3 minute read

ADEGA celebra 50 anos de ecoloxismo con música, feira e memoria colectiva en Lugo

Redacción Cerna

Lugo acolleu o 7 de xuño de 2025 o festival “ADEGA, 50 anos coidando a terra”, unha xornada aberta e festiva para conmemorar medio século de loitas ecoloxistas.

ADEGA, 50 anos coidando a terra. As fábricas de celulosa, a contaminación nos ríos e no mar, a central termonuclear de Xove, os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, os incendios do monte galego… Nestes 50 anos de vida, ADEGA andou un longo camiño de loita ecoloxista que merecía ser celebrado e reivindicado, por todas aquelas persoas que neste tempo se puxeron ao servizo da defensa do medio ambiente galego.

O festival que a asociación celebrou en Lugo o pasado 7 de xuño de 2025 reuniu, a un tempo, espazos para a reflexión ecoloxista, música, feira, actividades para toda a familia... Unha xornada festiva e reivindicativa que decorreu entre o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e o parque do río Miño, onde ADEGA estivo acompañada dun feixe de colectivos e asociacións con quen comparte loitas por un futuro máis xusto e sostible.

A xornada arrancou a media mañá, coa apertura dunha exposición de cociñas solares e dunha ampla feira de produtos do agro, artesanía e asociacións, con máis de 30 postos que debuxaron unha boa mostra do tecido artesá e activista do país. Durante todo o día, houbo tempo para o lecer, a reflexión e a música. A sala Río Miño acolleu a estrea do documental A terra por gañar, unha peza que percorre a historia de ADEGA desde a súa fundación en 1974, así como dúas mesas redondas. A primeira, con protagonistas históricos da asociación, trouxo á memoria as loitas do pasado. A segunda abordou os desafíos actuais do ecoloxismo galego, como o espolio eólico ou a loita contra a macrocelulosa de Altri.

Ao tempo, o parque do río Miño foi o espazo para os xogos tradicionais e a música a cargo de Caivanca. As crianzas dérono todo ao ritmo de Uxía Lambona e a Banda Molona e do Proxecto Troupelear, de Branca Villares e Pablo Pintor. Catro nun zoco, Filophóbicas e, como punto final da xornada, Loita Amada, completaron a banda sonora deste festival, que contou coa colaboración das áreas de Medio Rural, do Mar e Mocidade, e de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, así como da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Un día para lembrar que o ecoloxismo galego segue vivo, e que ADEGA, con medio século de historia, continúa tecendo rede na defensa da terra. Grazas a todas as persoas que contribuíron a facer desta unha gran celebración.

This article is from: