidente a Francisco Pi i Margall en xuño de 1873; sen embargo, no proxecto da Constitución federal de 1873 estableceuse que o Presidente da República elexiriase por sufraxio universal directo. No proxecto constitucional da República de 1873, que contou con Emilio Castelar como Presidente da Comisión redactora, as Cortes seguiron sendo bicamerais, se ben o Senado como asemblea territorial estaba composto polos representantes dos 17 Estados que se federaban. Entre estos encontrabanse Cuba e Porto Rico. Coa República a axitación social e política incrementouse en toda España, estimulada nalgúns casos pola Federación Rexional Española da A.I.T. e noutros


polos cantonalistas a quenes se lles responsabiliza da demisión de Pi i Margall. Localidades escenarios destes radicalismos foron Alcoi e Cartaxena. Deste xeito, o terceiro goberno republicano, presidido por Nicolás Salmerón (xullo de 1873) tivo que apoiarse fronte ao cantonalismo, ao carlismo ou a guerra en Cuba no exército, mais non na pena de morte, razón pola que dimitiu. O cuarto goberno, dotado de poderes extraordinarios pola Asemblea, estivo presidido por Emilio Castelar. Finalmente, malia a disolución da Asemblea en plena sesión parlamentaria polo xeneral Pavía (xaneiro de 1874), o final da República, xa coas garantías constitucionais suspensas, prolongarase coa Dictadura de Serrano ata o pronunciamento do xeneral Martínez Campos a favor de Alfonso XII en Sagunto (decembro de 1874)


6.- O REXIME LIBERAL: ”A RESTAURACIÓN (1875-1923)” A Restauración da dinastía e o canovismo como o seu sistema político asociado á Constitución de 1876, tiveron unha vixencia de dous monarcas, Alfonso XII e Alfonso XIII, e dunha rexente, Mª Cristina de Habsburgo-Lorena (total 47 anos). A valoración de carácter negativa do réxime da Restauración, en parte compartida pola historiografía, refire aos vicios no funcionamento dun sistema, supostamente harmónico, ao descansar sobre os seguintes elementos: a quenda de partidos dinásticos (Conservador/Liberal), a lei de 1890 que modifica a lei de 1878 e non alterará en esencia a lei electoral de 1908 e o fenómeno caciquil que reforzaba a estructura social oligárquica a través das prácticas do “encasillado” e do “pucherazo”. En síntese, na Constitución de 1876, breve e flexible, froito da experiencia política de Cánovas, partidario de que a Carta Magna só recollera puntos fundamentais para deixar a súa concreción restrictiva ou liberalizadora ás leis de rango inferior, as Cortes tiñan un papel subordinado en relación coa Coroa, o que permite definir ó Estado como Monarquía Constitucional doutrinaria. En efecto, as bases fundamentais do sistema político da Restauración foron, a dobre confianza real e parlamentaria na formación dos gobernos e a transación ou consenso en materia de dereitos e liberdades (cfr.,a lei electoral de 1890). Respecto da primeira, Cánovas como defensor da Monarquía dos Borbóns e da súa estabilidade consideraba como fontes de lexitinidade unha constitución interna e outra externa, é dicir da tradición histórica e do exercicio da vontade política (en definitiva, soberanía compartida de Coroa e Cortes). O regreso dos Borbón ao trono de España foi coidadosamente preparado por Cánovas del Castillo. En 1870 –non resolta a cuestión da Xefatura do Estado pola monarquía democrática de 1869- conseguiu que Isabel II abdicara no seu fillo Alfonso, cuxo compromiso coa monarquía parlamentaria fíxose público a través do Manifesto de Sandhurst (1874). Ao longo dese periodo, Cánovas esperaba que, co previsible fracaso da República, o retorno á Monarquía constitucional fora unha demanda popular; pero, os pronunciamentos de Pavía e sobre todo o pro-alfonsino de Martínez Campos precipitarían os acontecementos, é dicir, a rexencia de Cánovas. Unha vez promulgada a Constitución de 1876, o principal obxetivo do reinado será a pacificación do país co final da 3ª Guerra Carlista (1876) e coa Paz de Zanjón (1878), coa que remata a insurrección colonial en Cuba encetada dez anos antes co “Grito de Yara” . En 1885, a morte prematura do rei provocou grande incerteza; ante esa situación os partidos dinásticos acordaron a través do Pacto de El Pardo agardar a proclamar herdeiro a coñecer se o fillo póstumo do rei sería varón e a garantir a pervivencia do réxime e a vixencia da quenda pacífica no goberno. Se durante o reinado de Alfonso XII se puxeron as bases do sistema canovista, na rexencia de Mª Cristina, ”Doña Virtudes”(1885-1902), o sistema adquiriu a súa madurez. Foi esta estabilidade política o que permitiu aos gobernos do partido liberal de Sagasta introducir reformas como a lei de asociacións (1887) e a lei electoral (1890) ou a supresión da escravitude (1886) e o Código civil (1889). A situación económica e social foi relativamente estable e as organizacións obreiras puideron celebrar por 1ª vez en 1890 a xornada do 1º de maio, pero as axitacións


agrarias e os atentados terroristas tamén se incrementaron (en Barcelona, Liceo e procesión do Corpus, en 1893 e 1896 respectivamente; magnicidio de Cánovas en 1897). Sen embargo, a principal crise na rexencia de Mª Cristina será a Guerra de Cuba (“Grito de Baire”, 1895). A guerra, que se extendería a Filipinas e agravouse polo apoio aos insurrectos por parte dos EEUU. O ultimátum contra o goberno de España, trala explosión do Maine, levoulle a declarar a guerra aos USA coa a única oposición das organizacións obreiras e dalgúns intelectuais. O armisticio que significou á perda das colonias firmouse en París (1898). A CRISE DA RESTAURACIÓN A derrota fronte os EEUU e o modo de producirse causou un forte impacto na opinión pública e unha profunda ferida política sobre o futuro de España. Entre as consecuencias do desastre do 98 salienta a frustración do estamento militar que adoptará unha actitude de defensa corporativa, namentras que a preeminencia do poder civil sobre o poder militar, unha das bases da Restauración, invertiuse a raíz dos “incidentes de Barcelona” e da aprobación da lei de xurisdiccións (1906). Outras manifestacións do malestar provocado polo “desastre de 1898”, esta vez nos sectores burgueses por mor da incapacidade da propia oligarquía dominante, fronte á ineficacia do Estado e á postración da agricultura, foron o republicanismo, o nacionalismo, o rexeneracionismo e unha emerxente intelectualidade crítica (cfr., “Xeneración de 98”). En maio de 1902, Alfonso XIII, alcanzada a maioría de idade (aos 16 anos), foi proclamado rei. Dende o inicio amosou unha inclinación pola intervención nos asuntos políticos (cfr., Constitución de 1876). Esta fase constitucional de seu reinado persoal representa a desarticulación do sistema canovista por mor da descomposición dos partidos dinásticos (cfr., creba do seu monopolio nas eleccións municipais). O desastre do 98 fixera tomar conciencia aos partidos dinásticos da necesidade de introducir reformas, aínda que non alterasen as bases do sistema (soberanía e prerrogativas da Coroa); así, A. Maura ao fronte dos conservadores elaborou entre 1907-09 varios proxectos como a lei de reforma electoral e o recoñecemento do dereito de folga. Pola súa parte, entre 1910-12 e dende a presidencia do goberno o liberal J. Canalejas tentará realizar reformas para ampliar a base social do sistema da Restauración; entre as máis significativas, estaban a lei de asociacións relixiosas ou “lei do candado” (1910), a lei de mancomunidades provinciais (Dato, 1913) e a lei dos “soldados de cota” ao servicio militar obrigatorio. O fracaso das reformas pola oposición dos grupos dominantes e a forza dos poderes fácticos (Exército e Igrexa) á hora de impor condicións ó Estado, puxeron de manifesto a incapacidade dunha evolución do sistema canovista (Cfr., Xuntas de defensa e outras corporacións de funcionarios, vbgr. Correos). Ao anterior, hai que engadir en 1917 a crise económica provocada pola inflación derivada da orientación exportadora da nosa economía durante a 1ª G.M., (cfr., neutralidade do goberno Dato). A partir de 1917 a inestabilidade política (cfr., gobernos de concentración e de escasa duración) e social foi unha constante da vida española; respecto da primeira, á incapacidade dos partidos hai que engadir as torpezas do monarca na procura permanente de apoio no Exército e respecto da segunda, hai que diferenciar entre a violencia da loita de clases nas cidades (cfr.,”A verdade do caso Savolta”) e da conflictividade no rural máis plural: ”trienio bolxevique” en Andalucía ou loita antiforal en Galicia..


