3 minute read

Xustiza para o Ulla e para a ría de Arousa

Next Article
Andoriña

Andoriña

Redacción Cerna

A cidadanía galega entrégase á loita xudicial contra Altri e reúne, nun tempo récord, máis de 39.000 euros a través da campaña de recadación solidaria "Xustiza para o Ulla", impulsada por ADEGA para a defensa xurídica do río Ulla e da ría de Arousa fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino.

A resposta cidadá superou todas as expectativas. Bastaron 19 días para alcanzar, moito antes do prazo previsto, o obxectivo económico establecido: 39.100 euros. Este masivo apoio do pobo galego canalizado a través da campaña "Xustiza para o Ulla" permite a ADEGA dar os primeiros pasos da contenda xudicial contra a industria de celulosa que prevén implantar Altri e Greenalia en Palas de Rei.

En concreto, a organización xa está en disposición de poder afrontar con suficientes garantías técnicas, xurídicas e económicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): contra a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución. Sobre este último, xa no pasado mes de maio de 2025, ADEGA, canda a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, presentou recurso de Alzada, condición previa ao contencioso, polo silencio administrativo de Augas de Galiza á solicitude de arquivo deste expediente.

Será esta unha contenda xurídica prolongada contra a Xunta de Galiza e os intereses das promotoras, nun contexto no que o Goberno galego amosa a súa disposición a sacrificar sectores estratéxicos como a agricultura e a pesca, así como os valores ambientais, sociais e culturais do Ulla e da ría de Arousa. Ata o momento, a campaña "Xustiza para o Ulla" contou coas achegas de centos de persoas e colectivos, e o seu éxito evidencia o forte rexeitamento social á implantación da macrocelulosa. ADEGA agradece a solidariedade da cidadanía e a confianza depositada na súa equipa técnica e xurídica para librar nos tribunais esta loita pola defensa da terra.

"Xustiza para o Ulla" é unha iniciativa con vocación de continuidade, mentres proxectos contaminantes como a celulosa de Altri ou a mina de Touro-O Pino sigan contando con apoio institucional. Así pois, a medida que se vaian dando novas resolucións administrativas que xustifiquen presentar máis recursos legais, contra calquera destes dous proxectos, "Xustiza para o Ulla" abrirá novos retos de recadación. Ademais, a campaña mantén activa a súa liña de recadación xeral ou fondo común, cuxas doazóns servirán tamén para financiar a contenda xudicial contra Altri e a mina de Touro-O Pino.

Trátase esta dunha campaña que convive con outras como a impulsada pola Plataforma Ulloa Viva, que tamén recorreu ao micromecenado para abordar os custos derivados da defensa xurídica fronte a Altri. A fin é compartida: que esta bomba ambiental non se faga realidade.

This article is from: