CONTO SAINZA

Page 1


EDITADO POR:

BIBLIOTECA ESCOLAR CEIP PORTO CABEIRO

AUTOR:

ALUMNADO CEIP PORTO CABEIRO

COLABORACIÓNS:

EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA EQUIPO TICS

VILAR, REDONDELA ABRIL, 2.011


A TARTARUGA SAÍNZA MASCOTA DA BIBLIOTECA Saínza é unha tartaruga de case douscentos anos, de cuncha verde piñeiro con tres libros adosados. E nunha vida tan longa non se aburriu para nada: “Habendo libros no mundo a festa está asegurada”. Por iso non sae nunca sen a cuncha ben cargada de novelas, tamén contos, dicionarios e mais atlas... De libros que son tesouros que despois de ler regala. Hai tanto e tanto que ler! A lectura é pura maxia!

1


Había unha vez unha tartaruga que vivía na fraga dun fermoso lugar do interior de Galicia. Nacera no burato dunha pena, chamada a “Peneda da Saínza”, decorada con petroglifos e que sinalaba a posta do sol coma se se tratase dun reloxo primitivo. A pedra estaba situada a carón do chamado tamén “Carballo da Saínza”. Por iso os seus pais lle puxeron ese nome: Saínza, que significa “zona alta”. A tartaruga aprendeu a ler e a descifrar xa desde ben nova os petroglifos da súa rocha e por eles descubriu a existencia doutros moitos espallados por Galicia. O que máis lle chamou a atención foi un do Monte do Castro, na parroquia de Cabeiro, en Redondela, chamado o “Peite da Moura”, e decidiu viaxar para coñecelo. Pero, como viaxar desde a súa terra ata Redondela, co lenta que é unha tartaruga? Levaríalle máis anos dos douscentos que xa tiña! Saínza cavilou e decidiu que a mellor maneira de chegar era voando. E axiña pensou na súa boa amiga a aguia, con forza abondo para levala e que nunca lle negaría un favor.

2


E así foi, falou coa súa amiga e unha mañá ben cedo emprenderon a viaxe. Voaron por enriba do río Miño, pasaron o aeroporto de Peinador, esquivando os avións que despegaban e aterraban, e de repente Saínza fixou os seus ollos nun edificio de teito vermello e patio acristalado con columnas que destacaba por enriba do val. -Este é o meu lugar. Déixame aquí!, pediulle á súa amiga. A aguia, que tiña moi boa vista, leu o rótulo: -Quedas no Colexio de Porto Cabeiro, sabes? E así foi. Nun curruncho verde do patio, a aguia deixou á tartaruga e despedíronse cunha aperta. Saínza, que tiña un olfacto especial para os libros, captou o seu cheiro dentro do edificio e encamiñouse lentamente cara alí. Subiu as escaleiras e chegou á Biblioteca no recreo, xusto cando nenos e nenas collían libros nos andeis ou os lían cada un no seu sitio. - Que lugar máis fermoso!- pensou a tartaruga- Aquí quero quedar e facerme amiga destes cativos tan lectores! E naquel mesmo momento tomou a decisión de tentar ser a “Mascota da Biblioteca” e de compartir todas as súas aventuras cos nenos e nenas daquel Colexio. Alí coñeceu axiña outros amigos que, coma ela, tamén querían ser as “mascotas” da Biblioteca: O can Berto, o cempés Bubu, a serpe Liris, o merliño Xiricas, o pavo Cabanillas e outros.

3


Cada solpor, despois de pechada a escola, agardaba por eles, agochada nun vello cesto abandonado ao pé da Fonte da Lata, mentres lía un dos libros que sempre levaba ao lombo. Aquela tarde viunos achegarse avanzando con precipitación e falando atropeladamente. - Que está a pasar?- preguntou Saínza -. Parece que fuxides do lume! - Do lume non!- respondeu o pavo Cabanillas- pero algo que semella ser igual de perigoso está ocorrendo: a andoriña Lisandra contoume que na praia de Cesantes están a aparecer centos de peixes mortos. E, por se isto fose pouco, ás pitas, aos parrulos e mais ás pombas que viven na mesma casa ca min, están a caerlle as plumas e a abrandárselle os peteiros, e pasan o día laiándose con rechouchío arrepiante. - Que me dis? Iso é terrible!- dixo Saínza con xesto preocupado subindo as súas lentes douradas - Imos de contado a ver que pasa. Xa estamos todos? - Todos non, falta o cempés- aclarou Liris enchoupándose na auga. - Estará a se calzar!- retrucou Berto, un can de palleiro amarelo e retranqueiro, que nin nos peores momentos deixaba de bromear. - Por favor, Xiricas- continuou Saínza dirixíndose ao merliño, a quen lle faltaba un anaco da á dereita por mor do perdigón dun cazador- voa a buscar a Bubu á Festa da Mazá de Negros e vémonos en media hora onda os muíños, preto do río Maceiras.