7.- NACIÓN E NACIONALISMOS EN ESPAÑA (1837-1923). A NACIÓN ESPAÑOLA.O ideal da nación española como corpo político que agrupa a tódolos habitantes da Coroa española e que conleva a abolición de tódalas particularidades persoais (privilexios feudais) e territoriais (fueros), foi proclamado polos patriotas da Constitución de 1812. A división dos liberais en duas correntes antagónicas, doutrinarios e demócratas, deu lugar á aparición de distintas interpretacións sobre a nación española. Así, o nacionalismo español conservador (Cánovas, Menéndez Pelayo) preponderante nos ss XIX e XX tiña carácter unitario e historicista, mentras o nacionalismo español liberal-democrático o era dunha grande heteroxeneidade respecto dos particularismos (unitarios vs federais), mais non respecto da concepción da nación española como corpo de asociados baixo unhas mesmas leis de profundización dos dereitos individuais, igualmente defendida polos republicanos (Pi i Margall). Desde esta perspectiva, enténdense que o Desastre de 1898 e a Guerra Civil de 1936 provocaran unha reflexión e unha literatura que tivo como obxeto de análise a “España como problema” (Merece citarse a Sánchez Albornoz “España, un enigma histórico” e a Américo Castro “La realidad histórica de España”). A orixe dos nacionalismos periféricos responde a diversos factores: xunto á diversidade cultural e lingüística, salienta a falla de consenso sobre o sistema político e os símbolos nacionais e a falla de coincidencia entre o centro político e os centros económicos do país. O proceso de creación e consolidación dunha conciencia e dun movemento nacionalista pasa por diversas etapas dende os inicios culturalistas ata a súa formulación política. En España atopamos sucesivamente manifestacións de provincialismo (no contexto de reinvindicación da soberanía popular), rexionalismo (posterior á experiencia da I República) e nacionalismo (lémbrese os 14 puntos de Wilson). NACIONALISMO CATALANISTA.O catalanismo foise conformando dende mediados do XIX ata a súa plena vertebración a principios do XX. Dende unha perspectiva cronolóxica pódense diferenciar no desenvolvemento do catalanismo tres etapas: de 1833 a 1875, de 1875 a 1901 e de 1901 a 1923. A primeira identifícase coa Renaixença, a segunda coa madureza ideolóxica do nacionalismo, e a terceira co proxecto de Estatuto de Autonomía de 1919. A salientar a diversidade de manifestacións ideolóxicas, concretamente de tradicionalismo e de federalismo republicano, e estratéxicas (da participación no goberno central ata a proposta de estado propio); así como, unha clientela social preferentemente burguesa. Os principios elaborados por Enric Prat de la Riba (“Nacionalitat Catalana”,1906) aceptados amplamente por tódolos nacionalistas cataláns foron os dereitos a un Estado catalán integrado nunha Federación española, mentras a praxe do posibilismo político en canto ás formas de goberno constitue a base só deste nacionalismo conservador. Fronte a un nacionalismo conservador e católico, o principal ideólogo do nacionalismo progresista, laico e republicano, partidario dun maior equilibrio entre as razóns históricas e as políticas democráticas, foi Rovira i Virgili (“Nacionalisme i federalisme”, 1917). O catalanismo desenvolveu unha serie de actuacións para consegui-los seus fins: a catalanización mediante o emprego da lingoa, a fundación


de organizacións propias como a Lliga Regionalista de Cambó e a presión ó goberno central; entre os fitos ideolóxicos e institucionais do catalanismo entre 1859 e 1923 mencionaríamos as Bases de Manresa (1892) e a Mancomunitat de Catalunya (1914). NACIONALISMO VASCO.Dende a época medieval as provincias vascas mantiveran vixentes os seus Fueros (exencións de impostos, restriccións ó servicio militar, autonomía políticoadministrativa e económica), respetados polos Decretos de Nova Planta de Felipe V; sen embargo, esta tradición foral non deu lugar a institucións comúns e unitarias, ainda que sí a actuacións conxuntas na defensa dos privilexios forais. A Guerra Carlista dos 7 anos (1833-39) rematou coa sinatura do Convenio de Vergara, que aspiraba a conciliar o respecto dos Fueros coa unidade constitucional e que só culminou con éxito en Navarra a través da Lei Paccionada de 1841. Non puido Espartero, firmante da Paz de Vergara, sen embargo, restablecer os Fueros ante a negativa dos representantes das provincias vascas á implantación do sistema xudicial, electoral, aduaneiro e militar común a toda España; tal iniciativa corresponderá temporalmente (cfr.,2ª Guerra carlista,1946-49) a partir de 1844 ós gobernos liberais moderados que trala terceira guerra carlista (1872-76) establecerán no seo lugar un Concerto Económico (1878). A frustración dos sentimentos foralistas e o temor á destrucción das esencias da sociedade tradicional pola rápida industrialización de Bizkaia levou a Sabino Arana á fundación do PNV (1895) e a formulación dun nacionalismo racista e independentista. Na segunda década do s.XX desenvolveuse unha corrente posibilista e pragmática a prol da autonomía, personificada por Engracio de Aranzadi (Comunión nacionalista vasca,1913). Coa chegada da Dictadura, o nacionalismo vasco recuperou as siglas do PNV e o pensamento aranista. NACIONALISMO GALEGUISTA.As primeiras manifestacións dun particularismo galeguista están culturalmente relacionadas co historicismo romántico europeo e políticamente cos movementos provincialistas desenvolvidos en toda España polos sectores radicais do liberalismo: esas duas influencias concretanse no Rexurdimento literario e na xeración de 1846. O rexionalismo como movemento que busca a partir de 1880 o emprego da lingua propia e o dereito de autonomía sen racha-la unidade do Estado español amosa duas posturas ideolóxicas diferenciadas, unha tradicionalista de forte fundamentación teórica e escasas realizacións políticas e outra liberal, potencialmente con maior receptibilidade no Estado; respectivamente, estarían personificadas por Alfredo Braña e Manuel Murguía. En 1907 fundouse Solidaridad Gallega coa intención de agrupar a tódalas persoas e grupos defensores da descentralización e da participación electoral e cunha grande preocupación agrarista; corresponderá, sen embargo, ás Irmandades da Fala afirmar con rotundidade que Galicia é unha nación e a esixencia dunha autonomía integral, recollida no Manifesto da I Asemblea (1918) de Monforte. A partir daquí tódolos nacionalistas galegos manteñen un ideario común básico: denuncia da opresión cultural e do atraso económico, apoloxía da modernización da producción agropecuaria, autonomía integral e rechazo do separatismo. As diferencias xorden por motivos políticos e sociais entre nacionalistas tradicionalistas e democráticos.


8.- MODELO DEMOGRÁFICO E ESTRUCTURA SOCIAL MODELO DEMOGRAFICO Durante o s.XIX e as duas primeiras décadas do s.XX a poboación española experimentou un significativo crecemento, se ben mantendo durante décadas moitos trazos do modelo demográfico antigo; por ejemplo, en 1900 a esperanza de vida seguía a ser de 35 anos. As causas da elevada mortalidade foron, xunto ás crises de subsistencia polas malas colleitas, as guerras civís e as enfermedades endémicas (tifus) e as epidemias catastróficas (gripes, cólera). Superada a última das grandes epidemias de cólera (1885), inicia España cambios demográficos; a natalidade ó igual que a mortalidade redúcese nas cidades (cfr., a mellora das condicións higiénico-ambientais) e. en consecuencia, aumentou a esperanza de vida (50 años) e o total da poboación, se ben con importantes diferencias rexionais a prol da costa atlántica meridional e mediterránea. Outro trazo característico do modelo demográfico antigo é o predominio da poboación rural. A finais do s.XIX as cidades de 100.000 habs representan o 9% da poboación e só Madrid e Barcelona alcanzaban os 500.000 habs. A poboación urbana incrementouse no 1º 1/3 so s.XX (entre 1900-1930 a poboación de núcleos de + de 10.000 habs. pasou do 32% ó 42%). Este crecemento foi posible, gracias ó éxodo rural. Dende a 2ª ½ do s.XIX deuse un constante movemento emigratorio especialmente a América. Esta emigración a ultramar foi un fenómeno xeral europeo. España e dentro desta Galicia (co 40% do total da española) participou cunha das maiores emigracións. A recesión dos fluxos e a volta dos indianos prodúxose coa crise de 1929. ESTRUCTURA SOCIAL Dende as décadas iniciais do s.XIX producíronse cambios na estructura social a favor dunha organización clasista, é decir, dunha sociedade