Andaina 45

Page 40

QUIÑONERO, Llum: Nosotras que perdimos la paz, Madrid, Foca, 2005 As mulleres deste libro non son só irmás, noivas, esposas e nais, son guerrilleiras, rebeldes loitadoras e inconformistas, son as protagonistas de duros relatos de calada resistencia, de inxustiza e dor que provocan na lectora a ira e tristeza a un tempo. Trinidad Gallego é unha nonaxenaria comunista que soportou o cárcere, o acoso, as torturas e violacións insistindo na idea de que loitar polo que unha cre paga a pena. Concha Pérez exerceu como convencida anarquista, miliciana e obreira cenetista. Xunto a elas están Rosa Cremón, brigadista internacional que abandonou a súa Francia natal para defender en España as ideas republicanas e Conchita Liaño membro de Mujeres Libres, agrupación feminista de ideoloxía anarquista que propuxo por primeira vez en España o que se vén chamando feminismo proletario. Acompaña este fermoso traballo un interesante DVD, no que se inclúe o documental Mujeres del 36. Realizado seguindo un guión de Ana Martínez e a propia Llum Quiñonero, para o programa de TVE «La noche temática». A filmación recolle os testemuños destas mulleres de diferentes ideoloxías que desde distintos lugares, cargos e sensibilidades participaron activamente na instauración da República e na posterior guerra civil.

NÚÑEZ, Mercedes: Cárcere de ventas, Vigo, A Nosa Terra, 2005 Á socialista Mercedes Núñez detivérona en 1939 na rúa Real da Coruña. O 7 de marzo de 1940 ingresou no cárcere de Ventas, un centro pensado para acoller a 500 presas que nese momento habitaban algo máis de seis mil reclusas. Durante dous longos anos a principal protagonista desta breve e intensa historia soportou as duras condicións de vida neste penal. As sacas nocturnas, as malleiras e vexacións, o ruído dos tiros de graza dados aos fusilados, a fame e a sucidade conviven neste relato coa fortaleza e enteireza dunhas mulleres que non están dispostas a se render.

40

O libro escrito no exilio e publicado por primeira vez en París en 1967, está dedicado aos «fillos dos vencedores e dos vencidos», a autora quere que coñezamos o que sucedeu e que non morran no esquecemento as vivencias e sufrimentos de tantas mulleres que loitaron con desigual fortuna pola liberdade. A edición en galego publicada o ano pasado por A Nosa Terra ábrese cun certeiro prólogo de Carme Vidal.

RODRIGO, Antonina: Mujer y exilio 1939, Barcelona, Flor del Viento, 2003 Este libro forma parte dunha triloxía coa que se pretende facer xustiza a tres colectivos femininos marcados pola guerra civil. Nomeados en xenérico, a autora fala de: as silenciadas, as exiliadas e as esquecidas. Concorren nestas páxinas das exiliadas un total de 22 semblanzas doutras tantas mulleres que por ideoloxía ou por parentesco se viron forzadas a abandonar España tras a derrota de 1939. Os avións franquistas bombardean as estradas e disparan en vos rasantes a aterrados nenos, anciáns e mulleres que tentan fuxir do horror. Entre eles, Ana Ruíz Hernández logra cruzar a fronteira francesa acompañada dos seus fillos Manuel e Antonio Machado. Peor sorte tivo outra nai, Vicenta Lorca Romero, quen partiu para o exilio deixando ao seu fillo Federico García Lorca brutalmente asasinado nun campo de Granada. A bibliógrafa Antonina Rodrigo traza nestas páxinas interesantes bocexos da traxectoria ideolóxica e vital de diferentes mulleres. Entre elas María del Carmen García, actriz e compañeira de Lorca en La Barraca, a filósofa María Zambrano, Rosario dinamitera, a escritora María Enciso ou a loitadora Lola Iturbe.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.