4


Voou o merliño, buscou dende as alturas a Bubu e cando o atopou foi onda el e díxolle: - Imos xunto dos nosos amigos que nos están esperando para investigar que está a pasar na Praia de Cesantes. Quedamos nos muíños do Colexo, preto do río Maceiras e para chegar antes podes ir pola Senda da Auga ata Vilar. Bubu foi correndo ata a Senda da Auga, e tanto corría e corría que... bumba!! mancou unha pata cunha pedra que había no camiño.

VEÑO DA FESTA DA MAZÁ

-Non son capaz de camiñar!!- pensou todo apesarado o cempés- terei que esperar aquí deitado a que veña alguén que me poida axudar. Logo dun tempo, pasou por alí un home montado en bicicleta e sentiu como o cempés se laiaba da dor. Parou, envolveuno cun pano e púxoo dentro do cestiño que levaba diante, sobre a roda e lle preguntou que acontecera. - Pois é que ía tan apurado que tropecei cunha pedra que me mancou unha pata e teño a tartaruga Saínza e outros amigos esperando por min. -Non te preocupes, eu lévote xunto deles- díxolle o home. Ían tan rápido que, preto dun regato, a bicicleta deu un salto tan grande que o cempés caeu ao chan. Entón Bubu pensou que non chegarían xamais, pero o home levantou a bicicleta, colleuno e seguiron o seu camiño ata os muíños. 5


Desde alí os seus amigos vírono chegar desde lonxe e despedirse daquel home tan amable que o trouxera. - Que che pasou?- preguntou intrigado o can Berto. - É unha historia moi longa, outro día vola contarei. De súpeto, oíronse uns ruídos moi fortes que viñan desde o ceo. -Iso son tronos?- preguntou tremendo a tartaruga Saínza. Os compañeiros respondéronlle rotundos que si. Saínza escapou e meteuse dentro do muíño. Ninguén sabía que a tartaruga lle tiña un medo tremendo ás tormentas, así que todos quedaron abraiados.

QUE MEDO!

- Saínza!, Saínza! Xa podes saír, non hai máis tronos. A tartaruga saíu a modiño, mirando cara ao ceo para asegurarse. - Síntoo pero asústame o trebón- dixo Saínza moi avergonzada. - Non te preocupes, todos lle temos medo a algo- respondeu a serpe Liris. - Centrémonos no que nos trouxo ata aquí- falou o pavo Cabanillas. Alguén ten idea sobre o que pode estar a pasar na praia de Cesantes? 6


Os amigos miráronse; non tiñan nin idea do que estaba a acontecer, pero querían facer algo para axudar aos animais que estaban sufrindo. - Se nolo propoñemos, entre todos conseguiremos saber que é o que está a pasar- dixo Saínza desexosa de iniciar as pescudas. Todos xuntos comezaron a camiñar. Pasaron a Igrexa de Vilar e chegaron a un lugar onde se atopaba unha enorme pedra. - Que é isto?- preguntou o can Berto. - É o Miliario de Vilar, non sabiades del?- respondeulle a tartaruga, que como le moitos libros xa o coñecía. De súpeto... cae do alto do Miliario unha pluma. Ao mirar cara arriba viron unha pequena pomba á que só lle quedaban catro plumas en cada á. -Axudádenos amigos, por favor! Estannos a caer as plumas e abrandándonos os peteiros. Non sabemos que facer...- dicía a pequena pomba mentres lle caían dúas plumas máis-. Seguro que todo é culpa deses humanos que andan a escavar no monte que está preto da praia de Cesantes, para logo enterraren cousas que non deben ser nada boas.