ordenada segundo criterios económicos (propiedade ou non dos medios de producción) e de mobilidade social garantida polo recoñecemento da valía persoal. Entre os persoaxes que logran alcanza-las máximas cotas de estima social menciónase ó propio Espartero (fillo dun carreteiro manchego con títulos de Grande de España). A nobreza, aínda que perdeu privilegios xudiciais e fiscais, mantivo grande influencia social e económica. A historiografía oscila entre a tese do aburguesamento nobiliario e a do ennobrecemento burgués ( a través de títulos ou de matrimonio). En Galicia, a fidalguía, grupo ben diferenciado dende a percepción de rendas agrícolas como base económica tamén conservou poder social, manifesto na participación en partidas carlistas e posteriormente no caciquismo político. O campesiñado no s.XIX seguiu a se-lo grupo máis numeroso (cara a 1930, aínda o 40% era poboación agraria). En liñas xerais, os campesiños pobres sufriron os efectos da transformación liberal do rexime de propiedade. Territorialmente, ó N. domina o minifundismo e ó S. o latifundismo. Entre os lastres da renovación do campo galego estaba o sistema foral que impedía modifica-lo tipo de cultivo. A burguesía integrada por unha burguesía de negocios (comerciantes, industriais, financieiros), agraria (terratenientes) e liberal (altos funcionarios e profesionais de prestixio) constituiu o grupo social ascendente. A revolución política liberal e o desenvolvemento capitalista contribuiron a que se fixera co control político e económico, conformando os seus valores-ideas a “sociedade burguesa”. É preciso


diferenciar neste sector burgués o conglomerado das clases medias, defensor no s.XIX dos principios liberais e democráticos. PROLETARIADO INDUSTRIAL E MOVEMENTO OBREIRO O proletariado industrial desenvolveuse parello á industrialización. En España, en consecuencia, o aumento de traballadores industriais foi lento. Das duras condicións de vida xurdirá unha conciencia de clase e unha acción colectiva. Xunto ós tradiciónais motíns de subsistencia e fronte ós conflictos agrarios, as protestas obreiras amosan manifestacións diversas segundo o tempo. Ó inicio dominan as formas destructivas, coñecidas como ludismo. Inmediatamente, seguindo a tradición gremial os obreiros tentaron crear asociacións, o que negaba a lexislación liberal na defensa da liberdade de mercado e de empresa, razón pola que as primeiras agrupacións adoptaron a forma de sociedades de socorro e de apoio mutuo por oficios (mutualismo e sindicalismo por oficio). En España, as primeiras organizacións de clase ou de unións de distintos oficios (sindicalismo xeral) correspóndense co Sexenio revolucionario, se exceptuamos a breve experiencia da Unión de clases de Barcelona no Bienio progresista. Para defende-los seus intereses e facer fronte ás reinvindicacións obreiras, os empresarios crearon tamén asociacións (Juntas de Comercio, Cámaras Oficiales, Confederación Patronal Española). O Estado liberal, pola súa parte non dubidou en emprega-la forza para sufoca-las manifestacións e as folgas. Polo que á lexislación laboral se refire, salienta a Comisión/Instituto de Reformas Sociais (1883 e 1903, respectivamente), o Instituto Nacional de Previsión (1908), o dereito de folga (1909) e a xornada de 8 horas (1919). O MOVEMENTO AGRARISTA A agricultura galega seguía a ser a comezos do s.XX a fonte de riqueza principal; sen embargo, amosaba un fato de problemas, sendo concretamente dous percibidos como de obrigada solución: o caciquismo e os foros. En Galicia, o movemento de reinvindicación agraria coñécese como nome xenérico de agrarismo e se incicia propiamente coa aprobación da Lei de 1906 que establecía a legalidade dos sindicatos agrarios, en grande medida católicos. Entre as asociacións agraristas destacan Solidaridad Gallega (1907) e Acción Gallega (1910); entre os líderes, Basilio Álvarez, e entre as protestas, Sobredo de Tui (1922). Nos seus programas, xunto á redención dos foros e ó fin do caciquismo, a creación de bancos de labregos e o fomento da industria agropecuaria e das comunicacións. Durante a Dictadura de Primo de Rivera tivo lugar a redención dos foros por indemnizacións (1926), que procederon das remesas dos emigrantes e da venta de excedentes gandeiros.