- Vaia, vaia! A cousa non pinta nada ben... Organicémonos e comecemos a investigar- propón Saínza. 7


Os amiguiños, que decidiron buscar alguén que lles axudara, continuaron o seu camiño ata chegar a Cabeiro, onde atoparon un cruceiro. - Que faremos agora?- preguntou o can Berto. - Imos pola dereita ou pola esquerda?-engadiu Bubu. Decidiron ir pola esquerda e mentres camiñaban atopaban moitas plumas tiradas e tamén aves moi tristes, ás que trataban de consolar. - Unha pedra xigante!- berrou o pavo Cabanillas. - Non é unha pedra calquera, é a Mámoa do Rei- contestou Saínza. De súpeto, no alto da Mámoa apareceu Zoca, un calcetín moi sabio. - Ola Zoca! Que ledicia volverte ver- dixo a tartaruga moi contenta. - Ola! Que andades a buscar?- respondeu moi abraiado.

OLA!

OLA!

Saínza contoulle o problema das aves e Zoca díxolles que preto da praia de Cesantes enormes camións vertían obxectos tales como pilas, plásticos e residuos que contaminaban e causaban a enfermidade nas pobres aves. - Temos que parar esta desfeita!- contestou Saínza moi preocupada. 8


Como estaba a escurecer decidiron pasar a noite preto das mámoas do Monte do Castro. Todo parecía embruxado: o ruído do vento, as árbores axitándose, a escuridade e, como non, a desconfianza e o temor dos nosos amigos. Reunidos a carón dunha fogueira quixeron protexerse e espantar aos malos espíritos coa calor do lume. - Temos que ter calma e intentar durmir, mañá espéranos un día de moito traballo- dixo Saínza, procurando tranquilizar aos seus compañeiros. - Ánimo amigos! Aquí estamos todos protexidos polos devanceiros do home. Eles non van permitir que nos pase nada- falou o can Berto. - Ben, escoitade todos! Vouvos contar a lenda da muller-serpe da Cova da Moura- dixo Saínza. “Un día, un mozo coñeceu a unha moura moi fermosa e sentiuse atraído por ela, pero estaba encantada e ao chegar a noite transformábase nunha serpe terrible que percorría o monte atemorizando a todos os que se atopaban con ela. A moura explicoulle que o único xeito de desfacer o engado era que un valente lle arrincase o caravel que levaba na boca cando estaba convertida en serpe. O mozo intentouno, pero cando a viu quedou tan horrorizado e sentiu tanto medo que non foi quen de facer o que lle pedira. Conta a lenda que o mozo, desesperado, tirouse por un precipicio e apareceu esnafrado nas rochas e que, aínda agora, algunhas noites, se ve á muller- serpe deambulando polos bosques de Negros”. - Que lenda máis bonita, pero que triste!- susurrou o cempés Bubu. Ao que Cabanillas retrucou cun “E agora todos a durmir!”

9


Pola mañá cedo Saínza espertou sobresaltada co ruído dun golpe. Diante súa había un tren que caera ao chan logo de tropezar cunha árbore que se atopaba xunto ás mámoas... Era un dos moitos bidueiros típicos da zona. - Ola! Son o “Tren Lector” e ando a procura dun lugar encantado cheo de libros. Din que se chama “Biblioteca”. Podédesme axudar a atopalo? - Bos días! Vaia susto nos deches- sinalou Bubu- pois nós coñecemos un lugar coma ese en Vilar, no Colexio de Porto Cabeiro. - É onde vivo eu!- exclamou orgullosa Saínza. - Entón... Que facedes aquí?- preguntou estrañado o noso amigo o tren. - Pois estamos camiño da praia de Cesantes para poder axudar ás aves e peixes que están a morrer por culpa da contaminación que producen os humanos nese espazo natural tan fermoso- falou Berto apesarado. - Que historia tan triste!- dixo o “Tren Lector”. Se queredes pódovos levar eu. -Si, é unha boa idea! Saínza é algo lenta e... Subamos ao vagón- dixo Berto.

Polo camiño miraron a “Perla”, unha burra de oito anos, moi dócil e de gran memoria que vivía cerca do Colexio e que traballaba arando a terra, mantendo o monte limpo e transportando herba e palla. 10


A viaxe resultou moi amena, xa que Saínza lles contou que entre Negros e San Vicente de Trasmañó había un “lugar máxico”, un bosque de mámoas, cunha cruz escavada nunha pedra. Cando algunha persoa sentía que ía morrer andaba ata a pedra e alí esperaba a chegada da “Santa Compaña”, unha procesión de seres doutro mundo que o guiarían ata o máis alá. - Mi madriña, como é que sabes todo iso Saínza?- preguntou Zoca tremendo. - Escoiteillo a un investigador do Patrimonio que deu unha conferencia no Colexio. Sonche cousas dos humanos, non te asustes- tranquilizouno Saínza. Sen darse de conta chegaron ata a praia de Cesantes. O panorama era desolador: aboiando nas augas había centos de peixes mortos e as aves, todas tristeiras, sen as súas plumas, non tiñan ganas nin de voar. Na beira asomaba un pequeno polbo, Manoliño, que viñera a nado dende as Illas Cíes, onde vivía, para investigar o sucedido. Mentres un camión se achegaba perigosamente para verter alí a súa carga velenosa. - Estamos a piques de morrer! Axudádenos- pediulles o polbo aos animaliños case sen folgos para falar. E, sen pensalo dúas veces, todos se puxeron mans á obra. A serpe Liris arrastrouse entre os cables do camión coa idea de estragar o sistema de descarga e todos os demais fixeron unha barreira diante do vehículo e conseguiron que non pasase. Ao mesmo tempo, Saínza, subida no Tren Lector, foi denunciar a desfeita na Policía de Medio Ambiente de Redondela.

11


Cando Saínza e o Tren Lector chegaron á comisaría non atoparon a ninguén, tan so un letreiro na porta que informaba de que houbera un accidente. Para eles foi unha desagradable sorpresa: a policía consideraba máis importante atender un accidente que botarlles unha man. Sentáronse na beirarrúa a pensar que poderían facer. E pensa que pensa, deron coa solución: podían achegarse ao colexio de Porto Cabeiro para ver se os nenos estaban dispostos a botarlles unha man. E aínda que o Tren xa ía canso de tanto rodar, sabía ben que sen el non poderían salvar a praia nin os animais dos arredores. Por fin chegaron e, aínda que con poucas forzas, subiron as escaleiras que levan á Biblioteca. Alí estaban os rapaces lendo e en canto souberon o ocorrido, avisaron axiña a todos os compañeiros e profesores do centro. Xuntos correron outeiro abaixo cara á praia, onde chegaron esgotados. Cando os condutores viron que os observaba tanta xente tentando facer algo malo, sentiron moita vergoña. Baixaron dos camións coas fazulas encarnadas en medio dun mar de aplausos e dunha praia contaminada. Puxéronse todos a limpar aquela desfeita, e cando remataron organizaron unha boa festa. Alí comeron, beberon, bailaron e gozaron ata caer de cu grazas a marabillosa Banda de Música de Cabeiro. Os animais enfermos curáronse nun zoo próximo. Na praia de Cesantes, todo volveu á normalidade. E os protagonistas desta historia viviron felices, comeron perdices e leron moitos contos.

12


No curso 2.010/11 o CEIP Porto Cabeiro incorporouse ao PLAMBE (Plan de

Mellora das Bibliotecas Escolares). No proxecto aprobado

que permitiu

esta integración recolliamos, entre outros, -e en colaboración co Equipo de

Dinamización da Lingua Galega- o obxectivo de facer un conto propio entre todas as aulas do Centro empregando a escritura como instrumento para realizar creacións propias, un “libro colectivo” que traballe a imaxinación en grupo editado en formato de papel e dixital.

Un conto ambientado nas tres parroquias das que procede o noso alumnado:

Cabeiro, Santo Estevo de Negros e Vilar, e que recolle a súa toponimia, flora,

fauna, patrimonio histórico e cultural... abordando a amizade, a

solidariedade,

o

respecto

ao

medio

ambiente,

etc.

En

definitiva,

compartindo “fantasía” e argumentando as nosas inquedanzas.

E como protagonista desta historia escollemos á Mascota Oficial da Biblioteca: “A Tartaruga Saínza”, elixida logo da convocatoria dun Concurso que enlazou co Proxecto “Imaxina, debuxa e constrúe”, que tradicionalmente se ven desenvolvendo no noso Colexio e que consiste en construír figuras en tres dimensións a partir de materiais de reciclaxe.

Así, Saínza foi elaborada con estes materiais: Un bol cheo de escaiola facendo de cuncha con cartón ondulado, papel, fieltro e musgo artificial para recubrila; escuma para o recheo de cabeza e patas; cable para a suxeición e para os anteollos; carpetas de cartón vellas pintadas, adhesivos e pasta de cociñar para facer e adornar os libros adosados á cuncha.

Agardamos que o conto sexa do voso agrado.


EDITADO POR: BIBLIOTECA ESCOLAR CEIP PORTO CABEIRO

AUTOR: ALUMNADO CEIP PORTO CABEIRO COLABORACIÓNS:

EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA EQUIPO TICS

VILAR, REDONDELA ABRIL, 2.011


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.