Addenda: A incorporación da muller ó mundo laboral explícase na insuficiencia dos salarios obreiros no sostén familiar. O novo ámbito non mellorou a súa condición social, tanto xurídica (cfr., Código Civil, negación de dtos. políticos), como laboral (a igual traballo, menor salario). Xunto ás individualidades (cfr., Concepción Arenal), xurden colectivos feministas como a Asociación Nacional de Mujeres Españolas.


9.- ATRASO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DE ESPAÑA TRAZOS XERAIS Durante o s.XIX e as dúas primeiras décadas do s.XX, España experimentou un largo periodo de modernización no que se puxeron en marcha numerosas modificacións económicas, xurídicas, demográficas e sociais, baixo o marco ideológico do liberalismo político e económico. De acordo con estos presupostos ideolóxicosociais da burguesía, as actividades económicas deben estar exclusivamente en mans dos particulares (propiedade privada), a liberdade económica basearse no libre xogo da oferta e da demanda, e o capital empregarse na obtención de beneficios continuos; no caso español, a lentitude dos cambios reflicte a febleza da burguesía e a brevidade dos gobernos progresistas pudiendo resumir que o proceso de renovación agrícola, industrial e comercial no s.XIX e comezos do s.XX foi débil por mor da pervivencia dunha mentalidade tradicional á procura do proteccionismo do Estado e dunha agricultura incapaz de actuar como motor proporcionando mercados e capitais ó resto dos sectores económicos. Fronte á política de liberdade total do mercado interior, as políticas comerciais respecto dos mercados internacionais van a oscilar entre librecambismo e proteccionismo. No s.XIX e en Europa, en liñas xerais, o librecambismo só foi dominante nas décadas dos 50 e 60; en España, nas fases proteccionistas, cada sector empresarial reinvindicou protección para o seu sector, ó tempo que a liberalización dos restantes. A liberalización arancelaria española foi librecambista en 1841 e 1869 e pola contra, proteccionista en 1849 e 1877. O proteccionismo económico español é valorado de xeito dispar por economistas e historiadores. Para uns (Tamanes) os altos aranceis permitiron a industrialización; para outros, (Tortella), o fortalecemento dos grupos sociais transformadores é parello co retraso do sistema económico, visible no seu raquitismo empresarial. En España a aplicación dos principios de liberalismo económico a partir das medidas económicas de Mendizábal (1835-36) permítennos, distinguir un largo periodo de capitalismo clásico no que se poden diferenciar varias fases. Os fitos máis relevantes das décadas 30-70, caracterizadas por un crecemento moderado, foron a reforma agraria e a formación dun mercado nacional. Entre 1870-90 dase estancamento, consecuencia da formación dun mercado internacional que xera, na falta de competitividade dos productos españois, ruína e emigración, e con estas unha economía dependente do capital extranxeiro e exportadora de materias primas, principalmente mineiras. Entre 1890-1920, apoiado nun crecente proteccionismo estatal como “vía nacionalista do capitalismo español”, constátase na economía española un crecemento (cfr., aumento da poboación urbana e das exportacións agrarias ou maior diversificación industrial e fundación de grandes bancos), que se acelerou nos primeiros anos da 1ª G.M.; pero que foi moi desigual a prol de Catalunya, País Vasco, Madrid e dalgunhas comarcas da periferia peninsular. Atrapado entre a falta de competitividade, as reinvindicacións obreiras e o escaso mercado interior, o sistema económico español camiñaba cara o seu estrangulamento senón se introducían cambios. O dilema intervencionismo estatal ou reformas estructurais resolveuse a favor do primeiro co golpe de Estado do Xeneral Primo de Rivera. UNHA REFORMA AGRARIA INCONCLUSA Para a burguesía liberal a única maneira de conseguir o desenvolvemento agrícola e


o aumento de riqueza era afianzar a propiedade individual. Neste sentido, os gobernos liberais puxeron en práctica a reforma agraria coa que se abolía o rexime señorial; entre estas medidas salienta a desamortización ou venta, previa nacionalización, en pública poxa de bens eclesiásticos ou públicos coñecidos respectivamente como de “mans mortas” e “comúns” ou “propios”. As medidas desamortizadoras prolongáronse no tempo (1836-1855) e tiñeron como precedentes a desamortización de Godoy (1798) e a das Cortes de Cádiz (1813). As políticas desamortizadoras que personifican os liberais progresistas como Mendizábal, Espartero e Madoz diferéncianse segundo a condición dos bens subastados en eclesiásticos de clero regular e secular e en eclesiásticos e civís. A desamortización supuxo a posta en ventra do 50% da terra cultivable e tiña como obxetivos a reforma do rexime de propiedade, sanear a Facenda e ampliar a social da causa liberal, ó tempo que debilitar económicamente a un clero percibido como antiliberal. Historiográficamente, considérase unha ocasión perdida para o acceso do campesiñado á propiedade da terra e para investimento en actividades industriais. Dada a plural finalidade da desamortización non se pode considerar unha consecuencia non buscada que os beneficios daquéla se reduzcan ó cambio de titularidade dos propietarios (cfr., incremento dos latifundios nobiliarios e fragmentación dos eclesiásticos). En Galicia, debido á pervivencia do sistema foral e á organización comunal do monte, a desamortización caracterizouse pola venta só das rendas forais. Se ben os gobernos liberais levaron a cabo unha importante lexislación agraria (desamortización, liberdade de arrendamentos, de cultivos e de prezos) a agricultura na España decimonónica non sufriu un proceso de modernización xeral (cfr., pervivencia dos vellos sistemas de explotación agropecuaria: policultivo de subsistencia e monocultivo cerealista) o que permite falar dunha evolución diverxente na que non faltan especializacións hortofrutícolas e gandeiras, respectivamente en Levante e Cantabria. MERCADO NACIONAL E INDUSTRIALIZACIÓN DESIGUAL A comenzos do s.XIX as trabas legais e as dificultades de comunicación dividían España en pequenos mercados de ámbito regional. A legislación (supresión de aranceis interiores, unificación de pesas e medidas e a liberdade de producción e venda) e o fomento de vías de transporte crearon un mercado integrado. Neste contexto, merece especial mención o ferrocarril (Regulamento de 1844; Lei Xeral de 1855; Plano Xeral de 1877), respecto do cal a política oficial foi de carácter liberalizador. Xunto ás comunicacións terrestres (Lei Xeral de Estradas de 1855), as marítimas, baseadas nas mellora dos portos e perfeccionamento da navegación, e as aéreas máis tardías, xogaron un papel importantísimo a mediados do s.XIX na intensificación dos intercambios comerciais e da informacións Correos, Telégrafos e Teléfonos. Malia ser os esforzo industrializador moi temperán, os progresos foron inferiores ós dos países máis avanzados. Esta percepción do atraso industrial español –análogo ó italiano e portugués- deu lugar a un debate historiográfico (Nadal e o “fracaso da revolución industrial en España”; Tortella e a “longa infancia da industria española”) e a prantexar a existencia dun modelo de modernización: mediterráneo, meridional ou latino. O proceso industrial español entre 1836-1923 amosa como trazos máis característicos a dependencia exterior, o forte predominio das actividades mineiras, o proteccionismo arancelario e un forte desequilibrio


territorial. A industrialización de Catalunya, ligada ó sector textil e á metalurgia de transformación, estivo baseada na reserva exclusiva do mercado interior e colonial. Fronte ó carácter temperán da siderurgia en Andalucía, frustrada pola competencia de Asturias e do País Vasco, que gozaban da vantaxe da súa riqueza mineral e sobre todo da proximidade do mercado inglés, a industrialización en Galicia aparece ligada á industria conserveira, á construcción naval e á hidroelectricidade. As necesidade de capital para desenvolvelas industrias e o financiamento da administración do Estado trouxeron o perfeccionamento do sistema financieiro (bancos e sociedades por accións). En 1856 foi regulamentado por 1ª vez e en 1874 o Banco de España asumiu en exclusiva a emisión da nova moeda, a peseta. Había que esperar ó 1º tercio do s.XX para asistir o nacemento dos grandes bancos, como o Hispano-Americano, o Banesto e o Central.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.